DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Luns, 15 de abril de 2024 Páx. 23742

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) na unidade edificatoria 511224 (rúa do Franco, 56).

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o día 29 de xaneiro de 2024, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) na unidade edificatoria 511224 (rúa do Franco, 56), segundo o documento formulado polos servizos técnicos municipais de planeamento en decembro de 2023.

Segundo. En aplicación do procedemento regulado nos artigos 75.1.a) da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG) e 186.1.a) do seu regulamento de desenvolvemento (RLSG), a modificación inicialmente aprobada someterase a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

Así mesmo, notificarase persoalmente ás persoas titulares catastrais do inmoble afectado (referencia catastral 7276825NH3477E0001WX).

Durante o trámite de información pública solicitarase o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

A documentación sometida a información pública incluirá todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos o informe emitido polo órgano ambiental e o resumo executivo.

Suspensión de licenzas e actos suxeitos a comunicación previa.

O acordo de aprobación inicial determina automaticamente, por aplicación do que dispoñen os artigos 47.2 da LSG e 86 do RLSG, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e derruba que poidan devir incompatibles ou contrarias ás novas determinacións da modificación inicialmente aprobada. O ámbito da suspensión inclúe a totalidade da parcela catastral 7276825NH3477E0001WX.

A suspensión afecta tamén os actos suxeitos a comunicación previa que supoñan a implantación dun uso ou actividade distinta das de lecer-restauración, grupo I (artigo 112 do PXOM) no ámbito do local en que se atopa a pintura.

A suspensión terá unha duración máxima de dous anos, contados desde a aprobación inicial, polo que se extinguirá o día 29.1.2026, ou, de ser o caso, coa aprobación definitiva e entrada en vigor da modificación.

As persoas interesadas poderán consultar o expediente e alegar por escrito durante o prazo de dous (2) meses. Este prazo iniciarase o día seguinte ao da última publicación deste anuncio.

A documentación pode consultarse no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas; e na páxina web do Concello http://transparencia.santiagodecompostela.gal/Modificacion-puntual-do-Catalogo-do-PE-1-na-unidade-edifictatoria-511224.-Rua-do-Franco-56/gl

As alegacións poden presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe «Catálogo de trámites» a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberase introducir o dato 2023/50024A no campo «Referencia» e incorporar o documento das alegacións.

Tamén se poden presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica