DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Xoves, 18 de abril de 2024 Páx. 24409

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro de programas de interese xeral con fins de carácter sociosanitario e cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, para realizar programas de saúde pública no campo da promoción da saúde da poboación xitana por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2024 ao 2027 (código de procedemento SA462E).

Os puntos 1 e 3 do artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen á Comunidade Autónoma competencias en materia de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como a execución da lexislación do Estado sobre produtos farmacéuticos. Así mesmo, o artigo 33.4 establece que a Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguridade social, reservando o Estado a alta inspección conducente ao cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia define saúde pública, no artigo 3.15, como o conxunto de iniciativas, actividades e servizos organizados polas administracións públicas para mellorar a saúde da poboación mediante intervencións colectivas ou sociais. As intervencións colectivas ou sociais son aquelas que teñen por obxectivo a identificación e a modificación, de ser o caso, dos factores protectores e de risco para a saúde que evitan ou condicionan a aparición de morbilidade, mortalidade prematura e discapacidade.

Segundo o artigo 1 do Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndelle a esta a superior dirección e control da execución da política da Xunta de Galicia en materia de saúde, planificación e asistencia sanitaria e farmacéutica, así como o exercicio das competencias da Xunta de Galicia para asegurarlle á cidadanía o dereito á protección da saúde.

Segundo o artigo 11 do citado decreto, a Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da promoción e protección colectiva da saúde da poboación galega e o desenvolvemento de programas sanitarios en materia de saúde pública. Para o desenvolvemento das ditas funcións conta coa Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, á que de conformidade co artigo 14, correspóndenlle a aplicación e a execución das directrices en materia de fomento de estilos de vida saudable e a coordinación das actividades de promoción e educación para a saúde.

Segundo a última Enquisa Nacional de Saúde da poboación xitana, os indicadores de saúde na comunidade xitana son peores que na poboación xeral. Isto é debido aos determinantes sociais da saúde, xa que os comportamentos nesta área non dependen só da persoa, senón tamén das condicións e oportunidades que ofrecen os ámbitos físico, educativo, de lecer e socioeconómico.

Entre as principais necesidades sanitarias da poboación xitana atópanse a promoción da alimentación saudable e do exercicio físico, a prevención de accidentes, a redución do consumo de tabaco e alcol e a promoción do autocoidado, así como do benestar emocional.

Por outra banda, a evidencia científica dispoñible mostra que o tipo de información que cambia comportamentos é aquela que expón como logralo en detrimento de explicar os motivos. Neste sentido, cómpre buscar liñas de actuación na comunidade xitana que favorezan a adquisición de habilidades en hábitos de vida saudables, respectando a súa identidade e cultura, polo que a figura da mediación ofrece numerosas vantaxes.

Para traballar coa poboación xitana, unha persoa pertencente a esta etnia e coa formación e a cualificación específica en mediación intercultural é unha referencia fundamental para a propia comunidade.

As mulleres de etnia xitana son un modelo a seguir no núcleo familiar e na contorna máis próxima, o que permite que sexan un activo para a adopción de estilos de vida saudable. Así, a elección de mulleres de etnia xitana coma promotoras de saúde, favorecerá a igualdade de oportunidades e o acceso das mulleres ao mercado laboral.

A creación dunha rede de promoción da saúde integrada por mulleres de etnia xitana ten os seguintes obxectivos: mellorar o estado de saúde da comunidade xitana galega, reducir as desigualdades existentes, potenciar a participación comunitaria na promoción da súa saúde e promover o traballo en rede e o desenvolvemento de estilos de vida saudables na comunidade xitana mediante a promoción da saúde, alimentación e exercicio físico, a prevención de accidentes, e a redución do consumo de tabaco e alcol, redundando todos estes obxectivos na creación da Rede Promotora de Saúde na Poboación Xitana.

A orde conta cun total de 31 artigos e tres disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ao proxecto da Rede de Promoción da Saúde na Poboación Xitana, e poderán concorrer á concesión destas axudas todas aquelas entidades privadas sen ánimo de lucro, no eido de colaboración coa poboación xitana, que pretendan desenvolver un proxecto obxecto da presente orde na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta convocatoria está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.10: Promover a integración socioeconómica das comunidades marxinadas, como os xitanos e medida 2.J.02: Mediación na promoción da saúde na comunidade xitana.

O contido desta orde adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

Concretamente, esta norma é necesaria e eficaz para poder desenvolver as referidas actuacións en materia de promoción da saúde no eido da poboación de etnia xitana; resulta proporcional porque se trata dun instrumento útil e básico para a execución da acción coa poboación de referencia. Garante o principio de seguridade xurídica, e responde a razóns de interese xeral. En aplicación do principio de transparencia definíronse claramente o alcance e obxectivo e atende ao principio de eficiencia, ao non supoñer cargas administrativas accesorias e contribuír á xestión racional dos recursos públicos existentes.

Esta orde recolle os principios de actuación en materia de igualdade establecidos na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Para tal fin, e con suxeición ao previsto na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, da Xunta de Galicia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidades

1. O obxecto da presente orde é o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para as anualidades de 2024 a 2027 a entidades privadas sen ánimo de lucro que realicen en Galicia proxectos de saúde pública relacionados coa promoción da saúde na poboación de etnia xitana (código de procedemento SA462E).

A execución de proxectos de promoción da saúde entre a poboación xitana terá como data límite o 30.06.2027.

2. A finalidade da concesión das axudas é o desenvolvemento de proxectos para mellorar o estado de saúde da comunidade xitana galega, reducir as desigualdades existentes, potenciar a participación comunitaria na promoción da súa saúde e promover o traballo en rede e o desenvolvemento de estilos de vida saudables na comunidade xitana mediante a promoción da alimentación equilibrada, a actividade física, a prevención de accidentes, e a redución do consumo de tabaco, alcol e outras substancias prexudiciais para a saúde.

3. No relacionado con esta subvención, entenderase por:

Promoción da saúde: proceso que permite ás persoas incrementar o control sobre a súa saúde para mellorala.

Prevención da enfermidade: proceso que abrangue as medidas destinadas non soamente a previr a aparición da enfermidade, tales como a redución dos factores de risco, senón tamén a deter o seu avance e atenuar as súas consecuencias unha vez establecida.

Educación para a saúde: oportunidades de aprendizaxe creadas conscientemente que supoñen unha forma de comunicación destinada a mellorar a alfabetización sanitaria, incluída a mellora do coñecemento da poboación en relación coa súa saúde e o desenvolvemento de habilidades persoais que conduzan á saúde individual e da comunidade.

Estilo de vida saudable: forma de vida que se basea en patróns de comportamento relacionados cunha alimentación equilibrada, a práctica de actividade física regular, a hixiene do sono, o benestar emocional e a ausencia do consumo de substancias aditivas, determinados pola interacción entre as características persoais individuais, as interaccións sociais e as condicións de vida socioeconómicas e ambientais.

Proxecto de promoción da saúde: proxecto referido a unha das sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, relacionado coa promoción da saúde na poboación de etnia xitana para os anos 2024, 2025, 2026 e 2027.

Formación inicial: formación que se levará a cabo ao inicio da execución da subvención que será executada por unha única entidade beneficiaria que deberá prestar a formación ás sete mulleres de etnia xitana promotoras da saúde (independentemente da entidade que as teña contratado) co obxectivo de que sexa común e única para todas elas.

Formación continuada: formación que desenvolverá cada entidade beneficiaria ao longo do desenvolvemento dos proxectos para a muller de etnia xitana que teña contratada.

Rede Promotora de Saúde na Poboación Xitana: conxunto de mulleres de etnia xitana que desenvolverán proxectos de promoción da saúde.

Artigo 2. Rede Promotora de Saúde na Poboación Xitana

Coma ferramenta para a promoción da saúde na contorna da poboación xitana, contarase coa Rede Promotora de Saúde na Poboación Xitana, que desenvolverá o programa mediante as seguintes fases de implantación que serán levadas a cabo por todas as entidades beneficiarias (agás a fase 2):

Fase 1: contratación de sete mulleres de etnia xitana, unha por cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia, que actuarán como promotoras de saúde e formarán parte da Rede Promotora da Saúde na Poboación Xitana.

Fase 2: formación común e inicial para as sete mulleres en materia de promoción da saúde, que será levada a cabo por unha única entidade, beneficiaria única desta fase.

Fase 3: recollida de información sobre a situación da poboación xitana en materia de hábitos de vida saudable mediante o desenvolvemento dunha enquisa inicial.

Fase 4: desenvolvemento de actividades para o fomento de estilos de vida saudables na comunidade xitana e a diminución dos seus factores de risco, mediante a promoción e a educación para a saúde de acordo ao seu propio contexto e tendo en conta os resultados obtidos na enquisa en cada territorio.

Fase 5: formación continuada, que desenvolverá cada entidade beneficiaria ao longo de todo o tempo de concesión das subvencións, das sete mulleres segundo as súas características e as necesidades da área sanitaria na que desenvolvan as accións, para a mellora e o reforzo das habilidades e coñecementos necesarios para a promoción da saúde na súa contorna.

Fase 6: avaliación e mellora continua das actividades de promoción da saúde implantadas en cada territorio.

Artigo 3. Normativa aplicable

1. As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta orde.

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución aprobado mediante Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

2. Ademais, esta convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, polo que é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

Artigo 4. Orzamento

1. A contía total das subvencións concedidas nesta orde ascende a 1.015.000,00 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.481.3 para o ano 2024 e as que correspondan para os seguintes anos, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2024 (2º semestre): 169.167 €.

b) Ano 2025: 338.333 €.

c) Ano 2026: 338.333 €.

d) Ano 2027 (1º semestre): 169.167 €.

2. Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, no obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.10: Promover a integración socioeconómica das comunidades marxinadas, como os xitanos e medida 2.J.02: Mediación na promoción da saúde na comunidade xitana.

3. A contía máxima dos créditos previstos no punto 1 deste artigo poderá ser ampliada nos supostos e condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, o incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no citado artigo ou da dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado ou da Unión Europea. Cando proceda, será necesario aprobar a oportuna modificación orzamentaria, logo do informe favorable por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos). Nestes supostos, o órgano concedente das subvencións terá que publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

No caso de que se producise este incremento de crédito, repartirase do seguinte xeito:

a) O incremento de crédito repartirase equitativamente entre as entidades que desenvolven os proxectos nas sete áreas sanitarias para realizar actividades adicionais de promoción da saúde.

b) Esta nova repartición efectuarase seguindo o mecanismo de asignación establecido no artigo 18, é dicir, por orde de prelación e ata o esgotamento do novo crédito.

c) A xustificación deste novo crédito dispoñible efectuarase do mesmo xeito que o crédito inicialmente outorgado a cada entidade.

4. En calquera caso, a concesión destas subvencións limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

5. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 24.

Artigo 5. Normas xerais sobre as subvencións

1. Cada entidade solicitante poderá presentar un máximo de sete proxectos (un por cada unha das sete áreas sanitarias) e a contía solicitada poderá ser, como máximo, o 100% de cada un dos orzamentos dos proxectos.

2. Subvencionaranse as actividades recollidas no proxecto e desenvolvidas durante o período que vai entre o 1.7.2024 e o 30.6.2027.

3. Como máximo subvencionaranse os sete proxectos que resulten máis valorados, en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 14.

4. Só serán seleccionados para a concesión da subvención aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 50 puntos na fase de baremación.

5. A subvención que se conceda para cada proxecto será aboada de conformidade co establecido no artigo 24.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar e ser beneficiarias destas subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia, que debidamente inscritas no rexistro correspondente, inclúan no seu obxecto social ou nos seus fins o desenvolvemento de proxectos relacionados coa poboación de etnia xitana.

2. En relación co disposto no artigo 27 respecto do réxime de compatibilidade, poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades que reciban outras subvencións con finalidade diferente e que afecte a gastos diferentes aos financiados por esta operación.

3. As entidades beneficiarias non poden incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As referidas entidades deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Actuar como empregadora e exercer de pagadora da nómina correspondente á promotora de saúde contratada para o desenvolvemento das accións establecidas na presente orde.

b) Dispoñer do alugueiro de locais e dos medios físicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades deseñadas para a promoción da saúde na poboación xitana por parte da muller promotora da saúde no seu territorio.

c) Xestionar e coordinar todas as accións necesarias para o desenvolvemento do proxecto.

d) Deseñar e divulgar as actividades de comunicación en relación coas accións dos programas de promoción da saúde entre a poboación de etnia xitana.

e) Respectar a normativa vixente, especialmente, en materia de protección de datos de carácter persoal no desenvolvemento do proxecto subvencionado, segundo a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 7. Requisitos dos proxectos

1. Referirse a unha das sete áreas sanitarias no campo da promoción da saúde na poboación de etnia xitana para os anos 2024, 2025, 2026 e 2027, que inclúa a formación inicial.

2. O/os proxecto/s deberá/n realizarse integramente na Comunidade Autónoma de Galicia e deberá/n ter como área xeográfica de actuación unha das seguintes áreas sanitarias:

a) Área Sanitaria da Coruña e Cee.

b) Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.

c) Área Sanitaria de Ferrol.

d) Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

e) Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

f) Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

g) Área Sanitaria de Vigo.

Artigo 8. Contidos do proxecto

Poderán ser programas subvencionables os proxectos que, con carácter obrigatorio, cumpran coas seguintes liñas de actuación:

1. A contratación dunha muller de etnia xitana que actuará como promotora de saúde e formará parte da Rede Promotora de Saúde na Poboación Xitana de acordo aos criterios específicos establecidos nesta orde de subvencións.

2. Cada muller seleccionada deberá estar en situación de desemprego ou empregada a tempo parcial. No proceso de selección valorarase positivamente que a muller conte con formación previa no eido sociosanitario e, tamén, a experiencia laboral en proxectos coa comunidade xitana, os cales favorecerán o desenvolvemento do seu traballo.

3. O deseño e desenvolvemento, ao longo de todo o período de execución do programa, dun plan de formación continuada, específica e individualizada para a muller de etnia xitana promotora de saúde, segundo as necesidades da súa zona e dependendo das súas características e preparación persoal.

4. A realización de informes e documentación necesarios á petición da Administración concedente, referida tanto ás mulleres de etnia xitana promotoras da saúde coma ao funcionamento do programa.

5. A información sobre as persoas participantes e as actividades realizadas, con visión de xénero e idade.

6. O deseño e realización da documentación necesaria e o apoio no desenvolvemento das actividades para a promoción de estilos de vida saudables na comunidade xitana (promoción da alimentación saudable, actividade física e deporte, benestar emocional, hixiene do sono, e prevención de condutas aditivas), coas seguintes finalidades:

a) Desenvolver un estilo de vida saudable na poboación xitana acorde coa súa cultura e adaptado á súa realidade.

b) Traballar no concepto de prevención da enfermidade acercando os programas de prevención existentes (cribado de cancro de mama, colo de útero ou colon, revisións xinecolóxicas, dentais ou oftalmolóxicas).

c) Dinamizar a participación da comunidade na promoción da saúde e favorecer a divulgación en rede.

Estas actividades priorizaranse tendo en conta os resultados das enquisas de análise inicial e de acordo ás necesidades poboacionais específicas de cada territorio, e deberán cumprir cos requirimentos establecidos desde a Dirección Xeral de Saúde Pública.

7. A xestión económica-administrativa e coordinación de todos os recursos necesarios para o desenvolvemento das actividades.

8. O deseño e posta en práctica de sistemas de avaliación e procesos de control de calidade.

9. O cumprimento das obrigas establecidas no artigo 26.1 como consecuencia do cofinanciamento destas axudas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), en particular, as relativas á visibilidade, transparencia e comunicación.

10. Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.

Artigo 9. Formación inicial das promotoras de saúde

As entidades solicitantes destas axudas deberán presentar un proxecto de formación inicial para as sete mulleres de etnia xitana promotoras da saúde (independentemente da entidade que as teña contratado), para o ano 2024. Esta formación será impartida por unha única entidade beneficiaria que recibirá a porcentaxe de financiamento adicional especificada no artigo 18 desta orde. Esta formación inicial deberá impartirse nos primeiros tres meses contados desde a resolución de adxudicación da subvención ás entidades beneficiarias.

Este proxecto de capacitación incluirá o deseño, a realización de documentación así como a impartición do curso inicial especializado que recibirán as sete mulleres de etnia xitana promotoras da saúde.

Esta formación incluirá programas de información, sensibilización e capacitación en materia de prevención e promoción da saúde, estratexias de liderado e comunicación, regulamentación sobre protección de datos e outras materias que lles permitan a adquisición de habilidades neses eidos, así como programas de formación coma mediadoras que as capaciten coma figura ponte entre culturas para xerar cambios construtivos nas relacións entre a cultura xitana, minoritaria, e a cultura maioritaria.

Artigo 10. Conceptos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 5.2.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

3.1. Gastos directos.

Terán esta consideración aqueles custos que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e identificable a ela, en particular os seguintes:

a) Gastos directos de persoal: será subvencionable o custo salarial das mulleres de etnia xitana contratadas a xornada completa e réxime laboral de duración determinada (máximo de sete mulleres distribuídas nas distintas áreas sanitarias). Terase en conta a táboa salarial do Convenio colectivo estatal do sector de acción e intervención social do ano 2024 (Resolución do 18 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se rexistra e publica o Convenio colectivo de acción e intervención social 2022-2024) subvencionándose ata un máximo de 23.552 € anuais correspondentes ao Grupo IV do referido convenio (incluído o salario base, complemento de proxecto e custos derivados das cotizacións á Seguridade Social da entidade pagadora –unha vez descontados os importes correspondentes ás bonificacións ou reducións asociadas ao pagamento de dita cotización–).

Os gastos de persoal para ser subvencionables deberán cumprir co establecido na normativa europea que resulte de aplicación no ámbito do FSE+ e, en particular, nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

3.2 Outros gastos directos:

a) Os gastos de deseño e impresión de material divulgativo dos programas de promoción da saúde no eido da poboación de etnia xitana (folletos, flyers, pósters ou carteis).

b) As axudas de custo por desprazamento e dietas das referidas mulleres de etnia xitana contratadas, para acudir á súa formación e para realizar o traballo de campo nos poboados, segundo a contía e límite establecidos para o persoal da Administración Autónoma Galega, na súa mesma categoría.

c) Os gastos da formación inicial e continuada das mulleres de etnia xitana promotoras da saúde, onde se incluirá o profesorado e o material necesario. Este gasto será subvencionado exclusivamente á entidade encargada da formación inicial e, no caso da formación continuada, ás entidades que a desenvolvan.

d) Gastos de deseño e realización da documentación para o desenvolvemento dos cursos/actividades que complementarán ditas mulleres coa poboación de etnia xitana, que conteñan aspectos educativos e adquisición de habilidades relacionadas co desenvolvemento de hábitos de vida saudables e preventivos.

e) Gastos de deseño e realización da documentación necesaria para os obradoiros, que faciliten o desenvolvemento de estilos de vida saudables na comunidade xitana e a diminución dos factores de risco mediante a promoción e a educación para a saúde no seu propio contexto.

Os referidos gastos subvencionaranse ata a contía máxima percibida por cada entidade beneficiaria nas anualidades 2024, 2025, 2026 e 2027, unha vez descontados os gastos directos de persoal.

4. De acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías do contrato menor establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Saúde Pública por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

6. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente debendo acreditarse os pagamentos a través de xustificantes de pagamento. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como as cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

En todo caso, a forma de xustificación deberá atender ao previsto no artigo 27, puntos 1, 2, 3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Gastos non subvencionables:

En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables:

a) Os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

b) Os gastos inventariables, considerándose como tales os bens funxibles que non se esgotan ou consumen co seu uso cunha vida superior a un ano.

c) As actividades realizadas por servizos públicos.

d) Os gastos de investimento.

e) Os gastos relacionados coa publicidade e/ou promoción da propia entidade.

f) As viaxes cuxa finalidade non estea ligada ao cumprimento das actividades previstas.

g) A formación que non estea, a xuízo do órgano instrutor, ligada ao desenvolvemento das actividades incluídas no programa.

Artigo 11. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado do anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das entidades presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude de subvención implicará a aceptación, por parte da entidade ou entidades solicitantes, das condicións, requisitos e obrigacións contidas nas presentes bases da convocatoria e no resto da normativa de pertinente e preceptiva aplicación, sen prexuízo do seu dereito para desistir da súa petición que os solicitantes puidesen exercitar antes da resolución de concesión, ou a renunciar á xa concedida.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar, xunto co formulario de solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación legal da entidade solicitante, que se axustará ás características de formato e contido definidas no anexo II desta orde.

b) Copia do temario para a formación das promotoras en saúde e das actividades que se van realizar.

c) Documento que acredite a representación de quen solicita a subvención.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola entidade a calquera Administración. Neste caso, a entidade deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a entidade se opoña á súa consulta:

a) NIF entidade solicitante.

b) NIF entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesión doutras subvencións ou axudas compatibles ou incompatibles.

i) Rexistro de asociacións, de fundacións ou de cooperativas da Comunidade Autónoma Galega na que figure inscrita a entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás empresas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. Para os proxectos de formación das mulleres promotoras da saúde, aplicaranse os seguintes criterios de baremación:

a) Na formación inicial de cada muller promotora da saúde valorarase cunha puntuación máxima de 10 o currículo do profesorado que impartirá esta formación:

– Titulación académica en ciencias da saúde (3 puntos).

– Experiencia docente xeral (por cada mes de servizos prestados en calquera posto docente, asignaranse 0,02 puntos ata un máximo de 2 puntos).

– Coñecementos en promoción da saúde (valoraranse os cursos de formación impartidos por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coa promoción da saúde, nunha proporción de 0,005 puntos/hora, ata un máximo de 2 puntos).

– Experiencia docente en promoción da saúde (por cada mes de servizos prestados en postos docentes impartindo materias relacionadas coa promoción da saúde, asignaranse 0,05 puntos ata un máximo de 3 puntos).

Ademais valorarase o temario proposto cunha puntuación máxima de 15 puntos, que deberá incluír:

– Formación para a execución do diagnóstico inicial do territorio mediante a aplicación de enquisas á poboación (2 puntos).

– Educación para a saúde, desenvolvemento de estilos de vida saudables, alimentación equilibrada, actividade física, hixiene do sono, prevención de condutas aditivas e activos en saúde (3,5 puntos).

– Promoción dos estilos de vida saudables na adolescencia (2,5 puntos).

– Programas de prevención da saúde: programas poboacionais de cribado, hixiene dental, avaliación oftalmolóxica, control no embarazo, etc. (2 puntos).

– Benestar emocional na contorna máis próxima (3 puntos).

– Programas de prevención fronte á discriminación e o estigma de calquera tipo (2 puntos).

b) Na formación continuada individualizada de cada muller promotora de saúde, valorarase con ata 5 puntos o currículo do profesorado que impartirá esta formación:

– Titulación académica en ciencias da saúde (1,5 puntos).

– Experiencia docente xeral (por cada mes de servizos prestados en calquera posto docente, asignaranse 0,02 puntos ata un máximo de 1,5 puntos).

– Coñecementos en promoción da saúde (valoraranse os cursos de formación impartidos por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coa promoción da saúde, nunha proporción de 0,005 puntos/hora, ata un máximo de 1 punto).

– Experiencia docente en promoción da saúde (por cada mes de servizos prestados en postos docentes impartindo materias relacionadas coa promoción da saúde, asignaranse 0,05 puntos ata un máximo de 1 punto).

Ademais valorarase o temario proposto cunha puntuación máxima de 10 puntos, que deberá incluír:

– Mellora continuada das habilidades comunicativas, de mediación e interpersoais necesarias pola rede para o desenvolvemento das súas accións (2 puntos).

– Reforzo dos coñecementos teórico-prácticos adquiridos na primeira fase da formación e relacionados cun estilo de vida saudable adaptándose aos constantes requirimentos que sexan necesarios durante a implantación das accións da rede na súa poboación de destino (4 puntos).

– Fomento dos coñecementos específicos de cada contorna ou territorio de traballo da rede (2 puntos).

– Apoio na resolución de posibles barreiras ou conflitos á hora de desenvolver as actividades (2 puntos).

2. En canto aos proxectos de desenvolvemento do traballo das mulleres de etnia xitana na comunidade, deberanse deseñar actividades destinadas á promoción de hábitos de vida saudables mediante o fomento dos seus factores protectores (alimentación saudable, actividade física, benestar emocional, hixiene do sono, prevención de condutas aditivas) que desenvolverán as promotoras de saúde coa comunidade de etnia xitana. Valoraranse cun máximo de 45 puntos, os seguintes aspectos:

– A avaliación inicial e a metodoloxía para priorizar as accións a desenvolver (5 puntos).

– A proposta metodolóxica, os obxectivos, a organización e a temporalización das actividades (5 puntos).

– A xustificación das actividades propostas e a inclusión de actividades que demostrasen evidencia da súa eficacia (5 puntos).

– A variedade das actividades incluíndo propostas para cada factor promotor dun estilo de vida saudable (5 puntos).

– A capacidade de adaptarse á realidade da zona (2 puntos).

– A capacidade de promover a participación da poboación xitana (3 puntos).

– A capacidade de promover melloras nos hábitos saudables da poboación xitana (2 puntos).

– A orixinalidade e creatividade das actividades propostas (2 puntos).

– A utilización de elementos de motivación e gamificación (2 puntos).

– A adaptación de cada actividade ao perfil sociodemográfico a que vai dirixida (2 puntos).

– A utilización dos recursos dispoñibles na Dirección Xeral de Saúde Pública como a web Xanela Aberta á familia (https://vida-saudable.sergas.gal/Portada?idioma=ga) (2 puntos).

– A claridade, concreción e descrición das actividades propostas (5 puntos).

– O sistema de avaliación de cada actividade (5 puntos).

3. Ademais, valorarase ata un máximo de 15 puntos, a capacidade de dirección, coordinación e xestión da entidade beneficiaria, mediante a acreditación da experiencia previa desta en programas destinados á poboación xitana, coa presentación de proxectos desenvolvidos pola entidade nos cinco anos previos á publicación da presente convocatoria. Por cada ano participando nun proxecto destinado á poboación xitana asignarase 1 punto. Se, ademais, o proxecto foi coordinado pola entidade, asignaranse 2 puntos e se foi dirixido, asignaranse 3 puntos por ano.

4. Para resolver os posibles empates empregaranse os seguintes criterios:

a) A que dispoña de Plan de igualdade na entidade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

b) A que obteña maior valoración no punto 2.

c) A que obteña maior valoración no punto 1.

d) A que empregue o galego no desenvolvemento xeral do proxecto.

De persistir o empate, logo de aplicados estes criterios, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á que o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Artigo 15. Emenda da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Saúde Pública responsables da tramitación das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos.

Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase á entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera así, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Instrución e Comisión de Valoración

1. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Saúde Pública. A Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, a través do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que, durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que terá como función controlar e validar o proceso de revisión das solicitudes presentadas; a avaliación técnica dos proxectos preventivos e a asignación de puntuacións en base aos criterios de valoración das solicitudes establecidos no artigo 14 desta orde; a selección das entidades que recibirán subvención e o cálculo das contías correspondentes. Unha vez finalizado este proceso a comisión elaborará un informe que remitirá ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza a secretaría e, polo menos, a metade das persoas que a compoñen. Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Avaliación examine as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída na forma na que se establece máis adiante neste mesmo artigo.

Para o seu funcionamento a comisión rexerase polo establecido nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, relativos aos órganos colexiados.

A Comisión de Valoración poderá requirir motivadamente ás entidades solicitantes das axudas a información ou a documentación adicional que, non estando en poder da Administración, sexa relevante para unha avaliación correcta das solicitudes.

Esta comisión estará integrada polas seguintes persoas:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue, que exercerá a presidencia e terá voto de calidade en caso de haber empate na obtención de acordos.

b) A persoa titular da xefatura do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde, ou persoa en quen delegue.

c) Dúas persoas de entre o persoal técnico da devandita subdirección. Unha delas exercerá as funcións de secretaría.

Por proposta da Presidencia de dito órgano, poderase solicitar o asesoramento de persoas expertas externas con competencia nas materias propias dos programas obxecto de subvención.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, considerarase independente aquela persoa que non incorra en ningunha das circunstancias previstas no artigo 23.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e en vista do informe da Comisión de Valoración, a Dirección Xeral de Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada.

4. A proposta de resolución non crea ningún dereito a favor da entidade beneficiaria proposta mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 18. Determinación das contías das subvencións

1. Só a entidade con maior puntuación nos criterios de valoración da formación inicial accederá á parte de subvención correspondente a dito apartado.

2. Cálculo dos importes das subvencións para o ano 2024:

A entidade que realice a formación inicial das promotoras de saúde obterá o 23 % da partida orzamentaria dispoñible dese ano (onde irá incluída a formación). Asemade, cada proxecto das entidades que realicen as accións no campo da promoción da saúde na poboación de etnia xitana, cun máximo de sete, accederá ao 11 % da partida orzamentaria dispoñible para ese ano.

3. Cálculo dos importes das subvencións para os anos 2025, 2026 e 2027:

Cada proxecto das entidades que realicen as accións no campo da promoción da saúde na poboación de etnia xitana (incluíndo a formación continuada) accederá ao 14,28 % da partida orzamentaria dispoñible para ese ano.

4. Comprobarase que non se conceden contías superiores ao importe máximo subvencionable de cada proxecto. Sumaranse os importes concedidos para os anos 2024, 2025, 2026 e 2027 de cada proxecto e se o resultado desta suma é superior ao importe máximo subvencionable, concederase este último.

5. O importe que se concederá a cada proxecto será o resultado de seguir os primeiros catro puntos anteriores.

Artigo 19. Resolución

1. A proposta de resolución será remitida polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva, que deberá ser motivada. Esta resolución conterá, de maneira expresa, a relación de proxectos das entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, xunto coas contías destas axudas para o período 2024-2027.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución das axudas será de cinco meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. O vencemento deste prazo máximo establecido sen que se ditase nin se notificase resolución expresa desta convocatoria terá carácter desestimatorio das solicitudes por silencio administrativo. A resolución expresa posterior ao vencemento do prazo será adoptada pola Administración sen vinculación algunha ao sentido do silencio, de acordo co establecido no artigo 24.3.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Na resolución de concesión constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pago da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Tamén se lle informará á entidade beneficiaria, cando proceda, de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello de 24 de xuño de 2021.

4. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Infórmase ás entidades interesadas, da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Publicación

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a relación de proxectos aos que se lles concede subvención cos importes concedidos por anualidade e a motivación da non concesión de subvención aos demais proxectos solicitantes.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería competente en materia de Sanidade, www.sergas.es

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Recursos

A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a ditou ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 24. Pagamento e xestión económica

1. Todos os pagamentos terán carácter anticipado. A tramitación dos pagamentos correspondentes aos anos 2025, 2026 e 2027 quedará condicionada á revisión e validación da xustificación do pagamento inmediatamente anterior. No caso de que unha xustificación resulte insuficiente para xustificar o pagamento anticipado correspondente, reducirase proporcionalmente a contía do seguinte pagamento anticipado, de acordo co establecido no apartado 2. Se a xustificación do terceiro pagamento anticipado fora insuficiente, a Consellería de Sanidade tramitará directamente o reintegro que corresponda.

2. A redución dos pagamentos á que fai referencia o punto 1 realizarase tomando como referencia a contía dos gastos declarados pola entidade solicitante en cada unha das xustificacións presentadas.

3. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e faranse efectivos do seguinte xeito:

a) Anualidade de 2024.

Primeiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 100 % da contía outorgada para o ano 2024. Efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, logo da aceptación da subvención concedida.

A xustificación deste pagamento incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas no 2º semestre do ano 2024. A data límite para a presentación da xustificación será o 31.01.2025.

b) Anualidade de 2025.

Segundo pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50% da contía outorgada para o ano 2025. Efectuarase unha vez revisada e validada a xustificación do primeiro pagamento anticipado.

A xustificación deste pagamento incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas no 1º semestre do ano 2025. A data límite para a presentación da xustificación deste pagamento será o 31.7.2025.

Terceiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía outorgada para o ano 2025. Efectuarase unha vez revisada e validada a xustificación do segundo pagamento anticipado.

A xustificación deste pagamento incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas no 2º semestre do ano 2025. A data límite para a presentación da xustificación deste pagamento será o 31.1.2026.

c) Anualidade de 2026.

Cuarto pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía outorgada para o ano 2026. Efectuarase unha vez revisada e validada a xustificación do terceiro pagamento anticipado.

A xustificación deste pagamento incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas no 1º semestre do ano 2026. A data límite para a presentación da xustificación deste pagamento será o 31.7.2026.

Quinto pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía outorgada para o ano 2026. Efectuarase unha vez revisada e validada a xustificación do cuarto pagamento anticipado.

A xustificación deste pagamento incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas no 2º semestre do ano 2026. A data límite para a presentación da xustificación deste pagamento será o 31.1.2027.

c) Anualidade de 2027.

Sexto pagamento anticipado, por importe equivalente ao 100% da contía outorgada para o ano 2027. Efectuarase unha vez revisada e validada a xustificación do quinto pagamento anticipado.

A xustificación deste pagamento incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas no 1º semestre do ano 2027. A data límite para a presentación da xustificación deste pagamento será o 31.7.2027.

Artigo 25. Xustificación

1. Ao longo do período 2024-2027 deberán remitirse as seguintes contas xustificativas:

Conta xustificativa

Data límite

Contido

Primeira

31.1.2025

A porcentaxe da xustificación económica da subvención concedida para o 2º semestre do ano 2024.

Segunda

31.7.2025

A porcentaxe da xustificación económica da subvención concedida para o 1º semestre do ano 2025.

Terceira

31.1.2026

A porcentaxe da xustificación económica da subvención concedida para o 2º semestre do ano 2025.

Cuarta

31.7.2026

A porcentaxe da xustificación económica da subvención concedida para o 1º semestre do ano 2026.

Quinta

31.1.2027

A porcentaxe da xustificación económica da subvención concedida para o 2º semestre do ano 2026.

Sexta

31.7.2027

A porcentaxe da xustificación económica da subvención concedida para o 1º semestre do ano 2027.

2. Cada conta xustificativa abranguerá unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación do proxecto, das actividades realizadas e dos resultados obtidos, cun máximo de 5 páxinas, que se axustará ás características de formato definidas no anexo III desta orde.

3. Así mesmo, cada conta xustificativa abranguerá unha memoria económica das actividades realizadas que conterá unha relación clasificada dos gastos da actividade que se axustará ás características de contido definidas no anexo III desta orde.

Ao final desa relación debe incluírse o importe total dos gastos pagados do proxecto e o importe total dos gastos pagados imputados a esta subvención, a sinatura da persoa responsable da entidade beneficiaria identificada con nome e apelidos, o lugar e a data da sinatura.

4. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

5. A presentación dixital das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación á que se fai referencia no anterior apartado e a documentación acreditativa do pagamento. Esta documentación debe estar numerada co número correspondente ao posto que ocupa na relación de gastos e ordenada de xeito consecutivo tal como aparece na relación de gastos, sen prexuízo de que se presenten varios arquivos na xustificación económica.

Artigo 26. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a:

a) Someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 25.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e do artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) No caso de que exista persoal voluntario que participe nos programas subvencionados, ter subscrita unha póliza de seguro de accidentes e de enfermidade e de responsabilidade civil a favor deste persoal, conforme o previsto nos artigos 7.g), e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

f) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

g) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

h) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello de 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

i) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057. Os indicadores de realización relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da participante coa actuación subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito Regulamento. Para estes efectos, se facilitará ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que se poña á súa disposición polo organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

j) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

k) Calquera outra obriga imposta ás entidades beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

Artigo 27. Compatibilidade

1. As presentes subvencións serán incompatibles con calquera outra axuda ou subvención percibida coa mesma finalidade.

2. Con independencia do réxime xeral de incompatibilidades establecido nas presentes bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán cumprir con toda a normativa que lle sexa de aplicación.

Artigo 28. Reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Especificamente no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 procederán os seguintes supostos de reintegro:

a) Para o caso de subvencións incompatibles con outras axudas:

1º. Reintegro do 10 % polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

2º. Reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puideran corresponder, polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles.

b) Para o caso de subvencións compatibles con outras axudas:

1º. Reintegro do 5 % polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles.

2º. Reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puideran corresponder, polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles.

c) Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas.

Artigo 29. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, de 13 de xuño e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 30. Contraprestacións da consellería competente en materia de Sanidade

A consellería competente en materia de sanidade facilitará, para a realización dos proxectos, materiais divulgativos e preventivos de maneira gratuíta segundo as dispoñibilidades e protocolos da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Artigo 31. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, deberánselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención General de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada ao efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, de 3 de abril, do citado Servizo, no seguinte enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

En tanto non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte:

https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2021-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde, así como para o seguimento, avaliación, e difusión dos proxectos seleccionados para o seu financiamento.

Disposición derradeira segunda. Instrucións de aplicación e desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Memoria explicativa do proxecto

A memoria explicativa do proxecto seguirá as seguintes directrices.

1. Características de formato.

1º. Tipo de letra: Arial.

2º. Estilo: normal.

3º. Tamaño de letra: 11.

4º. Interliñado: 1,15 puntos.

5º. Marxes de 2.0 cm.

6º. O formato do arquivo será PDF.

7º. Extensión máxima de 10 páxinas.

2. Contido.

A memoria técnica deberá incluír a seguinte información:

1. A descrición xeral do proxecto, datos de identificación:

a) Nome da entidade, título do proxecto, cronograma e lugar de realización.

b) Datos da persoa coordinadora do proxecto: nome, apelidos, DNI, teléfono e correo electrónico.

c) Datos das persoas contratadas pola entidade que traballarán neste proxecto: nome, apelidos, DNI, formación académica, funcións e tempo dedicado.

d) Datos das persoas voluntarias para o proxecto (se as houbese): nome, apelidos, DNI, formación académica, funcións e tempo dedicado.

2. O deseño do proxecto.

A memoria técnica debe incorporar unha parte de xustificación, de obxectivos, de material e métodos e avaliación, así coma todos os criterios avaliables no artigo 14 desta orde.

3. O orzamento anual e total previsto para o desenvolvemento do proxecto durante o período 2024-2027. No orzamento desagregaranse anualmente co detalle anual das diferentes partidas que o compoñen.

4. O importe solicitado de subvención

5. O lugar, a data e a sinatura da persoa representante legal da entidade

ANEXO III

Memoria económica para a xustificación

A memoria económica de actividade para a xustificación seguirá as seguintes directrices.

1. Contido.

A memoria técnica deberá incluír a seguinte información:

Unha relación clasificada dos gastos da actividade que inclúa a seguinte información:

– Número de orde do documento na relación de gastos.

– Nome da entidade beneficiaria que emite o documento de gasto.

– NIF da entidade beneficiaria que emite ese documento.

– Concepto do gasto (se é unha nómina deberá indicar o nome, os dous apelidos da persoa empregada, xunto co mes e o ano da nómina).

– Número identificativo do documento.

– Data de emisión do documento.

– Data de pagamento dese gasto.

– Importe total do documento de gasto.

– Importe do documento de gasto dedicado ao proxecto obxecto desta subvención.

– Importe do documento do gasto imputado a esta subvención.

2. Ao final desa relación debe incluírse o importe total dos gastos pagados do proxecto e o importe total dos gastos pagados imputados a esta subvención, a sinatura da persoa responsable da entidade beneficiaria identificada con nome e apelidos, o lugar e a data da sinatura.