DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 25 de abril de 2024 Páx. 25884

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 18 de abril de 2024 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2024, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

BDNS (Identif.): 756070.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), de calquera sector de actividade económica incluído no ámbito de aplicación do devandito regulamento, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis empresas galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 18 de abril de 2024 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2024, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741.A.7700 e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Proxectos tipo 1 (<50.000 €): 50.000 € con cargo ao ano 2024 e 1.450.000 € con cargo ao ano 2025.

Proxectos tipo 2 (entre 50.000 e 120.000 €): 25.000 € con cargo ao ano 2024 e 1.475.000 € con cargo ao ano 2025.

Proxectos tipo 3 (>120.000 €): 25.000 € con cargo ao ano 2024 e 1.975.000 € con cargo ao ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica