DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Mércores, 24 de abril de 2024 Páx. 25627

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT213A).

BDNS (Identif.): 755751.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao espazo económico europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como entidades locais galegas sempre que cumpriran co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións que regularán a concesión de subvencións a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que teñan un interese estratéxico para o sector.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT213A).

Cuarto. Importe

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento 2024 por importe de 280.000 euros, suma que irá a cargo das seguintes aplicacións orzamentarias do código de proxecto 2015-00003: un total de 30.000 € na aplicación 10.A1.432B.460.0, 60.000 € na aplicación 10.A1.432B.470.0 e 190.000 € na aplicación 10.A1.432B.481.0.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais