DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 20 de maio de 2024 Páx. 29971

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

BDNS (Identif.): 760945.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Aquelas familias con alumnado matriculado en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos nas modalidades de gratuidade solidaria que se relacionan a seguir:

a) Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (EP), e en 1º, 2º, 3º e 4º de ensino secundario obrigatorio (ESO).

b) Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, e en educación especial (EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira da orde.

c) Axudas para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

Segundo. Obxecto

As distintas modalidades de axudas teñen como obxecto apoiar as familias con menos ingresos para dispoñer dos libros de texto e material escolar.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

Cuarto. Importe

Fondo solidario de libros de texto: financiado cunha dotación total de 1.000.000,00 euros para o ano 2024 e de 200.000,00 euros para o ano 2025.

Axudas de libros de texto: financiadas cunha dotación total de 6.000.000,00 euros para o ano 2024 e de 400.000 euros para o ano 2025. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Material escolar: financiado cunha dotación total de 9.000.000,00 euros para o ano 2024 e de 400.000,00 euros para o ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de xuño de 2024. O alumnado que se incorpore ao centro docente fóra deste prazo disporá dun mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2025.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional