DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Mércores, 24 de abril de 2024 Páx. 25495

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O 14 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, fundamentada nos criterios de eficacia que inspiran a actuación e a organización administrativa.

En virtude dos criterios arriba indicados, e de acordo co previsto nos artigos 23.3 e 26.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cómpre agora establecer os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos á Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de abril de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único

a) Dependerán da Presidencia da Xunta de Galicia os seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral da Presidencia:

1.1. Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

2. Secretaría Xeral de Medios:

2.1. Dirección Xeral de Comunicación.

3. Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, con rango de secretaría xeral.

4. Asesoría Xurídica Xeral, con rango de secretaría xeral.

4.1. Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo.

5. As delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

b) Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia de Turismo de Galicia, que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e demais normas de aplicación.

Disposición adicional primeira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica, denominación e/ou rango varíen como consecuencia do disposto neste decreto.

Disposición adicional segunda. Xefatura de Gabinete de Apoio á Presidencia da Xunta de Galicia e Xefatura de Comunicación

A Presidencia da Xunta de Galicia contará coa Xefatura de Gabinete de apoio á Presidencia da Xunta de Galicia e coa Xefatura de Comunicación, cuxas funcións se desenvolverán no decreto de estrutura orgánica da Presidencia. Mentres non se desenvolvan as súas funcións, seguirán desempeñando as previstas para a Oficina de Asesoramento Especial e Apoio á Persoa Titular da Presidencia da Xunta de Galicia, e a Xefatura de Comunicación, no vixente decreto de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias na Secretaría Xeral da Presidencia

A delegación de competencias outorgada a favor da Secretaría Xeral da Presidencia continuará vixente ata que sexa revogada expresamente ou novamente outorgada.

Disposición adicional cuarta. Exercicio de determinadas funcións previstas no Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia

1. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a súa Secretaría Xeral Técnica continuarán desempeñando as funcións que corresponden á Secretaría do Consello da Xunta de Galicia e Presidencia e Vicepresidencia da Comisión de Secretarios Xerais, previstas nos artigos 15.3, 15.4 e 18.4 do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia.

2. As referencias á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, contidas nos artigos 9, 13, 15.1 e 18, números 2 e 3 e 22.2 do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, entenderanse feitas á Secretaría Xeral da Presidencia (Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia, Servizo de Secretariado do Goberno).

Disposición adicional quinta. Referencias do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos

As referencias á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contidas no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, incluída a referencia realizada nos propios estatutos da Axencia, entenderanse realizadas á Presidencia da Xunta de Galicia, que exercerá a presidencia da Axencia.

Disposición adicional sexta. Adscrición da Secretaría Xeral da Emigración e das delegacións exteriores da Xunta de Galicia

A Secretaría Xeral da Emigración e as delegacións exteriores da Xunta de Galicia, estas últimas a través da indicada secretaría xeral, adscríbense á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Disposición adicional sétima. Oficina de Coordinación Económica da Presidencia

1. A Oficina de Coordinación Económica da Presidencia configúrase como un órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con nivel orgánico de secretaría xeral e funcións de apoio e asesoramento en materia económica á Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Á Oficina de Coordinación Económica da Presidencia corresponderanlle, en particular, as seguintes funcións:

a) A elaboración de estudos sobre o impacto das políticas económicas aplicadas na Comunidade Autónoma.

b) A elaboración de estudos de seguimento e avaliación sobre o desenvolvemento de proxectos de investimentos estratéxicos e transformadores.

c) A análise e a proposta de fontes de financiamento, no ámbito dos fondos europeos, para os proxectos e investimentos transformadores.

d) O asesoramento e o apoio á Oficina Económica de Galicia na coordinación dos distintos departamentos e órganos sectoriais do sector público autonómico, garantindo a coherencia das actuacións que cada un desenvolva no marco das súas competencias para a consecución dun resultado común.

e) Aqueloutras funcións que se determinen no decreto de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

3. Para o exercicio das súas funcións, a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia poderá crear comisións sectoriais específicas ou grupos de traballo dos cales formen parte órganos superiores ou directivos da Administración autonómica ou expertos nas materias concernidas. Así mesmo, poderá ditar instrucións e impulsar acordos e protocolos de coordinación nas materias que analice, nas cales exista interrelación competencial ou funcional entre os distintos órganos da Administración autonómica.

Disposición adicional oitava. Tutela funcional da sociedade pública Galicia Calidade, S.A.

A Axencia de Turismo de Galicia asumirá a tutela funcional da sociedade pública Galicia Calidade, S.A.

Disposición transitoria primeira. Subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección previstos neste decreto

Os órganos superiores e de dirección sinalados no artigo único e os órganos que dependan deles manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria segunda. Aplicación da disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia

As referencias contidas na disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, resultan de aplicación aos órganos superiores e de dirección previstos neste decreto mentres non se regule a súa nova estrutura orgánica.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 72/2022, do 25 de maio, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación á Consellería de Facenda e Administración Pública

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa.

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de abril de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes