DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 28032

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2024 pola que se aproba e se dá publicidade a unha modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

O pasado día 9 de novembro, o Pleno do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia aprobou solicitar unha modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, de conformidade co establecido no artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012, do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

A dita solicitude, xunto co texto do novo prego de condicións, presentouna posteriormente o Consello Regulador ante a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, órgano competente para a tramitación do expediente de acordo co establecido na Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia.

O citado artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012 clasifica as modificacións dos pregos de condicións en dúas categorías, modificacións «da Unión» e modificacións «normais», e a normativa de desenvolvemento deste regulamento, á que logo nos referiremos, establece un procedemento de tramitación diferente segundo que a modificación responda a un ou a o outro tipo. Así, as modificacións da Unión tenas que aprobar a Comisión Europea e deben someterse previamente a un procedemento que inclúe unha fase de publicidade e apertura dun período para a presentación de oposicións, primeiro no Estado membro e despois no territorio do resto da Unión, mentres que as modificacións normais –que son modificacións de menor calado– tramítanse cun procedemento máis simplificado e apróbaas a autoridade competente do Estado membro, que despois debe comunicalas á Comisión.

As modificacións que se pretenden introducir no prego de condicións da IXP Ternera Gallega, que describiremos máis adiante, responden todas elas á consideración de modificacións normais, xa que non afectan o nome da denominación nin o vínculo do produto co territorio, nin implican restricións ao comercio, que son os aspectos cuxa modificación requiriría a aprobación pola Comisión Europea conforme se indica no punto 2 do citado artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012.

O procedemento para a tramitación das modificacións normais dos pregos de condicións recóllese no artigo 6.ter do Regulamento delegado (UE) núm. 664/2014, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1151/2012, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao establecemento dos símbolos da Unión para as denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas e as especialidades tradicionais garantidas e, no que atinxe a determinadas normas sobre a procedencia, certas normas de procedemento e determinadas disposicións transitorias adicionais; e no artigo 10.bis do Regulamento de execución 668/2014, da Comisión, do 13 de xuño, que establece as normas de desenvolvemento do Regulamento 1151/2012, do Parlamento Europeo e do Consello, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios. Segundo o indicado no punto 1 do citado artigo 6.ter do Regulamento núm. 664/2014, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ao ser unha modificación cualificada como normal presentada pola mesma agrupación que solicitara anteriormente o rexistro da indicación xeográfica –téñase en conta que o actual Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia substitúe o anterior Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, subrogándose nos seus dereitos e obrigas–, non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.

As modificacións que solicita introducir o Consello Regulador afectan fundamentalmente a aliña E) Método de obtención do prego de condicións.

O primeiro dos cambios supón a introdución dalgunhas especificacións en relación coa alimentación e o manexo dos tenreiros nas explotacións que optan por modelos produtivos en extensividade ou semi-intensividade. Así, establécese a obriga de complementar a alimentación dos animais con concentrados e forraxes (acabamento) e para iso débese dispor de moegas ou comedeiros móbiles distribuídos polas pradarías. Ademais, cando os animais vaian sacrificarse con máis de oito meses de idade, deberán agruparse ou estabularse en recintos pechados e protexidos das inclemencias meteorolóxicas para realizar ese acabamento durante un período mínimo de dous meses. Para a exixencia deste último requisito establécese un período transitorio de dous anos, xa que nalgunhas explotacións pode significar a necesidade de adecuar ou construír algunha instalación para o gando.

O segundo dos aspectos do método de obtención que se modifica refírese á introdución de determinadas especificacións relativas a prácticas que favorecen o benestar animal. En concreto, establécense requisitos relativos á limpeza e liberdade de movementos dos tenreiros, ás condicións hixiénico-sanitarias, ao estado dos patios e zonas de descanso e ás características construtivas do pavimento das cortes. Establécense tamén límites máximos para o número de animais que conforman un lote e superficies mínimas por animal. Por outra parte, recóllense tamén especificacións sobre a calidade do aire e as condicións térmicas e a iluminación no interior das instalacións. Por último, recóllese que se debe favorecer o pastoreo, o acceso dos tenreiros á comida e dispoñibilidade de auga limpa, con indicacións dalgúns requisitos mínimos das instalacións para poderen cumprir estas especificacións.

O terceiro dos aspectos que se modifican no método de obtención consiste na introdución da posibilidade de conxelar a carne sen perder a certificación da IXP Ternera Gallega cando esta vaia destinada á exportación a países de fóra da Unión, excepto Andorra e o territorio de Xibraltar. No prego de condicións vixente ata agora a carne non podía comercializarse como Ternera Gallega se nalgún momento se sometía a un proceso de conxelación.

Por último, tamén se modifica este punto do prego de condicións para establecer algunhas especificacións en relación coa posibilidade de utilizar carne da IXP Ternera Gallega como ingrediente doutros produtos elaborados e informar diso as persoas consumidoras na etiquetaxe. En concreto, recóllese a posibilidade de que, nese caso, a carne poida someterse a procesos de conservación, como o secado, o salgado ou a conxelación, sen por iso perder a posibilidade de utilizar o nome da indicación xeográfica na mención do ingrediente na etiquetaxe do produto.

A outra liña do prego de condicións afectada pola modificación é a G) Estrutura de control. Trátase simplemente de adecuar os datos relativos ao nome do consello regulador –que actualmente está tramitando a súa modificación para pasar a denominarse «Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego»– e o seu enderezo postal, unha vez que cambiou o seu domicilio social, así como substituír a referencia que se fai á Norma EN 45011 por unha referencia á Norma ISO 17065, que é a norma internacional que actualmente se lles aplica ás entidades que certifican produtos.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre coas condicións establecidas no Regulamento (UE) núm. 1151/2012, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios e coas competencias da Axencia Galega da Calidade Alimentaria nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega se inscriban no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) núm. 1151/2012, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega sobre a que se basea esta resolución, que figura como anexo dela. Ademais, o dito prego de condicións, así como o correspondente documento único, están accesibles na páxina web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://agacal.xunta.gal/sites/default/files/calidade-alimentaria/produtos-carnicos/PC_Ternera_Gallega_xaneiro_2024_GAL.pdf

https://agacal.xunta.gal/sites/default/files/calidade-alimentaria/produtos-carnicos/Documento-unico-TG-abril-2024_GAL.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos do seu traslado á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, pode interporse un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

ANEXO

Prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega

A) Denominación do produto.

Indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega.

B) Descrición.

O gando apto para fornecer a carne que ha de ser amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega será das razas Rubia Galega, Morenas Galegas así como dos cruzamentos entre si e tamén coas seguintes razas cárnicas: Asturiana de los Valles, Limusina e Rubia de Aquitania. Tamén son aptos os cruzamentos de machos de calquera das razas anteriores con femias das razas Frisona e Pardo Alpina.

En función da idade, da alimentación e do sistema de produción antes do sacrificio, distínguense os seguintes tipos de animais:

a) Ternera Gallega: animais que se destetan a diferentes idades e que se sacrifican con menos de doce meses, sendo a base da súa alimentación as forraxes e os concentrados autorizados polo Consello Regulador.

b) Ternera Gallega Suprema: animais que se crían en explotacións con vacas nais e que tiveron un período mínimo de lactación materna de sete meses. O seu sacrificio realizarase antes dos dez meses.

c) Anello: animais que se sacrifican con máis de doce meses e menos de dezaoito.

Cada un destes tipos de animais dá lugar á seguinte categoría comercial homónima, cuxas características organolépticas, de conformación e de grao de engraxamento son as seguintes:

a) Ternera Gallega Suprema: esta carne ten unha cor de rosa clara a vermella, con graxa que vai desde unha cor branca anacarada a amarela suave e de textura cremosa. O gran do músculo é fino e de consistencia firme.

Conformación dos canais: S, E, U, R, O+. No caso de canais procedentes das razas Morenas Galegas non se terá en consideración.

Grao de engraxamento para as conformacións S, E, U: machos 1, 2, 3; femias 1, 2, 3, 4.

Grao de engraxamento para as conformacións R, O+: machos 2, 3; femias 2, 3, 4.

b) Ternera Gallega: esta carne ten unha cor de rosa a vermella suave, con graxa de cor branca anacarada e distribución homoxénea, músculo de gran fino e de consistencia firme.

Conformación dos canais: S, E, U, R, O+. No caso de canais procedentes das razas Morenas Galegas non se terá en consideración.

Graos de engraxamento para as conformacións S, E, U: machos 1, 2, 3; femias 1, 2, 3, 4.

Graos de engraxamento para as conformacións R, O+: machos 2, 3; femias 2, 3, 4.

c) Anello: esta carne ten unha cor que vai desde vermella suave a vermella intensa con graxa de cor branca anacarada cun ton amarelo suave. O músculo é de consistencia firme e magro.

Conformación dos canais: S, E, U, R.

Graos de engraxamento para as conformacións S, E, U: 1, 2, 3, 4.

Graos de engraxamento para a conformación R: 2, 3, 4.

C) Zona xeográfica.

A zona de produción e elaboración esténdese ao territorio de Galicia.

D) Proba da orixe.

Son requisitos fundamentais que avalan a orixe e a calidade do produto:

a) Todos os operadores que interveñen no proceso de produción e elaboración deben estar rexistrados nos rexistros do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega. Os rexistros establecidos son: gandarías, cebadeiros, matadoiros, salas de despezamento e almacenistas e retallistas de carne.

b) Todas as reses pertencentes ás explotacións gandeiras rexistradas na IXP identifícanse de forma individual, mediante o sistema de identificación oficial da Administración.

c) Os operadores rexistrados levarán documentación onde se indicará, en relación coa súa actividade, as entradas e saídas de materias primas ou produtos, cos datos necesarios para a comprobación da rastrexabilidade individual ou dos lotes certificados. Desta forma realízase tanto o seguimento do produto como o dos procedementos ou procesos que levan a cabo.

d) Certificación de produto. O órgano de control e certificación do Consello Regulador da Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego é o encargado de verificar o cumprimento do indicado neste prego. O Comité de Partes deste órgano, integrado por representantes de todos os grupos implicados nos principios relacionados coa certificación, é o responsable de asegurar a imparcialidade e independencia dos procesos de certificación. A estrutura do órgano de control e certificación, dirixida polo director técnico, verifica se o produto é apto para ser amparado pola IXP, procede ao seu control e etiquetaxe para identificar e garantir a súa procedencia, e mantén a rastrexabilidade en todas as fases de elaboración e comercialización.

e) A etiquetaxe realízase nas distintas fases de elaboración do produto sobre os canais, pezas e porcións destas, tal como se indica na alínea H). Esta etiquetaxe identifica o produto amparado ademais de manter a rastrexabilidade e garantir a orixe do produto.

E) Método de obtención.

Os animais destinados á produción de carne amparada pola IXP deben proceder das explotacións gandeiras rexistradas e cumprir os criterios raciais establecidos. A base da alimentación nas explotacións tradicionais de cría será a lactación materna complementada con alimentos propios das explotacións (millo, nabos, patacas), forraxes e pensos autorizados.

Nos sistemas de produción extensivos e semiextensivos é obrigatorio complementar a alimentación dos animais e realizar o acabamento ou finalizado dos tenreiros durante un período mínimo de dous meses antes do sacrificio. Para iso deberase dispoñer de moegas ou comedeiros móbiles selectivos, distribuídos nas pradarías e facilmente accesibles, onde se lles fornecerán forraxes, cereais e penso.

Nos devanditos sistemas produtivos, cando os tenreiros se sacrifiquen con oito ou máis meses de idade deberanse estabular ou agrupar en recintos pechados e protexidos das inclemencias climatolóxicas, para realizar o seu finalizado, subministrándolles cereais e/ou concentrados a libre disposición.

Transitoriamente, durante un período máximo de dous anos, os tenreiros poderanse finalizar nas pradarías, utilizando para iso as moegas ou comedeiros móbiles selectivos, distribuídos de forma que poidan acceder a eles.

Nas explotacións de ceba, a alimentación baséase nas forraxes e pensos autorizados.

En todo caso, os pensos utilizados deben ser de orixe vexetal e estarán compostos por materias primas habituais na produción gandeira galega, dos seguintes grupos:

Cereais e derivados.

Oleaxinosas e derivados.

Leguminosas e derivados.

Tubérculos, raíces e derivados.

Forraxes.

Outros vexetais e derivados.

Minerais.

Varios (produtos e subprodutos de panadaría e similares).

Na composición dos pensos predominarán os cereais, que deberán axustarse ás seguintes porcentaxes sobre o peso total do penso: un mínimo dun 60 % de gran de cereais en exclusiva, ou un mínimo dun 65 % de grans de cereais e derivados. No caso dos concentrados destinados ás primeiras idades, estas porcentaxes poderanse reducir en 5 puntos.

Queda expresamente prohibido o emprego de produtos que poidan interferir o ritmo normal de crecemento e desenvolvemento dos animais, así como o emprego de derivados de animais reciclados.

Para o control dos pensos, os fabricantes establecerán un acordo co Consello Regulador.

As prácticas gandeiras deben favorecer a protección ambiental, a sustentabilidade das explotacións e o benestar dos animais, de acordo coa lexislación vixente.

Durante a crianza e a engorda vixiarase a limpeza e a liberdade de movementos dos tenreiros, as condicións hixiénico-sanitarias, o estado dos patios e as zonas de descanso, que o chan das cortes non sexa esvaradío nin rugoso e que as pendentes non superen o 5 %.

Evitarase a masificación das cortes, limitando un máximo de 40 animais por lote, sempre que dispoñan dunha superficie mínima de 2,2 m²/tenreiro maior de seis meses; ou un máximo de 60 animais por lote, cando dispoñan dunha superficie mínima de 4 m²/tenreiro.

Garantirase a calidade do aire, as condicións térmicas e a iluminación no interior das instalacións, apostando pola ventilación e orientación correcta das cortes, de forma que a concentración de NH3 a un metro de altura sobre o chan non supere as 20 ppm, que o rango de temperatura interior oscile entre 0 e 35 ºC e que os tenreiros dispoñan de luz ambiental durante un mínimo de 8 horas diarias.

Favorecerase o pastoreo, o acceso dos tenreiros á comida e a dispoñibilidade de auga limpa. Os comedeiros deben ter, como mínimo, unha lonxitude de 15 centímetros por cada tenreiro maior de seis meses e haberá polo menos un bebedoiro por cada quince tenreiros.

Vixiarase diariamente o estado das instalacións, a saúde dos tenreiros e que non presenten danos nin comportamentos anómalos derivados dun déficit de benestar animal, como dispersión, agresividade, medo, movementos erráticos, estrés, rexeitamento á presenza humana, etc.

O sacrificio do gando realizarase en matadoiros rexistrados, onde se procederá á certificación e etiquetaxe dos canais de acordo coas tipoloxías establecidas segundo as prácticas de produción e a idade dos animais. As carnes amparadas non poderán ser comercializadas ao consumidor como mínimo ata o día seguinte ao sacrificio.

O despezamento efectuarase nas salas rexistradas e non poderá ser simultáneo con outros canais e pezas non amparadas. As pezas irán provistas das etiquetas expedidas polo órgano de control e certificación. A rastrexabilidade no despezamento será de forma individualizada.

As pezas de carne que sufran procesos de conxelación perderán a protección da IXP, salvo que as ditas pezas se destinen para a exportación a terceiros países fóra da UE (non se considerarán, para os efectos desta excepción, nin Andorra nin o territorio de Xibraltar).

O fileteado das pezas poderá efectuarse en industrias rexistradas no Consello Regulador ou en establecementos específicos que previamente asinasen un acordo de colaboración co Consello Regulador para o control, etiquetaxe e a comercialización das carnes protexidas. O fileteado non poderá ser simultáneo con outras carnes non amparadas. A rastrexabilidade na etiquetaxe será por lotes e os envases deberán ir provistos das etiquetas expedidas polo órgano de control e certificación do Consello Regulador.

Non se admite a reutilización das etiquetas da IXP en ningunha das fases de sacrificio, despezamento e fileteado.

As carnes que se usen como ingrediente en produtos elaborados poderán someterse a procesos de conservación previos (salgadura, secado, conxelación, etc.), sempre que os devanditos procesos sexan necesarios para o seu correcto aproveitamento e favorezan as calidades do produto final obtido. O uso do produto protexido como ingrediente axustarase na súa etiquetaxe ás directrices establecidas pola Comisión Europea.

O cumprimento das condicións de obtención do produto comprobarase mediante inspeccións periódicas das instalacións, dos animais e da carne; revisión da documentación, análises fisicoquímicas das materias primas e dos produtos, análise mediante marcadores moleculares para seguimento da rastrexabilidade e análises organolépticos.

A descualificación dos animais, dos canais, das pezas ou as súas porcións poderá ser realizada polo órgano de control e certificación do Consello Regulador en calquera das fases de produción, elaboración e comercialización.

F) Vínculo.

– Carácter específico da zona xeográfica.

A orografía galega está modelada con suaves outeiros e unha importante rede fluvial que, xunto ao clima atlántico de abundante pluviosidade e temperaturas suaves, favorecen unha alta produtividade forraxeira e dos cultivos agrícolas. Esta capacidade produtiva da terra favoreceu o desenvolvemento dunha elevada actividade gandeira ligada ao territorio, así como a implantación dunha importante industria elaboradora e transformadora, na cal a carne de vacún ten un especial protagonismo.

Esta actividade gandeira sustentouse historicamente sobre a base de explotacións familiares, nas cales o saber facer tradicional no relativo ás técnicas de cría, alimentación e manexo do gando foron transmitíndose de xeración en xeración.

– Carácter específico do produto:

A existencia de razas propias de aptitude cárnica entre as que destaca a raza Rubia Galega, nas súas orixes de tripla aptitude, pero con preponderancia carniceira, foi a base dun sistema produtivo agropecuario caracterizado pola pequena dimensión das gandarías e polo aproveitamento dos recursos propios que se xeran: leite, forraxes, cultivos agrícolas como cereais (millo principalmente), patacas, nabos, etc.

Historicamente, en Galicia, o sacrificio dos animais realízase con menos de 10 meses de idade, o que proporciona canais de pouco peso cunha carne de características organolépticas claramente diferenciadas en canto a tenrura, cor, textura e zumarencia. Un bo número destes tenreiros seguen pautas de alimentación onde predomina a lactación materna, que engade algúns matices ás características mencionadas en canto ao aspecto da carne (por exemplo, cor da graxa, textura cremosa…) e o seu sabor. Estes animais e a súa carne son os que se identifican como Ternera Gallega Suprema.

En menor medida, en Galicia, tamén existe a produción de carne procedente de animais de maior idade, criados así mesmo en explotacións familiares. Esta produción baséase nun maior aproveitamento da capacidade xenética das razas cárnicas e dos recursos alimenticios forraxeiros, silo de millo e cereais. A carne procedente destes animais diferénciase por unha cor máis intensa e maior consistencia e sabor.

– Relación causal entre a zona xeográfica e a calidade, a reputación ou outras características específicas do produto:

O gando vacún utilizárono desde moi antigo os poboadores de Galicia como fonte de carne e graxa. Caracterizábase por ser un gando de carácter rústico, pequeno e montaraz que, debido á introdución da pataca e do millo procedentes de América, transformouse nun gando de maior corpulencia, destinado aos traballos agrícolas e á produción de carne e leite. Esta versatilidade do gando axudou de forma importante á evolución na propiedade da terra, xa que, ademais de completar o consumo familiar, xeraba excedentes destinados á adquisición de propiedades.

No século XVIII, o vacún galego adquiriu gran relevancia polas exportacións de carne a Inglaterra que se sostiveron ata principios do século XX. Con posterioridade e ata ben avanzada a década dos 60 no século XX, Galicia fornecía carne de vacún a media España e, hoxe en día, é a primeira actividade agraria desde o punto de vista social e de mantemento da poboación no medio rural.

Precisamente Ternera Gallega prodúcese en explotacións gandeiras de carácter familiar, que respectan a tradición cárnica galega, apostando sempre pola calidade. Son explotacións nas cales existe unha especial simbiose vaca-tenreiro-medio, baixo os coidados e o bo facer dos gandeiros galegos, que herdaron sistemas de produción transmitidos secularmente de pais a fillos, baseados no aproveitamento dos recursos propios da explotación e no particular coidado dos animais, compañeiros e partícipes da súa historia, que sempre lles permitiron obter produtos agroalimentarios de excepcional calidade, o que deu unha gran reputación a estas carnes no mercado español.

G) Estrutura de control.

O órgano de control e certificación integrado no Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego é o encargado de verificar o cumprimento do indicado no prego de condicións. Este órgano dispón dunha estrutura adecuada para actuar de acordo coa Norma ISO 17065 sobre criterios xerais que deben cumprir as entidades que realizan a certificación de produto.

Nome: Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego.

Enderezo: rúa do Obradoiro CAB, nº 2, 15707 Santiago de Compostela.

Teléfono: 0034 981 57 57 86.

Fax: 0034 981 57 48 95.

Correo electrónico: certificacion@vacundegalicia.com

O Comité de Partes deste órgano, integrado por representantes de todos os grupos implicados nos principios relacionados coa certificación, é o responsable de asegurar a imparcialidade e independencia dos procesos de certificación. A estrutura do Órgano de Control e Certificación está dirixida por un director técnico, que é o máximo responsable da certificación e dispón de persoal técnico cualificado.

H) Etiquetaxe.

Todos os canais, pezas e porcións levan para a súa identificación e rastrexabilidade etiquetas que se aplican ao produto en cada fase de elaboración (sacrificio, despezamento e/ou fileteado). Estas etiquetas son de distintas cores segundo a tipoloxía do produto (de acordo co recollido na letra B) deste prego) e conteñen, ademais das mencións obrigatorias, as seguintes: identificación e logotipo de Ternera Gallega, logotipo europeo das IXP e datos de rastrexabilidade (ver modelos no anexo deste documento). Ademais das etiquetas, cada medio canal vai acompañado dun documento que achega información sobre a explotación de procedencia, identificación e tipoloxía do animal, idade ao sacrificio, clasificación e peso do canal, matadoiro e data de sacrificio.

A carne picada ou carne procesada elaborada a partir de carne de vacún amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega poderá ser comercializada en envases que utilicen a mención «elaborado con IXP Ternera Gallega», sempre que a carne certificada constitúa a única carne no produto final.

Os usuarios desta mención estarán autorizados polo Consello Regulador e sometidos ao control e inspección do órgano de control para verificar o uso correcto da indicación xeográfica protexida na etiqueta e as cantidades utilizadas. Nestes produtos está prohibido o uso do logotipo comunitario identificador das indicacións xeográficas protexidas.

ANEXO

Logotipo e etiquetas da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega

missing image file