DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 23 de abril de 2024 Páx. 25245

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para realizar prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así sexa autorizada a correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou do órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a citada disposición, a aprobación das bases reguladoras exercerana os órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante, FGE ou a Fundación) é unha entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico. De acordo co establecido na citada norma, a Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior da Administración autonómica.

A fundación pública Fundación Galicia Europa foi constituída pola Xunta de Galicia, ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución española, como fundación de interese galego e réxese pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, sobre o réxime das fundacións de interese galego, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.

A FGE ten entre os seus fins e actividades fundacionais servir ao interese xeral de Galicia, ao seu fortalecemento institucional, ao fomento da súa economía produtiva e social e mais á promoción de todas aquelas accións que acheguen Galicia á realidade europea, defendendo os seus intereses ante as institucións e os órganos da Unión e difundindo os valores europeos entre a sociedade galega. Para cumprir esta finalidade, a FGE poderá exercer a representación autonómica galega ante as institucións e os órganos da Unión Europea seguindo en todo caso as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado; apoiar e asistir a actuación do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea ante os órganos e institucións da Unión Europea e as súas redes de cooperación territorial; atender as solicitudes de intermediación e apoio das distintas consellerías e entidades do sector público autonómico, así como das restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión Europea, e formar a mocidade galega nos asuntos europeos mediante a convocatoria de bolsas de estudos co obxecto de realizar prácticas na propia FGE e naquelas outras institucións nacionais ou estranxeiras relacionadas cos fins da FGE.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, ten, entre outras funcións, a execución da actividade europea e da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais que lle correspondan a cada departamento, así como a coordinación e o seguimento técnico e de xestión da Fundación Galicia Europa, segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, modificado polo Decreto 144/2023, do 9 de novembro.

Con base no establecido no artigo 18.c) dos estatutos da Fundación Galicia Europa, elevados a públicos o 26 de febreiro de 2024, correspóndelle ao presidente da FGE aprobar as bases das convocatorias públicas de axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación. Ao abeiro do artigo 13 dos anteriormente citados estatutos da Fundación Galicia Europa, a Presidencia do Padroado da Fundación Galicia Europa correspóndelle á persoa titular da consellería de quen dependa o centro directivo con competencias en materia de relacións coa Unión Europea.

A Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico. Os estatutos da Gain atribúenlle, entre outras funcións, as de ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A importancia da innovación e da investigación para o tecido empresarial de Galicia, a formación da mocidade neste ámbito, así como o coñecemento dos programas europeos de apoio a estas políticas, son elementos primordiais para un crecemento competitivo e sostible da economía galega, o que require un esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións das persoas tituladas superiores universitarias que inician a súa actividade neste sector.

O 8 de abril de 2022 o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a 3 prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de 5 obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articulan os instrumentos e actuacións que se deberán desenvolver integrados nos correspondentes programas.

O obxectivo estratéxico 5 busca reforzar o posicionamento de Galicia. Un dos desafíos concretos relacionados con este obxectivo é o de incrementar a participación en redes, consorcios e programas a nivel nacional, europeo e internacional. En consecuencia, o presente instrumento enmárcase na RIS3, respondendo polo seu carácter transversal aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico aproveitar a marca Galicia para posicionarse en I+D+i (obxectivo estratéxico 5) e intégrase, polo tanto, no programa Posiciona, contribuíndo a sentar as bases que impulsen unha maior colaboración e presenza na contorna europea e internacional de empresas, centros de coñecemento e administración.

Por este motivo, a Axencia Galega de Innovación, a través de transferencias de financiamento do seu orzamento de gastos, financia un programa de bolsas, que se desenvolven fundamentalmente na oficina da FGE en Bruxelas, de formación en proxectos europeos no ámbito da innovación e investigación, e no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación.

O obxectivo das bolsas é que as persoas bolseiras adquiran coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, a identificación das convocatorias e a participación nas reunións das redes de cooperación rexional en que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en iniciativas de I+D+i, concretamente ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e Vanguard Initiative.

En atención a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a Fundación Galicia Europa para poder conceder subvencións de bolsas de formación dirixidas a persoas cun título universitario co fin de realizar prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación.

Segundo. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas de formación para realizar prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación.

Disposición adicional. Facultade de desenvolvemento

Autorízase o director da Fundación Galicia Europa para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para desenvolver e cumprir as bases.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación práctica, para persoas tituladas universitarias, en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M)

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas cales se rexerá a concesión de bolsas de formación para persoas cun título universitario co fin de realizar prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación (código de procedemento PR770M).

Artigo 2. Condicións xerais da bolsa

1. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

2. O obxectivo das bolsas é que as persoas bolseiras adquiran coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e coa investigación, a identificación das convocatorias e a participación nas reunións das redes de cooperación rexional en que participa a Xunta de Galicia para promover a colaboración galega en iniciativas de I+D+i e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

3. A concesión e o gozo da bolsa non suporán vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a FGE e Gain.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

4. As bolsas serán indivisibles e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada. A persoa adxudicataria, no momento de aceptación da bolsa, non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Artigo 3. Duración e lugar de realización

1. O programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses.

2. O lugar de desenvolvemento das bolsas será a oficina da FGE en Bruxelas; tamén se poderán realizar breves períodos formativos nas dependencias da Gain en Santiago de Compostela ou onde se indique.

Artigo 4. Número, contía e financiamento das bolsas

1. O número de bolsas e os seus importes determinaranse con base no importe anual reflectido no orzamento de gastos da Axencia Galega de Innovación como transferencia de financiamento á FGE para o programa de bolsas.

As convocatorias anuais da FGE quedarán condicionadas á existencia desta transferencia de financiamento e indicarán o número de bolsas, así como o seu importe total.

O importe total de cada bolsa incluirá as retribucións brutas e os custos da Seguridade Social, o pagamento dun seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica, así como unha axuda de desprazamento, que terá a consideración de pagamento anticipado, de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Este anticipo non exixe a constitución de garantías.

2. O financiamento das bolsas por parte da FGE establecerase nas correspondentes convocatorias anuais da FGE.

3. As bolsas aboaranse mensualmente pola parte proporcional da retribución bruta que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa

Poderán optar a obter as bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a residencia en Galicia mediante empadroamento.

3. Posuír o título universitario oficial de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente ou o xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

4. Posuír un nivel B2 ou superior en lingua inglesa.

5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.

6. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

7. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Artigo 6. Presentación de solicitudes, prazo e declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que se xuntarán coa correspondente resolución de convocatoria, será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro do mes.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Na solicitude, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria, inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non incorrer a persoa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas das previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude a persoa interesada debe achegar a documentación complementaria que se indica a seguir:

a) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan el NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar a filiación de proxenitores galegos.

c) Xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título oficial universitario).

d) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.

e) Copia do documento que acredita o nivel B2 en lingua inglesa.

f) Currículo: será preferentemente en formato Europass e relacionaranse os estudos cursados e, de ser o caso, a experiencia en proxectos de innovación e investigación.

g) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante, que se recollerán nun anexo que figurará na correspondente resolución de convocatoria, xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo.

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados en que consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o Sistema europeo de créditos e o Sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para estudos universitarios ou normativa que o modifique.

– Os cursos en materia de investigación ou innovación acreditaranse mediante o correspondente título ou certificado de participación nas entidades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– A participación en proxectos de investigación e innovación acreditarase mediante certificación expedida pola entidade onde se realizou o proxecto. A duración pódese acreditar mediante copia do contrato de traballo ou certificado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante a presentación da copia do título oficial que acredite o nivel de linguas. Para participar no proceso selectivo debe acreditarse polo menos o nivel B2 en lingua inglesa. Non se valorarán os cursos e idiomas que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento a que se refire o artigo 10.5. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Cos documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberá achegarse unha tradución xurada.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

4. Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para tramitar o procedemento.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Datos de residencia con data de última variación do padrón.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións xulgue necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea aprobará a listaxe provisional das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE.

4. As persoas candidatas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou a desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na listaxe definitiva das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, listaxe que será publicada na páxina web da FGE e remitida á Comisión para que valore as solicitudes das persoas candidatas admitidas.

5. A Comisión de Valoración avaliará inicialmente os méritos acreditados documentalmente (primeira fase) das persoas candidatas admitidas e, tras a avaliación, publicarase na páxina web da FGE a listaxe provisional das puntuacións obtidas polas persoas candidatas ordenadas de maior a menor.

Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Logo de se resolveren as reclamacións, publicarase na páxina web da FGE a listaxe definitiva coa puntuación obtida na primeira fase por cada unha das persoas candidatas. A estimación ou a desestimación das reclamacións entenderase implícita na puntuación obtida na listaxe definitiva.

6. Con base na listaxe anterior, a Comisión de Valoración convocará, mediante anuncio na páxina web da FGE, as persoas candidatas para realizar as entrevistas persoais (segunda fase) e indicará a data, a hora e o lugar de realización destas. A concorrencia é obrigatoria, polo que as persoas que non se presenten serán excluídas do procedemento de selección. As persoas candidatas deben acreditar a súa identidade para realizar a entrevista.

7. Tras a valoración dos méritos (primeira fase) e da entrevista persoal (segunda fase), a Comisión de Valoración formulará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas, que lle será remitida ao órgano instrutor.

8. Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

9. O órgano instrutor elevaralle o informe xunto coa proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes ao órgano competente para resolver.

10. A resolución definitiva publicarase na páxina web da FGE, http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/, e notificaráselle á/ás persoa/s adxudicataria/s que, nun prazo de tres días hábiles, estarán obrigadas a comunicarlle á Fundación Galicia Europa a súa aceptación ou renuncia por escrito. Se transcorrido o prazo non se produce manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renunciase expresamente á bolsa, esta concederáselle á seguinte persoa con mellor puntuación da lista de suplentes.

11. No caso de que non se presenten solicitudes, de que ningunha das persoas candidatas acade unha puntuación mínima de 25 puntos (50 % da puntuación máxima) ou ningunha das persoas beneficiarias acepte a bolsa, a convocatoria será declarada deserta.

12. O prazo máximo para tramitar e resolver a concesión das bolsas será de cinco (5) meses, contados desde a data de publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

13. A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 66.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que se poida exercer calquera outro recurso que se xulgue pertinente.

Transcorrido este prazo sen se presentar o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da correspondente resolución de convocatoria das bolsas, o director da FGE designará unha comisión de valoración. Esta comisión será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, de acordo cos criterios de avaliación e selección de solicitudes sinalados no artigo 12 desta orde, así como de elevar ao órgano instrutor o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou na normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relación coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

c) Vogais: ata un máximo de tres vogais, que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Gain e da FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

3. A Comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 12. Avaliación e selección das solicitudes

A Comisión avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases, de acordo cos seguintes criterios:

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 38 puntos.

Concepto

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Titulación universitaria preferente
(inferior a mestrado)

Estudos universitarios relacionados coas ramas de coñecemento de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, segundo se especifica no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, ou na normativa que o modifique: 5 puntos.

5

Expediente académico
(da titulación anterior)

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Mestrado

Mestrado universitario nas ramas de coñecemento de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura: 5 puntos.

5

Cursos relacionados en materia de investigación ou innovación

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,25 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 0,50 puntos por curso.

5

Por participación en proxectos de investigación ou innovación

Prácticas ou traballo acreditados: 0,50 puntos por cada tres meses de prácticas ou traballo.

5

Lingua inglesa

– Nivel C1: 3 puntos.

– Nivel C2: 6 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

Aplicaránselles 6 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas de Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

6

Outras linguas estranxeiras

– Nivel B2: 1 punto.

– Nivel C1: 2 puntos.

Valorarase ata un máximo de dúas linguas.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaránselles 2 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

2

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 12 puntos.

A entrevista valorará o grado de coñecemento das persoas candidatas nos seguintes aspectos:

1) O coñecemento das institucións comunitarias e das políticas europeas que máis afectan a Galicia.

2) O coñecemento sobre a política científica e tecnolóxica da Unión Europea, do Estado e de Galicia.

3) O coñecemento sobre os programas europeos 21-27, especialmente o Horizon Europe.

4) A claridade na exposición dos contidos.

5) O grao de fluidez na lingua inglesa.

Os membros da Comisión poderán realizar preguntas en inglés.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia- Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supor a denegación ou revogación da axuda.

2. Comezar o gozo da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

3. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e actuar segundo os principios de eficacia, integridade e confidencialidade.

4. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

5. Facilitar cantos datos resulten necesarios para valorar o instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos de seguimento.

6. Todos os estudos, os informes e os demais documentos que xere a persoa bolseira durante o desenvolvemento da súa formación quedarán á disposición da FGE e da Gain, que serán titulares dos dereitos de explotación e demais relativos á propiedade intelectual dos estudos e informes.

Artigo 15. Compromisos da FGE

A FGE comprométese a:

1. Facer o pagamento das obrigas económicas derivadas da concesión desta bolsa.

2. Efectuar as retencións á conta correspondentes ao imposto sobre a renda das persoas físicas, así como as cotas da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

3. Asignarlle á persoa beneficiaria unha persoa representante da Gain que colabore coa FGE que exerza a titoría e que será responsable da súa formación durante todo o período que duren as prácticas.

4. Proporcionar un plan de formación co obxectivo de que a persoa bolseira adquira experiencia e un coñecemento práctico.

5. Ao remate do período de formación a persoa que exerza a titoría expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 16. Incidencias no desenvolvemento das bolsas

1. Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, cubrirase esta seguindo a orde establecida nas correspondentes listaxes de suplentes en función da puntuación obtida.

2. En calquera momento a persoa responsable da oficina da FGE en Bruxelas poderá proporlle ao director da FGE cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria. Neste caso, o director da FGE poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria, logo de trámite de audiencia á persoa interesada.

3. A FGE poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa por motivos de forza maior, logo da incorporación da persoa bolseira ao destino adxudicado.

4. A renuncia durante o gozo da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola FGE.

5. O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo con estas bases reguladoras dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das contías xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Tanto a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. As funcións derivadas do reintegro e, de ser o caso, de imposición de sancións, así como as funcións de control e demais que supoñan o exercicio de potestades administrativas, serán exercidas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información básica sobre a protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude que se xuntará coa resolución de convocatoria, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 19. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.