DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 19 de abril de 2024 Páx. 24684

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría 104 do grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, intérprete de linguaxe de signos, convocado mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 3 de abril de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 21 de decembro de 2023 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2024) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas, anúlanse as preguntas 44, 49, 50, 51, 61 e 133. No seu lugar computarán as preguntas de reserva número 131, 132, 134 e 135, respectivamente. As restantes reclamacións desestímanse na súa totalidade.

O exame valorarase sobre un total de 129 preguntas, 49 preguntas da primeira parte e 80 preguntas da segunda parte.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos. Mediante a Resolución deste tribunal do 7 de febreiro de 2024 deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do exercicio, que establecen que superarán o exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións, ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 50 % das respostas correctas (despois de feitos os descontos correspondentes). Unicamente, de darse o caso de que o número de aspirantes que superasen o exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden en cada unha das partes o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado.

Asignarase a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames en sesión do 3 de abril de 2024, de acordo cos criterios anteriores, e feitas as deducións segundo o establecido na base III.1.1 da convocatoria, non se acada o número máximo de aspirantes co mínimo do 50 % das respostas correctas, polo que superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden en cada unha das partes o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta.

Segundo este último criterio, a nota de corte queda fixada en 51,6 preguntas netas que é acadada por 16 aspirantes.

As persoas que non acadaron a porcentaxe mínima nalgunha das partes non son cualificadas por non ser posible asignar unha puntuación homologable á do resto das persoas aspirantes.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo https://www.funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1 da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas aspirantes poderán formular as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións, que se presentarán a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De acordo co disposto na base V.13 da resolución da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2024

Xulio Loureiro González
Presidente do tribunal