DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Mércores, 24 de abril de 2024 Páx. 25583

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT213A).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3, determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega, a Agadic ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co obxecto de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e incrementar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT213A).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L). O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante o período dos tres anos previos á data de concesión.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao espazo económico europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como entidades locais galegas sempre que cumpran co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e os criterios establecidos nestas bases.

Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

3. Financiamento.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento de 2024 por importe de 280.000 euros, suma que irá a cargo das seguintes aplicacións orzamentarias do código de proxecto 2015-00003: un total de 30.000 € na aplicación 10.A1.432B.460.0, 60.000 € na aplicación 10.A1.432B.470.0 e 190.000 € na aplicación 10.A1.432B.481.0.

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9, e deberase cumprir cos requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: industriasculturais.xunta.gal

b) Teléfonos: 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) Enderezo electrónico: agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

6.3. De acordo co establecido no artigo 14.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

9. Rexistro Público de Subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor
da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva,
a festivais de artes escénicas e convocatoria para o ano 2024
(código de procedemento CT213A)

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ten por obxecto fixar as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT213A).

2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L). O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante os tres anos previos á data de concesión.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto das axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras subvencións polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e dos seus organismos dependentes.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto obxecto de subvención.

5. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao espazo económico europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

2. Poderán acceder a esta convocatoria as entidades locais galegas.

3. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberase acreditar que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

4. Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

5. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. O crédito asignado ao financiamento da subvención será de 280.000 euros, suma que irá a cargo das seguintes aplicacións orzamentarias do código de proxecto 2015-00003: un total de 30.000 € na aplicación 10.A1.432B.460.0, 60.000 € na aplicación 10.A1.432B.470.0 e 190.000 € na aplicación 10.A1.432B.481.0.

Ao estar distribuída a contía total máxima anual entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Contías e límites máximos:

A contía das subvencións determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, o custo do proxecto, o importe solicitado e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

O límite da subvención sobre o orzamento subvencionable é do 60 % e a contía máxima da subvención é de 60.000 euros.

No caso das solicitudes conxuntas de entidades locais ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá acadar ata un máximo do 85 % do orzamento subvencionable, respectando en todo caso a contía máxima da subvención establecida.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Para poder optar a estas axudas, o festival obxecto da solicitude deberá cumprir cos seguintes requisitos:

– Debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2023 e o 31 de outubro do ano 2024. Enténdense incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2024 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.

– Ter realizado un mínimo de 2 edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.

– Debe ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable.

– A programación de compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia debe representar, como mínimo, o 30 % do orzamento de contratación profesional artística do festival, agás no caso daqueles festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.

– Un mínimo do 60 % das representacións escénicas teñe que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de rúa.

– A programación debe estar conformada por un mínimo de seis compañías.

2. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa solicitante.

Para estes efectos, deberase establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a Comisión de Valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas persoas solicitantes.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se acredite o seu pagamento antes da data de xustificación: 15 de outubro de 2024 para aqueles festivais que finalicen antes do 30 de setembro e 15 de novembro de 2024 para os restantes.

2. Para os efectos desta convocatoria son gastos subvencionables:

– Gastos de promoción, difusión e publicidade.

– Alugamento de espazos, servizos e equipamentos técnicos.

– Cachés de compañías.

– Dotación de premios outorgados polo festival.

– Gastos de viaxes e aloxamento das persoas participantes nas actividades propostas, excluídas as manutencións.

– Gastos derivados da xestión dos dereitos de autor.

– Gastos xerais e de persoal asociados ao desenvolvemento do proxecto (ata un máximo do 30 % do proxecto presentado).

3. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a:

– Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

– Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio da persoa solicitante.

– Gastos protocolarios.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, de 13 xuño, de subvencións de Galicia.

– En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.

2. Nestas bases admítese a subcontratación de conformidade co establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtiveran subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo para presentación de solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación administrativa:

1.1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas:

– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no rexistro mercantil ou no que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.2. Entidades públicas que integran a Administración local e organismos delas dependentes:

– Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa responsable da secretaría da entidade, ou cargo asimilable, en que se faga constar o acordo adoptado polo órgano competente para solicitar a subvención.

– Normas de creación e estatutos de constitución, no suposto de entidades do sector público.

– Acreditación do cumprimento de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no suposto de entidades locais.

– Acreditación da rendición de contas anuais ante o seu órgano de goberno, no suposto de entidades do sector público.

2. Documentación específica:

2.1. Anexo III: programación do festival.

2.2. Memoria do festival en edicións anteriores, cun máximo de 10 páxinas, que inclúa separadamente o tratamento das seguintes epígrafes:

2.2.1. Antigüidade do festival.

2.2.2. Recoñecementos acadados.

2.2.3. Interese artístico das programacións.

2.2.4. Interese estratéxico para o sector: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego.

2.2.5. Repercusión, incidencia e impacto no territorio.

2.3. Memoria do proxecto para o cal se solicita subvención, que inclúa as seguintes epígrafes:

2.3.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto.

2.3.2. Duración do festival.

2.3.3. Producións, coproducións ou residencias do festival.

2.3.4. Estreas absolutas no festival.

2.3.5. Repercusión na creación e fomento de públicos.

2.3.6. Actividades complementarias: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (concertos, obradoiros, concursos, certames, encontros…) realizadas polo festival. Para a súa valoración, as actividades deben estar descritas e non só identificadas.

2.3.7. Plan de comunicación: estratexias de difusión e promoción do proxecto.

2.4. Viabilidade técnica e económica do proxecto: memoria económico-financeira que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados no artigo 5 e a previsión de ingresos (anexo IV). A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE.

2.5. Compromiso de produción, coprodución ou residencia en que consten as condicións económicas e/ou técnicas.

2.6. Documentación acreditativa de ser festival adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia.

2.7. Memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual no caso de solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, unha vez entregado o informe por parte da comisión de avaliación.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderánselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou a profesionais ou persoas expertas no eido das artes escénicas.

3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

4. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Para a valoración das solicitudes presentadas, constituirase unha Comisión de Valoración que será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic e que estará integrada por:

– Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic para a avaliación dos criterios automáticos. Unha delas desempeñará a presidencia da comisión.

– Tres persoas expertas do ámbito escénico para a valoración dos criterios artísticos.

– Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, que fará as funcións de secretaría da comisión, con voz e sen voto.

2. Para a composición da comisión terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

3. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os seus membros declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria. Así mesmo, absteranse se concorre algunha das circunstancias descritas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Tanto a comisión como o órgano instrutor poderán solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.

5. Os membros da comisión que valoren os criterios artísticos, previamente á cualificación das solicitudes, elaborarán un documento concretando os criterios definidos no artigo correspondente para aplicalos de xeito obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación, deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

6. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos e a segunda fase será a avaliación dos criterios artísticos. A puntuación final dos proxectos consistirá na suma de ambas as valoracións.

7. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión emitirá un informe relacionando os proxectos por orde de prelación, indicando a puntuación asignada a cada un deles de xeito motivado e levantarase unha acta que reflicta as deliberacións e acordos da comisión para a súa elevación ao órgano instrutor.

Artigo 16. Criterios de avaliación

CRITERIOS AUTOMÁTICOS

53 puntos

1. Memoria do festival en edicións anteriores.

8 puntos

1.1. Antigüidade (excluída a edición obxecto desa convocatoria):

– De 3 a 5 edicións: 1 punto.

– De 6 a 12 edicións: 3 puntos.

– Máis de 12 edicións: 5 puntos.

Ata 5 puntos

1.2. Recoñecementos acadados.

(Non se terán en conta os premios e recoñecementos non acreditados convenientemente nin os que non veñan reflectidos no anexo correspondente).

0,75 puntos por recoñecemento/premio.

Ata 3 puntos

2. Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención.

22 puntos

2.1. Duración do festival:

– Ata 3 días de duración: 1 punto.

– De 3 a 5 días: 2 puntos.

– Máis de 5 días: 6 puntos.

Ata 6 puntos

2.2. Producións, coproducións ou residencias do festival:

1,5 puntos por cada produción, coprodución ou residencia, acreditados mediante compromiso asinado coa entidade, en que consten as súas condicións económicas e/ou técnicas.

Ata 8 puntos

2.3. Estreas absolutas no festival:

2 puntos por cada estrea.

Ata 8 puntos

3. Viabilidade técnica e económica do proxecto.

23 puntos

3.1. Representacións de artes escénicas de pagamento de entrada:

– Entre o 61 % e o 70 %: 1 punto.

– Entre o 71 % e o 80 %: 4 puntos.

– Entre o 81 % e o 90 %: 8 puntos.

– Máis do 90 %: 10 puntos.

Ata 10 puntos

3.2. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento subvencionable (sen IVE):

– Entre o 50 % e o 60 %: 2 puntos.

– Menos do 50 % e ata o 30 %: 3 puntos.

– Menos do 30 %: 5 puntos.

Ata 5 puntos

3.3. Achegas de fondos propios da entidade organizadora e patrocinios de entidades privadas: valoración do nivel de patrocinios e fondos propios con que conta a entidade para levar a cabo a actividade con respecto ao orzamento subvencionable (sen IVE).

– Entre o 5 % e o 15 %: 2 puntos.

– Entre o 16 % e o 30 %: 3 puntos.

– Máis do 30 %: 6 puntos.

6 puntos

3.4. Adhesión ao Carné Xove impulsado pola Xunta de Galicia.

(O festival que estea adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia recibirá 2 puntos).

2 puntos

CRITERIOS ARTÍSTICOS

47 puntos

1. Traxectoria e interese cultural e artístico do festival nas edicións anteriores.

22 puntos

1.1. Interese artístico das programacións realizadas.

Ata 11 puntos

1.2. Interese estratéxico para o sector.

(Valoraranse as liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego realizadas polo festival en edicións anteriores).

Ata 6 puntos

1.3. Repercusión, incidencia e impacto no territorio.

Ata 5 puntos

2. Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención:

25 puntos

2.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.

Ata 14 puntos

2.2. Repercusión na creación e fomento de públicos.

Ata 4 puntos

2.3. Actividades complementarias: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (concertos, obradoiros, concursos, certames, encontros…) realizadas polo festival.

Ata 3 puntos

2.4. Plan de comunicación: estratexias de difusión e promoción do proxecto.

Ata 4 puntos

Como puntuación adicional, en cumprimento do acordo do Consello da Xunta polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgaránselles ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran as seguintes condicións:

a) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a. Número de concellos asociados: ata 5 puntos.

b. Número de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c. Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

b) Fusión municipal. Pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión: 45 puntos.

Para ser beneficiario de subvención será requisito acadar unha puntuación mínima na fase de valoración de 50 puntos, polo que resultarán excluídos de subvención os que no acaden a dita puntuación.

Artigo 17. Audiencia

1. Efectuada a valoración, a comisión realizará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.

Artigo 18. Resolución da convocatoria

1. Transcorrido o prazo das alegacións, se é o caso, o órgano instrutor ditará a proposta de resolución definitiva, que elevará á Presidencia do Consello Reitor, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas.

O importe económico determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, do orzamento do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. Esta proposta de resolución definitiva será elevada á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Na resolución informaranse por escrito as persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativa á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 13 de decembro de 2023, serie L).

Artigo 19. Aceptación e renuncia da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. As persoas beneficiarias deberanlle remitir á Agadic a memoria económica financeira (anexo IV) adaptada á subvención concedida só no suposto de que a subvención recibida fose inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades.

Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da presente convocatoria:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Agadic.

b) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido no artigo 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais no desenvolvemento das actividades subvencionadas. A persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa da Axencia Galega das Industrias Culturais, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, dispoñibles na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, https://industriasculturais.xunta.gal/gl/identidade-corporativa

f) Nos programas dos festivais, no caso de que conten con eles, deberase incluír nun lugar destacado unha páxina de publicidade segundo as indicacións da Agadic, sen ningún custo para a Axencia.

2. O incumprimento das anteriores obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto nos artigos 25 e 26 destas bases.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. A persoa beneficiaria ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % nas partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecte custos de persoal, que non se supere o límite do 7 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos nesta resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas.

2. Solo se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV ou unha copia deste ou similar).

c) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real Decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, copias de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento bancario pola persoa beneficiaria, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión.

e) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas etc.).

f) Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo V).

g) Carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes, de acordo co artigo 48.2.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No suposto de que a persoa beneficiaria da subvención sexa unha entidade local estará obrigada a xustificar ante o órgano outorgante o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do festival e o seu custo real, mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada por:

– Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa orixe.

d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) De acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, estas estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos da subvención concedida. No caso de realizarse pagamentos anticipados, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado por parte da entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación.

5. O prazo de xustificación da subvención concedida remata o 15 de outubro de 2024 para aqueles festivais que finalicen antes do 30 de setembro. Para os restantes, o prazo de xustificación remata o 15 de novembro de 2024.

6. A falta de presentación da xustificación nos prazos establecidos ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

8. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar o cumprimento pola persoa beneficiaria dos requisitos establecidos na presente resolución para proceder ao pagamento das subvencións, incluíndo no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e o alcance das comprobacións practicadas, de conformidade co artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial, que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operación comerciais.

10. Cando ao beneficiario se lle outorgase unha subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento referidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada. No suposto de que non poida presentar esta conta, o cumprimento dos prazos legais de pagamento acreditarase coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Artigo 23. Pagamento da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención ademais dos anexos establecidos para o efecto.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados e pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Pagamentos anticipados.

A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar pagamentos anticipados, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada e non poderá exceder o importe de subvención da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. Pagamentos á conta.

Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e os pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, ao abeiro do artigo antes citado.

5. Constitución de garantías.

As entidades beneficiarias que soliciten, e se lles concedan, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, logo da autorización do Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.

6. O pagamento da subvención realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da Axencia. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

7. Previamente ao pagamento, as entidades beneficiarias acreditarán que están ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

8. Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen solicite esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 10.2.

9. Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselles que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.

Artigo 24. Perda de dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 25. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas nestas bases.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 26. Gradación de incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

1. Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.

2. Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 27. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 25 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 28. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 29. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Axencia Galega das Industrias Culturais ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe Canles específicas e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 30. Normativa aplicable

1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas para o ano 2024, así como:

a) A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

c) A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) A Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

e) A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

f) O Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

g) Demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 31. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 32. Recursos administrativos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file