DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2024 Páx. 22163

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 26 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215D).

BDNS (Identif.): 752215.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ás cales se refire o artigo 1 desta orde:

Persoas físicas que interveñan no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

2. As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións para estadías en residencias literarias que se realicen fóra de Galicia, dirixidas a profesionais da creación literaria galega para fomentar a difusión da cultura galega e o impulso de relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia (código de procedemento CT215D).

As estadías terán como finalidade que as persoas creadoras realicen a tradución das súas obras, que a súa estadía sexa necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra obxecto da residencia ou que precisen dun espazo e ambiente de traballo que lles permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.

2. Para os efectos desta orde, considéranse persoas creadoras as definidas polo artigo 5.1 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia: as que interveñen no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro.

3. Para os efectos desta orde, considéranse gastos:

3.1. Gastos de viaxe: inclúe os gastos asociados ao desprazamento (ida e volta) da persoa participante ao lugar de realización da residencia.

3.2. Gastos de transportes internos: inclúe os gastos xerados polo uso de medios de transporte para desprazamentos na localidade ou localidades de realización da residencia apoiada, incluíndo gastos xerados polos traslados desde e cara ao aeroporto ou estación de chegada ou partida; gastos para o desprazamento entre localidades se a participación da persoa creadora ten lugar en distintas localizacións, gastos xerados polo traslado cara a ou desde a localidade de realización da residencia cando o traxecto cuberto polo billete principal, incluído dentro dos gastos de viaxe, non cubra a totalidade do percorrido.

3.3. Gastos de aloxamento e manutención: correspóndense cos gastos xerados durante a estadía da persoa participante no lugar de realización da residencia.

3.4. Gastos de subscrición dunha póliza de seguro de viaxe: correspóndense cos gastos de contratación dunha póliza de seguro que cubra os gastos das eventualidades que poidan xurdir durante a viaxe das persoas creadoras subvencionadas.

3.5. Gastos de subscrición dunha póliza de seguro médico: correspóndense cos gastos de contratación dunha póliza de seguro de viaxe que cubra os gastos das eventualidades de saúde que poidan xurdir durante a estadía das persoas residentes.

4. Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

5. De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a persoa beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, de morosidade nas operacións comerciais.

6. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215D).

Cuarto. Importe

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 por un importe máximo de 20.000 €.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de xullo de 2024.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.8.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades