DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Xoves, 18 de abril de 2024 Páx. 24405

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 10 de abril de 2024 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 21.3.2024 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián, adoptado polo padroado o 30.12.2023.

Segundo. A Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 2.9.2016, ante o notario Manuel Mariño Vila, co número 2.189 do seu protocolo, por Beatriz Rey Gómez e María Isabel Rey Gómez, que actúan no seu propio nome e dereito. Esta fundación foi clasificada de interese cultural pola Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 15.11.2016 (DOG núm. 233, do 7 de decembro) e mediante a Resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 12.1.2017, foi declarada de interese galego e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro) co número 2017/1.

Terceiro. Os fins fundacionais establecidos no artigo 6 dos seus estatutos son a promoción, fomento, desenvolvemento e difusión das artes plásticas, especialmente a pintura, e dos seus creadores, en Galicia.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 30.12.2023, adoptou o acordo de extinción da fundación por imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación acreditativa do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) Contas da fundación na data de adopción do acordo.

d) Indicación da distribución dos bens, segundo o artigo 38 dos seus estatutos fundacionais.

e) Certificación da Fundación Rodríguez Iglesias acreditativa do acordo de aceptación dos bens resultantes da liquidación.

f) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é competente para a inscrición solicitada segundo o Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), en relación co artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional e, para tal efecto, é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación e foi aprobado polo padroado na súa reunión do 30.12.2023. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro. Na memoria xustifícase que a extinción é motivada pola falta de liderado efectivo por problemas de saúde vinculados co avanzada idade das fundadoras; cambios no contexto socioeconómico derivados da pandemia da COVID-19, que obrigou a suspender todas as actividades relacionadas cos fins fundacionais; escaseza de recursos financeiros e materiais por ausencia de doazóns e subvencións; déficit de persoal debido á falta de recursos, factores que provocan a imposibilidade de executar ningunha actividade dar cumprimento ás obrigas que xera.

Cuarto. No exercicio da facultade prevista no artigo 38 dos seus estatutos, o padroado da fundación acorda que a Fundación Rodríguez Iglesias sexa a receptora do saldo efectivo dispoñible na conta corrente da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián, adoptado polo padroado da fundación na súa reunión do 30.12.2023.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Declarar como destinataria dos bens e dereitos resultantes da liquidación a Fundación Rodríguez Iglesias, tal e como se expresa no punto cuarto das consideracións legais deste escrito.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022, DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades