DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Luns, 15 de abril de 2024 Páx. 23565

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 5 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, se convocan para o ano 2024 e se abre o prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).

A Consellería de Economía, Industria e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (transitoriamente en vigor de conformidade co establecido na disposición transitoria do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia), establece que lle corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

O comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación continuo para adaptarse á realidade actual e aos novos hábitos de compra das persoas consumidoras.

Por outra parte, na actualidade a inflación está a producir graves consecuencias económicas, tales como o incremento xeneralizado dos prezos e o conseguinte descenso do consumo. Esta situación está a influír dun xeito indubidable na actividade económica e no comportamento dos/das consumidores/as, afectando de forma moi significativa a actividade comercial e, en xeral, á economía das persoas consumidoras.

Por isto, a Consellería de Economía, Industria e Innovación convoca, por cuarto ano consecutivo, o programa bonos Activa comercio, dada a repercusión positiva que tiveron as anteriores edicións do programa na reactivación das vendas no comercio de proximidade galego, que numerosas persoas puideron beneficiarse destas axudas.

A finalidade desta edición do programa bonos Activa comercio é continuar estimulando a demanda das persoas consumidoras e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio retallista, promovendo as compras de bens en comercios e paliando o impacto negativo derivado da crise económica, obxectivos estes que, no contexto da actual situación inflacionista, tamén terán un impacto positivo na economía das persoas consumidoras, ao poderen beneficiarse de descontos nas compras que realicen no seu comercio de proximidade.

Os bonos Activa comercio poderán utilizalos as persoas físicas maiores de idade nos establecementos comerciais retallistas radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que se adhiran ao programa, pois as persoas consumidoras son parte activa e fundamental para levar a cabo esta campaña de dinamización e reactivación económica do seu comercio de proximidade.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.

Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria das ditas axudas para o ano 2024 e á apertura do prazo de adhesión dos comercios interesados (código de procedemento CO301B).

Artigo 2. Obxectivos

O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial, axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.

Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia, dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios, mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e paliar o impacto negativo derivado da actual situación inflacionista.

Artigo 3. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 2.500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa bonos Activa comercio, co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Entidade colaboradora

A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 16 de febreiro de 2024 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A).

Artigo 5. Actividade subvencionable

Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.

As vendas subvencionadas serán as que se realicen nas datas fixadas no artigo 17 destas bases reguladoras.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos. Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada, de acordo cos seguintes criterios:

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.

– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.

– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

Artigo 6. Natureza das axudas

As axudas que se concedan no marco do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio terán a consideración de subvencións a fondo perdido non reintegrables.

Artigo 7. Procedemento de concesión

O procedemento para a concesión das axudas reguladas nesta orde é de outorgamento de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde das solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto no artigo 3 destas bases reguladoras.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións que fomenten o consumo nos comercios retallistas, cumprindo os requisitos especificados nesta orde.

Artigo 8. Órgano responsable da xestión das axudas

O órgano responsable da xestión das subvencións será a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a quen lle corresponderá desenvolver as actuacións de supervisión e control da correcta execución do programa.

A xestión dos fondos públicos asignados ao programa bonos Activa comercio levarase a cabo de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 9. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras. Para ser beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.

As axudas entenderanse concedidas co troco dos bonos polas persoas usuarias.

Artigo 10. Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa

1. Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:

• Nome e apelidos ou razón social.

• Establecemento comercial en Galicia.

• NIF.

• Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.

• Nome comercial.

• Enderezo do establecemento comercial.

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

• IAE principal (incluído no anexo I).

• IBAN da conta bancaria.

• Páxina web do establecemento comercial.

2. O prazo para adherirse ao programa será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o esgotamento do crédito dispoñible ou, en todo caso, ata o 1 de setembro de 2024, sen prexuízo da súa posible ampliación, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.

b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas, de conformidade co previsto no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.

4. A alta e o uso da aplicación polas persoas comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.

5. Na alta para a adhesión ao programa, as persoas comerciantes poderán outorgar a súa autorización para recibir información das axudas, actuacións e programas que poña en marcha a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

6. As persoas comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar ou, de ser o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

7. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.

8. O nome comercial e a localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase pública na web www.bonosactivacomercio.gal

9. As persoas comerciantes adheridas ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 11. Comprobación de datos das persoas comerciantes

Poderán consultarse automaticamente os datos das persoas comerciantes incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

No caso de que a persoa interesada se opoña á súa consulta, deberá achegar os correspondentes documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Presentación da solicitude dos bonos

1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:

a) Nome e apelidos.

b) Maioría de idade.

c) DNI ou NIE.

d) Localidade de residencia (código postal).

e) Número de teléfono móbil.

f) Correo electrónico.

2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.

3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

5. Opcionalmente, os bonos poderanse solicitar presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

As persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes, poderán autorizar expresamente os/as empregados/as para a solicitude e a obtención dos bonos en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.

Artigo 13. Sistema de funcionamento dos bonos

1. A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

2. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a APP bonos Activa comercio.

3. No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na APP o importe e o concepto da venda, e aparecerá automaticamente o importe que ten que cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.

4. Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

Artigo 14. Obrigas dos comercios retallistas adheridos ao programa

Os establecementos comerciais adheridos ao programa bonos Activa comercio adquirirán, a través da solicitude de adherencia ao programa, as seguintes obrigas:

a) Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa bonos Activa comercio.

b) Facer o desconto directo dos bonos nos tíckets ou facturas de compra emitidos, de xeito que as persoas usuarias non cheguen a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado. Para estes efectos, o tícket ou factura de compra deberá reflectir, en todo caso, o importe da compra, o importe do desconto do bono e o importe final que se pagará.

c) Especificar por escrito na zona de caixa, de forma visible, a política de devolución establecida no punto 5 do artigo 16 destas bases reguladoras.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.

e) Conservar durante un ano todos os tíckets ou facturas de compra xustificativas da aplicación dos bonos, en canto poidan ser obxecto de comprobación e control por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

f) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitárllelas a outras persoas ou establecementos.

Artigo 15. Órganos competentes para a instrución e resolución

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.

Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución correspondente, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 16. Condicións de uso dos bonos

1. Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono, que poderá ser usado nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.

2. Cada bono terá un valor de ata 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.

– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.

– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

3. A validez dos bonos estenderase ata a finalización do período previsto no artigo 17 destas bases reguladoras, salvo o esgotamento previo do seu saldo, ou ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os/as comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.

5. En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O/a comerciante non poderá aboar á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.

6. Non será aplicable o troco dos bonos para as compras en liña.

Artigo 17. Data de descarga dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 26 de abril ata o 15 de setembro de 2024, agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

Mediante orde da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderanse modificar as ditas datas se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellan, do que se dará a oportuna publicidade.

Artigo 18. Vixencia do programa

O programa bonos Activa comercio estará vixente ata o 31 de decembro de 2024.

Mediante orde da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderase modificar a devandita data se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellan, do que se dará a oportuna publicidade.

Artigo 19. Instrución e resolución de concesión

Co troco dos bonos na forma establecida no artigo 13 destas bases reguladoras, as axudas entenderanse concedidas.

A resolución de concesión das axudas publicarase na páxina web oficial da Consellería de Economía, Industria e Innovación, con indicación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Artigo 20. Xustificación e inspección

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar, durante o período de vixencia dos bonos e a posteriori e de forma aleatoria, cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa bonos Activa comercio.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá cancelar a adhesión destes ao programa subvencional. Neste caso comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora a fin de impedir o troco e paralizar o proceso de pagamento dos bonos ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.

Os comercios retallistas adheridos ao programa bonos Activa Comercio están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo e polos restantes órganos competentes, no exercicio das súas funcións de control do destino das axudas.

Artigo 21. Compatibilidade con outras axudas

As axudas obtidas ao abeiro desta orde serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente desta e doutras administracións públicas.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 22. Información básica en materia de protección de datos persoais

A recollida dos datos persoais está encomendada á entidade financeira adxudicataria; a Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Industria e Innovación terá a condición de responsable do tratamento, e os datos serán tratados coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión dos bonos Activa comercio.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga), e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (transitoriamente en vigor de conformidade co establecido na disposición transitoria do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia).

Para a entrega do material coa imaxe corporativa do programa bonos Activa comercio aos establecementos adheridos, a información relativa ao nome comercial e ao enderezo postal do comercio retallista, ao nome da persoa representante e ao teléfono móbil poderá ser comunicada a terceiros colaboradores.

Serán obxecto de publicación os nomes comerciais dos comercios retallistas adheridos ao programa na páxina web www.bonosactivacomercio.gal

As persoas interesadas poderán solicitar, ante o responsable, acceder, rectificar ou suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais. Así mesmo, poderán exercer os devanditos dereitos no correspondente enderezo da entidade financeira colaboradora: Servizo de Atención ao Cliente de Abanca, Rúa Nova, 1, entreplanta, 15003 A Coruña, ou a través do correo atencioncliente@abanca.com; e poderán consultar a información completa sobre o tratamento dos seus datos na política de privacidade da entidade publicada na web: https://www.abanca.com/es/legal/politica-privacidad/

As persoas interesadas poderán consultar máis información e contactar co delegado de protección de datos (DPD) na páxina https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artículo 24. Información

As persoas interesadas poderán obter información adicional a través da web www.bonosactivacomercio.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderán facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Grupos e epígrafes do IAE:

651.1. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confeccións para o fogar, alfombras e similares e artigos de tapizaría.

651.2. Comercio polo miúdo de toda clase de roupa para o vestido e toucado.

651.3. Comercio polo miúdo de lenzaría e corsetaría.

651.4. Comercio polo miúdo de artigos de mercería e paquetaría.

651.5. Comercio polo miúdo de pezas especiais.

651.6. Comercio polo miúdo de calzado, artigos de pel e imitación ou produtos substitutivos, cintos, carteiras, bolsos, maletas e artigos de viaxe en xeral.

651.7. Comercio polo miúdo de confeccións de peletaría.

652.2. Comercio polo miúdo de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3. Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e artigos para a hixiene e o aseo persoal.

652.4. Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herbolarios.

653.1. Comercio polo miúdo de mobles (agás os de oficina).

653.2. Comercio polo miúdo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica, así como de mobles de cociña.

653.3. Comercio polo miúdo de artigos de enxoval, ferraxaría, adorno, agasallo ou reclamo (incluíndo bixutaría e pequenos electrodomésticos).

653.6. Comercio polo miúdo de artigos de bricolaxe.

653.9. Comercio polo miúdo doutros artigos para o equipamento do fogar NCOP.

656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, pezas e aveños ordinarios de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.1. Comercio polo miúdo de selos, moedas, medallas conmemorativas, billetes para coleccionistas, obras de arte e antigüidades, minerais soltos ou en coleccións, fósiles, insectos, cunchas, plantas e animais disecados.

659.2. Comercio polo miúdo de mobles de oficina e de máquinas e equipamentos de oficina.

659.3. Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4. Comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio, e artigos de debuxo e belas artes.

659.5. Comercio polo miúdo de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutaría.

659.6. Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, pezas deportivas de vestido, calzado e toucado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

659.7. Comercio polo miúdo de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

659.8. Comercio polo miúdo denominado sex-shop.

659.9. Comercio polo miúdo doutros produtos non especificados nesta agrupación, excepto os que deban clasificarse na epígrafe 653.9.

972.1. Servizos de peiteado de señora e cabaleiro.

972.2. Salóns e institutos de beleza e gabinetes de estética.