DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 24 de maio de 2024 Páx. 31185

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 134/2024, do 13 de maio, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 42/2024, do 14 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar, á consellería competente en materia de colexios profesionais, os estatutos aprobados, así como as súas modificacións. Cando se trate de colexios profesionais únicos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, a aprobación definitiva será competencia do Consello da Xunta, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos e as súas modificacións.

Dando cumprimento a estas disposicións, o Colexio acordou, en asemblea xeral extraordinaria que tivo lugar o 29 de xaneiro de 2022, conforme o quórum e maiorías previstos nos seus estatutos, a modificación estatutaria.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dos estatutos

Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia

TÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1

Estes estatutos teñen por obxecto regular a organización e actuación do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia segundo o indicado nas disposicións legais sobre a súa creación e de conformidade coa lexislación vixente sobre colexios profesionais.

Artigo 2

Son principios esenciais da súa estrutura a igualdade dos seus membros, a democracia na súa organización e funcionamento, o que inclúe a elección democrática dos seus órganos de goberno, e a adopción dos acordos por maioría.

A vontade do Colexio é dotar os logopedas dunha institución que represente e defenda os seus intereses.

Artigo 3

1. O Colexio Profesional de Logopedas de Galicia é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e con plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións. Poderá adquirir a título oneroso ou gratuíto, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigas e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, executar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recursos en todas as vías e xurisdicións.

En todo caso, o Colexio actuará respectando os límites da Lei de defensa da competencia, de conformidade co sinalado no artigo 2.2 da Lei de colexios profesionais de Galicia (LCPG).

2. Logo do acordo da Xunta de Goberno, corresponde ao presidente do Colexio o exercicio das facultades sinaladas no número anterior, excepto os actos de disposición, para os cales se exixirá, ademais, ratificación da Asemblea Xeral.

3. A representación legal do Colexio tanto en xuízo como fóra del recaerá no seu presidente, quen estará lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores e avogados ou a calquera clase de mandatario tras o acordo da Xunta.

Artigo 4

O ámbito territorial do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia será a Comunidade Autónoma de Galicia. O Colexio ten a sede na cidade da Coruña, na avenida de Arteixo, 2, entreplanta dereita, 15004, A Coruña.

Os cambios de domicilio poden ser acordados por proposta da Xunta de Goberno, por asemblea ordinaria por maioría e mediante modificación estatutaria.

Artigo 5

O Colexio réxese por estes estatutos, pola súa Lei de creación, pola Lei de colexios profesionais de Galicia e por calquera outra lexislación autonómica, estatal ou comunitaria que o afecte.

Artigo 6

Nos seus aspectos institucionais e corporativos, o Colexio relacionarase coa consellería competente en materia de colexios profesionais, e, nos aspectos relativos á profesión, coa consellería ou consellerías competentes por razón da profesión de logopeda.

Artigo 7

O Colexio Profesional de Logopedas de Galicia relacionarase co Consello Xeral de Colexios Profesionais de Logopedas de España de acordo coa lexislación xeral do Estado.

Sen prexuízo do que dispón o parágrafo anterior, o Colexio poderá establecer acordos de reciprocidade e cooperación con outros colexios e asociacións, calquera que sexa o seu ámbito territorial.

O Colexio poderá establecer cos organismos profesionais estranxeiros e internacionais as relacións que, dentro do marco da lei, considere convenientes.

Artigo 8

O Colexio Profesional de Logopedas de Galicia asume as funcións que a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, determina para os consellos galegos de colexios profesionais.

Artigo 9

Co fin de asegurar o funcionamento colexial e facelo do xeito máis práctico posible, a Xunta de Goberno pode propor á Asemblea que se aprobe un regulamento de réxime interno.

TÍTULO II

Finalidades e funcións

Artigo 10

O Colexio Profesional de Logopedas de Galicia asume, no seu ámbito territorial, todas as competencias e funcións que a lexislación vixente lle outorga, así como as que dun modo expreso lle pode delegar a Administración, co fin de cumprir os seus obxectivos de cooperación na ordenación do exercicio profesional da logopedia e a garantía do seu exercicio ético e da súa calidade.

En tal sentido, sinálanse como finalidades esenciais do Colexio:

a) Ordenar, dentro do marco que establecen as leis, orientar e vixiar o exercicio da profesión.

b) Colaborar cos poderes públicos na regulamentación das condicións xerais do exercicio da profesión.

c) Representar e defender os intereses xerais dos logopedas e da logopedia, en especial nas súas relacións coas administracións e coas institucións. Promover e vixiar a logopedia desde a perspectiva científica, cultural, laboral e social, así como a da solidariedade profesional e do servizo da profesión á sociedade.

d) Promover, salvagardar e observar os principios deontolóxicos e éticos da profesión de logopeda e a súa dignidade e prestixio.

e) Dispor dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses. O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación. A regulación desde servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

f) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Artigo 10 bis

O Colexio disporá dun servizo gratuíto de portelo único electrónico a través do cal os colexiados poderán obter:

1. Toda a información e formularios necesarios para acceder á actividade profesional e ao seu exercicio, presentando documentación e solicitudes, incluída a de colexiación. Coñecer o estado da tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesados e recibir a notificación dos actos e resolución colexiais que os afecten, incluída a notificación de expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios, e recibir as convocatorias ás sesións da Asemblea, así como darlles a coñecer a actividade colexial. Igualmente, poderán realizar os trámites necesarios para darse de baixa como colexiados.

2. Facilitar o acceso gratuíto para os cidadáns, a través do portelo único electrónico, á información actualizada dos datos dos rexistros dos colexiados e das sociedades profesionais co contido e nos termos previstos na lexislación vixente. Incluirase a información acerca das vías de reclamación e recursos en caso de conflito entre consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional, os datos de asociacións e organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obteren asistencia e o contido do código deontolóxico.

3. O portelo único adaptarase tecnicamente para garantir a interoperabilidade co resto da organización colexial e coas autoridades e, ademais, o acceso das persoas con discapacidade, ben con medios propios ou ben a través dos mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, mesmo coas corporacións doutras profesións.

4. O Colexio disporá dun servizo de atención ás queixas ou reclamación presentadas polos colexiados.

Artigo 11

En especial, correspóndelle ao Colexio desenvolver, dentro do seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

a) Facilitarlles aos seus colexiados o exercicio da profesión.

b) Exercer a representación e a defensa da profesión ante os órganos da Administración autonómica, institucións, tribunais ou entidades e particulares coa lexitimación para ser parte en todos aqueles litixios e causas que afecten os intereses profesionais e os fins da profesión, exercer accións penais, civís, administrativas ou sociais que sexan procedentes, así como exercer o dereito de petición conforme a lei.

c) Colaborar coas universidades na elaboración dos plans de estudos, sen prexuízo do principio de autonomía universitaria, e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos colexiados.

d) Estar representado nos colexios sociais das universidades cando sexa designado para iso polo órgano competente.

e) Facilitarlles aos tribunais de xustiza a relación dos colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos en asuntos xudiciais.

f) Levar a cabo cantas funcións lle sexan encomendadas pola Administración, así como a colaboración con ela mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle sexan solicitadas ou acorde formular por propia iniciativa.

g) Ordenar no ámbito da súa competencia, e de acordo co previsto nas leis, a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e dignidade profesional e polo debido respecto aos dereitos dos particulares, e exercer, se cabe, a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

h) Intervir pola vía da conciliación e a arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados e, en xeral, evitar a competencia desleal no exercicio da profesión.

i) Impedir e denunciar ante a Administración, e mesmo perseguir ante os tribunais de xustiza, todos os casos de intrusión profesional que afecten os logopedas e o exercicio da súa profesión.

j) Administrar a economía colexial repartindo equitativamente as cargas mediante a fixación das necesarias cotas de achega, recadalas, custodialas e distribuílas segundo o orzamento e necesidades, e levando unha clara e rigorosa contabilidade.

k) Organizar cursos para a formación profesional dos logopedas. A recepción deste tipo de servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa. Así mesmo, os prezos que se cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

l) Promover as relacións entre os colexios doutras comunidades autónomas, así como exercer a representación da profesión no ámbito da Comunidade Autónoma galega, tanto no ámbito nacional como internacional, aínda que esta se articulará de conformidade co establecido no Consello Xeral.

m) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e específicas e os estatutos profesionais, normas e acordos tomados polos órganos de goberno en materia da súa competencia.

n) Todas as outras funcións que lle sexan atribuídas polas disposicións vixentes e que beneficien os intereses profesionais dos colexiados e da profesión.

Artigo 12

O Colexio Profesional de Logopedas de Galicia asume como tarefa específica a colaboración coas administracións competentes para a definición do perfil profesional do logopeda. En tal sentido, e a título orientativo, ao termo da súa formación o profesional en logopedia debe posuír as aptitudes, habilidades e coñecementos necesarios para a prevención, diagnóstico, tratamento e estudo científico dos trastornos da comunicación humana (fala, voz, linguaxe, audición e comunicación) e deglutición, así como os sistemas de comunicación non verbal.

TÍTULO III

Da colexiación e dos colexiados

CAPÍTULO I

Da colexiación

Artigo 13

Será requisito indispensable para o exercicio da profesión de logopeda no ámbito territorial de Galicia, en calquera das súas modalidades, a incorporación previa ao Colexio Profesional de Logopedas de Galicia. Os profesionais colexiados noutros colexios profesionais de logopedas deberán cumprir os requisitos que se establecen no artigo 21 destes estatutos.

Os logopedas que non exerzan a profesión poderán incorporarse ao Colexio con carácter voluntario, sempre que cumpran o resto dos requisitos para a colexiación.

Artigo 14

Poderá integrarse no Colexio Profesional de Logopedas de Galicia:

a) Quen estea en posesión do título universitario oficial, ou dalgún que, conforme a normativa española ou comunitaria, a Administración competente homologue ou recoñeza, así como ter un título universitario oficial de grao que habilite para o exercicio da profesión de logopeda, de acordo co disposto na Orde CIN/726/2009, do 18 de marzo, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da citada profesión.

b) Quen posúa os requisitos e coas condicións establecidas na disposición transitoria terceira da Lei 3/2006, do 30 de xuño, de creación do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

c) Os estranxeiros poderán incorporarse ao Colexio cando cumpran os requisitos para exercer a profesión en España.

Artigo 15

A pertenza ao Colexio enténdese sen prexuízo dos dereitos de sindicación e asociación.

Artigo 16

1. Son condicións necesarias para obter a alta como colexiado:

a) Posuír a titulación legalmente requirida para o exercicio en España da profesión de logopeda.

b) Non estar incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión.

c) Non encontrarse suspendido no exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial.

d) Aboar os correspondentes dereitos ou cotas de incorporación, a cota de inscrición en ningún caso poderá superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

e) Acreditación fidedigna da súa identidade.

A condición a) acreditarase mediante a achega do correspondente título profesional, mediante testemuño auténtico del. En caso de tratarse de título estranxeiro, achegarase tamén a documentación acreditativa da súa validez en España para os efectos profesionais e, se se trata de súbditos doutros países, cumprirán os demais requisitos legalmente exixidos para o establecemento e traballo dos estranxeiros en España.

A condición b) acreditarase pola declaración do interesado.

A condición c) farase constar, salvo que se trate de primeira colexiación, por certificación do colexio de procedencia.

A condición d), mediante o orixinal ou copia auténtica do documento de ingreso na conta do Colexio.

A condición e), mediante copia auténtica do DNI ou pasaporte.

Declararanse e acreditaranse os restantes datos que deban constar no Rexistro do Colexio.

O solicitante fará constar, se se propón exercer a profesión, o seu domicilio profesional e a modalidade de exercicio.

2. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación, que se presentarán por escrito segundo o modelo aprobado, ou ben de maneira telemática a través da páxina web do Colexio, no prazo dun mes, e poderá denegalas unicamente cando non se cumpran as condicións fixadas no punto anterior. A resolución poderá deixarse en suspenso para emendar as comprobacións que sexan procedentes co fin de verificar a súa lexitimidade e suficiencia.

Artigo 17

1. A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou presenten dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completasen ou emendasen no prazo sinalado para o efecto, ou cando o solicitante falsee os datos ou documentos necesarios para a súa colexiación.

b) Cando o peticionario non acredite satisfacer as cotas de colexiación no seu colexio de orixe.

c) Cando sufrise algunha condena por sentenza firme que o inhabilite para o exercicio da súa profesión.

d) Por ser sancionado con carácter firme con expulsión dun colexio de logopedas sen obter a rehabilitación.

e) Por encontrarse suspendido no exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial.

2. Se no prazo previsto a Xunta Directiva acorda denegar a colexiación pretendida, comunicarallo ao interesado sinalando a data do acordo denegatorio, fundamentos destes e os recursos dos cales é susceptible.

3. No termo dun mes seguinte á recepción da notificación do acordo denegatorio, poderá o interesado formular recurso de reposición ante a Xunta de Goberno do Colexio. Contra o acordo denegatorio definitivo desta, poderá o interesado acudir á vía contencioso-administrativa.

Artigo 18

1. A condición de colexiado perderase polas causas seguintes:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Por separación ou expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario.

d) A admisión da baixa voluntaria xustificada por cesamento da actividade profesional.

e) Non aboar o importe dos dereitos correspondentes a un ano de colexiación.

f) A inhabilitación para o exercicio da profesión por sentenza xudicial firme.

2. Para que a baixa forzosa por incumprimento das obrigacións económicas sexa efectiva, será necesaria a instrución dun expediente sumario que comportará un requirimento escrito ao afectado para que, dentro do prazo dun mes, se poña ao día nos descubertos. Pasado este prazo sen cumprimento, tomarase o acordo de baixa, que se deberá notificar de forma expresa ao interesado.

3. A perda da condición de colexiado non liberará do cumprimento das obrigas vencidas.

Artigo 19

Os colexiados poderán figurar inscritos como:

a) Exercentes: aquelas persoas físicas que, reunindo todas as condicións exixidas, obteñan a incorporación ao Colexio e exerzan a profesión de logopeda.

b) Non exercentes: persoas físicas que obteñan a incorporación ao Colexio e non exerzan a profesión.

c) Colexiados honorarios: logopedas xubilados –voluntaria ou forzosamente– e que acrediten non estar de alta no imposto de actividades económicas, os declarados en incapacidade total para o exercicio da profesión, invalidez permanente para todo tipo de traballo ou grande invalidez. Estes colexiados estarán exentos do pagamento das cotas colexiais.

d) Colexiados de honra: persoas físicas ou xurídicas que realizasen un labor relevante e meritorio a favor da profesión. Esta categoría será meramente honorífica e acordada en asemblea xeral.

Artigo 20

1. Os logopedas incorporados ao Colexio poderán actuar profesionalmente:

a) Como profesional libre de forma independente, ou asociado con outro ou outros logopedas ou profesionais.

b) Como profesional asalariado de empresas ou doutro ou doutros profesionais.

c) Como funcionario contratado e persoal laboral de calquera Administración pública e dos seus organismos independentes.

d) En calquera outra forma en que se poida exercer a logopedia.

2. O logopeda deberá comunicarlle ao Colexio cando solicite a incorporación, e sempre que se produzan variacións, a forma ou formas de actuación profesional que desenvolva.

Artigo 20 bis

As sociedades profesionais de cuxo obxecto social resulte que exercen a actividade de logopeda de forma exclusiva ou parcial, e que teñan un domicilio social que radique na Comunidade de Galicia, incorporaranse ao Colexio a través da inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais. Na inscrición da sociedade constarán, polo menos, os datos a que se refire o artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais. A información que debe constar no citado rexistro será pública nos termos previstos na lexislación vixente.

De conformidade co disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, deben inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio aquelas sociedades profesionais que o Rexistro Mercantil comunique que se constituíron ou adaptaron.

As sociedades profesionais só estarán sometidas ao réxime de dereitos e obrigas que se establecen nestes estatutos en canto lles sexa de aplicación debido á súa natureza xurídica. En ningún caso terán dereitos políticos no Colexio.

As sociedades inscritas quedan sometidas ao control deontolóxico e á potestade disciplinaria do Colexio, e seralles de aplicación o réxime previsto nestes estatutos.

As sociedades inscritas deberán pagar as cotas de inscrición e as mensuais na cantidade e forma que determine a Xunta de Goberno.

O Colexio comunicaralle ao rexistrador mercantil calquera incidencia que se produza despois da constitución da sociedade profesional e que impida o exercicio profesional a calquera dos seus socios profesionais.

A baixa no Rexistro Mercantil producirá a baixa da inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

A Xunta de Goberno poderá aprobar un regulamento de réxime interno para regular o Rexistro de Sociedades Profesionais, de acordo coas previsión legais e estatutarias.

CAPÍTULO II

Dereitos e deberes dos profesionais

Artigo 21

1. Para os logopedas colexiados noutro colexio profesional do territorio nacional será suficiente coa súa incorporación a un só dos colexios profesionais, que será o do seu domicilio profesional único ou principal, sen que poidan exixir os colexios profesionais en cuxo ámbito territorial non radique o dito domicilio, ningunha comunicación nin habilitación, nin pagamento de prestacións económicas distintas daquelas que se exixan aos seus colexiados pola prestación dos servizos dos cales sexan beneficiarios e que non estean cubertos polas cotas colexiais. 

2. Os logopedas colexiados noutro colexio profesional que pretendan exercer a súa actividade en Galicia poderán comunicarllo ao Colexio Profesional de Logopedas de Galicia a través do seu colexio profesional de procedencia. A estes profesionais unicamente se lles poderán exixir as prestacións económicas que se lles esixen aos colexiados pola prestación de servizos dos cales sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

Artigo 22

Son dereitos dos logopedas colexiados:

1. Exercer a profesión de logopeda.

2. Ser asistidos, asesorados e atendidos polo Colexio de acordo cos medios de que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, en todas as cuestións que se susciten con motivo do exercicio profesional.

3. Presentar para rexistro e visado documentos relacionados co seu traballo profesional.

4. Ser representados pola Xunta de Goberno do Colexio, cando así o soliciten, nas reclamacións de calquera tipo dimanantes do exercicio profesional.

5. Utilizar os servizos e medios do Colexio.

6. Participación activa e pasiva en cantas eleccións se convoquen no ámbito colexial, intervir de forma activa na vida do Colexio e ser informados, informar e participar con voz e voto nas asembleas xerais do Colexio.

7. Formar parte das comisións ou seccións que se establezan.

8. Integrarse nas institucións de previsión que se establezan nas condicións que se fixen regulamentariamente.

9. Presentar á Xunta de Goberno escritos con peticións, queixas ou suxestións relativas ao exercicio profesional ou á boa marcha do Colexio.

10. Recibir con regularidade información sobre a actividade colexial e de interese profesional mediante un boletín informativo e circulares internas do Colexio.

11. Obter a convocatoria de referendo sobre calquera cuestión e a convocatoria e inclusión de puntos na orde do día dun órgano de goberno colexiado.

12. Examinar os arquivos e rexistros que reflictan a actividade colexial.

13. Expresar libremente, sen censura previa e baixo a súa exclusiva responsabilidade, a súa opinión sobre calquera aspecto profesional ou da actividade colexial.

14. Gardar o segredo profesional respecto dos datos e información coñecidos con ocasión do exercicio profesional.

Artigo 23

Son deberes dos logopedas colexiados:

1. Exercer a profesión eticamente e, en particular, aténdose ás normas deontolóxicas establecidas nos estatutos e ás que poidan acordar os órganos de goberno colexiais.

2. Cumprir as normas que rexen a vida colexial, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio, sen prexuízo dos recursos oportunos.

3. Presentar ao Colexio declaracións profesionais, contratos e demais documentos que lles sexan requiridos, conforme as disposicións estatutarias e regulamentarias.

4. Comunicarlle ao Colexio, no prazo de trinta días, os cambios de residencia ou domicilio.

5. Aboar, cando sexan libradas, as cotas e achegas establecidas polos órganos de goberno do Colexio.

6. Participar activamente na vida colexial, asistindo ás asembleas xerais e ás comisións ou seccións a que, pola súa especialidade, sexan convocados.

7. Desenvolver con dilixencia e eficacia os cargos para os cales sexan elixidos e cumprir os encargos que os órganos de goberno lles poidan encomendar.

8. Respectar os dereitos profesionais ou colexiais doutros colexiados.

9. Cooperar coa Asemblea Xeral e coa Xunta de Goberno prestando declaración e facilitando información nos asuntos de interese colexial en que poidan ser requiridos, sen prexuízo do segredo profesional.

10. Pór en coñecemento dos órganos de goberno do Colexio todos os feitos que poidan achegar algún interese á profesión, tanto particular como colectivamente considerados.

11. Estar en posesión do carné profesional colexial.

12. Gardar escrupulosamente o segredo profesional.

Artigo 24

Ademais das prohibicións que se poidan recoller nas normas deontolóxicas de rigorosa observancia, as cales se encontran publicadas na páxina web colexial, e do establecido nestes estatutos, todo colexiado se absterá de tolerar ou encubrir, en calquera forma, a quen sen título suficiente exerza a logopedia, ou impartir, figurar ou promover cursos de formación ou outro método calquera que induza á intrusión profesional.

TÍTULO IV

Dos órganos do Colexio

CAPÍTULO I

A Asemblea Xeral

Artigo 25

A Asemblea Xeral é o órgano soberano do Colexio e, como tal, máximo órgano de expresión da vontade colexial. Rexerase polos principios de participación directa, igual e democrática de todos os colexiados asistentes. Nas asembleas xerais poderán participar todos os colexiados que estean en plenitude dos seus dereitos.

Artigo 26

1. As asembleas poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

2. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, sempre antes do 31 de marzo. Incluirá na orde do día a lectura, debate e aprobación do plan de actividades, liquidación do orzamento vencido, orzamento para o ano seguinte e presentación da memoria. A asemblea ordinaria terá lugar na sede do Colexio ou noutro lugar, e será facultade da Xunta de Goberno sinalar o lugar, o día e a hora na que terá lugar.

Por razóns xustificadas que imposibiliten ou mingüen o quórum de celebración, as asembleas xerais ordinarias poderán realizarse en liña, respectando os principios democráticos en canto á participación, identificación e, de ser o caso, votación dos asistentes.

3. A Asemblea Xeral extraordinaria reunirase por iniciativa da Xunta de Goberno ou dun vinte por cento dos colexiados cunha orde do día concreta. A súa convocatoria non terá lugar máis alá do prazo dun mes nin menos de cinco días, contados desde a data da súa solicitude, e será facultade da Xunta de Goberno sinalar o día, a hora e o lugar de realización.

Por razóns xustificadas que imposibiliten ou mingüen o quórum de celebración, as asembleas xerais extraordinarias poderán realizarse en liña, respectando os principios democráticos en canto á participación, identificación e, de ser o caso, votación dos asistentes.

Artigo 27

1. A convocatoria das asembleas xerais ordinarias será comunicada por escrito, con notificación individual a cada colexiado, con trinta días naturais de antelación, como mínimo, ao da súa realización, especificado o día, a hora, o lugar e a orde do día. Os colexiados poderán consultar na Secretaría do Colexio os antecedentes dos asuntos que se van tratar. Deberá xuntarse copia das propostas que teñan por obxecto a modificación destes estatutos para que poidan ser sometidas á votación na asemblea a que se refira a convocatoria.

2. Ata quince días antes da realización das asembleas, os colexiados poderán presentar as propostas que desexen someter á deliberación e acordo, ben que só será obrigatorio para a Xunta de Goberno incluír na orde do día as que veñan avaladas por un cinco por cento do censo de colexiados.

Artigo 28

1. As asembleas xerais serán dirixidas polo presidente do Colexio acompañado polo resto dos membros da Xunta de Goberno. Actuará de secretario o que o sexa do Colexio, encargado de levantar a acta da sesión.

2. As asembleas xerais quedarán validamente constituídas coa presenza do presidente e do secretario, en primeira convocatoria, cando participen a maioría dos colexiados. Quedará validamente constituída en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asistentes. Se o presidente non pode asistir por causa de forza maior, será substituído polo vicepresidente. No caso de ser o secretario o ausente deberá ser designado un membro do equipo de goberno para substituílo.

3. Nas asembleas só se poderán tomar acordos sobre aqueles asuntos que sexan fixados na orde do día, a cal non pode ser modificada. Terán dereito a voz e voto os colexiados que estean presentes na asemblea, agás que estean suspendidos dos seus dereitos.

Artigo 29

1. A Asemblea Xeral procederá a debater os asuntos que figuren na orde do día. A Mesa poderá propor á Asemblea Xeral a modificación da orde de discusión dos asuntos incluídos na orde do día, a cal decidirá se procede tras a oportuna votación.

2. Na discusión dos asuntos estableceranse quendas a favor e en contra, que se consumirán alternativamente sen que se poidan investir máis de cinco minutos en cada intervención. Os colexiados que desexen consumir quenda comunicaranllo á Presidencia antes do debate de cada asunto. Finalizadas as intervención, procederase á votación.

3. Poderá concederse o uso da palabra por unha soa vez por alusións e aclaracións, logo de consumidas as quendas e antes da votación.

4. As emendas, adicións e propostas incidentais teñen que discutirse con preferencia á proposición obxecto de debate e comezarase polas emendas á totalidade. Se a Mesa non as asume, votarase en primeiro termo a súa toma de consideración cunha quenda previa a favor e outra en contra.

5. Os membros da Xunta de Goberno e os compoñentes das comisións nomeadas para algunha finalidade especial, aos cales se lles discuta a súa xestión e os colexiados cuxa conduta afecte as proposicións sometidas á deliberación da Asemblea, poderán facer uso da palabra con carácter preferente e non consumirán quenda. Tampouco consumirán quenda os autores da proposición mentres esta se discuta.

Artigo 30

As votacións poden ser:

a) Ordinarias, como forma xeral.

b) Secretas, en caso de solicitude da cuarta parte dos colexiados presentes, e sempre que algún membro o solicite nos casos de asuntos que afecten a imaxe do Colexio, a dignidade profesional dalgún colexiado, nos de moción de censura ou confianza e, en xeral, naqueles asuntos en que se poida ver condicionada a liberdade de emisión de voto.

c) Nominais, se así o solicita a terceira parte dos colexiados presentes.

Artigo 31

1. Os acordos serán adoptados, como norma xeral, por maioría de votos a favor respecto dos votos en contra; no entanto, precisarase o quórum cualificado que a continuación se expresa nas materias que se sinalan:

a) Maioría absoluta dos colexiados inscritos para aprobar as propostas de fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.

b) Maioría de votos a favor que representen máis do 50 % dos votos emitidos para a modificación destes estatutos e para a aprobación da moción de censura revogatoria ou a retirada da confianza.

c) Os demais que se prevexan para asuntos específicos nos regulamentos que desenvolven estes estatutos.

Os acordos tomados en asemblea xeral serán obrigatorios para todos os membros do Colexio, mesmo os ausentes, os disidentes e os que se abstiveron, sen prexuízo dos recursos procedentes.

Artigo 32

Son competencias da Asemblea Xeral:

a) Aprobar os estatutos do Colexio, os regulamentos e a normativa xeral de obrigado cumprimento.

b) Coñecer e aprobar, se procede, a memoria anual de resumo da súa actuación presentada pola Xunta de Goberno.

c) Aprobar a liquidación do orzamento vencido e o balance e a conta de resultados da corporación.

d) Aprobar os orzamentos e o programa de actuación.

e) Autorizar os actos de adquisición e disposición e gravame dos bens inmobles e de dereitos reais constituídos sobre eles, e aprobar a xestión da Xunta de Goberno e do presidente.

f) Coñecer e controlar a xestión da Xunta de Goberno, solicitando informes e adoptando, se é o caso, as oportunas mocións, mesmo a de censura con carácter revogatorio conforme o previsto no artigo seguinte, así como resolver sobre mocións de confianza.

g) O establecemento de acordos ou convenios que vinculen o Colexio máis alá do tempo de exercicio da Xunta que os propoña.

h) A fixación das achegas económicas extraordinarias.

i) Discutir e votar calquera asunto incluído na orde do día correspondente.

j) Aprobar as propostas de fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.

k) Nomear colexiados de honra.

l) Coñecer dos rogos, preguntas e proposicións sometidos á súa consideración.

m) A elección dos cargos directivos que deban ser substituídos por terse producido unha vacante.

n) A modificación dos estatutos e do código deontolóxico.

Artigo 33

A moción de censura contra a Xunta de Goberno e contra o presidente do Colexio só se poderá expor en asemblea xeral convocada para o efecto. Teñen lexitimación para expor moción de censura o 20 % dos colexiados.

Os que presentasen unha moción de censura non poderán formular ningunha outra contra a mesma Xunta de Goberno nin contra o mesmo presidente no prazo dun ano. A aprobación da moción de censura contra a Xunta de Goberno ou contra o presidente do Colexio comportará a convocatoria de eleccións no prazo de dez días.

A Xunta de Goberno e o presidente do Colexio poderán someter á Asemblea Xeral moción de confianza para a ratificación da súa xestión e/ou programa de gobernó, cuxa formulación, tramitación e efectos se axustarán ao previsto para a moción de censura.

Artigo 34

Das reunións da Asemblea Xeral levantarase a acta que quedará rexistrada nun libro para este efecto, asinada polo presidente e o secretario. A acta da asemblea será aprobada pola mesma Asemblea e terá forza executiva, ou ben se elixirán tres compromisarios da Asemblea que aprobarán a dita acta.

CAPÍTULO II

Da Xunta de Goberno

Artigo 35

A Xunta de Goberno ten encomendada a dirección e a administración do Colexio e constitúe o órgano executivo deste respecto dos acordos da Asemblea Xeral, dos preceptos contidos nestes estatutos e regulamento que se dite, e respecto do resto de normas e acordos que regulen o réxime colexial.

Artigo 36

A Xunta de Goberno terá carácter colexiado e estará formada polo presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e tres vogais.

Artigo 37

As funcións da Xunta de Goberno son:

a) Cumprir e facer cumprir os acordos da Asemblea Xeral, os estatutos, regulamentos e lexislación vixente que afecte o Colexio.

b) Xestión e administración do Colexio e dos seus intereses.

c) Decidir sobre as solicitudes de colexiación e baixas de colexiados.

d) Fixación do importe dos dereitos de incorporación e das cotas ordinarias de percepción periódica.

e) Representación do Colexio nos ámbitos da súa actividade.

f) A elaboración do orzamento e do programa de actuación.

g) A tramitación e resolución dos expedientes disciplinarios e a aplicación das sancións.

h) Crear e reestruturar as comisións e grupos de traballo necesarios para o mellor cumprimento das funcións colexiais e para o estudo, seguimento ou promoción de aspectos e trámites referidos á súa realización.

i) A preparación dos asuntos que deban ser sometidos á asemblea e o coidado de todos os aspectos e trámites referidos á súa realización.

j) Fixar a data de realización das asembleas xerais ordinarias e extraordinarias.

k) Cantas funcións non indicadas deriven destes estatutos e non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral.

l) A reclamación de cotas aos colexiados morosos.

Artigo 38

A Xunta de Goberno realizará sesión bimensual e tantas veces como o decida o presidente ou o soliciten tres dos seus membros. As convocatorias faranse por escrito a través do secretario, por mandato do presidente, con cinco días de antelación e acompañadas da correspondente orde do día. É obrigatoria a asistencia de todos os seus membros. A falta de asistencia non xustificada a dúas sesións consecutivas ou a catro non consecutivas considerarase renuncia ao cargo. As sesións da Xunta de Goberno realizaranse nas dependencias do Colexio ou noutro lugar previamente acordado por unanimidade polos membros da Xunta. As reunións poderán ser tanto presenciais como telemáticas e primarán, sempre que se poida, as presenciais.

Artigo 39

A Xunta de Goberno quedará validamente constituída coa asistencia da metade máis un dos seus membros, entre os cales deberán estar, polo menos, o presidente ou vicepresidente e o secretario. Os acordos adoptaranse por maioría dos asistentes e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente. Os acordos da Xunta consignaranse nas oportunas actas por orde de datas no libro que se disporá para o efecto.

Artigo 40

A duración dos cargos será de catro anos. Se algún dos compoñentes da Xunta de Goberno, excepto o presidente, cesa por calquera causa, a mesma Xunta designará o substituto con carácter de interinidade ata que se verifique a primeira elección regulamentaria. A baixa do presidente debe ser cuberta polo vicepresidente e supón o nomeamento dun substituto deste entre os membros da Xunta de Goberno. De producirse a vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno ou do presidente e vicepresidente ao mesmo tempo, convocaranse eleccións no prazo dun mes.

Artigo 41

O presidente do Colexio ten especialmente atribuídas as seguintes funcións:

a) A representación legal do Colexio para todos os efectos e a representación do Colexio en todas as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións de calquera tipo, persoas física ou xurídicas.

b) Levar a dirección do Colexio e decidir en casos urxentes que non sexan competencia da Asemblea, e coa obriga de informar das súas decisións a Xunta de Goberno na primeira reunión que teña lugar.

c) Visar as certificacións que expida o secretario.

d) Subscribir e outorgar contratos, documentos e convenios de interese para o Colexio.

e) Autorizar coa súa sinatura todo tipo de documentos en relación coa letra a) deste artigo.

f) Convocar as reunións da Xunta de Goberno e das asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias.

g) Contratar, levar a termo todo tipo de actos e documentos propios da xestión e da administración colexiais, incluídos os que sexan propios da cuestión económica bancaria e financeira, aínda que a mobilización dos fondos a fará conxuntamente co tesoureiro.

h) Coordinar o labor de todos os membros da Xunta de Goberno.

Artigo 42

O vicepresidente colaborará co presidente no exercicio da súa función e exercerá todas aquelas funcións específicas que lle sexan asignadas por este, ou pola Xunta de Goberno, que resulten de interese para o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Artigo 43

Son funcións do secretario:

a) Levar os libros necesarios para conseguir o mellor e máis ordenado funcionamento dos servizos do Colexio. Será obrigatoria a existencia de libros de actas da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, e libro de entradas e saídas de documentos.

b) Levantar a acta das reunións dos órganos do Colexio e autenticar coa súa sinatura a do presidente ou vicepresidente, expedir certificacións e testemuños, e ser o depositario e responsable da documentación colexial.

c) Redactar memoria anual.

d) Coidar a organización administrativa e laboral das oficinas do Colexio, garantir o seu funcionamento e o cumprimento das obrigas legais respecto diso.

e) Controlar a tramitación dos expedientes dos colexiados e ter permanentemente actualizado o Rexistro destes.

f) Redactar e enviar os oficios de citación para todos os actos do Colexio.

g) Dar cumprimento aos acordos adoptados pola Xunta do Goberno.

h) Ten asignada a custodia dos períodos electorais durante os cales dá fe da recepción e tramitación da documentación, é depositario dos votos recibidos por correo e vixía o cumprimento dos requisitos electorais.

Artigo 44

Son funcións do tesoureiro:

a) Recadar, vixiar e administrar os fondos do Colexio e levar a contabilidade.

b) Efectuar os pagamentos ordenados pola Xunta de Goberno e asinar os documentos para o movemento dos fondos do Colexio conxuntamente co presidente e vicepresidente.

c) Facer o balance e conta de resultados do exercicio liquidando o orzamento vencido e formular o orzamento de ingresos e gastos, todo isto para sometelo á aprobación da Asemblea Xeral.

d) Levar ou supervisar os libros de contabilidade.

e) Realizar o balance de situación tantas veces como o requira o presidente ou Xunta de Goberno.

f) Ter informada a Xunta de Goberno sobre o estado financeiro do Colexio.

Artigo 45

Son funcións dos vogais:

a) Auxiliar os titulares dos outros cargos da Xunta de Goberno e substituílos na súa ausencia.

b) Levar a cabo as tarefas que lles confíe o presidente da Xunta de Goberno ou a propia Xunta.

Artigo 46

O exercicio dos cargos do Colexio é gratuíto, aínda que poden ser reembolsados os gastos que comporta o exercicio do dito cargo.

CAPÍTULO III

Eleccións a presidente do Colexio e aos membros da Xunta de Goberno

Artigo 47

Terán dereito a ser elixidos todos os colexiados que non estean condenados por sentenza firme que comparte a inhabilitación para cargos públicos, que estean ao día nas súas obrigas colexiais, agás que estean afectados por unha sanción que comporte a suspensión de actividades colexiais en xeral ou a limitación dos seus dereitos. Os colexiados non exercentes non poderán ser candidatos ao cargo de presidente.

Artigo 48

Só poderán concorrer ás eleccións candidaturas completas en que estean todos os membros da Xunta que se van elixir. As candidaturas deberán formarse indicando o cargo ao cal opta cada candidato, os cales deberán asinar a súa aceptación de formar parte dela. Ninguén se poderá presentar como candidato a máis dun cargo ou candidatura.

Artigo 49

A convocatoria de eleccións deberá efectuala a Xunta de Goberno con, polo menos, trinta días de antelación ao da data en que terán lugar, e fará pública ao mesmo tempo a lista de colexiados con dereito a voto.

Os colexiados que desexen formular algunha reclamación contra a lista de electores deberán formalizala no prazo de cinco días despois de ser exposta. Estas reclamacións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno dentro dos tres días seguintes ao da expiración do prazo para formulalas, e a resolución deberá ser notificada a cada reclamante dentro dos dez días seguintes.

As candidaturas deberán presentarse na Secretaría do Colexio, debidamente asinadas por todos os seus membros, dentro dos oito días seguintes a aquel en que se faga pública a convocatoria e, unha vez transcorridos os oito días, a Xunta de Goberno deberá facer pública a relación de candidaturas dentro dos cinco días seguintes, e a partir deste día poderá emitirse o voto por correo.

A Secretaría do Colexio confeccionará unha relación coa copia literal das candidaturas presentadas e remitiraas aos colexiados coa papeleta do voto correspondente e o sobre de instrucións para a emisión do voto por correo.

No caso de presentación dunha única candidatura, e terminados os prazos legais recollidos neste artigo, farase a toma de posesión da candidatura que se presentase ás eleccións da Xunta de Goberno.

Artigo 50

1. O día fixado para as eleccións constituirase nos locais e na hora da convocatoria unha mesa electoral que será a que dirixa a votación e as súas circunstancias.

2. A dita mesa estará formada por tres persoas, ningunha das cales será candidata. O logopeda de máis idade será presidente e os dous de menor idade serán secretario e vogal. Cada candidatura poderá designar entre os colexiados un interventor que a represente nas operacións electorais.

3. Os colexiados deberán votar no lugar e local designado para o efecto. Na Mesa electoral está a urna, que deberá ofrecer suficientes garantías. Constituída a Mesa electoral, o seu presidente indicará o inicio da votación, e á hora prevista para finalizar pecharanse as portas do local e só poderán votar os que estean dentro del. A continuación, e logo da oportuna comprobación, introduciranse na urna os votos que cheguen por correo certificado cos requisitos establecidos.

4. A Xunta de Goberno determinará o horario da elección, que terá unha duración mínima de oito horas. Os electores votarán utilizando unha soa papeleta. Logo de identificación do elector, entregaráselle ao presidente, o cal a depositará na urna en presenza do votante. O secretario da Mesa sinalará na lista de colexiados os que xa depositasen o seu voto. Os electores que non voten persoalmente poderán facelo por correo certificado remitindo este á Secretaría do Colexio. O sobre certificado deberá conter unha fotocopia do DNI do elector acompañado da solicitude de voto por correo, coa sinatura lexible da súa propia man, ademais dun sobre branco pechado, dentro do cal estea a papeleta de voto ou conste mecanografada a candidatura escollida, coa relación de todos os seus membros e cargos. Para que sexan válidos os votos por correo, deberán reunir os requisitos mencionados e recibirse na Secretaría do Colexio con dous días de antelación ao da votación.

Artigo 51

1. Unha vez rematada a votación, procederase ao escrutinio.

a) Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan expresións alleas ao escrutinio contido da votación ou borróns que imposibiliten a perfecta identificación da vontade do elector e aquelas que nomeen máis dunha candidatura ou unha candidatura incompleta.

b) Finalizado o escrutinio, levantarase a acta do resultado, que será asinada polos interventores e por todos os membros elixidos da Xunta de Goberno, que tomarán posesión dos cargos nun prazo máximo de quince días desde a data da elección. Os nomeamentos serán comunicados ao departamento correspondente da Xunta de Galicia e ás instancias que correspondan, dentro do prazo establecido no artigo 7.6 da Lei de colexios profesionais (Lei 2/1974, do 13 de febreiro).

TÍTULO V

Do réxime económico

Artigo 52

O Colexio ten capacidade para a titularidade, xestión e administración de bens e dereitos adecuados para o cumprimento das súas finalidades. A actividade económica desenvólvese de acordo co procedemento orzamentario.

Artigo 53

Os recursos económicos do Colexio están constituídos por:

– Recursos ordinarios:

a) As cotas e os dereitos de incorporación fixados pola Xunta de Goberno. As cotas ordinarias periódicas que fixe a Xunta.

b) Os dereitos e as taxas que, eventualmente, fixe a Xunta polos servizos colexiais.

c) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúen o patrimonio colexial e calquera outro legalmente posible de similares características.

– Recursos extraordinarios:

a) Derramas ou achegas extraordinarias aprobadas por asemblea.

b) As subvencións ou doazóns de calquera tipo de procedencia pública ou privada e, en xeral, os incrementos patrimoniais lexitimamente adquiridos.

Artigo 54

A Xunta de Goberno presentará anualmente á Asemblea Xeral para a súa aprobación:

a) A liquidación do orzamento do exercicio anterior.

b) O orzamento para o exercicio seguinte. Este só pode ser modificado por acordo da asemblea extraordinaria convocada para o efecto.

Artigo 55

En caso de disolución ou reestruturación que afecte o patrimonio do Colexio, este destinarase en primeiro lugar a cubrir o pasivo. O activo restante adxudicarase, coas cautelas que se establezan, ao organismo ou organismos que os substitúan.

TÍTULO VI

Do réxime disciplinario

Artigo 56

O Colexio ten xurisdición disciplinaria para sancionar as faltas cometidas polos profesionais no exercicio da súa profesión ou actividade colexial.

Artigo 57

As faltas clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Son faltas leves:

a) A falta de respecto aos membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta moi grave ou grave.

b) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

c) As infraccións leves dos deberes que a profesión impón.

Son faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo Consello Xeral ou polo Colexio, salvo que constitúa falta de superior entidade.

b) A falta de respecto, por acción ou omisión, aos compoñentes da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións.

c) Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros no exercicio da actividade profesional.

d) A competencia desleal.

Son faltas moi graves:

a) Os actos e omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a gobernan.

b) O atentado contra a dignidade ou honra das persoas que constitúen a Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións e contra os demais compañeiros no exercicio da profesión.

c) A reiteración de falta grave.

d) O amparo, encubrimento ou colaboración cunha persoa que estea cometendo intrusión profesional.

e) A falta de pagamento da cota colexial durante un ano ou doutras achegas establecidas polos órganos de goberno do Colexio logo de requirimento de pagamento por correo certificado, no cal se establecerá unha prórroga de dous meses.

Artigo 58

As infraccións disciplinarias serán corrixidas coas seguintes sancións:

Por falta leve: amoestación, represión verbal ou escrita.

Por falta grave: inhabilitación para ocupar cargos no goberno do Colexio por un período de entre un e tres anos; suspensión da condición de colexiado por un período máximo de ata seis meses.

Por falta moi grave: inhabilitación para ocupar cargos no goberno do Colexio por un período de entre tres anos e un día e dez anos; suspensión da condición de colexiado durante un período de seis meses e un día e ata un máximo de tres anos; expulsión do Colexio.

Artigo 59

A imposición de calquera sanción disciplinaria exixe a formación e tramitación previa do expediente correspondente, que se debe axustar ás seguintes normas:

a) O procedemento iníciase por acordo da Xunta de Goberno, por iniciativa propia ou como consecuencia dunha denuncia formulada por calquera colexiado, persoa ou entidade pública ou privada. A Xunta de Goberno, cando reciba unha denuncia ou teña coñecemento dunha presunta infracción, poderá acordar a instrución de información reservada antes de decidir a incoación do expediente ou, se procede, que se arquiven as actuacións sen ulterior recurso. Todas as actuacións relativas á tramitación do expediente serán a cargo do instrutor, o cal será nomeado pola Xunta de Goberno entre os colexiados. A incoación do expediente, así como o nomeamento do instrutor, notificaranse ao colexiado suxeito do expediente.

b) Corresponde ao instrutor efectuar todas as probas e actuacións que leven ao esclarecemento dos feitos. Á vista das actuacións efectuadas, formularase un prego de cargos onde se exporán os feitos imputados ou ben a proposta de sobresemento e arquivamento do expediente.

c) O prego de cargos notificarase ao interesado e concederáselle un prazo de quince días para formular alegacións e achegar e propor todas as probas das cales intente valerse.

d) O instrutor, transcorrido este prazo, formulará proposta de resolución, que se notificará ao interesado para que no prazo de quince días poida alegar todo o que considere na súa defensa. Durante este período notificaránselle as actuacións efectuadas.

e) A proposta de resolución, con toda a actuación, elevarase á Xunta de Goberno e esta ditará a resolución apropiada.

f) As resolucións sancionadoras conterán a relación dos feitos probados, a determinación da falta constatada, a cualificación da súa gravidade e a sanción imposta. A relación de feitos debe ser congruente co prego de cargos formulados no expediente.

g) O prazo máximo para resolver o procedemento será de seis (6) meses.

Artigo 60

O período de prescrición das faltas leves é de seis meses, das faltas graves, dous anos e das faltas moi graves, catro anos, e interromperase a prescrición polo inicio do procedemento disciplinario.

Artigo 61

O sancionado poderá pedirlle á Xunta de Goberno a súa rehabilitación, coas consecuentes cancelacións da nota no seu expediente, no prazo de tres meses se a falta fose leve, no prazo dun ano se a falta for grave e no prazo de dous se a falta for moi grave, desde a data de inicio do cumprimento da sanción.

TÍTULO VII

Do réxime xurídico

Artigo 62

En todo o non previsto especificamente nestes estatutos aplicaranse a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e todas aquelas normas xurídicas vixentes e aplicables ao caso ou suposto concreto.

Artigo 63

Contra os actos suxeitos ao dereito administrativo emanados do órgano de goberno dos colexios profesionais caberá recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios de Logopedas.

Artigo 64

1. O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión, e para tal efecto elaborará unha memoria anual que conterá, como mínimo, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo; as ditas retribucións están referidas unicamente ás posibles indemnizacións por razón do servizo.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou firmes, con indicación da infracción a que se refiran, da súa tramitación e, se for o caso, a sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polas persoas consumidoras e usuarias ou polas súas asociacións representativas, a súa tramitación e, se for o caso, os motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos códigos deontolóxicos, en caso de dispor deles.

2. A memoria anual farase pública na páxina web do Colexio no primeiro semestre de cada ano.