DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Domingo, 14 de abril de 2024 Páx. 23544

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Elixido e investido polo Parlamento de Galicia dos poderes propios do presidente da Xunta de Galicia, segundo o Estatuto de autonomía, conforme o disposto nos artigos 15 e 18 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, en virtude das atribucións que me confire o artigo 26.1 do mesmo texto legal para crear, modificar ou suprimir mediante decreto as vicepresidencias e as consellerías da Xunta de Galicia, e tendo en conta os criterios de eficacia e eficiencia que deben inspirar a actuación e a organización administrativa,

DISPOÑO:

Artigo 1

A Xunta de Galicia estará integrada polas consellerías que a continuación se relacionan:

– Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

– Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

– Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

– Consellería de Política Social e Igualdade.

– Consellería de Economía e Industria.

– Consellería de Facenda e Administración Pública.

– Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

– Consellería de Sanidade.

– Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

– Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

– Consellería do Medio Rural.

– Consellería do Mar.

Artigo 2

A orde de prelación das consellerías manterase segundo o establecido no artigo anterior.

Disposición transitoria

Mentres non se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto, os órganos superiores e de dirección existentes manterán a súa estrutura e funcións.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira

O Consello da Xunta de Galicia determinará a estrutura orgánica das consellerías previstas neste decreto.

Disposición derradeira segunda

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións e habilitacións orzamentarias precisas para o cumprimento do previsto neste decreto.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de abril de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente