De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.
O 8 de xaneiro de 2014 publicouse a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Esta lei establece no seu artigo 54 que, anualmente, unha resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza determinará as épocas hábiles de caza e as medidas de control por danos, así como os réximes especiais por especies.
O Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, atribúe a esta vicepresidencia segunda e consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos e, no seu artigo 11, concreta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é o organismo que exercerá as competencias e funcións atribuídas en materia da ordenación, conservación, protección, fomento e o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos.
Con base no exposto, oído o Comité Galego de Caza na súa reunión ordinaria do 15 de marzo de 2024, no uso das funcións conferidas polo disposto no artigo 54 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,
DISPOÑO:
TÍTULO I
Normas de carácter xeral
Artigo 1. Obxecto
Esta resolución regula os períodos hábiles de caza, as especies sobre as cales se poderá exercer, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán o exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2024/25, que abarca o período comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.
Artigo 2. Período hábil para a caza
O período hábil xeral para exercer a caza na Comunidade Autónoma de Galicia será o comprendido entre os días 20 de outubro de 2024 e 6 de xaneiro de 2025, ambos inclusive, coas excepcións que para cada especie se sinalan no título V desta resolución. Os días da semana en que se permitirá o seu exercicio dependerán das modalidades de caza, maior ou menor, de que se trate e veñen detallados nos títulos II e III desta resolución, así como nas limitacións sinaladas no título V desta resolución.
Nas zonas de caza permanente reflectidas nos plans de ordenación cinexética do correspondente tecor, autorízase a caza de exemplares procedentes de soltas de paspallás (Coturnix coturnix), perdiz rubia (Alectoris rufa), coello (Oryctolagus cuniculus), faisán común (Phasianus colchicus), lavanco real (Anas plathyrhynchos) e pomba brava (Columba livia), coas limitacións temporais establecidas no punto 1 do artigo 45 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
Artigo 3. Venda, transporte e comercio das pezas de caza
1. Só poderán ser obxecto de venda, transporte ou comercio as especies silvestres cazables que se relacionan no anexo II desta resolución e unicamente durante o período hábil de caza para cada especie. O tráfico ou comercio de especies de protección temporal nas provincias onde a súa captura estea prohibida precisará dunha guía expedida polo organismo competente que xustifique a súa procedencia.
2. Os exemplares de especies cinexéticas, procedentes de explotacións industriais, así como os seus ovos cando se trate de aves, poderán comercializarse en calquera época do ano, logo da acreditación suficiente da súa orixe e do cumprimento dos requisitos fixados no artigo 2 do Real decreto 1118/1989, do 15 de setembro, e demais normativa de ámbito sanitario, en especial a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e o Real decreto 1082/2009, do 3 de xullo, polo que se establecen os requisitos de sanidade animal, para o movemento de animais de explotacións cinexéticas, de acuicultura continental e de núcleos zoolóxicos, así como animais da fauna silvestre. O transporte dos animais realizarase, en todo caso, consonte o establecido na normativa relativa á protección destes durante o seu transporte.
Artigo 4. Repoboación e solta de especies cinexéticas
As soltas de exemplares de especies cinexéticas regularanse segundo o establecido no artigo 53 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
A solicitude para realizar soltas de exemplares de especies cinexéticas efectuarase segundo o código de procedemento MT720M.
Artigo 5. Adestramento de cans e aves de cetraría
1. Nos terreos de réxime cinexético común, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen petición previa, desde o 1 de setembro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025 os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico.
En terreos de réxime cinexético especial, agás na superficie vedada dos tecores, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen solicitude previa, desde o 1 de setembro de 2024 ata o 19 de outubro de 2024 os xoves, os sábados, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico, e desde o 20 de outubro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025 os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico.
Nos terreos de réxime cinexético especial que teñan autorizada a prórroga do período hábil de caza para a arcea nos seus plans de aproveitamento cinexético, poderá permitirse o adestramento de cans sobre esta especie e exclusivamente para realizar censos desde o 7 de xaneiro de 2025 ata o 9 de febreiro de 2025, os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico, e desde o 10 de febreiro de 2025 ata o 9 de marzo de 2025, todos os días da semana.
En todo caso, o adestramento realizarase segundo o establecido no artigo 44.4 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. O número máximo de cans por persoa cazadora será de catro e de 12 por grupo constituído por un máximo de seis persoas cazadoras, sexa cal sexa o tipo de réxime do terreo cinexético en que se realice o adestramento, excepto nas zonas de adestramento para cans, que teñen a súa propia normativa.
2. Autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría en terreos de réxime cinexético especial, nas zonas destinadas a ese fin, sen petición previa, ao longo de todo o ano, agás nos meses de maior sensibilidade para a cría das especies presentes na zona, cun mínimo de dous meses consecutivos de suspensión, escollidos nun único período entre abril e xullo, que serán propostos polo/a titular do terreo cinexético no plan anual de aproveitamento cinexético, entendéndose, na súa falta, que se corresponden cos meses de maio e xuño.
3. Autorízase o adestramento na modalidade de cans atrelados en terreos de réxime cinexético especial, en toda a superficie e ao longo de todo o ano, agás nas épocas sensibles de cría, e esta época determínase conforme o exposto no parágrafo anterior.
Coas mesmas limitacións, a persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza poderá autorizar o adestramento de cans atrelados nos terreos de réxime cinexético común (código de procedemento MT720E).
4. O adestramento de cans e aves de cetraría en terreos queimados por incendio estará suxeito ás limitacións establecidas no artigo 44 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
5. O adestramento de aves de cetraría en terreos de réxime cinexético común axustarase aos mesmos requirimentos e condicións que o adestramento de cans.
6. As persoas titulares de terreos de réxime cinexético especial extremarán as precaucións e adoptarán as medidas de seguridade precisas para evitar accidentes, ou calquera interferencia, durante a realización de batidas ou montarías no período que coincida co permitido para o adestramento de cans e aves de cetraría, e non poderán realizar o adestramento na mesma mancha onde se realiza a batida ou a montaría.
7. En terreos cinexéticos e con fins de competición, con solicitude previa e logo do informe da Federación Galega de Caza, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza poderán autorizar o adestramento de cans de rastro e mostra e das aves de cetraría con exemplares procedentes de soltas en calquera época do ano. Nos tecores poderá autorizarse o adestramento de cans de rastro e mostra e das aves de cetraría con fins de competición nas zonas de adestramento de cans e aves de cetraría e zonas de caza permanente que teñan aprobadas (código de procedemento MT720H).
Artigo 6. Competicións cinexéticas
As competicións cinexéticas regularanse segundo o establecido no artigo 73 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
A Federación Galega de Caza ou as sociedades de caza, logo da súa autorización, poderán celebrar competicións cinexéticas en terreos de réxime cinexético especial os xoves, os sábados, os domingos e os festivos (código de procedemento MT720I). Nas competicións poderán abaterse pezas de caza silvestres cando se realicen durante o seu período hábil de caza. Non obstante, poderán autorizarse competicións fóra deste sempre que sexa con caza sementada ou sen abatemento das pezas de caza.
A Federación Galega de Caza ou as sociedades de caza deberán informar por escrito do número de participantes e dos resultados destas competicións o Servizo Provincial de Patrimonio Natural correspondente, nun prazo máximo de 10 días seguintes ao da súa realización.
TÍTULO II
Caza menor
Artigo 7. Días hábiles
Considéranse días hábiles de caza os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal e autonómico, coas excepcións que se recollen nesta resolución.
Artigo 8. Limitacións de carácter xeral
1. Nas zonas libres en que, en virtude do establecido no artigo 9, punto 4, da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ao contar cunha superficie continua igual ou superior a 500 ha, a cota máxima por persoa cazadora e día será dunha perdiz rubia (Alectoris rufa) e un coello (Oryctolagus cuniculus).
2. Nos terreos de réxime cinexético especial as cotas serán as que se establezan nos correspondentes plans anuais de aproveitamento cinexético aprobados.
Artigo 9. Métodos e modalidades de caza
1. Na práctica da caza menor nos terreos de aproveitamento cinexético común, non se poderá cazar en grupos maiores de seis persoas cazadoras, nin cazar coordinadamente máis dun grupo. Cada persoa cazadora poderá utilizar ata un máximo de catro cans. O número máximo de cans por grupo será de 12.
2. A práctica da cetraría e caza con arco, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, poderá realizarse nas mesmas condicións que as que se sinalan para a caza con outros métodos de caza. Nos terreos de réxime cinexético especial as anteditas modalidades de caza deben estar incluídas no Plan de ordenación cinexética.
Autorízase a caza da gaivota chorona común (Chroicocephalus ridibundus), estorniño pinto (Sturnus vulgaris), pega rabilonga (Pica pica) e corvo (Corvus corone), mediante a modalidade de cetraría, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, durante todo o ano, agás nos meses de abril, maio e xuño. Nos terreos de réxime cinexético especial con autorización da persoa titular do aproveitamento e nas zonas libres de caza, con autorización da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza.
TÍTULO III
Caza maior
Artigo 10. Días hábiles
Considéranse días hábiles de caza, con carácter xeral, os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico, coas excepcións que se recollen nesta resolución.
Artigo 11. Métodos e modalidades de caza
1. A celebración de montarías ou batidas, en terreos de réxime cinexético especial, requirirá a notificación previa ao servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, que deberá ser efectuada cunha antelación mínima de 10 días (código de procedemento MT720C). Tamén poderá comunicarse mediante un calendario que abranga toda a tempada. Tanto a solicitude como a súa celebración deberán axustarse ao disposto na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, así como na regulamentación vixente.
2. Nos terreos de réxime cinexético común en que, en virtude do establecido no artigo 9.4 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ao contar cunha superficie continua igual ou superior a 500 ha, a caza maior no período hábil xeral só se poderá exercer os sábados e nas modalidades de batida, montaría, axexo e espera, cos requisitos que se dispoñen na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e na regulamentación vixente, e coa autorización previa do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente.
3. A solicitude e a realización das batidas, montarías, axexos e esperas, así como as medidas precautorias, normas de seguridade e responsabilidade, estarán suxeitas aos requisitos que prevé a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e a regulamentación vixente.
4. As solicitudes de batidas e montarías nos terreos de réxime cinexético común deben ter entrada no correspondente rexistro do servizo provincial de Patrimonio Natural cunha antelación mínima dun mes á data da súa celebración e deben ir acompañadas da relación de persoas cazadoras que participarán nestas cazarías colectivas.
5. Nas batidas e montarías, a persoa responsable deberá levar no seu poder, en todo momento, a autorización correspondente. A relación completa de participantes, encabezada pola persoa responsable da cazaría, cos respectivos nomes e números do DNI/NIE, deberá estar confeccionada no momento da colocación das persoas cazadoras nos postos.
6. Nos terreos de réxime cinexético especial cando se celebre unha batida, montaría, espera ou axexo sobre especies de caza maior, poderase disparar a todas as pezas de caza maior que estean en período e día hábil de caza e que estean recollidas no plan de ordenación cinexética e no plan anual de aproveitamento cinexético e sempre que non se teña cuberta a cota de capturas. Coas mesmas premisas e sempre que se fixese constar na solicitude, poderáselle disparar ao raposo, no seu período hábil, utilizando armas e municións propias da caza maior.
Artigo 12. Pezas de caza
1. Nos plans anuais de aproveitamento cinexético dos terreos de réxime cinexético especial e nas autorizacións concedidas para o exercicio da caza maior nos terreos de réxime cinexético común especificaranse as pezas de caza por especie, sexo e idade sobre as cales se poderá exercer a caza.
2. En todo caso, nunca poderán incluírse como pezas de caza:
a) As crías e as femias de especies de caza maior cando vaian acompañadas das súas crías.
b) Os machos inmaturos das especies corzo, cervo e gamo.
c) Os machos adultos que efectuasen a esmouca antes do peche do seu período hábil de caza.
Todos os animais de caza maior que sexan abatidos deberán ser identificados mediante un precinto que facilitará a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, logo do pagamento da correspondente taxa, e que deberá colocarse na peza de caza antes de ser transportada fóra do terreo en que se realizou a cazaría, de xeito que non poida quitarse sen alteralo ou destruílo.
As matrices dos precintos utilizados ou a súa imaxe, xunto cos resultados da actividade cinexética sobre pezas de caza maior, así como as listas de participantes en batidas e montarías, deberá achegalos a persoa solicitante aos servizos provinciais de Patrimonio Natural no prazo máximo de 15 días naturais desde a data da realización da cazaría (código de procedemento MT720D).
Para o transporte das partes das pezas de caza maior abatidas, a persoa responsable da cazaría emitirá unha declaración que acredite a súa procedencia, de acordo co modelo incluído no anexo V desta resolución.
TÍTULO IV
Medidas de control por danos
Artigo 13. Danos producidos pola caza
1. Co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán acordar medidas de control. Estas medidas adoptaranse logo de que as persoas que teñan a condición de axentes de Conservación da Natureza, seguindo directrices expresamente establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, comproben os danos existentes (códigos de procedemento MT720K e MT720L).
2. As principais medidas de control fronte aos danos por especies que se poderán adoptar son as seguintes:
a) Xabaril (Sus scrofa):
Co fin de reducir os danos producidos por esta especie, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán autorizar a realización de batidas, montarías, esperas e axexos. As solicitudes deberán presentarse a partir da detección dos danos, de modo que permita a súa comprobación polo servizo provincial correspondente. As persoas titulares dun tecor tamén poderán solicitar a adopción destas medidas de control nas zonas de adestramento para cans e aves de cetraría e zonas de vedado que teñan autorizadas. As persoas solicitantes das batidas, montarías, esperas ou axexos autorizados deberán informar por escrito dos seus resultados ao servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, nun prazo máximo dos 10 días seguintes á súa realización (código de procedemento MT720D). O incumprimento deste requisito poderá supoñer a non autorización de máis batidas, montarías, esperas ou axexos e a anulación automática dos xa autorizados.
As autorizacións de caza por danos realizaranse de xeito inmediato, e non serán preceptiva a comprobación destes, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuar os servizos de Patrimonio Natural.
Por petición da persoa titular do tecor, os exemplares capturados nas actuacións cinexéticas autorizadas por danos non serán tidos en conta no cómputo da cota anual de capturas.
b) Corzo (Capreolus capreolus) e cervo (Cervus elaphus): co fin de reducir os danos producidos por estas especies, poderase proceder de igual forma que no indicado na alínea a) anterior para o xabaril. A existencia de danos deberá ser comunicada ao servizo provincial de Patrimonio Natural co fin de proceder á súa comprobación, como requisito previo á autorización da práctica cinexética sobre estas especies. No caso das femias, unicamente se permite a caza de femias adultas en descaste na modalidade de axexo.
c) Raposo (Vulpes vulpes): co fin de reducir os danos producidos por esta especie, poderase proceder de igual forma que no indicado para o caso do corzo e o cervo.
3. Para os danos producidos polas especies indicadas nas alíneas a), b) e c) do punto anterior, en terreos cinexéticos de réxime especial as solicitudes formularaas a persoa titular do dereito de aproveitamento. En terreos de aproveitamento cinexético común as solicitudes formularaas a persoa ou persoas prexudicadas polos danos detectados, e cando os danos sexan xeneralizados, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza, por petición motivada dos concellos afectados e logo do informe técnico do servizo provincial de Patrimonio Natural, poderán autorizar a caza mediante as modalidades e medios que consideren máis adecuados, establecendo as condicións particulares para levar a cabo a cazaría. As persoas participantes nestas cazarías serán determinadas polos concellos mediante un sorteo público entre as persoas cazadoras que o soliciten, e darase prioridade ás persoas propietarias dos bens afectados.
4. A persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá establecer, mediante unha resolución motivada, limitacións temporais á adopción destas medidas de control co fin de evitar alteracións nas poboacións de fauna silvestre e non interferir na súa cría e reprodución. Os servizos provinciais de Patrimonio Natural, neses casos, prestarán asesoramento técnico ás persoas afectadas polos danos para a adopción de medidas alternativas de prevención e protección para as persoas ou na agricultura, na gandaría, nos montes ou na flora e fauna silvestre.
5. A carne das pezas de caza reguladas no punto 2 deste artigo, que se abatan como consecuencia da adopción de medidas de control, poderá ser obxecto de venda ou comercio.
6. As pezas de caza maior que se abatan como consecuencia da adopción de medidas de control deberán ser identificadas mediante precintos que serán facilitados pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de balde e deberán colocarse nas pezas de caza antes de ser transportadas fóra do terreo en que se realizou a cazaría, de xeito que non poidan quitarse sen alteralos ou destruílos. As matrices dos precintos utilizados, así como os que non sexan empregados, achegaranse ao correspondente servizo provincial de Patrimonio Natural, xunto cos resultados das cazarías.
Artigo 14. Aves prexudiciais para a agricultura e a caza
En virtude do disposto no artigo 58 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, poderán quedar sen efecto as prohibicións contidas no capítulo I do título III da dita lei, e permitirase a caza e captura de aves silvestres que poidan ocasionar danos aos cultivos agrícolas e á fauna. As persoas interesadas deberán formular unha solicitude dirixida á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (código de procedemento MT720G).
Será preceptivo o informe do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente sobre os danos existentes, no cal se indicará se os danos foron causados ou non polas especies citadas. Se non é posible establecer razoablemente a orixe dos danos, denegarase a solicitude.
TÍTULO V
Réximes especiais por especies
Artigo 15. Réximes especiais propostos polas persoas titulares
Serán de obrigado cumprimento as ordenacións específicas nos terreos de réxime cinexético especial aprobadas polas persoas titulares das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, propostas polas persoas titulares destes terreos, en que se establezan vedas e peches anticipados dos distintos períodos hábiles.
Artigo 16. Réximes especiais por especies aprobados despois de oídos os comités provinciais de caza e o Comité Galego de Caza
1. Caza menor:
a) Arcea (Scolopax rusticola): en terreos cinexéticos de réxime especial e logo da súa solicitude, poderase prolongar o período hábil de caza para esta especie ata o día 9 de febreiro de 2025. Establécese para esta especie unha cota de captura de 3 exemplares por persoa cazadora e día, e prohíbese a súa caza mediante a modalidade de ao paso en posto fixo ou espera.
b) Cerreta ou becacina (Gallinago gallinago): excepto nos concellos que se relacionan no anexo IV desta resolución, nos cales a súa caza está prohibida, esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor, e poderase prolongar o seu período hábil en terreos cinexéticos de réxime especial e logo da súa solicitude, ata o día 9 de febreiro de 2025. Establécese para esta especie unha cota de captura de 3 exemplares por persoa cazadora e día.
c) Lebre (Lepus granatensis): unicamente se autoriza a súa caza no período hábil comprendido entre o 20 de outubro e o 24 de novembro de 2024 e en terreos de réxime cinexético especial.
d) Coello (Oryctolagus cunículus): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.
e) Raposo (Vulpes vulpes): no período hábil de caza menor pódese cazar nas distintas modalidades de caza menor e en batida. Poderanse autorizar batidas para a caza do raposo desde o 1 de setembro ata o 19 de outubro de 2024, e desde o 7 de xaneiro ata o 9 de febreiro de 2025, os xoves, os sábados, os domingos e os festivos en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Co fin de apoiar a consecución da finalidade perseguida polas actuacións de xestión, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza, cando se planificasen e executasen actuacións de mellora sobre aquelas poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas negativamente polo raposo, poderán autorizar:
– No período hábil de caza menor (desde 20.10.2024 ata 6.1.2025), batidas e esperas ao raposo os sábados, en toda a superficie dos tecores (incluídos vedados e zonas de adestramento de cans e aves de cetraría) e explotacións cinexéticas comerciais.
– Fóra do período hábil de caza menor (desde 1.9.2024 ata 19.10.2024 e desde 7.1.2025 ata 9.2.2025), batidas e esperas ao raposo os xoves, os sábados, os domingos e os festivos nas zonas de vedado e zonas de adestramento de cans e aves de cetraría que teñen aprobadas os tecores.
Para autorizar estas batidas e esperas de xestión, previamente deben ser solicitadas pola persoa titular do aproveitamento cinexético, mediante un calendario específico dentro do plan anual de aproveitamento cinexético, no cal se fixen as xornadas de caza en que se realizarán as batidas e esperas, quedando xustificada a súa necesidade ao facer referencia ás actuacións de mellora sobre as poboacións cinexéticas reflectidas no plan anual de aproveitamento cinexético.
f) Paspallás (Coturnix coturnix): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.
Nos tecores da antiga lagoa de Antela nos concellos que se relacionan no anexo III desta resolución, poderase ademais autorizar a súa caza entre o 24 de agosto e o 15 de setembro de 2024 os sábados e os domingos nas modalidades denominadas en man e ao salto, cun máximo de 15 escopetas por xornada e cuartel de caza e un máximo de 4 escopetas por cuadrilla. Require autorización expresa da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense, que poderá recoller medidas especiais para garantir o cumprimento destas condicións, e será preceptiva a presentación dun plan técnico de caza que ten que incluír un censo da especie, un cálculo do número de capturas totais e a súa repartición por xornadas de caza, cun máximo de 10 pezas por persoa cazadora e día. Os cuarteis de caza autorizados contarán cunha superficie máxima de 1.000 ha e o seu número virá dado en función da superficie útil para a especie, de acordo co seguinte:
Número de cuarteis autorizados:
2.000 ha<superficie útil para a especie<5.000 ha: 1.
5.000 ha<superficie útil para a especie<10.000 ha: 2.
Superficie útil para a especie>10.000 ha: 3.
Só se poderá autorizar a caza desta especie nos terreos dos cuarteis en que realizasen a colleita na súa maior parte, e prohibirase a caza naquelas superficies non recollidas.
Atendendo á época da recollida da colleita, diferéncianse dúas zonas:
– Zona 1: cuarteis localizados ao leste do río Faramontaos, entre as localidades de Xinzo de Limia e Faramontaos e a estrada que discorre entre as localidades de Xinzo de Limia, Trandeiras, Cortegada, Codosedo e Vilar de Barrio.
– Zona 2: cuarteis localizados ao oeste do río Faramontaos, entre as localidades de Xinzo de Limia e Faramontaos e a estrada que discorre entre as localidades de Xinzo de Limia, Trandeiras, Cortegada, Codosedo e Vilar de Barrio.
A persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense poderá adiantar ou atrasar o período ata un máximo de tres semanas en cada unha das zonas. Unha vez aberto o período de caza, este non superará as catro fins de semana consecutivas en cada unha das zonas. Ademais, a diferenza temporal de apertura da caza entre as distintas zonas non poderá superar as dúas semanas. Se os atrasos fosen maiores, ou os censos efectuados así o aconsellan, a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá modificar as cotas e os períodos autorizados e incluso anular o período. Os tecores autorizados para a caza do paspallás deben estar dotados de vixilancia.
g) Pombo (Columba palumbus): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.
Nos tecores da antiga lagoa de Antela nos concellos que se relacionan no anexo III desta resolución, poderase autorizar a súa caza xunto co paspallás nas mesmas condicións que as reflectidas na alínea f), e fixarase unha cota máxima de captura para esta especie e neste período de caza de 5 exemplares por persoa cazadora e xornada.
h) Perdiz rubia (Alectoris rufa): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.
i) Faisán común (Phasianus colchicus): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.
j) Estorniño (Sturnus vulgaris): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.
k) Córvidos: pega rabilonga (Pica pica) e corvo (Corvus corone): estas especies pódense cazar no período hábil de caza menor.
l) Aves acuáticas: cerceta real (Anas crecca), lavanco real (Anas plathyrhynchos), pato rabiolongo (Anas acuta), parrulo chupón (Aythya ferina), parrulo cristado común (Aythya fuligula), galiñola negra (Fulica atra). Estas especies pódense cazar no período hábil de caza menor.
m) Tordo real (Turdus pilaris), tordo galego (Turdus philomelos), tordo malvís (Turdus iliacus) e tordo charlo (Turdus viscivorus): estas especies pódense cazar no período hábil de caza menor, prolongándose o período hábil de caza para estas especies ata o día 31 de xaneiro de 2025, na superficie dos tecores incluída nos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, O Rosal e Tui da provincia de Pontevedra.
n) Charrela (Perdix perdix), avefría (Vanellus vanellus), pato cullerete (Anas clypeata), rula turca (Streptopelia decaocto), gaivota escura (Larus fuscus), gaivota arxéntea (Larus argentatus), gaivota patiamarela (Larus michahellis), pomba brava (1) (Columba livia), pomba zura (Columba oenas), gralla cereixeira (Corvus monedula) e rula común (Streptopelia turtur): queda prohibida a súa caza.
(1) Excepto exemplares procedentes de explotacións industriais utilizados como presas de escape no ámbito da cetraría
2. Caza maior:
a) Corzo (Capreolus capreolus): nos terreos baixo réxime cinexético común, con autorización do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, permítese a caza de machos adultos desde o 17 de agosto ata o 19 de outubro de 2024, nas modalidades de batida, montaría e axexo, os sábados, agás os axexos que poderán ser todos os días.
Nos terreos baixo réxime cinexético especial, poderanse cazar os machos adultos de corzo desde o 17 de agosto ata o 19 de outubro de 2024, nas modalidades de batida e montaría, os sábados, domingos e festivos, e calquera día da semana no caso dos axexos. Así mesmo, tamén se poderán cazar mediante a modalidade de axexo, desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2025, en calquera día da semana.
Con carácter xeral, prohíbese o aproveitamento cinexético das femias de corzo. Non obstante permitirase a súa caza puntual e localizada como consecuencia dos danos que poidan ocasionar, de acordo co establecido no artigo 13 desta resolución.
Así mesmo, en prol dun mantemento sustentable das poboacións desta especie e sempre e cando se solicite no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético, e se xustifique achegando un informe técnico baseado na situación real da poboación desta especie no tecor, no cal se motive a necesidade de realizar o seu aproveitamento cinexético, permitirase a caza das femias adultas en descaste, mediante a modalidade de axexo (calquera día da semana) ou en batida ou montaría (os sábados, os domingos e os festivos), no período comprendido entre o 7 de setembro e o 19 de outubro de 2024 ou ben entre o 7 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2025, á elección da persoa titular do aproveitamento. Este período deberá quedar expresamente reflectido no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético, e entenderase, na súa falta, que se corresponde co segundo dos períodos indicados (do 7 de xaneiro ao 15 de febreiro de 2025).
A autorización fixará o número de pezas máximo que se poderá abater de acordo co plan anual de aproveitamento cinexético. Non poderán realizarse na mesma mancha unha batida e un axexo simultáneos, nin modalidades de caza maior e menor simultaneamente.
b) Xabaril (Sus scrofa): en terreos de réxime cinexético especial, incluída a superficie destinada a vedado de caza e zonas de adestramento de cans e aves de cetraría que teñen aprobadas os tecores, poderá cazarse os xoves, os sábados, os domingos e os festivos desde o 17 de agosto de 2024 ata o 23 de febreiro de 2025, nas modalidades de batida, montaría e espera, autorizadas segundo o establecido nos artigos 11 e 12 desta resolución.
Nos terreos de réxime cinexético especial, que non teñan cuberta a cota de capturas de xabaril aprobada para a tempada 2024/25, poderán cazar esta especie nos axexos de corzo que teñan aprobados no correspondente plan anual de aproveitamento desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2025.
En terreos de réxime cinexético común, poderá cazarse os xoves, os sábados, os domingos e os festivos desde o 17 ata o 31 de agosto de 2024 e desde o 7 de xaneiro ata o 23 de febreiro de 2025. No período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 5 de xaneiro de 2025, ambos incluídos, unicamente se poderá cazar os sábados.
Queda prohibido realizar, na mesma mancha e xornada, batidas sobre esta especie e practicar a caza sobre especies de caza menor.
c) Cervo, gamo e muflón (Cervus elaphus, Dama dama e Ovis orientalis): unicamente poderán cazarse en terreos cinexéticos de réxime especial, na modalidade de axexo, desde o 15 de setembro ata o 19 de outubro de 2024, calquera día da semana, no caso de machos adultos e femias adultas en descaste e, con todas as modalidades, desde o 20 de outubro de 2024 ata o 5 de xaneiro de 2025, os xoves, os sábados, os domingos e os festivos, e calquera día no caso dos axexos, con autorización dos servizos provinciais de Patrimonio Natural.
d) Cabra montesa (Capra pyrenaica): prohíbese a caza desta especie no territorio de Galicia, agás nos tecores do Xurés especificados no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, onde se permite a súa caza desde o 15 de setembro de 2024 ata o 15 de marzo de 2025, e impóñense, entre outras, as seguintes condicións e restricións:
A modalidade de caza permitida é o axexo e establécese unha cota de capturas de 10 machos (7 exemplares de trofeo e 3 selectivos) e 3 femias en descaste, diferenciándose os seguintes períodos en función do tipo de exemplar que se vaia cazar:
Exemplar |
Datas |
Macho selectivo e femia adulta en descaste |
Do 15.9.2024 ata o 31.10.2024 |
Macho trofeo |
Do 15.12.2024 ata o 15.3.2025 |
e) Rebezo (Rupicapra pyrenaica): unicamente se permite o aproveitamento cinexético desta especie na Reserva Nacional de Caza dos Ancares, de acordo co establecido no artigo 19 desta resolución.
Artigo 17. Terreos nos cales se prohibe o exercicio da caza
Sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, con respecto ao exercicio da caza nas zonas de seguridade, queda prohibido o exercicio de toda clase de caza e adestramento de cans e aves de cetraría nos terreos recollidos no anexo I desta resolución, así como nas zonas de seguridade declaradas expresamente por petición da persoa titular dos terreos.
Artigo 18. Autorización de xestión cinexética en vedados
De acordo co establecido no artigo 19.3 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, os vedados de caza poderán ser obxecto de xestión cinexética por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais, debidamente motivadas (código de procedemento MT720F).
As solicitudes de autorización de xestión dirixiranse á xefatura territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente, e deberán ir acompañadas dun informe técnico en que se xustifique a necesidade da adopción das ditas medidas.
O servizo provincial de Patrimonio Natural valorará se as solicitudes presentadas se axustan ás motivacións establecidas no citado artigo e fixará as condicións para o outorgamento das autorizacións, de ser o caso.
Artigo 19. Réxime especial da Reserva Nacional de Caza dos Ancares
Os períodos hábiles de caza na Reserva Nacional de Caza dos Ancares estableceranse en función dos acordos que en tal sentido tome a Xunta Consultiva da Reserva. Os ditos períodos serán publicados na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no enderezo: https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/
c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Caza/
seccion.html&std=A_caza_en_Galicia.html
Artigo 20. Xornada hábil de caza
De conformidade co disposto no artigo 55 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, só se poderá practicar a caza no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois do solpor, agás na modalidade de espera nocturna ou autorización expresa en contrario. As horas oficiais serán as publicadas na páxina web de Meteogalicia (https://www.meteogalicia.gal/web/predicion/orto-e-ocaso), e tomarase como referencia a localidade máis próxima ao punto onde se estea cazando.
Disposición adicional primeira
As datas e as condicións para presentar o plan de aproveitamento cinexético anual correspondente á tempada 2024/25, serán as seguintes:
1. Os tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que teñan vixente o seu plan de ordenación cinexética deberán presentar o plan anual de aproveitamento cinexético ante a correspondente xefatura territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para o cal deben presentar a solicitude de aprobación (código de procedemento MT720A).
2. Os tecores ou explotacións cinexéticas comerciais cuxa vixencia do seu plan de ordenación cinexética remate na tempada 2023/24 deberán presentar a súa renovación ante a correspondente xefatura territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para o cal deben presentar a solicitude de renovación (código de procedemento MT720B).
No caso dos tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que presentaron a solicitude de aprobación do plan anual de aproveitamento cinexético para a tempada 2024/25, sen obteren unha resolución expresa de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, considerarase non aprobado o dito plan en canto non se dite esta resolución expresa. Non obstante, quedará prorrogada a vixencia do plan anual de aproveitamento cinexético correspondente á tempada 2023/24, ata que se dite a correspondente resolución administrativa.
Disposición adicional segunda
Os procedementos establecidos nesta resolución regúlanse segundo a Orde de 27 de xullo de 2021 pola que se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto do órgano competente en materia de biodiversidade, caza e pesca continental, e se habilitan na sede electrónica de la Xunta de Galicia (DOG núm. 171, do 6 de setembro).
Disposición adicional terceira
A persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá modificar o inicio ou o remate dos períodos de caza sinalados cando haxa razóns especiais que o xustifiquen, así como ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta disposición mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2024
Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural