DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 23 de abril de 2024 Páx. 25265

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se lle autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a citada disposición, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante FGE, ou a Fundación) é unha entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico. De acordo co establecido na citada norma, a Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e de acción exterior da Administración autonómica.

A Fundación Pública Galicia Europa foi constituída pola Xunta de Galicia ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución española e réxese como fundación de interese galego pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, sobre o réxime das fundacións de interese galego, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.

A FGE ten entre os seus fins e actividades fundacionais servir ao interese xeral de Galicia, ao seu fortalecemento institucional, ao fomento da súa economía produtiva e social e mais á promoción de todas aquelas accións que acheguen Galicia á realidade europea, defendendo os seus intereses ante as institucións e os órganos da Unión e difundindo os valores europeos entre a sociedade galega. Para o cumprimento desta finalidade, a FGE poderá exercer a representación autonómica galega ante as institucións e os órganos da Unión Europea seguindo en todo caso as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado, apoiar e asistir a actuación do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea ante os órganos e institucións da Unión Europea e as súas redes de cooperación territorial, atender as solicitudes de intermediación e apoio das distintas consellerías e entidades do sector público autonómico, así como das restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión Europea e formar a mocidade galega nos asuntos europeos mediante a convocatoria de bolsas de estudos co obxecto de realizar prácticas na propia FGE e naqueloutras institucións nacionais ou estranxeiras relacionadas cos fins da FGE.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a execución da actividade europea e da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais que lle correspondan a cada departamento, así como a coordinación e seguimento técnico e da xestión da Fundación Galicia Europa segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, modificado polo Decreto 144/2023, do 9 de novembro.

Con base no establecido no artigo 18.c) dos Estatutos da Fundación Galicia Europa, elevados a público o 26 de febreiro de 2024, correspóndelle ao presidente da FGE aprobar as bases das convocatorias públicas de axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación. Ao abeiro do artigo 13 dos anteriormente citados Estatutos da Fundación Galicia Europa, a Presidencia do Padroado da Fundación Galicia Europa corresponde á persoa titular da consellería de que dependa o centro directivo con competencias en materia de relacións coa Unión Europea.

O traballo da FGE materialízase en tres grandes ámbitos de acción que responden aos obxectivos de defender os intereses de Galicia ante as institucións e órganos da Unión Europea, potenciar a participación de Galicia nas políticas e accións da Unión Europea e impulsar o coñecemento destas.

Conforme este último obxectivo, a FGE ten afianzado un programa anual de bolsas para a realización de prácticas nas súas oficinas que permite ás persoas beneficiarias familiarizarse cos asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

En atención a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a Fundación Galicia Europa para poder conceder subvencións de bolsas de formación dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea.

Segundo. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea.

Disposición adicional. Facultade de desenvolvemento

Autorízase o director da Fundación Galicia Europa para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento das bases.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación para persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas (código de procedemento PR770N)

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión de bolsas de formación, para persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea nas dependencias da Fundación Galicia Europa en Bruxelas (código de procedemento PR770N).

Artigo 2. Condicións xerais da bolsa

1. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. O obxectivo das bolsas é permitir ás persoas beneficiarias familiarizarse cos asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

3. A concesión e goce da bolsa non suporá vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Fundación Galicia Europa.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

4. As bolsas serán indivisibles e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada. A persoa adxudicataria no momento de aceptación da bolsa non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Artigo 3. Duración e modalidades

1. O programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de once (11) meses.

2. Nestas bases reguladoras prevense tres modalidades de bolsas:

a) Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega.

b) Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos.

c) Bolsas destinadas a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo.

3. As persoas candidatas só poderán presentarse a unha destas modalidades de bolsa.

Artigo 4. Número, contía e financiamento das bolsas

1. O número de bolsas en cada modalidade e os seus importes determinaranse con base no importe anual reflectido no orzamento de gastos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea como transferencia de financiamento á FGE para o programa de bolsas.

As convocatorias anuais da FGE quedarán condicionadas á existencia desta transferencia de financiamento e indicarán o número de bolsas para cada unha das categorías, así como o importe total destas.

O importe total de cada bolsa incluirá as retribucións brutas e os custos da seguridade social, o pagamento dun seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica, así como unha axuda de desprazamento que terá a consideración de pagamento anticipado de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Este anticipo non exixe a constitución de garantías.

2. O financiamento das bolsas pola FGE establecerase nas correspondentes convocatorias anuais da FGE.

3. As bolsas aboaranse mensualmente pola parte proporcional da retribución bruta que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa

Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a residencia en Galicia mediante empadroamento.

3. Posuír o título académico necesario para a modalidade a que se presenta a persoa beneficiaria ou xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

a) Para as bolsas do artigo 3.2.a) de formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega é necesario posuír un título universitario de grao, licenciado/a, enxeñeiro/a ou equivalente.

b) Para as bolsas do artigo 3.2.b) de formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos, é necesario posuír un grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.

c) Para as bolsas do artigo 3.2.c) para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo é necesario posuír un título de técnico superior de formación profesional na familia profesional de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).

4. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.

5. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

6. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Artigo 6. Presentación de solicitudes, prazo e declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que acompañarán á correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Na solicitude, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria, inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude a persoa interesada debe achegar a documentación complementaria que se indica a seguir:

a) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar a filiación de proxenitores galegos.

c) Xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título oficial universitario ou de Formación Profesional).

d) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.

e) Currículo: preferentemente en formato Europass.

f) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante, que se recollerán nun anexo que figurará na correspondente resolución de convocatoria, xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo.

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados en que consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para estudos universitarios ou normativa que o modifique; ou segundo o sistema establecido na Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial ou normativa que os modifique.

– Os cursos relacionados co obxecto da bolsa acreditaranse mediante o correspondente título ou certificado de participación nas actividades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

O órgano instrutor poderá consultar os certificados Celga 4 e Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou órgano equivalente que corresponda, de conformidade co disposto no artigo 9.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante a presentación da copia do título oficial que acredite o nivel de linguas.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento a que se refire o artigo 10.5. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés ou francés deberán acompañarse dunha tradución xurada.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse á persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Títulos oficiais non universitarios.

e) Datos de residencia con data de última variación padroal.

f) Certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea aprobará a listaxe provisional das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE.

4. As persoas candidatas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na listaxe definitiva das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE e remitida á Comisión de Valoración para que valore as solicitudes das persoas candidatas admitidas.

5. A Comisión de Valoración avaliará inicialmente os méritos acreditados documentalmente (primeira fase) das persoas candidatas admitidas e tras a avaliación, publicarase na páxina web da FGE a listaxe provisional das puntuacións obtidas polas persoas candidatas ordenadas de maior a menor.

Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Logo de resolverse as reclamacións, publicarase na páxina web da FGE a listaxe definitiva coa puntuación obtida na primeira fase por cada unha das persoas candidatas. A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na puntuación obtida na listaxe definitiva.

6. Con base na listaxe anterior, a Comisión de Valoración convocará, mediante anuncio na páxina web da FGE, as persoas candidatas para a realización das entrevistas persoais (segunda fase) indicando a data, a hora e o lugar de realización destas. A concorrencia é obrigatoria, polo que as persoas que non se presenten serán excluídas do procedemento de selección. As persoas candidatas deben acreditar a súa identidade para a realización da entrevista.

7. Tras a valoración dos méritos (primeira fase) e da entrevista persoal (segunda fase), a Comisión de Valoración elaborará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas, que será remitida ao órgano instrutor.

8. Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

9. O órgano instrutor elevaralle ao órgano competente para resolver o informe da Comisión de Valoración, xunto coa proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes.

10. A resolución definitiva publicarase na páxina web da FGE, http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/ e notificaráselle a/s persoa/s adxudicataria/s que, nun prazo de tres días hábiles, estarán obrigadas a comunicarlle á Fundación Galicia Europa a súa aceptación ou renuncia por escrito. Se transcorrido o prazo non se produce manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente á bolsa, esta concederase á seguinte persoa con mellor puntuación da listaxe de suplentes.

11. No caso de que en ningunha das modalidades se presenten solicitudes ou ningunha das persoas beneficiarias acepte a bolsa, a convocatoria será declarada deserta.

12. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de cinco (5) meses, desde a data de publicación da correspondente resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

13. A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 66.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que poida exercer calquera outro recurso que xulgue pertinente.

Transcorrido este prazo sen terse presentado o devandito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da correspondente resolución de convocatoria das bolsas, o director da FGE designará unha Comisión de Valoración. Esta comisión será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, de acordo cos criterios de avaliación e selección de solicitudes sinalados no artigo 12 desta orde, así como de elevar ao órgano instrutor o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relación coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

c) Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e da FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE (http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/).

3. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 12. Avaliación e selección das solicitudes

A Comisión de Valoración avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases, de modo simultáneo para as distintas modalidades de bolsas, de acordo cos seguintes criterios:

I. Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega.

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 40 puntos.

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Titulacións preferentes

Por estar en posesión dalgunha/s das seguintes titulacións:

Grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Economía, Ciencias Políticas e da Administración, Xornalismo ou Comunicación, e graos ou licenciaturas nas áreas Tradución e Interpretación e Relacións Internacionais.

– Primeiro grao ou licenciatura: 5 puntos

– Segundo grao ou licenciatura: 2 puntos

7

Mestrado

Mestrado universitario en asuntos europeos, relacións internacionais ou comunicación dixital, ou en formación especializada e avanzada nos perfiles lingüísticos dos idiomas comunitarios: 6 puntos

6

Cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 120 horas: 2 puntos por curso.

3

Linguas inglesa e francesa

– Nivel B2: 3 puntos

– Nivel C1: 5 puntos

– Nivel C2: 7 puntos

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 7 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

14

Pasarán á seguinte fase, entrevista persoal, os 10 primeiros clasificados, por orde decrecente de puntuación. En caso de empate na posición décima, pasarán todas as persoas aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista en que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre asuntos europeos da persoa aspirante e a súa capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nunha contorna multicultural e multilingüe, podendo a Comisión de Valoración efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

II. Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos.

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 40 puntos.

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Titulacións a maiores da titulación exixida para acceder ás bolsas

Por estar en posesión dalgunha/s das seguintes titulacións:

Grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Economía, Ciencias Políticas e da Administración, e graos ou licenciaturas nas áreas Tradución e Interpretación e Relacións Internacionais.

-Primeiro grao ou licenciatura: 5 puntos

-Segundo grao ou licenciatura: 2 puntos

7

Mestrado

Mestrado universitario en asuntos europeos, relacións internacionais ou comunicación dixital ou en formación especializada e avanzada nos perfiles lingüísticos dos idiomas comunitarios: 6 puntos.

6

Cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas

-Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso

-Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

-Cursos de duración igual ou superior a 120 horas: 2 puntos por curso.

3

Lingua galega

Celga 4 ou titulación equivalente ou superior: 2 puntos

2

Linguas inglesa e francesa

-Nivel B2: 3 puntos

-Nivel C1: 4 puntos

-Nivel C2: 6 puntos

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 6 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

12

Pasarán á seguinte fase, entrevista persoal, os 5 primeiros clasificados, por orde decrecente de puntuación. En caso de empate na posición quinta, pasarán todas as persoas aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista en que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre asuntos europeos da persoa aspirante e a súa capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nunha contorna multicultural e multilingüe, podendo a Comisión de Valoración efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

III. Bolsas destinadas a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo.

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 40 puntos.

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido na Orde do 12 de xullo de 2011 ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Titulacións a maiores da titulación exixida para acceder ás bolsas

Título de técnico superior en Márketing e Publicidade, Comercio Internacional, na familia profesional de Informática e Comunicacións, ou equivalente: 5 puntos por titulación.

10

Cursos relacionados con asuntos europeos

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso

5

Cursos de ofimática e cursos relacionados co ámbito obxecto da bolsa

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

5

Lingua galega

– Celga 3 ou titulación equivalente: 1 punto

– Celga 4 ou titulación equivalente: 2 puntos

2

Linguas inglesa e francesa

– Nivel B1: 3 puntos

– Nivel B2 ou superior: 4 puntos

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

8

Pasarán á segunda fase, entrevista persoal, os primeiros 5 clasificados por orde decrecente de puntuación. En caso de empate na quinta posición, pasarán todas as persoas candidatas que teñan esa mesma puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista en que se valorará o coñecemento xeral sobre a organización dunha oficina e a capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nunha contorna multicultural e multilingüe. A Comisión de Valoración poderá efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Comezar o goce da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

3. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e actuar segundo os principios de eficacia, integridade e confidencialidade.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

5. Todos os estudos, informes e demais documentos que xere a persoa bolseira durante o desenvolvemento da súa formación quedarán á disposición da FGE, que será titular dos dereitos de explotación e demais relativos á propiedade intelectual dos estudos e informes.

Artigo 15. Compromisos da FGE

A FGE comprométese a:

1. Facer o pagamento das obrigas económicas derivadas da concesión desta bolsa.

2. Efectuar as retencións á conta correspondentes ao imposto sobre a renda das persoas físicas así como as cotas da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

3. Asignar ao beneficiario unha persoa que exerza a titoría e que será responsable da súa formación durante todo o período que duren as prácticas.

4. Proporcionar un plan de formación co obxectivo de que a persoa bolseira adquira experiencia e un coñecemento práctico.

5. Ao remate do período de formación a persoa que exerza a titoría expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 16. Incidencias no desenvolvemento das bolsas

1. Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, procederase á cobertura desta seguindo a orde establecida nas correspondentes listaxes de suplentes en función da puntuación obtida.

2. En calquera momento, a persoa responsable da oficina da FGE en Bruxelas poderá propoñerlle ao director da FGE cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria. Neste caso, o director da FGE poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria, logo do trámite de audiencia á persoa interesada.

3. A FGE poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa por motivos de forza maior, logo da incorporación da persoa bolseira ao destino adxudicado.

4. A renuncia durante o goce da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola FGE.

5. O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo con estas bases reguladoras dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das contías xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Tanto a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución coma a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. As funcións derivadas do reintegro e, de ser o caso, de imposición de sancións, así como as funcións de control e demais que supoñan o exercicio de potestades administrativas, serán exercidas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información básica sobre a protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude que se acompañará coa resolución de convocatoria, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento xeral de protección de datos-RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 19. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións e no seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.