DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Xoves, 18 de abril de 2024 Páx. 24451

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 1 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro de programas de interese xeral con fins de carácter sociosanitario e cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, para realizar programas de saúde pública no campo da promoción da saúde da poboación xitana por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2024 ao 2027 (código de procedemento SA462E).

BDNS (Identif.): 754337.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 7 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar e ser beneficiarias destas subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia que, debidamente inscritas no rexistro correspondente, inclúan no seu obxecto social ou nos seus fins o desenvolvemento de proxectos relacionados coa poboación de etnia xitana.

Segundo. Obxecto

O obxecto da presente orde é o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para as anualidades de 2024 ao 2027 a entidades privadas sen ánimo de lucro que realicen en Galicia proxectos de saúde pública, relacionados coa promoción da saúde na poboación de etnia xitana (código de procedemento SA462E).

A execución de proxectos de promoción da saúde entre a poboación xitana terá como data límite o 30.6.2027.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 1 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro de programas de interese xeral con fins de carácter sociosanitario e cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, para realizar programas de saúde pública no campo da promoción da saúde da poboación xitana por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2024 ao 2027 (código de procedemento SA462E).

Cuarto. Contía

A contía total das subvencións concedidas nesta orde ascende a 1.015.000 euros e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.481.3 para o ano 2024 e as que correspondan para os seguintes anos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2024 (2º semestre): 169.167 €.

b) Ano 2025: 338.333 €.

c) Ano 2026: 338.333 €.

d) Ano 2027 (1º semestre): 169.167 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Para poder ser beneficiaria das subvencións, deberá presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código SA462E.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade