DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 25 de abril de 2024 Páx. 25886

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática.

Mediante a Resolución do 21 de decembro de 2021 convocouse o proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática (DOG núm. 244, do 22 de decembro) (corrección de erros no DOG núm. 249, do 29 de decembro; no DOG núm. 2, do 4 de xaneiro de 2022, e no DOG núm. 126, do 4 de xullo de 2022). Na dita resolución establécese como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.2.3 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública, que será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Doutra banda, mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Esta resolución ten por obxecto a regulación do contido, uso, acceso e efectos dos datos almacenados de forma electrónica no expediente persoal electrónico a que se accede a través da plataforma da canle de emprego público de Galicia (Fides).

Na instrución cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023 establécese que os datos do expediente electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de selección de persoal, polo que cómpre que as persoas que participan no proceso selectivo mencionado nesta resolución acheguen a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023 a través da canle de emprego público de Galicia (Fides).

En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas aspirantes que superaron a fase de oposición deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Publicar o procedemento que se deberá seguir para acreditar os méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática, convocado pola Resolución do 21 de decembro de 2021.

De acordo co establecido na base II.2.3 da convocatoria, os méritos que se baremarán na fase de concurso deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, que foi o 20 de xaneiro de 2022.

Segundo. Procedemento

As persoas aspirantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos baremables na fase de concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da canle de emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal, seguindo o procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023 pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Unha vez que accedan á canle do emprego público de Galicia (Fides), comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:

a) No suposto de que as persoas aspirantes estean conformes cos datos consultados, porque os méritos baremables neste proceso nas epígrafes de formación continuada, galego e experiencia profesional externa figuran no estado de validados ou están incluídos correctamente na epígrafe de experiencia profesional interna, non precisarán realizar ningunha actuación.

b) No suposto de que a persoa aspirante non estea conforme cos datos consultados, por non constaren ou seren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa deles ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, para que os devanditos méritos se poidan valorar neste proceso.

c) As persoas aspirantes que atopen no seu expediente electrónico persoal erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado», ou que non teñan recollido no seu expediente algún período da súa experiencia profesional interna ou figuren erros nela, deberán presentar alegacións nos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se xunto coas alegacións desexan presentar documentación acreditativa dos méritos e dispoñen de documentos electrónicos ou copias electrónicas auténticas, deberán remitilos a través do rexistro electrónico. Para a remisión electrónica as persoas aspirantes empregarán o modelo co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017 que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conteñen un sistema electrónico específico, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. Para que o documento electrónico sexa válido requirirá que nel figure un código xerado electronicamente ou outro sistema de veritificación que permita contrastar a súa autenticidade.

Se as persoas aspirantes acompañan ás alegacións documentos orixinais en papel, deberá presentalos nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que o persoal funcionario do rexistro acredite que é copia electrónica auténtica de documento en papel.

2. As persoas aspirantes que non teñan méritos para acreditar non precisarán realizar ningún trámite.

Terceiro. Documentación incompleta

Os méritos que á data de publicación desta resolución se atopen incorporados no expediente electrónico no estado de «acreditación documental incompleta» deberán ser acreditados. Para acreditalos, as persoas aspirantes presentarán toda a documentación que figure incompleta e xustifique a totalidade do mérito rexistrado, do xeito establecido nos puntos 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023, isto é, achegando as copias electrónicas auténticas a través de Fides ou, cando non se dispoña de copias electrónicas auténticas, presentado a documentación de maneira presencial, acompañada da solicitude de actualización, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Cuarto. Prazo

O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta», rematará aos dez días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Estado dos méritos para ser baremados

Os méritos incluídos no expediente electrónico persoal na epígrafe de experiencia profesional interna e os restantes méritos reflectidos neste expediente no estado de validados, serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Os méritos incluídos no expediente electrónico persoal á data de publicación desta resolución no estado de validados, non poderán presentarse de novo.

Sexto. Presentación e admisión da documentación acreditativa dos méritos

Aquelas persoas que, desde a entrada en vigor da Resolución do 5 de decembro de 2023 e con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, solicitasen, do xeito establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente persoal electrónico, e que se atope nos estados de «pendente de presentar ou tramitar» ou «en trámite», non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/tales mérito/s agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

Non se terán en conta neste proceso outros méritos presentados polas persoas aspirantes distintos dos que figuren no seu expediente persoal electrónico ou que se soliciten no expediente ou acrediten documentalmente con posterioridade ao prazo de dez días establecido no punto cuarto desta resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de acreditación de méritos establecido nesta resolución e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non fose recibida no indicado prazo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións á baremación provisional.

Sétimo. Priorización das solicitudes de actualización

De conformidade co previsto na instrución décimo segunda da Resolución do 5 de decembro de 2023, dáse prioridade á tramitación das solicitudes de actualización do expediente persoal electrónico que se presenten ao abeiro do proceso selectivo a que se refire esta resolución, coa finalidade de axilizar a súa resolución.

Oitavo. Méritos relativos ao exercicio dos dereitos de conciliación (só para as persoas aspirantes que se presenten pola quenda de promoción interna)

Para acreditar o exercicio dos dereitos de conciliación, as persoas aspirantes pola quenda de promoción interna presentarán certificación segundo o modelo que figura como anexo a esta resolución, que será expedida e debidamente asinada polas persoas titulares das unidades da administración pública na que prestasen servizos e que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal

Noveno. Recursos

Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Modelo de certificado para acreditar o exercicio de dereitos de conciliación

Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso

Datos da persoa certificadora:

Don/Dona

Cargo e entidade

CERTIFICA que segundo os datos que constan neste centro directivo, _________________________________________________________________________, con DNI __________________________, ten acreditados os seguintes méritos:

Base II.2. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación:

Permiso por parto, adopción, acollemento ou nacemento (art. 121, 122 e 124 da LEPG)

Desde

Ata

Redución de xornada (art. 106.2 a) e b) da LEPG ou excedencia para o coidado de familiares (art. 176 da LEPG)

Desde

Ata

O que fago constar para os efectos de participación da persoa interesada no proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática, convocado pola Resolución do 21 de decembro de 2021 (DOG núm. 244, do 22 de decembro), e asino esta certificación en __________________________, o __________ de ______________ de 2024.

missing image file