DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 26 de abril de 2024 Páx. 26230

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ACORDO do 23 de abril de 2024, do tribunal cualificador do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma Galicia, subgrupo C1, polo que se dá publicidade dunha nova persoa aspirante que superou o proceso selectivo e se modifica a orde na relación de aspirantes que o superaron.

Na sesión que tivo lugar o día 23 de abril de 2024, o tribunal designado para xulgar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma Galicia, subgrupo C1, convocado pola Resolución do 22 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño), de conformidade co disposto na base II.1.2.11 da convocatoria

ACORDOU:

Primeiro. Mediante o Acordo do 11 de marzo de 2024 (DOG núm. 59, do 22 de marzo), este tribunal acordou elevar ao director xeral da Función Pública a listaxe das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para que elaborase a proposta de nomeamento como persoal funcionario de carreira da Xunta de Galicia das persoas que figuraban nela, segundo o disposto na base III da convocatoria.

O 22 de abril, a Dirección Xeral da Función Pública, requírelle a este tribunal que propoña unha nova persoa aspirante, xa que a proposta como número 16, Andrea Torrado Vecino (***0729**) perdeu o seu dereito para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, debido ao seu falecemento.

De conformidade coa base II.1.2.11 da convocatoria a orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas que superaron o proceso selectivo antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano que convoca poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

Por todo isto, este tribunal acorda modificar a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo establecida polo Acordo do 11 de marzo de 2024 (DOG núm. 59, do 22 de marzo), e facer pública, como anexo a esta resolución, a relación cunha nova persoa aspirante que superou o proceso selectivo, coas puntuacións obtidas e con indicación do seu documento nacional de identidade, que ocupa a posición que se reflicte no anexo na orde de persoas aspirantes propostas para o seu nomeamento como funcionario de carreira, e procede a renumerar a orde a partir do posto número 16.

Segundo. De conformidade co establecido na base IV.2 da convocatoria e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, esta persoa aspirante dispón dun prazo de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para presentar a documentación prevista na citada base.

Terceiro. Elevar esta nova relación á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública para os efectos de que a persoa afectada sexa proposta para o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

Cuarto. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

Dolores Veiga Gondelle
Presidenta do tribunal

ANEXO

Nº de orde

DNI

Apelidos e nome

Acceso

1º Ex.

2º Ex.

3º Ex.

Total

95

***1926**

Triadu Figueras, Verónica

Libre

31,53

44,31

Exenta

75,84