DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 22 de abril de 2024 Páx. 24982

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas e se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado nas ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2024/25.

O artigo 52 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece os requisitos de acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

A Orde do 25 de xuño de 2007 (DOG núm. 134, do 11 de xullo) pola que se regula o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013 (DOG núm. 59, do 25 de marzo), establece o proceso de admisión para quen non reúna os requisitos académicos establecidos con carácter xeral e para aquelas persoas que, reunindo os requisitos académicos, deben superar a proba específica definida na mesma orde, e autoriza a dirección xeral correspondente, na súa disposición derradeira primeira, para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do previsto nesa orde.

Por todo o exposto, en virtude das atribucións que lle son conferidas a esta dirección xeral polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño (DOG núm. 126, do luns 4 de xullo), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as probas de acceso para as ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño e ditar instrucións para o curso 2024/25 no ámbito da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para o efecto de cumprir o punto anterior, dítanse as instrucións xerais e os calendarios específicos inseridos nos anexos do seguinte xeito:

a) Titulacións que permiten a exención da realización das probas específicas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo I.

b) Temporalidade, configuración e cualificación da proba que substitúe os requisitos académicos de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria: anexo II.

c) Temporalidade, configuración e cualificación da proba que substitúe os requisitos académicos de titulación de bacharelato: anexo III.

3. A oferta de prazas en cada centro de ensinanzas artísticas profesionais será publicada a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (www.edu.xunta.gal) e dos taboleiros dos centros educativos correspondentes. Para a distribución da oferta de prazas en cada ciclo formativo e para a prelación na asignación das prazas ofertadas, observarase o disposto na Orde do 15 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

Segundo. Acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio

1. Modalidades de acceso:

1.1. Terán acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio as persoas aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou título declarado equivalente para os efectos académicos e superar unha proba específica, que se establece no anexo IV desta resolución.

As persoas aspirantes que non estean en posesión do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou equivalente deberán ter feito, no ano de realización da proba, dezasete anos e superar a proba que substitúe o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria que se establece no anexo II desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

b) A titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria poderase suplir pola acreditación da superación dalgunha das seguintes probas:

– Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou a parte común da proba de acceso ao grao superior de formación profesional.

– Proba que substitúe o requisito de titulación para o acceso aos ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de ensinanzas deportivas.

– Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores ou para o acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior.

– Proba que substitúe o requisito académico de titulación para as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio superada en convocatorias anteriores.

1.2. As persoas aspirantes que, estando matriculadas no cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, estean pendentes de ser avaliadas, do procedemento de revisión no centro ou de resolución da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ao respecto da reclamación contra as cualificacións do curso 2023/24, deberán realizar igualmente a inscrición no prazo establecido na instrución sexta e poderán realizar a proba específica. De permitir o resultado da avaliación ou da reclamación contra a obtención da acreditación da titulación de educación secundaria obrigatoria, estas persoas serán avaliadas da proba específica realizada. De non constar a acreditación da titulación antes da publicación da listaxe provisional de adxudicación, non obterán praza na adxudicación.

2. Inscrición e admisión:

A inscrición para o acceso e a admisión ás ensinanzas artísticas profesionais de grao medio farase de acordo co disposto na instrución sexta desta resolución.

3. Exención das probas de acceso:

Estará exento/a de realizar a proba específica de acceso aos ciclos formativos de grao medio das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño quen acredite estar en posesión dun dos títulos recollidos no anexo I desta resolución, e quen acredite estar en posesión dos requisitos académicos para o acceso conforme o establecido nos artigos 52.1 e 52.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, acredite ter experiencia laboral de, polo menos, un ano relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio ao cal se pretende acceder, achegando a certificación da empresa en que adquiriu a experiencia laboral, en que consten especificamente a duración do contrato, a natureza específica da actividade desenvolvida e o período de tempo en que se realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, achegarán a certificación de alta no censo de obrigados tributarios.

A exención de realizar a proba específica de acceso aos ciclos formativos de grao medio das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño efectuarase, segundo o disposto, recollido no anexo I desta resolución.

Para as persoas aspirantes que opten por esta quenda de acceso reservaranse un mínimo do 50 % das prazas ofertadas en cada ciclo formativo. A prelación para a asignación de prazas será a establecida pola mellor cualificación media do expediente académico do título alegado. En caso de haber máis aspirantes ca prazas ofertadas, seguirase o establecido na Orde do 15 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

A inscrición para o acceso e a admisión ás ensinanzas artísticas profesionais pola quenda de acceso sen necesidade de realizar a proba específica de acceso farase de acordo co disposto na instrución sexta desta resolución.

4. Datas e horas das probas de acceso:

As probas de acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de grao medio realizaranse nas escolas de arte e superiores de deseño nos días e nas horas que se indican a seguir e de acordo co establecido nos anexos II e IV desta resolución:

a) Proba que substitúe o requisito académico do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria: día 19 de xuño, desde as 10.00 ata as 17.00 horas.

b) Proba específica: día 3 de xullo, desde as 10.00 ata as 19.00 horas.

Terceiro. Acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior

1. Modalidades de acceso:

1.1. Terán acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior as persoas aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de bacharelato, ou título declarado equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba específica que se establece no anexo V desta resolución.

b) Estar en posesión dun título de técnico de formación profesional ou título de técnico de Artes Plásticas e Deseño, e superar a correspondente proba específica que se establece no anexo V desta resolución.

1.2. As persoas aspirantes que non estean en posesión da titulación requirida deberán ter feito no ano de realización da proba dezanove anos, superar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato establecida no anexo III desta resolución e superar a correspondente proba específica que se establece no anexo V desta resolución.

Quedarán exentas de realizar a proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato as persoas aspirantes que superasen algunha das seguintes probas:

– Parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

– Proba que substitúe o requisito de titulación para o acceso aos ciclos formativos de grao superior de ensinanzas deportivas.

– Proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores.

– Proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior superada en convocatorias anteriores.

1.3. As persoas aspirantes que teñan pendente algunha materia de bacharelato poderanse presentar e realizar a proba específica de acceso, e deberán acreditar que están en posesión da titulación requirida antes da publicación da listaxe provisional de adxudicacións da proba específica. De non constar a acreditación da titulación, non obterán praza na adxudicación.

2. Inscrición e admisión:

A inscrición para o acceso e a admisión ás ensinanzas artísticas profesionais de grao superior farase de acordo co disposto na instrución sexta desta resolución.

3. Exención das probas de acceso:

Estará exento/a de realizar a proba específica de acceso aos ciclos formativos de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño quen estea en posesión dun dos títulos recollidos no anexo I desta resolución ou, estando en posesión dos requisitos académicos para o acceso conforme o establecido nos artigos 52.1 e 52.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, acredite ter experiencia laboral de, polo menos, un ano relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio ao cal se pretende acceder, achegando a certificación da empresa en que adquiriu a experiencia laboral, en que consten especificamente a duración do contrato, a natureza específica da actividade desenvolvida e o período de tempo en que se realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, achegarán a certificación de alta no censo de obrigados tributarios.

Para as persoas aspirantes que opten por esta quenda de acceso reservarase un mínimo do 50 % das prazas ofertadas en cada ciclo formativo. A prelación para a asignación de prazas será a establecida pola mellor cualificación media do expediente académico do título alegado. En caso de haber máis aspirantes ca prazas ofertadas, seguirase o establecido na Orde do 15 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

A inscrición para o acceso e a admisión ás ensinanzas artísticas profesionais pola quenda de acceso sen necesidade de realizar a proba específica de acceso farase de acordo co disposto na instrución sexta desta resolución.

4. Datas e horas das probas de acceso:

As probas de acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de grao superior realizaranse nos días e nas horas que se indican a seguir e de acordo co establecido nos anexos III e V desta resolución.

a) Proba que substitúe o requisito académico do título de bacharelato: día 19 de xuño, desde as 10.00 ata as 17.00 horas.

b) Proba específica: día 3 de xullo, desde as 10.00 ata as 19.00 horas.

Cuarto. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. Para as persoas aspirantes que presenten discapacidade de, polo menos, o 33 % se reservará un mínimo do 5 % do total das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo, de tal xeito que, cando o número total de prazas ofertadas sexa menor ou igual a 20, se reservará unha praza e, cando o número total de prazas ofertadas sexa de 21 a 30, se reservarán dúas prazas.

2. Estes aspirantes poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas. Para tal efecto, deberán presentar, xunto co formulario de inscrición, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Con independencia do disposto no punto anterior, tamén poderán solicitar a adaptación das probas as persoas diagnosticadas que a precisen. A solicitude de proba adaptada farase constar expresamente na inscrición e xuntaráselle a xustificación documental cun informe médico e informe psicopedagóxico, se os houber, en cumprimento do Decreto 229/2011, do 7 de decembro.

4. A adaptación da proba que deben superar estas persoas deberá respectar o esencial dos referentes de avaliación establecidos para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou grao superior, segundo corresponda.

5. Correspóndelle á Comisión de Avaliación encargada da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba co obxecto de permitir que as persoas aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade que o resto de aspirantes.

6. Os centros de inscrición comunicaranlles a resolución de adaptación da proba ás persoas que a solicitasen.

Quinto. Acceso para deportistas de alto nivel e/ou alto rendemento

Conforme o establecido na Orde do 15 de marzo de 2013, aos aspirantes ao acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño mediante a superación da proba específica de acceso coa condición de deportista de alto nivel e/ou rendemento reservaráselles un mínimo do 5 % do total das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo, de tal xeito que, cando o número total de prazas ofertadas sexa menor ou igual a 20, se reservará unha praza e, cando o número total de prazas ofertadas sexa de 21 a 30, se reservarán dúas prazas.

Para tal efecto, deberán presentar, xunto co formulario de inscrición, a documentación que acredite oficialmente a súa condición de deportista de alto nivel e/ou rendemento.

Sexto. Inscrición xeral para o acceso e a admisión aos ciclos formativos de grao medio e grao superior de Artes Plásticas e Deseño

1. Con carácter xeral, todas as solicitudes se cubrirán de xeito telemático cubrindo o formulario dispoñible na ligazón habilitada na aplicación CodexPro na páxina web de cada centro. As persoas solicitantes que non dispoñan de posibilidade telemática de presentación deberán realizar a inscrición na Secretaría da escola de arte e superior de deseño pública elixida en primeiro lugar, na cal se impartan as correspondentes ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

2. As persoas aspirantes que desexen cursar ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño en centros privados autorizados terán que realizar a súa inscrición presencialmente na Secretaría da escola de arte e superior de deseño pública a que estea adscrito o centro privado autorizado de Artes.

3. O prazo de presentación de solicitudes de inscrición para as persoas aspirantes que soliciten realizar a proba que substitúe o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato comprende desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 10 de xuño. O prazo de presentación de solicitudes de inscrición para as persoas aspirantes que só teñan que realizar a proba específica e para as cales solicitan exención de probas comprende desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 21 de xuño.

Para tal fin, as escolas de arte e superiores de deseño deberán expor nos seus taboleiros de anuncios e nas súas páxinas web a seguinte información:

a) Normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados, indicando o número de prazas por cada quenda de acceso e reserva para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

4. Para a formalización das solicitudes de inscrición nos procedementos de acceso e admisión, as escolas de arte e superiores de deseño que impartan estas ensinanzas facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para tal efecto ou o acceso á aplicación informática CodexPro en que facer a inscrición.

5. Para completar o proceso de inscrición deberase presentar, nos prazos establecidos nesta resolución, unha copia da solicitude na Secretaría da escola de arte e superior de deseño en que a persoa aspirante queira acceder como primeira ou única opción, xunto coas copias cotexadas da documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante. Pasaporte ou documento de identificación da Unión Europea, cando non se dispoña do DNI ou NIE.

b) Título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou título de bacharelato, ou documento en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións da educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato, ou ben o certificado de estudos en que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas, e ter realizado o depósito do correspondente título.

c) Título de técnico de Formación Profesional.

d) Titulo de técnico de Artes Plásticas e Deseño.

e) Certificado de superación da proba que substitúe o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou do título de bacharelato, para ciclos formativos de grao medio ou grao superior (segundo corresponda) das ensinanzas artísticas profesionais en convocatorias anteriores.

f) Certificado de superación da proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores.

g) Certificado de superación da proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou grao superior de ensinanzas deportivas.

h) Certificado de superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

i) Proba para o acceso a ciclos formativos de grao medio ou grao superior de formación profesional, segundo corresponda.

j) Título correspondente á quenda de acceso sen proba específica e o certificado de nota media do dito título.

k) Acreditación de ter experiencia laboral de, polo menos, un ano relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo a que se queira acceder.

l) Documentación que acredite oficialmente ser deportista de alto nivel e/ou rendemento.

m) Documentación que acredite oficialmente a discapacidade do 33 % da persoa aspirante e a solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

n) Certificado de adaptación das probas para o alumnado diagnosticado que acredita a dita circunstancia, que o precise e o solicite.

5. As persoas aspirantes que deban realizar a proba que substitúe o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou do título de bacharelato farano constar na epígrafe correspondente da inscrición. No caso de non superar esta proba, non serán admitidas na proba específica.

6. As persoas aspirantes que estean pendentes da avaliación final do ciclo formativo, ou da cualificación do proxecto/obra final, para a obtención dun título de técnico/a ou técnico/a superior de Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2023/24 e, en consecuencia, non dispoñan do título de técnico/a ou técnico/a superior antes da fin do prazo de inscrición deberán igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, farano constar na epígrafe correspondente da inscrición e deberán acreditar que están en posesión da titulación requirida antes da publicación da listaxe provisional de adxudicación da proba específica. De non constar a acreditación da titulación, non poderán obter praza na adxudicación.

7. A solicitude de inscrición será única e vinculante para acceder ás ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño para o curso 2024/25 e non poderá ser modificada unha vez rematado o prazo de inscrición.

8. Na solicitude de inscrición deberanse indicar, por orde de preferencia, o cliclo formativo de grao medio ou grao superior que desexan cursar, así como a escola a que desexan acceder. Poderanse solicitar un máximo de catro opcións. Igualmente, as persoas aspirantes deberán indicar na solicitude a escola de arte e superior de deseño de Galicia en que queren realizar as ditas probas.

9. As persoas aspirantes poderán presentar renuncia á súa participación neste procedemento, en calquera das súas fases, na Secretaría en que presentasen a súa solicitude de inscrición.

Sétimo. Comisión de Avaliación

1. De acordo co artigo 7 da Orde do 15 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, para a resolución das exencións previstas no procedemento de acceso e admisión, así como para a organización, desenvolvemento, avaliación e cualificación das diferentes probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e superior de Artes Plásticas e Deseño, a Dirección Xeral de Formación Profesional nomeará as comisións de avaliación que se consideren necesarias. Para o ano académico 2024/25, son as que figuran no anexo VII desta resolución.

2. En caso de ausencia xustificada, ante a Dirección da escola de arte e superior de deseño en que teña o seu destino, de calquera membro da Comisión de Avaliación titular, este será substituído/a polo membro da Comisión de Avaliación suplente que lle corresponda. A suplencia do presidente ou presidenta da Comisión de Avaliación suplente será autorizada pola Dirección Xeral de Formación Profesional. No caso de ausencia de vogais suplentes, a súa falta será substituída polo/a vogal que siga segundo a orde en que figuren na disposición que os/as nomeou. Unha vez esgotado o sistema de substitución dos/das vogais anteriormente citado, se aínda non se pode constituír a Comisión de Avaliación, a suplencia será autorizada desde a Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas.

3. A Comisión de Avaliación é o órgano competente para avaliar, cualificar e resolver sobre as probas de admisión. Nos centros públicos, as direccións das escolas de arte e superiores de deseño serán as responsables do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado, e correspóndelle á Xunta de Escola garantir o seu cumprimento. Nos centros autorizados de arte, as persoas titulares serán as responsables do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado. As comisións de avaliación tomarán como criterios de avaliación os que se indican nos anexos II, III, IV e V desta resolución.

4. As direccións dos centros garantirán a actuación destes tribunais e organizarán a distribución horaria e de espazos de ocupación do tribunal que actúe nas probas correspondentes. Así mesmo, designarán o persoal docente necesario para o correcto desenvolvemento das probas en cada centro educativo.

5. A Comisión de Avaliación resolverá o que proceda e remitirá á Dirección Xeral de Formación Profesional, a través das direccións das diferentes escolas de arte e superior de deseño, a documentación relacionada co proceso de admisión segundo os prazos indicados nesta resolución.

6. Todas as listaxes recollidas na disposición novena desta resolución serán enviadas á Dirección Xeral de Formación Profesional nos prazos establecidos nesta resolución. As listaxes facilitaranse ordenadas alfabeticamente, e cando se trate de listaxes de cualificación deberán, ademais, presentar a cualificación nunha escala numérica do 0 ao 10, expresada con dous números decimais.

7. O/a presidente/a da Comisión de Avaliación expedirá a certificación da cualificación obtida por cada aspirante segundo o modelo do anexo VIII. As ditas certificacións quedarán depositadas e custodiadas pola escola en que se realizaron as probas. As persoas aspirantes poderán retirar as ditas certificacións e deberá quedar na escola en que se realizou a proba unha copia na cal consten a data e a sinatura do/da aspirante que a retira.

8. Unha vez rematado definitivamente o proceso de matrícula, as escolas deberán solicitarlles as certificacións ás escolas en que se realizaron as probas e integralas no expediente académico do seu alumnado.

Oitavo. Adxudicacións

1. As vacantes existentes adxudicaranse segundo a orde de prelación resultante das cualificacións finais obtidas polas persoas aspirantes. As opcións consignadas polas persoas solicitantes na solicitude de inscrición no procedemento de acceso serán vinculantes para a asignación de prazas e non poderán ser modificadas.

Noveno. Publicación das listaxes

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, segundo o indicado nos anexos correspondentes, publicarase a relación provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión, neste último caso, das causas que motivaron a exclusión, e o lugar de realización da proba específica. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dous días tras a publicación da listaxe no mesmo centro onde se realizou a entrega da solicitude de inscrición.

Logo de rematado o prazo de presentación de solicitudes para a realización das probas que substitúen o requisito da titulación, o día 10 de xuño os centros remitirán á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de alumnado inscrito. Logo de rematado o prazo de presentación de solicitudes para a realización da proba específica, o día 21 de xuño os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de alumnado inscrito.

As ditas listaxes publicaranse no taboleiro de anuncios de cada centro, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal).

Establécense as publicacións das seguintes listaxes de persoas admitidas e excluidas:

a) Listaxe de persoas admitidas e excluídas para a realización das probas que substitúen o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou do título de bacharelato:

• Listaxe provisional: publicarase o día 12 de xuño. As persoas aspirantes que detecten erros ou exclusións nas listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para a realización das probas que substitúen o requisito de titulación requirido poderán presentar por escrito, de xeito presencial, a correspondente reclamación na Secretaría da escola de arte e superior de deseño en que se inscribisen, durante os días 13 e 14 de xuño. Logo de rematado o prazo de presentación de reclamacións, o día 14 de xuño os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluidas.

• Listaxe definitiva: publicarase o día 17 de xuño.

b) Listaxe de persoas admitidas e excluídas para a realización das probas específicas de acceso e das que solicitan a exención das ditas probas, e listaxe de cualificación das ditas probas.

• Listaxe provisional: publicarase o día 25 de xuño. As persoas aspirantes que detecten erros ou exclusións nas listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para a realización das probas específicas de acceso poderán presentar por escrito, de xeito presencial, a correspondente reclamación na Secretaría da escola de arte e superior de deseño en que se inscribisen, durante os días 26 e 27 de xuño. Logo de rematado o prazo de presentación e tramitación de reclamacións segundo proceda, o día 28 de xuño os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.

• Listaxe definitiva: publicarase o día 1 de xullo.

2. Ao abeiro da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, para os efectos de publicación das listaxes provisionais e definitivas de cualificacións empregaranse os taboleiros de anuncios do interior dos recintos escolares sen visibilidade desde o exterior dos centros, así como os medios telemáticos que se establezan para tal efecto.

Logo de rematado o proceso de cualificación da proba que substitúe o requisito da titulación, o día 21 de xuño os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de cualificacións provisionais da proba substitutiva do requisito de titulación. Logo de rematado o proceso de cualificación da proba específica, o día 5 de xullo os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de cualificacións provisionais.

Establécense as publicacións das seguintes listaxes de cualificacións:

• Listaxe provisional: publicarase o día 25 de xuño. As persoas aspirantes que detecten erros ou exclusións nas listaxes provisionais de cualificacións das probas que substitúen o requisito académico de titulación poderán presentar por escrito, de xeito presencial, a correspondente reclamación na Secretaría da escola de arte e superior de deseño en que se inscribisen, durante os días 26 e 27 de xuño. Logo de rematado o prazo de presentación e tramitación de reclamacións segundo proceda, o día 28 de xuño os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de cualificacións definitiva.

a) Listaxe de cualificacións das probas que substitúen o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou do título de bacharelato:

• Listaxe definitiva: publicarase o día 1 de xullo.

b) Listaxe de cualificacións da proba específica:

• Listaxe provisional de cualificacións da proba específica: publicarase o día 8 de xullo. As persoas aspirantes que detecten erros na listaxe publicada poderán presentar por escrito, de xeito presencial, a correspondente reclamación na Secretaría da escola de arte e superior de deseño en que se inscribisen, durante os días 9 e 10 de xullo. Logo de rematado o prazo de presentación e tramitación de reclamacións segundo proceda, o día 11 de xullo os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de cualificacións definitiva.

• Listaxe definitiva: publicarase o día 12 de xullo.

3. Ao abeiro da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, para os efectos de publicación das listaxes provisionais e definitivas de adxudicación empregaranse os taboleiros de anuncios do interior dos recintos escolares sen visibilidade desde o exterior dos centros, así como os medios telemáticos que se establezan para tal efecto.

Establécense as publicacións das seguintes listaxes de adxudicacións:

a) Listaxe provisional de adxudicación: publicarase o día 8 de xullo. As persoas aspirantes que detecten erros na listaxe publicada poderán presentar por escrito, de xeito presencial, a correspondente reclamación na Secretaría da escola de arte e superior de deseño en que se inscribisen, durante os días 9 e 10 de xullo. Logo de rematado o prazo de presentación e tramitación de reclamacións segundo proceda, o día 11 de xullo os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de cualificacións definitiva.

b) Primeira listaxe de adxudicación: publicarase o día 12 de xullo.

c) Segunda listaxe de adxudicación: publicarase o día 19 de xullo.

d) Terceira listaxe de adxudicación: publicarase antes do 2 de setembro.

Décimo. Adxudicación, matrícula e constitución de grupos de ciclos formativos

1. Para a admisión nas ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño teranse en conta os criterios de admisión establecidos na Orde do 25 de xuño de 2007, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013, para a correcta asignación das prazas.

2. A cualificación final da proba específica de acceso é o resultado da media aritmética das cualificacións obtidas pola persoa aspirante en cada un dos seus exercicios. Cada unha das partes cualificarase de 0 a 10 puntos, con dous números decimais. Considerarase superada a proba a partir da cualificación de 5,00 puntos.

3. A Comisión de Avaliación publicará a listaxe provisional de cualificacións en que figurarán a listaxe de persoas aspirantes presentadas, con expresión da cualificación final obtida na proba específica, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso en orde decrecente, e de persoas aspirantes non presentadas. Logo de rematado o prazo de reclamacións da listaxe provisional de cualificacións, procederase á publicación das seguintes listaxes de adxudicación nos diferentes períodos establecidos nesta resolución.

4. As vacantes existentes nas distintas especialidades e centros adxudicaranse segundo a orde de prelación resultante das cualificacións finais obtidas polas persoas aspirantes na proba específica de acceso ou, no caso de quenda por acceso directo, das cualificacións medias dos expedientes académicos das persoas aspirantes. Para tal efecto, atenderase á especialidade e escola de arte e superior e deseño que a persoa aspirante sinalase como primeira preferencia na súa solicitude. Enténdese por primeira preferencia aquela que a persoa aspirante indique en primeiro lugar, ou en lugares sucesivos se as especialidades ou escolas solicitadas esgotasen as súas prazas.

5. As comisións de avaliación, á vista das listaxes de persoas aspirantes que superaron a proba de acceso e das persoas aspirantes que optan pola quenda de acceso directo, determinará, en función do número de vacantes, as persoas aspirantes que obteñen praza nos respectivos centros e fará pública a listaxe provisional de adxudicacións por especialidade e/ou itinerario e centro. Logo de rematado o prazo de reclamacións da listaxe e adxudicación provisional, procederase á publicación das seguintes listaxes de adxudicación recollidas nesta resolución.

6. As persoas aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula nos prazos indicados para o ensino artístico profesional a que accedan. Para formalizar a matrícula, as persoas interesadas dirixiranse aos centros de adxudicación, onde se lles facilitarán os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase a matrícula na Secretaría do centro, que se xuntará á documentación xa presentada pola persoa aspirante.

7. Para os efectos de cubrir as vacantes existentes, habilítanse tres períodos de matrícula. Logo de formalizar a matrícula, as persoas aspirantes non poderán concorrer ás seguintes adxudicacións, dando por concluído o seu proceso de admisión. A non formalización de matrícula nalgún dos períodos establecidos implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2024/25.

Establécense os seguintes períodos de matrícula:

a) 1º período de matrícula: as persoas aspirantes que obteñan praza na adxudicación do 12 de xullo formalizarán a súa matrícula entre os días 15, 16 e 17 de xullo. As persoas aspirantes con praza adxudicada que non se matriculen neste período poderán concorrer ás vacantes resultantes na segunda adxudicación, tras este primeiro período de matrícula. O día 17 de xullo, os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a lista de alumnado matriculado, así como a relación de prazas vacantes correspondente.

b) 2º período de matrícula: as persoas aspirantes que obtivesen praza na adxudicación do 19 de xullo poderán formalizar a súa matrícula os días 22 e 23 de xullo. As persoas aspirantes con praza adxudicada que non se matriculasen neste período poderán concorrer ás vacantes resultantes na terceira adxudicación. O día 23 de xullo, os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional a lista de alumnado matriculado así como a relación de prazas vacantes correspondente.

8. Os centros remitiranlle, a través da Dirección e nos prazos indicados nesta resolución, á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de alumnado matriculado, a relación de prazas vacantes e o calendario de matrícula e realización no caso de realizar probas extraordinarias no mes de setembro. De existiren prazas vacantes nas distintas especialidades e/ou itinerarios, serán publicadas nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros e nas súas páxinas web.

a) 3º período de matrícula: as persoas aspirantes que obtivesen praza na terceira adxudicación poderán formalizar a súa matrícula entre os días 2 e 3 de setembro. O día 4 de setembro, cada escola de arte e superior de deseño remitiralle á Dirección Xeral de Formación Profesional a listaxe de alumnado matriculado en cada titulación, así como a relación de prazas vacantes e o calendario de matrícula e a realización de probas extraordinarias, de ser o caso.

9. No caso de aspirantes que aleguen para o acceso a posesión dun título de técnico ou técnico superior de Artes Plásticas e Deseño, a cualificación media do seu expediente académico calcularase segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de setembro). No resto dos casos, a cualificación media do expediente calcularase segundo dispoña a normativa que regula o currículo cursado pola persoa aspirante. E no caso de non existir especificación, a nota media do expediente será a media aritmética das cualificacións acadadas nos diferentes módulos ou disciplinas dos estudos alegados para o acceso ao ciclo formativo, expresada con dous números decimais.

10. Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder aos ciclos formativos, aplicaranse as seguintes equivalencias, agás que no seu expediente consten explicitamente as cualificacións numéricas das materias, caso en que serán as que se teñan en conta:

Suficiente/aprobado: 5,5.

Ben: 6,5.

Notable: 7,5.

Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, expresada coa cualificación numérica con dous números decimais. Para determinar a cualificación media do expediente académico, non se considerarán as materias ou áreas que o alumnado teña validadas ou das cales estea exento/a.

11. Unha vez aplicados os criterios establecidos para a asignación das prazas ofertadas, de haber empate entre dúas ou máis persoas aspirantes, a asignación da praza farase mediante sorteo público.

12. As escolas de arte e superiores de deseño poderán convocar probas extraordinarias para o acceso a aqueles ciclos formativos de grao medio e de grao superior en que haxa prazas vacantes. No caso de convocarse probas extraordinarias, estas terán lugar nos primeiros días do mes de setembro cun calendario unificado entre os centros educativos convocantes. Estas probas extraordinarias terán lugar en cada escola de arte e superior de deseño que teña prazas vacantes. Serán organizadas, supervisadas, avaliadas e cualificadas pola mesma Comisión de Avaliación que fose nomeada para a organización, supervisión, avaliación e cualificación das probas de acceso realizadas no mes de xullo, e atendendo ao recollido na instrución sétima desta resolución. Estas probas realizaranse de acordo co establecido nesta resolución, e os prazos, calendario e listaxes faranse públicos na páxina web de cada escola de arte e superior de deseño convocadora. Cada comisión de avaliación publicará as cualificacións definitivas da proba específica para o acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior en cada escola de arte e superior de deseño, e deberá remitir, a través da Dirección do centro correspondente á Dirección Xeral de Formación Profesional, a lista de alumnado matriculado, así como a relación de prazas vacantes nos prazos establecidos nesta resolución.

13. Finalizado o proceso de admisión, os centros, a través da Dirección, comunicaranlle o antes posible á Dirección Xeral de Formación Profesional o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que quedaron sen cubrir.

14. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo da súa oferta modular das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. As condicións, os criterios e as probas de acceso serán os mesmos que os regulados para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, segundo o establecido nesta resolución. No caso de que queden prazas vacantes unha vez resolto o proceso de admisión ordinario, as prazas asignaranse por estrita orde de chegada da súa inscrición.

15. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnado por escola. O número de alumnos e alumnas de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas, das posibilidades das instalacións e dos medios de cada ciclo e escola en particular, e non deberá ser superior a 30 alumnos/as en ningún caso; non se cuantificará, para estes efectos, o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa da correspondente xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

16. A posta en marcha de cada ciclo formativo estará condicionada á existencia dun número mínimo de 10 alumnos e alumnas; non se cuantificará, para estes efectos, o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá a autorización previa e expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional.

17. Unha vez rematado o prazo ordinario de matrícula, e no caso de que non se cubran todas as prazas ofertadas, publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, http://www.edu.xunta.gal, a lista de persoas en espera que obtiveron praza deste xeito, e o número de prazas vacantes en cada ciclo formativo, se aínda as houber.

Décimo primeiro. Reclamacións e recursos

1. Os acordos e as decisións sobre o acceso e admisión do alumnado, tomados polas comisións avaliadoras, poderán ser obxecto de reclamación, ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo dun día hábil.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polas comisións avaliadoras, a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada nos termos que figuran no artigo 16 da Orde do 25 de xuño de 2007.

Décimo segundo. Validez das probas de acceso

1. De acordo co artigo 17.3 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, as probas de acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio e de grao superior terán validez en todo o territorio nacional, e a súa superación dará dereito a matricularse conforme a normativa vixente no ciclo formativo correspondente, sen prexuízo da normativa de admisión en cada comunidade autónoma e da dispoñibilidade de prazas nos diferentes centros.

2. As probas que substitúen o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria e do título de bacharelato para o acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño terán validez permanente en todo o territorio nacional.

Décimo terceiro. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024

María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional

ANEXO I

Titulacións que permiten a exención da realización das probas específicas
de acceso aos ciclos formativos de grao medio e grao superior
das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño

Titulacións que permiten a exención para a proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio:

Título de técnico ou técnica de Artes Plásticas e Deseño nun ciclo formativo da mesma familia profesional ca a do ciclo formativo ao cal se pretende acceder, ou título declarado equivalente.

Ter superados os cursos comúns de artes aplicadas e oficios artísticos dos plans de estudos establecidos polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, ou os establecidos con carácter experimental ao abeiro do Real decreto 799/1984, do 28 de marzo, sobre regulación de experiencias en centros de ensinanzas artísticas, así como polo Real decreto 942/1986, do 9 de maio, polo que se establecen normas xerais para a realización de experimentacións educativas en centros docentes, e realizar a correspondente inscrición nos estudos que queira realizar.

Título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño nun ciclo formativo da mesma familia profesional ca a do ciclo formativo ao cal se pretende acceder, ou título declarado equivalente.

Título de bacharelato, modalidade de Artes, ou de bacharelato artístico experimental.

Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Artes Plásticas nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.

Licenciatura ou grao en Belas Artes.

Arquitectura superior ou grao en Arquitectura.

Enxeñaría técnica en Deseño Industrial ou grao en calquera especialidade de Deseño Industrial.

Titulacións que permiten a exención para a proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior:

Título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño nun ciclo formativo da mesma familia profesional ca a do ciclo formativo ao cal se pretende acceder, ou título declarado equivalente.

Título de bacharelato, modalidade de Artes, ou de bacharelato artístico experimental.

Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Artes Plásticas nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.

Licenciatura ou grao en Belas Artes.

Arquitectura superior ou grao en Arquitectura.

Enxeñaría técnica en Deseño Industrial ou grao en calquera especialidade de Deseño Industrial.

ANEXO II

Temporalidade, configuración e cualificación da proba que substitúe
os requisitos académicos de titulación de graduado/a
en educación secundaria obrigatoria

Proba que substitúe o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria

Lugar de realización da proba:

A proba realizarase nas escolas de arte e superiores de deseño en que estean inscritas as persoas aspirantes.

– EASD Antonio Faílde; avenida da Universidade, A Cuña, nº 18, en Ourense.

– EASD Mestre Mateo; rúa Virxe da Cerca, nº 32, en Santiago de Compostela.

– EASD Pablo Picasso; rúa Os Pelamios, nº 2, na Coruña.

– EASD Ramón Falcón; paseo dos Estudantes, s/n, en Lugo.

Data e hora de realización da proba:

Realizaranse o día 19 de xuño, desde as 10.00 ata as 17.00 horas:

– Primeira parte: desde as 10.00 ata as 13.00 horas.

– Segunda parte: desde as 16.00 ata as 17.00 horas.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional.

Configuración da proba:

A proba que substitúe o requisito de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria para os ciclos formativos de grao medio das familias profesionais de Artes Plásticas e Deseño constará de dúas partes:

• Primera parte: o contido da proba de acceso que substitúe o requisito académico de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria terá relación cos obxectivos xerais recollidos no Decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, e valorará a madureza intelectual necesaria para cursar con aproveitamento o correspondente ciclo formativo, acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentais, relacionadas coas ensinanzas a que aspira.

Os/as aspirantes seleccionarán tres dos seguintes cuestionarios:

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega a partir dun texto escrito.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua castelá a partir dun texto escrito.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos científico-tecnolóxicos.

• Segunda parte: versará sobre contidos relacionados coa educación plástica e visual. Consistirá na realización dun exercicio de composición de libre interpretación e técnica, baseado nun modelo proposto.

Publicación das cualificacións:

• Cualificacións provisionais: publicaranse o día 25 de xuño.

• Poderanse presentar reclamacións por escrito ás cualificacións provisionais os días 26 e 27 de xuño na Secretaría da escola de arte e superior de deseño na cal realizaron as probas.

• Cualificacións definitivas: publicaranse o día 1 de xullo.

ANEXO III

Temporalidade, configuración e cualificación da proba que substitúe
os requisitos académicos de titulación de bacharelato

Proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato

Lugar de realización da proba:

A proba realizarase nas escolas de arte e superiores de deseño en que estean inscritas as persoas aspirantes.

– EASD Antonio Faílde; avenida da Universidade, A Cuña, nº 18, en Ourense.

– EASD Mestre Mateo; rúa Virxe da Cerca, nº 32, en Santiago de Compostela.

– EASD Pablo Picasso; rúa Os Pelamios, nº 2, na Coruña.

– EASD Ramón Falcón; paseo dos Estudantes, s/n, en Lugo.

Data e hora de realización da proba:

Realizaranse o día 19 de xuño, desde as 10.00 ata as 17.00 horas:

– Primeira parte: desde as 10.00 ata as 13.00 horas.

– Segunda parte: desde as 16.00 ata as 17.00 horas.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional.

Configuración da proba:

A proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato para os ciclos formativos de grao superior das familias profesionais de Artes Plásticas e Deseño constará de dúas partes:

• Primeira parte: o contido da proba de acceso que substitúe o título de bacharelato versará sobre as materias comúns do currículo do bacharelato:

– Lingua Galega e Literatura.

– Lingua Castelá e Literatura.

– Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).

– Historia de España.

– Filosofía.

Cumprirá seleccionar tres das ditas materias e desenvolver por escrito as cuestións que se propoñan para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para a súa realización será de tres horas. Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas propias do currículo de bacharelato, o grao de madureza da persoa aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e de síntese.

• Segunda parte: versará sobre Historia da Arte.

Publicación das cualificacións:

• Cualificacións provisionais: publicaranse o día 25 de xuño.

• Poderanse presentar reclamacións por escrito ás cualificacións provisionais os días 26 e 27 de xuño na Secretaría da escola de arte e superior de deseño na cal realizaron as probas.

• Cualificacións definitivas: publicaranse o día 1 de xullo.

ANEXO IV

Temporalidade, estrutura, contidos e cualificación da proba específica
de acceso ao ciclo formativo de grao medio

Proba específica de acceso ao ciclo formativo de grao medio

Lugar de realización da proba:

A proba realizarase nas escolas de arte e superiores de deseño en que estean inscritas as persoas aspirantes.

– EASD Antonio Faílde; avenida da Universidade, A Cuña, nº 18, en Ourense.

– EASD Mestre Mateo; rúa Virxe da Cerca, nº 32, en Santiago de Compostela.

– EASD Pablo Picasso; rúa Os Pelamios, nº 2, na Coruña.

– EASD Ramón Falcón; paseo dos Estudantes, s/n, en Lugo.

Data e hora de realización da proba:

Realizarase o día 3 de xullo, co seguinte horario:

– Primeiro exercicio: desde as 10.00 ata as 11.00 horas.

– Segundo exercicio: desde as 12.00 ata as 14.00 horas.

– Terceiro exercicio: desde as 17.00 ata as 19.00 horas.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional.

Configuración da proba:

A proba específica de acceso permitirá demostrar as aptitudes e os coñecementos artísticos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas de que se trate.

a) Primeiro exercicio: proba escrita. Desenvolvemento, nun tempo máximo dunha hora, dun tema proposto nun texto sobre artes plásticas e coñecementos histórico-artísticos. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización. Realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

c) Terceiro exercicio: execución. Consistirá en levar á práctica, nun tempo máximo de dúas horas, un exercicio definitivo a partir dos bosquexos realizados no segundo exercicio. Valoraranse a capacidade artística e a creatividade do/da aspirante, o sentido do espazo, a composición e a predisposición para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

Cualificación da proba:

A valoración de cada un dos exercicios de que constan as probas expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala de cero a dez con dous decimais. Para a superación das probas será necesario acadar unha cualificación igual ou superior a cinco en cada un dos exercicios de que conste. A cualificación final da proba específica será a media aritmética destes exercicios, expresada coa escala de cero a dez con dous decimais. Considerarase superada a proba a partir da cualificación de 5,00 puntos.

Publicación das cualificacións:

• Cualificacións provisionais: publicaranse o día 8 de xullo.

• Poderanse presentar reclamacións por escrito ás cualificacións provisionais os días 9 e 10 de xullo na Secretaría da escola de arte e superior de deseño na cal realizaron as probas.

• Cualificacións definitivas: publicaranse o día 12 de xullo.

ANEXO V

Temporalidade, estrutura, contidos e cualificación da proba específica
de acceso ao ciclo formativo de grao superior

Proba específica de acceso ao ciclo formativo de grao superior

Lugar de realización da proba:

A proba realizarase nas escolas de arte e superiores de deseño en que estean inscritas as persoas aspirantes.

– EASD Antonio Faílde; avenida da Universidade, A Cuña, nº 18, en Ourense.

– EASD Mestre Mateo; rúa Virxe da Cerca, nº 32, en Santiago de Compostela.

– EASD Pablo Picasso; rúa Os Pelamios, nº 2, na Coruña.

– EASD Ramón Falcón; paseo dos Estudantes, s/n, en Lugo.

Data e hora de realización da proba:

Realizarase o día 3 de xullo, co seguinte horario:

– Primeiro exercicio: desde as 10.00 ata as 11.00 horas.

– Segundo exercicio: desde as 12.00 ata as 14.00 horas.

– Terceiro exercicio: desde as 17.00 ata as 19.00 horas.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional.

Configuración da proba:

A proba específica de acceso permitirá demostrar as aptitudes e os coñecementos artísticos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas de que se trate.

a) Primeiro exercicio: proba escrita. Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coa Historia da Arte. Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos, a sensibilidade ante creacións artísticas, así como a madurez do criterio estético.

b) Segundo exercicio: realización. Realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos e debuxos sobre un tema proposto que servirán de base para a posterior execución. Valoraranse as destrezas, as habilidades, as capacidades de percepción, de observación e de aptitude, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

c) Terceiro exercicio: execución. A partir dos bosquexos realizados no exercicio anterior e durante un tempo máximo de dúas horas, execución dun traballo definitivo relacionado cos estudos que desexa realizar. Valoraranse a capacidade artística e a creatividade do/da aspirante, o sentido do espazo e a capacidade compositiva, capacidade de observación e percepción, expresividade, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

Cualificación da proba:

A valoración de cada un dos exercicios de que constan as probas expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala de cero a dez con dous decimais. Para a superación das probas será necesario acadar unha cualificación igual ou superior a cinco en cada un dos exercicios de que conste. A cualificación final da proba específica será a media aritmética destes exercicios, expresada coa escala de cero a dez con dous decimais. Considerarase superada a proba a partir da cualificación de 5,00 puntos.

Publicación das cualificacións:

• Cualificacións provisionais: publicaranse o día 8 de xullo.

• Poderanse presentar reclamacións por escrito ás cualificacións provisionais os días 9 e 10 de xullo na Secretaría da escola de arte e superior de deseño na cal realizaron as probas.

• Cualificacións definitivas: publicaranse o día 12 de xullo.

ANEXO VI

Resumo do calendario das probas de acceso ao ciclo formativo
de grao medio e superior

Parte do procedemento

Data

1. Fase de inscrición

Primeiro prazo de inscrición: alumnado que solicita proba substitutiva de requisito de titulación

Desde o día seguinte ao da publicación no DOG ata o 10 de xuño

• Publicación de listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas tras 1º prazo de inscrición

12 de xuño

• Período de reclamación contra a listaxe provisional tras 1º prazo de inscrición

13 e 14 de xuño

• Publicación de listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas tras 1º prazo de inscrición

17 de xuño

Segundo prazo de inscrición: alumnado que cumpre co requisito de titulación

Desde o día seguinte ao da publicación no DOG ata o 21 de xuño

• Publicación da listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas tras 2º prazo de inscrición

25 de xuño

• Período de reclamación contra a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas do 2º prazo de inscrición

26 e 27 de xuño

• Publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas no 2º prazo de inscrición

1 de xullo

2. Fase de probas

Proba substitutiva do requisito de titulación

19 de xuño

Publicación da listaxe provisional de cualificacións da proba substitutiva do requisito de titulación

25 de xuño

Período de reclamación contra a listaxe provisional de cualificacións da proba substitutiva do requisito de titulación

26 e 27 de xuño

Publicación da listaxe definitiva de cualificacións da proba substitutiva do requisito de titulación

1 de xullo

Realización da proba específica

3 de xullo

Publicación da listaxe provisional de cualificacións da proba específica

8 de xullo

Período de reclamación contra a listaxe de cualificacións da proba específica

9 e 10 de xullo

Publicación da listaxe definitiva de cualificacións da proba específica

12 de xullo

3. Fase de adxudicación e matrícula

Publicación da listaxe provisional de adxudicacións

8 de xullo

Período de reclamacións ao proceso de adxudicación

9 e 10 de xullo

Publicación da listaxe definitiva de adxudicacións de prazas

12 de xullo

1º período de formalización de matrícula para o curso 2024/25

15, 16 e 17 xullo

Publicación 2ª adxudicación de prazas

19 de xullo

2º período de formalización de matrícula para o curso 2024/25

22 e 23 de xullo

Publicación 3ª adxudicación de prazas

Antes do 2 de setembro

3º período de formalización de matrícula para o curso 2024/25

2 e 3 de setembro

Remisión á DXFP da listaxe de matrículas e vacantes

4 de setembro

ANEXO VII

Composición da Comisión de Avaliación para o acceso aos ciclos
formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño

Titulares

Suplentes

Presidente

Xosé Manoel González Rivera

Presidente

Ramón Manuel Cabarcos Rodríguez

Vogal 1ª

Lucía Rivera Formoso

Vogal 1ª

María José Prada Rodríguez

Vogal 2º

Jesús Miguel Alonso Oural

Vogal 2ª

Marta María Gómez Piñeiro

Vogal 3º

Juan Carlos Villaverde Troncoso

Vogal 3ª

María Laura Martínez López

Vogal 4ª

María Gómez García

Vogal 4ª

Vanesa Díaz Otero

Vogal 5ª

Carmen Fernández González

Vogal 5ª

Antón García Freire

Vogal 6º

Juan Díaz López

Vogal 6ª

María Vázquez López

missing image file
missing image file