DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2024 Páx. 22625

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 40/2024, do 21 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello da Illa de Arousa, do treito do trazado actual da estrada EP-9803 e dos treitos antigos das estradas EP-9801 e EP-9802.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión extraordinaria do día 15 de setembro de 2023, aprobou o cambio de titularidade, a prol do Concello da Illa de Arousa, dos seguintes treitos:

• EP-9801. Ponte-As Laxes, treito antigo de 74 m de lonxitude no p.q 0+000.

• EP-9802. Estrada das Aceñas, treito antigo de 84 m de lonxitude no p.q 0+000.

• EP-9803 Embarcadoiro-Centro, do p.q. 0+430 ao p.q. 1+167.

O convenio asinado entre concello e deputación para levar a cabo a execución do proxecto de urbanización de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na avenida de Castelao, EP-9803, ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia ao concello.

O treito da EP-9803 e os treitos antigos das EP-9801 e EP-9802 cumpren co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos de estradas que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de marzo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello da Illa de Arousa, dos seguintes treitos, do trazado actual e antigo das estradas EP-9803, EP-9801 e EP-9802:

Estrada

Denominación

p.q.i

p.q.f

Lonx. (m)

EP-9803

EP-9803 Embarcadoiro-Centro

0+430

1+167

0,737

Denominación

p.q.

Lonx. (km)

Treito antigo da EP-9801 Ponte-As Laxes

0+000 ME da EP-9801

0,074

Treito antigo da EP-9802 Estrada das Aceñas

0+035 MD da EP-9802

0,084

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello da Illa de Arousa, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle puidese corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de marzo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes