DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 16 de abril de 2024 Páx. 23941

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2024, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na escala auxiliar de recursos naturais e forestais, subgrupo C2, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral de Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 27 de novembro de 2023 (DOG núm. 229, do 1 de decembro) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. Na sesión que tivo lugar o 7 de marzo de 2024, ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 20 de xaneiro de 2024, anular a pregunta número 34. En consecuencia, esta pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 83.

Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria, superarán o exercicio da fase de oposición as persoas aspirantes que obteñan unha puntuación mínima de trinta (30) puntos.

Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, polo Acordo deste tribunal, do 21 de decembro de 2023, polo que se establecen os criterios de corrección, valoración e superación do exercicio da fase de oposición, estableceuse que superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes, determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Subsidiariamente, de se dar o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

O exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos. Asignaráselles a valoración de trinta (30) puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada segundo os criterios anteriores. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os trinta (30) e os sesenta (60) puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Realizada a corrección na sesión que tivo lugar o 7 de marzo de 2024, acadaron o mínimo do 50 % das respostas correctas, en cada unha das partes, unha vez feitos os descontos correspondentes, cunha puntuación mínima de trinta (30) puntos, un total de 4 persoas aspirantes e fixouse en 53,25 o número de respostas correctas necesarias para obter a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base III.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 20 de xaneiro de 2024, correspondente ao exercicio da fase de oposición do proceso selectivo de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na escala auxiliar de recursos naturais e forestais, subgrupo C2, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral de Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro), no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De conformidade co disposto na base V.13 da Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024

Bran Casal Pereira
Presidente do tribunal