DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Mércores, 24 de abril de 2024 Páx. 25500

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O 14 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Neste marco, procede agora aprobar a estrutura orgánica superior das respectivas consellerías, tendo en conta o compromiso da Xunta de Galicia de afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co artigo 25.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de abril de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

a) A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral para o Deporte.

3. Dirección Xeral de Xustiza.

4. Dirección Xeral de Administración Local.

5. Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

6. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

7. Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

8. Dirección Xeral de Mobilidade.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública.

2. A Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 2

a) A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

3. Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

4. Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A entidade pública empresarial Augas de Galicia.

2. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

Artigo 3

a) A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Universidades.

3. Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

4. Dirección Xeral de Formación Profesional.

5. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

b) Quedan adscritas a esta consellería:

1. A Axencia Galega de Innovación.

2. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 4

a) A Consellería de Política Social e Igualdade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

3. Dirección Xeral de Inclusión Social.

4. Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.

5. Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

6. Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

7. Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

b) Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega de Servizos Sociais, creada polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo.

Artigo 5

a) A Consellería de Economía e Industria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.

2.1. Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.

2.2. Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

2. A axencia Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 6

a) A Consellería de Facenda e Administración Pública estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro.

2. Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico.

3. Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos.

4. Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

5. Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.

6. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con rango de secretaría xeral.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.

3. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

4. A Axencia Tributaria de Galicia.

5. O Consello Económico e Social, ente institucional de dereito público, órgano consultivo creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

6. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, creado pola disposición derradeira segunda da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

Artigo 7

a) A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

2.1. Dirección Xeral de Urbanismo.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega de Infraestruturas.

2. O Xurado de Expropiación de Galicia, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a través da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

4. O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, a través da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

Artigo 8

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Saúde Pública.

3. Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Servizo Galego de Saúde.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

3. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Artigo 9

a) A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral da Lingua.

3. Dirección Xeral de Cultura.

4. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

5. Dirección Xeral de Xuventude.

b) Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega das Industrias Culturais.

Artigo 10

a) A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.

2.1. Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

2.2. Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.

3. Secretaría Xeral da Emigración.

4. Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. O organismo autónomo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

3. O ente público Consello Galego de Relacións Laborais.

4. As delegacións exteriores da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 11

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Defensa do Monte.

3. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

4. Dirección Xeral de Gandaría e Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

5. Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. A Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

Artigo 12

a) A Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3. Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Portos de Galicia.

2. O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

Disposición adicional primeira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica, denominación e/ou rango varíen como consecuencia do disposto neste decreto.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

1. As delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección afectados por este decreto continuarán vixentes ata que sexan expresamente revogadas ou novamente outorgadas.

2. Cando as delegacións de competencias que manteñan os seus efectos se outorguen en favor de órganos suprimidos ou modificados na súa denominación por este decreto, as ditas delegacións entenderanse vixentes en favor dos órganos en cuxo ámbito de actuación se incardine a correspondente competencia.

3. En particular, as delegacións de competencias outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica entenderanse outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías resultantes da nova organización.

Disposición adicional terceira. Referencia aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación

As referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación por este decreto entenderanse realizadas aos que os substitúen ou asumen as súas competencias.

Disposición adicional cuarta. Rango orgánico da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia

O rango orgánico e nivel retributivo da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia será o equivalente ao de dirección xeral.

Disposición adicional quinta. Competencias en materia de xogo

1. A Consellería de Facenda e Administración Pública asumirá as competencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma en materia de xogo.

2. Mentres non se proceda ao desenvolvemento da estrutura orgánica prevista neste decreto, a Subdirección Xeral de Xogo e Espectáculos Públicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior manterá a súa estrutura e funcións. As súas funcións en materia de xogo exerceraas baixo a dependencia funcional da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Disposición adicional sexta. Extinción da Axencia Galega da Industria Forestal

De acordo co procedemento establecido no artigo 44 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, a Axencia Galega da Industria Forestal extinguirase pola asunción dos seus fins e obxectivos pola Consellería de Economía e Industria a través do correspondente órgano de dirección, que dependerá da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético. Mentres non se produza a extinción, a Axencia estará adscrita á Consellería de Economía e Industria.

Disposición adicional sétima. Consellería competente en materia de solo empresarial

1. A Consellería de Economía e Industria asumirá as competencias en materia de solo empresarial, de acordo co establecido na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.

2. Para os efectos do establecido no número anterior, a Consellería de Economía e Industria asumirá a tutela funcional da sociedade pública Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.

3. A asunción e o efectivo exercicio das competencias previstas nesta disposición iniciaranse no momento en que se aprobe o decreto de estrutura orgánica da Consellería.

Disposición adicional oitava. Competencias e funcións da Consellería de Economía e Industria na materia de promoción industrial

1. A adscrición da Axencia Galega de Innovación á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional entenderase sen prexuízo das competencias e funcións que poida asumir a Consellería de Economía e Industria, de acordo co que se estableza no seu decreto de estrutura orgánica, na materia de promoción industrial, desenvolvemento tecnolóxico e innovación dos sectores produtivos, xestión de infraestruturas tecnolóxicas, apoio do crecemento de novas empresas de base tecnolóxica e asesoramento e información na materia de propiedade industrial.

2. Para os efectos do establecido no número anterior, poderán adscribirse á Consellería de Economía e Industria os centros e infraestruturas tecnolóxicas e produtivas dependentes da Administración autonómica que se determine. En particular, a Consellería asumirá a xestión do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño.

3. Así mesmo, a Consellería de Economía e Industria asumirá os labores de promoción do parque industrial de Rozas (Lugo) e a xestión de todos os programas derivados da Civil UAVs Initiative.

Disposición adicional novena. Competencias en materia de enerxías

1. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático asumirá as competencias na materia de instalacións de produción de enerxía a partir de fontes renovables previstas nesta disposición, tendo en conta o seu papel no cumprimento dos obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea, e a contribución da enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade.

2. De acordo co establecido no número anterior, e de acordo co que se estableza no seu decreto de estrutura orgánica, a Consellería asumirá as competencias e as funcións de tramitación e outorgamento das autorizacións das instalacións de enerxía eólica terrestre, enerxía solar fotovoltaica e enerxía hidroeléctrica, de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e das súas instalacións de conexión.

En particular, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático asumirá as competencias de autorización administrativa das instalacións de parques eólicos e das súas instalacións de conexión, así como a declaración da súa utilidade pública, previstas para a consellería competente en materia de enerxía na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. A Consellería de Economía e Industria exercerá as competencias de planificación do aproveitamento eólico previstas na dita lei.

Así mesmo, a Consellería de Economía e Industria asumirá as funcións de seguimento do cumprimento das declaracións de impacto ambiental e dos informes de impacto ambiental correspondentes ás instalacións previstas nesta disposición e, en particular, asumirá as competencias para a realización do programa específico de seguimento previsto no artigo 37.4 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

3. A asunción e o efectivo exercicio das competencias previstas nesta disposición iniciaranse no momento en que se aprobe o decreto de estrutura orgánica da Consellería.

4. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, para os efectos do exercicio das competencias e funcións de tramitación e outorgamento das autorizacións previstas nesta disposición, asumirá, a través da súa Secretaría Xeral Técnica, a función de impulso e coordinación da emisión dos informes sectoriais correspondentes á Administración da Comunidade Autónoma que sexan precisos, incluídos os correspondentes á Dirección Xeral de Saúde Pública e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

5. Á Consellería de Economía e Industria corresponderanlle as demais competencias en materia de enerxía, incluídas as referidas á planificación enerxética.

Disposición adicional décima. Competencias en materia de transporte escolar e adaptado

A Dirección Xeral de Mobilidade asumirá as competencias e as funcións en materia de transporte escolar que desempeña a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a xestión do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal.

Disposición adicional décimo primeira. Persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

A persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo asumirá tamén a Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Disposición adicional décimo segunda. Supresión das xefaturas territoriais e asunción das súas competencias polas direccións territoriais

1. Quedan suprimidas as xefaturas territoriais actualmente existentes das distintas consellerías.

2. As direccións territoriais previstas no artigo 11 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, na súa redacción dada pola disposición derradeira primeira deste decreto, ademais das funcións e competencias previstas naquel, asumirán as competencias e as funcións das xefaturas territoriais suprimidas previstas nos vixentes decretos de estrutura orgánica de cada consellería e nas restantes normas aplicables, sen prexuízo da futura adaptación da indicada estrutura orgánica ás disposicións previstas neste decreto.

O exercicio destas funcións e competencias realizarase nos termos establecidos no artigo 11 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

3. Os órganos dependentes das xefaturas territoriais suprimidas adscribiranse ás correspondentes direccións territoriais mentres non se regule mediante decreto a nova estrutura orgánica da Consellería.

Disposición adicional décimo terceira. Referencias do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos

As referencias á Consellería de Economía e Industria contidas no Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, incluídas as referencias realizadas nos propios estatutos da Axencia, entenderanse realizadas á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que exercerá a presidencia da Axencia e as competencias previstas na normativa vixente como consellería de adscrición.

Disposición adicional décimo cuarta. Modificación das relacións de postos de traballo para adaptalas á supresión dos postos de traballo das persoas titulares das xefaturas territoriais

A consellería competente en materia de función pública procederá á modificación das relacións de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para adaptalas á supresión dos postos de traballo das persoas titulares das xefaturas territoriais.

Disposición transitoria primeira. Adscrición dos órganos das secretarías xerais e direccións xerais

Mediante as resolucións oportunas das persoas titulares das consellerías determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación ou rango, como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa neste decreto, aos órganos superiores ou directivos que os substitúan, que asumirán as correspondentes competencias, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da consellería. Estes órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións, reguladas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria segunda. Subsistencia da estrutura e das funcións dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica

1. Os órganos dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica da Xunta de Galicia dependerán das consellerías resultantes da nova organización de acordo coas súas respectivas competencias e manterán a súa estrutura e funcións, reguladas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

2. En particular, naqueles supostos en que os departamentos territoriais ou outros órganos ou servizos integrados nas delegacións territoriais teñan competencias correspondentes a máis dunha das consellerías resultantes da nova organización, o seu exercicio realizarase baixo a dependencia funcional da consellería actualmente competente en cada caso, ata o desenvolvemento da nova estrutura contida neste decreto.

3. Así mesmo, os postos de traballo que dependan dos órganos dos departamentos territoriais e que viñesen desempeñando funcións ou tarefas que, de acordo con este decreto, pasen a ser competencia doutra consellería continuarán desempeñándoas, baixo a dependencia funcional desa consellería, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto e se realice unha nova adscrición orgánica dos postos de traballo.

Disposición transitoria terceira. Adscrición das persoas titulares das xefaturas territoriais suprimidas ás direccións territoriais

1. As persoas que no momento da entrada en vigor deste decreto estean ocupando con carácter definitivo ou temporal os postos de xefatura territorial suprimidos serán adscritas, por resolución das persoas titulares das consellerías respectivas, ás direccións territoriais previstas neste decreto.

2. As persoas a que se refire o número anterior, no suposto de que ocupen o posto de xefatura territorial suprimido con carácter definitivo, seguirán ocupando os postos de dirección, sen prexuízo de que se poida dispoñer o seu cesamento discrecional, nos termos previstos polo artigo 95 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e a súa nova provisión nos termos establecidos neste decreto.

No caso de que o posto de xefatura territorial se ocupe con carácter temporal, estas persoas manterán o posto de dirección ata que finalice o tempo de provisión temporal, sen prexuízo de que se poida dispoñer o seu cesamento discrecional antes do dito tempo e proceder á nova provisión nos termos establecidos neste decreto.

Disposición transitoria cuarta. Aplicación do establecido no número 4 da disposición transitoria terceira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

Será aplicable ao persoal funcionario que ocupe as novas direccións territoriais establecidas neste decreto o establecido no número 4 da disposición transitoria terceira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, polo que se manterá na situación de servizo activo, e manterá a reserva do posto de traballo que ocupe con carácter definitivo no momento do nomeamento, se o dito posto se obtivo mediante concurso.

Disposición transitoria quinta. Aforro de custos no material impreso

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto en que se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material aplicaránselle as novas denominacións.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia

O Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o artigo 11, que queda redactado como segue:

«Artigo 11. Os departamentos territoriais

1. Os departamentos territoriais son os órganos de exercicio das competencias administrativas de cada unha das consellerías, co alcance que se lles atribúa na estrutura orgánica da consellería e demais normativa aplicable ou que se lles delegue, e estarán integrados por aqueles servizos ou áreas que sexan necesarios para unha maior eficacia da xestión administrativa.

2. Á fronte dos departamentos territoriais estarán os directores ou directoras territoriais, que, ademais das funcións que deriven do establecido no número anterior, asumirán as seguintes competencias, sen prexuízo das atribuídas aos delegados territoriais:

a) A representación oficial da consellería ante as autoridades, organismos e entidades provinciais e locais.

b) Dirixir, coordinar e impulsar a política da consellería na provincia.

c) Dirixir e exercer a supervisión, coordinación e seguimento das actividades dos servizos do departamento territorial.

3. Agás que unha norma dispoña o contrario, os actos dos directores ou directoras territoriais non poñen fin á vía administrativa e serán impugnables en alzada ante os conselleiros de que dependan.

4. O director ou directora territorial será substituído/a, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, pola persoa que designe o conselleiro de que dependa.

5. O nomeamento e a separación dos directores ou directoras territoriais efectuarao libremente a persoa titular da consellería respectiva, entre funcionarios de carreira do grupo A1 ou A2, ou, atendendo a criterios de competencia profesional ou experiencia, entre persoas que reúnan os requisitos que en cada caso se consideren adecuados para o desenvolvemento da función».

Dous. O número 2 do artigo 12 queda redactado como segue:

«2. Estará presidida polo delegado ou delegada territorial e formarán parte dela os directores ou directoras territoriais e o secretario ou secretaria territorial, quen actuará como secretario/a da Comisión».

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, que establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde

O Decreto 137/2019, do 10 de outubro, que establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 2 queda redactado do seguinte modo:

«1. O Consello de Dirección é o órgano de administración do Servizo Galego de Saúde e estará integrado polos seguintes membros:

a) A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, que exercerá a presidencia.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, que exercerá a vicepresidencia e a coordinación do Consello.

c) A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

d) A persoa titular da Vicexerencia do Servizo Galego de Saúde.

e) As persoas titulares das direccións xerais do Servizo Galego de Saúde.

f) As persoas titulares das áreas sanitarias».

Dous. O número 1 do artigo 3 queda redactado do seguinte modo:

«1. O Comité Executivo do Servizo Galego de Saúde terá a seguinte composición:

a) A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, que exercerá a presidencia.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, que exercerá a vicepresidencia e a coordinación do Comité.

c) A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

d) A persoa titular da Vicexerencia do Servizo Galego de Saúde.

e) As persoas titulares das direccións xerais do Servizo Galego de Saúde.»

Tres. O número 1 do artigo 5 queda redactado do seguinte modo:

«1. A Xerencia do Servizo Galego de Saúde, que terá a consideración de alto cargo e rango de dirección xeral, é o órgano responsable dos servizos de asistencia sanitaria e ten, baixo a dependencia da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, a dirección e o control do Servizo Galego de Saúde».

Disposición derradeira terceira. Habilitación á Consellería de Facenda e Administración Pública

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa.

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de abril de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes