DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2024 Páx. 22674

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 1 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI437A).

BDNS (Identif.): 752511.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024, ambos os dous incluídos.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 os gastos e actuacións realizadas no período comprendido entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024, ambos os dous incluídos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 1 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI437A).

Cuarto. Importe

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é:

a) Na liña 1: 4.000 euros.

b) Na liña 2: 6.000 euros.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de trescentos dezaoito mil euros (318.00€) con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, de acordo coa seguinte distribución:

a) Liña 1: financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma por un importe total de 168.000 euros, para a consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.

b) Liña 2: financiada con fondos finalistas do Estado a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero por un importe total de 150.000 euros, para a promoción de accións singularizadas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade