DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 23 de abril de 2024 Páx. 25291

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2024/25 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina na disposición adicional quinta que o calendario escolar, que fixarán anualmente as administracións educativas, comprenderá un mínimo de 175 días lectivos para o ensino obrigatorio.

O Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece na disposición adicional quinta que no cómputo do calendario escolar se incluirán os días dedicados ás avaliacións de diagnóstico de cuarto curso. O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia establece na disposición adicional sétima que no cómputo do calendario escolar se incluirán os días dedicados ás avaliacións de diagnóstico de segundo curso.

A Orde do 30 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa, regula no artigo 4 que a incorporación gradual do alumnado se concretará anualmente na normativa que establece o calendario escolar para cada curso académico e en ningún caso poderá superar o mes de setembro.

Tanto os decretos que establecen a ordenación e o currículo de cada etapa educativa como as ordes de desenvolvemento dos ditos decretos, así como outras disposicións normativas, establecen aspectos, cuestións e traballos para desenvolver no ano escolar dos que é preciso concretar datas para un correcto desenvolvemento do curso académico.

Polo tanto, é preciso fixar o calendario escolar e as actividades de inicio e de fin de curso nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2024/25.

En relación cos principios de boa regulación, previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, a presente orde adecúase a eles. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto, ao non existir ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos. Conforme o principio de seguranza xurídica, resulta coherente co ordenamento xurídico xa que é preciso abordar esta regulación para establecer as datas de inicio e final do curso 2024/25, así como os períodos lectivos, os non lectivos e as vacacións escolares, e concretar as actividades e o calendario do curso 2024/25.

En consecuencia, tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e co obxecto de fixar o calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2024/25 nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o calendario escolar para o curso 2024/25.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde é de aplicación en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

Artigo 3. Duración do curso académico

O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2024 ata o 31 de agosto de 2025.

CAPÍTULO II

Inicio de curso

Artigo 4. Actividades de inicio de curso

1. Desde o día 1 de setembro de 2024 ata o inicio das actividades lectivas, o profesorado dos centros docentes públicos, ben individualmente ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección das persoas responsables, colaborará na adaptación da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e das concrecións dos currículos, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e naqueloutras actividades relacionadas coa organización do curso que sexan da súa competencia. Neste período, o profesorado, baixo a coordinación e dirección da xefatura de departamento ou coordinación de ciclo, dedicarase a adaptar e, de ser o caso, elaborar a programación didáctica das áreas, materias, ámbitos ou módulos das ensinanzas correspondentes considerando as propostas de mellora recollidas nas memorias de final de curso e a organizar o curso escolar. A xefatura de estudos velará polo cumprimento destas actividades de inicio de curso.

2. Nos centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato deberá utilizarse, para a elaboración e o seguimento das programacións das áreas, materias ou ámbitos, a aplicación informática de programacións Proens. A dita aplicación informática tamén se utilizará para a entrega, supervisión e comprobación por parte das xefaturas de departamento ou, de ser o caso, do coordinador de ciclo, así como por parte das direccións destes centros e da Inspección educativa.

Así mesmo, nos centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de formación profesional deberá utilizarse para a elaboración e o seguimento das programacións dos módulos profesionais dos títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a aplicación informática de programacións de formación profesional. A dita aplicación informática tamén se utilizará para a entrega, supervisión e comprobación por parte das xefaturas de departamento, das direccións destes centros e da Inspección educativa.

3. Antes do inicio das actividades lectivas, o profesorado responsable de cada departamento e da coordinación de ciclo entregará a programación didáctica á xefatura de estudos. Con carácter xeral, para garantir o dereito do alumnado a unha avaliación obxectiva e o coñecemento do proceso de ensino e de aprendizaxe polo conxunto da comunidade educativa, a dirección do centro entregará as programacións didácticas a Inspección educativa antes de que finalice o mes de setembro.

4. A incorporación gradual do alumnado no cuarto curso da etapa a que se refire o artigo 4 da Orde do 30 de maio de 2023 non se prolongará máis alá do 17 de setembro de 2024.

CAPÍTULO III

Desenvolvemento do curso

Artigo 5. Calendario das actividades lectivas

1. As actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e réxime especial realizaranse desde o día 11 de setembro de 2024 ata o 20 de xuño de 2025, ambos incluídos.

Non obstante, para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das clases rematará de acordo coas datas previstas para a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (en diante, ABAU).

2. No caso das ensinanzas de réxime especial, poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas tendo en conta as características e particularidades deste tipo de ensinanzas.

Artigo 6. Vacacións escolares

Os períodos de vacacións escolares no curso académico 2024/25 serán os seguintes:

– Desde o día 23 de decembro de 2024 ata o día 7 de xaneiro de 2025, ambos incluídos.

– Os días 3, 4 e 5 de marzo de 2025.

– Desde o día 14 ata o día 21 de abril de 2025, ambos incluídos.

Artigo 7. Días non lectivos

1. As festas laborais de ámbito estatal, as festas laborais de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e as festas laborais de carácter local acordadas pola consellería con competencias en materia de emprego da Xunta de Galicia serán días non lectivos.

2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local a que se refire o punto anterior non coincidan con días lectivos, os consellos escolares, os consellos sociais ou, na súa falta, os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral anual do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. Esta petición deberá facerse antes do día 18 de outubro de 2024 perante a xefatura territorial correspondente que, logo de informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.

É recomendable que os centros da mesma localidade elixan, de ser o caso, os mesmos días non lectivos, para o cal se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.

3. O Día do Ensino, que terá a consideración de día non lectivo, celebrarase o 31 de outubro de 2024.

Artigo 8. Conmemoracións

1. Os centros docentes poderán organizar, no horario lectivo, actividades de interese relacionadas co seu proxecto educativo e funcional co obxecto de promover ou celebrar conmemoracións que sensibilicen sobre temas de interese social, cultural e/ou ambiental.

2. Así, os centros docentes poderán celebrar as conmemoracións que establezan na súa programación xeral anual, tendo en conta, de ser o caso, os criterios sobre a incorporación de elementos transversais e sobre o deseño das actividades complementarias recollidos na concreción curricular. Para estes efectos, as conmemoracións indicadas no anexo I terán carácter orientativo.

Artigo 9. Sesión de avaliación inicial

A data límite para a realización da sesión de avaliación inicial será o 18 de outubro de 2024.

Artigo 10. Sesións de avaliación parciais

Os centros docentes, facendo uso da súa autonomía, concretarán as datas das sesións de avaliación parciais procurando unha repartición equilibrada na duración dos períodos de cada avaliación e tendo en conta que a derradeira destas sesións debe coincidir coa data da avaliación final na educación infantil, na educación primaria, na educación secundaria obrigatoria e coa data da avaliación final ordinaria do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico.

Artigo 11. Probas de avaliación de diagnóstico

A aplicación das probas da avaliación de diagnóstico correspondentes a cuarto curso de educación primaria e a segundo curso de educación secundaria obrigatoria realizarase entre o 1 e o 11 de abril de 2025.

Artigo 12. Servizos complementarios

1. Aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización da xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, un horario que, coas adaptacións necesarias, lles permita garantir o axuste e a perfecta coordinación dos centros con este servizo. Estes centros comunicaranlle á xefatura territorial a proposta de horario escolar para o curso 2024/25, que deberá resolver antes do inicio das actividades lectivas.

2. Os comedores escolares dos centros públicos funcionarán desde o día 11 de setembro de 2024 ata o 20 de xuño de 2025, ambos incluídos.

CAPÍTULO IV

Final de curso

Artigo 13. Sesións de avaliación final

1. Os centros docentes, facendo uso da súa autonomía, concretarán as datas das sesións de avaliación final ou, de ser o caso, de avaliación final ordinaria e final extraordinaria, respectando os seguintes criterios:

a) A sesión de avaliación final ordinaria do primeiro curso de bacharelato e a sesión de avaliación final ordinaria do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico deberán realizarse a partir do 9 de xuño de 2025.

b) As sesións de avaliación final ordinaria e de avaliación final extraordinaria do alumnado de segundo curso de bacharelato adecuaranse ás datas previstas para a ABAU.

c) A sesión de avaliación final da educación infantil, da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria, do segundo curso dos ciclos formativos de grao básico e dos ciclos formativos da formación profesional, así como a sesión de avaliación final extraordinaria do primeiro curso de bacharelato e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico deberán realizarse a partir do día 20 de xuño de 2025.

2. Para as sesións de avaliación final do alumnado das ensinanzas de réxime especial, a dirección do centro deberá propor á xefatura territorial antes do día 30 de abril de 2025, conforme o anexo II, as datas correspondentes para a súa autorización.

Artigo 14. Probas finais

1. O alumnado de segundo de bacharelato con materias pendentes do primeiro curso será convocado, de ser o caso, a unha proba final que se adecuará ás datas previstas para a ABAU.

2. As probas finais da convocatoria extraordinaria para o primeiro curso de bacharelato e o primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico realizaranse entre o 18 e o 20 de xuño de 2025.

3. As probas finais da convocatoria extraordinaria para o segundo curso de bacharelato adecuaranse ás datas previstas para a ABAU.

4. Naqueles centros que prevexan a realización de probas nas ensinanzas de réxime especial, a dirección do centro deberá propor as datas correspondentes á xefatura territorial para a súa autorización, conforme o referido anexo II.

Artigo 15. Horario do profesorado

1. O alumnado ten o dereito e a obriga de asistir ás clases ata o día en que rematen as actividades lectivas, segundo as datas reguladas no artigo 5, e o profesorado debe cumprir as súas funcións e o seu horario, e darlle a debida atención educativa.

2. As direccións dos centros quedan autorizadas para introducir as modificacións oportunas nos horarios do profesorado do segundo curso de bacharelato e do profesorado de formación profesional que se vexa afectado pola realización da formación en centros de traballo, nas horas en que deixe de impartir as materias ou os módulos da súa competencia a partir da sesión de avaliación que corresponda, así como nos horarios do profesorado do primeiro curso de bacharelato a partir da sesión de avaliación final ordinaria.

Para estes efectos, as direccións dos centros poderán asignar ao profesorado tarefas da súa responsabilidade, dando prioridade á realización de actividades de apoio, de reforzo e de recuperación para o alumnado con materias ou módulos con partes sen superar e, de ser o caso, de preparación da ABAU e das probas extraordinarias, de xeito que o profesorado desenvolverá en todo momento e ata a finalización das actividades lectivas o horario que lle corresponda conforme a normativa vixente.

3. O período comprendido entre o día 23 de xuño e o 30 de xuño de 2025, ambos incluídos, será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elaborar as actas de avaliación, os informes individualizados, os consellos orientadores, os informes para as familias e outros documentos de avaliación que corresponda, a entrega de cualificacións, a atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso. Todo o profesorado dos centros públicos permanecerá no centro ata o día 30 de xuño de 2025, incluído. Nese período de tempo, a dirección adaptará o horario do profesorado de acordo coas actividades programadas.

4. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime especial poderán adaptar o horario do profesorado ás necesidades específicas de cada centro.

5. Durante o curso académico, nos centros pertencentes á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o horario do profesorado adaptarase ás necesidades que permitan cumprir coas actividades formativas e accións establecidas para cada área funcional e/ou departamento segundo o plan anual.

6. En todo caso, a adaptación do horario do profesorado non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesora ou profesor.

Así mesmo, respectarase a distribución horaria e a quenda de traballo desenvolvida polo profesorado, sen prexuízo da existencia dun acordo entre a dirección do centro e cada profesora ou profesor para cambiar voluntariamente a distribución horaria ou a quenda na adaptación do seu horario.

Artigo 16. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción ou titulación

As direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais ou decisións de promoción ou titulación, de conformidade co procedemento e cos prazos establecidos na normativa vixente de cada etapa educativa.

Artigo 17. Actas de avaliación final

As secretarías dos centros deberán arquivar e ter á disposición do Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente as actas de avaliación final de todos os cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, de ser o caso, desde o día 16 de xullo de 2025.

Artigo 18. Memorias de fin de curso

O equipo directivo e o profesorado dedicarán especial atención á análise e valoración de resultados da avaliación do rendemento académico do alumnado, que deberá incluírse na memoria final de curso coas propostas de mellora que correspondan. Así mesmo, esta memoria incorporará propostas de modificación nas programacións didácticas.

As direccións dos centros educativos enviarán ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente, antes do 10 de xullo de 2025, a memoria anual do centro.

Disposición adicional primeira. Modificación do calendario escolar e comedores escolares

1. As xefaturas territoriais, por circunstancias concretas de organización, poderán autorizar a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas e de funcionamento dos comedores escolares.

2. Calquera modificación que se precise facer no calendario escolar deberá ser solicitada, como mínimo con quince días de antelación, polo centro interesado á xefatura territorial correspondente que, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa e dos que considere oportunos, resolverá o que proceda.

Disposición adicional segunda. Prórroga da xornada matinal

A xornada matinal nos centros que a tivesen concedida pola xefatura territorial para os meses de xuño e setembro do ano académico 2023/24 considérase prorrogada para o curso 2024/25 nos mesmos termos, sempre que non variasen as circunstancias en que foi concedida.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízanse as persoas titulares da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e da Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Conmemoracións orientativas

– 20 de novembro de 2024: Día Universal da Infancia.

– 25 de novembro de 2024: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

– 3 de decembro de 2024: Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

– A semana do 6 de decembro de 2024: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

– 10 de decembro de 2024: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

– 24 de xaneiro de 2025: Día Internacional da Educación.

– 30 de xaneiro de 2025: Día Escolar da non Violencia e da Paz.

– 23 de febreiro de 2025: Día de Rosalía de Castro.

– 8 de marzo de 2025: Día Internacional da Muller.

– 15 de marzo de 2025: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

– A segunda semana de marzo de 2025: Semana da Prensa.

– 1 de abril de 2025: Día das Artes Galegas.

– 7 de abril de 2025: Día Mundial da Saúde.

– A semana do 23 de abril de 2025: Semana do Libro.

– 2 de maio de 2025: Día Internacional contra o Acoso Escolar.

– 9 de maio de 2025: Día de Europa.

– A semana do 17 de maio de 2025: Semana das Letras Galegas.

– 5 de xuño de 2025: Día Mundial do Ambiente.

– Na/nas data/s elixida/s polo centro no calendario de celebracións internacionais relacionadas coa igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia: conmemoracións para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual.

ANEXO II

Resumo do calendario de actividades de xuño. Curso 2024/25

A/o directora/director do centro pon no seu coñecemento que o calendario de actividades docentes programadas para o final de curso, aprobado polo claustro, recolle o seguinte:

Centro educativo: ...................................................................................................

O último día de clase será o .........................

As datas da avaliación conxunta do alumnado serán do ......................... ao .........................

1As probas de acceso realizaranse do ......................... ao .........................

1Só nos casos dos conservatorios de música ou de danza

................................, ...... de .................. de 2025.

A directora / O director

Asdo.: ...........................................................

Servizo Territorial de Inspección Educativa