DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 25 de abril de 2024 Páx. 25826

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2024 pola que se convocan accións formativas ao abeiro do Protocolo de colaboración co Sindicato Unificado de Policía (SUP) para o primeiro semestre de 2024.

Ao abeiro do Protocolo de colaboración entre a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e o Sindicato Unificado de Policía (SUP) en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse as seguintes accións formativas correspondentes ao primeiro semestre do ano 2024, de acordo co Plan de formación aprobado polo Consello Reitor da Agasp o 31 de xaneiro de 2024.

Denominación do curso

Modalidade

Horas

Prazas

Datas

Xestión de conflitos. Mediación policial

Presencial

8

40

21 de maio

Intervención policial

Presencial

15

40

4 e 5 de xuño

Tiro policial + Stop The Bleed

Presencial

15

24

6 e 7 de xuño

Comunicación de malas novas

En liña

6

80

18 de xuño

A Estrada, 15 de abril de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Persoas destinatarias

Persoal das forzas e corpos de seguridade que traballan na Comunidade Autónoma de Galicia.

As prazas serán repartidas en condicións de igualdade entre o persoal da Policía Local, do Corpo Nacional de Policía, da Garda Civil e da Unidade da Policía Adscrita á Comunidade Autónoma.

O 50 % das prazas para cada unha das accións formativas, ofertadas mediante esta resolución ao Corpo Nacional de Policía, estará reservada aos afiliados ao Sindicato Unificado de Policía.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas e non dá lugar á penalización estipulada na base quinta da presente resolución.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de considerarse oportuno, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia con competencias directas na materia que se vai desenvolver, e reservaranse expresamente prazas para eles.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp resérvase a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes de participación

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal. Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o número de teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non será responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar a selección do alumnado, que non se axusten ao modelo normativizado ou que sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de estar nalgún dos supostos que a seguir se indican, o/a solicitante deberá remitirlle á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp; neste caso deberá comunicalo na propia solicitude):

a) Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata 20 días naturais antes do inicio de cada curso, ás 14.00 horas do día que corresponda.

Terceira. Criterios de selección

Os criterios xerais de selección son os que a seguir se indican, sen prexuízo de que para cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta, que oportunamente se publicará na páxina web da Agasp:

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Cuarta. Lugar e datas

Os cursos presenciais desenvolveranse na sede da Agasp e os cursos da modalidade en liña, a través da plataforma de teleformación da Agasp, con exame final presencial na Agasp. As datas de cada curso poderán sufrir variacións e serán comunicadas a todas as unidades de destino dos corpos afectados para o coñecemento das persoas interesadas.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior. En todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de doce meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada non só darán lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e de non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

3. As unidades de destino do persoal seleccionado en cada acción formativa facilitarán, na medida do posible, a súa participación nela.

Sexta. Certificación

Para poder superar os cursos, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que realizará no seu remate, naqueles cursos que sexan de aproveitamento.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir sen necesidade dunha nova publicación no DOG.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así o exixan circunstancias que afecten a organización, a xestión e a docencia.