DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 24 de maio de 2024 Páx. 31218

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 8 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR804B).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento comprenden o conxunto de actuacións orientadas á real superación da pobreza e da desigualdade e precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade, a xustiza e a equidade. A necesidade de promover un progreso económico e social global, sustentable, inclusivo, equitativo e de igualdade entre os cidadáns xorde tamén de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos Obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, aprobados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015, seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda. Coa aprobación da nova Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Comunidade Autónoma reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario, sustentable e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras para o ano 2024 para a execución de microproxectos no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 de acordo con estas bases reguladoras e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos, e en uso das atribucións que me confire o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, na súa disposición transitoria, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación co artigo 47 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, establécese que lle corresponden á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior as funcións relativas ás competencias de impulso da acción de cooperación ao desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo I desta orde para a concesión de subvencións a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, inscritos na sección A ou D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

2. Convocar as subvencións, polo importe 90.000,00 euros, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2024 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á liña e aplicación orzamentaria 35.07.331A.490.0.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, un recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, un recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.5 da Orde do 14 de xullo de 2022 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería, e a disposición adicional segunda do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura das consellerías da Xunta de Galicia.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación
(código de procedemento PR804B)

Artigo 1. Obxecto e entidades beneficiarias

1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións para a realización de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que executará individualmente algunha das entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia; concretamente:

– As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Os outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento, que estean inscritos na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos doce meses, que teñan por obxecto fortalecer e/ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio.

3. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos microproxectos

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:

2.1. Requisitos das entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, na sección A: Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, e na sección D: Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

b) Que non recibisen ningunha subvención nas convocatorias para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, que executarán os axentes de cooperación ao desenvolvemento, nos últimos cinco anos.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Cada entidade solicitante só poderá presentar un microproxecto.

2.2. Requisitos dos microproxectos:

a) Que non se iniciase a execución do microproxecto antes do 1 de xaneiro de 2024 e que estea finalizada antes do 31 de decembro de 2024.

b) Que se identifiquen as contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do microproxecto e na xestión dos recursos, e que conste expresamente o seu compromiso no proxecto. Non terán a consideración de contrapartes ou socios locais as delegacións de entidades españolas distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas no país de execución do proxecto. As contrapartes ou socios locais deben estar legalmente constituídos e inscritos no rexistro correspondente no país de intervención, de ser o caso, con anterioridade á publicación desta convocatoria.

c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regrada ou a investigación oficial.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e das liberdades das poboacións beneficiarias, é dicir, que conten coa participación das persoas beneficiarias no desenvolvemento do proxecto, que non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe, que fomente a igualdade entre homes e mulleres e que sexa respectuoso coa protección do ambiente.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas e dos intereses estratéxicos da poboación das zonas máis desfavorecidas do país en que se execute, atendendo de xeito prioritario ás diferenzas derivadas das fendas de xénero, e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte ou socio local, co fin de asegurar a súa viabilidade.

g) O orzamento dos microproxectos deberá cumprir co que establece o artigo 7, Gastos do microproxecto; desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

h) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados a esta convocatoria.

Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

3.1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3.2. As entidades solicitantes só poderán presentar un microproxecto individual.

Artigo 4. Documentación complementaria

4.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto. A documentación das carpetas 1 e 2 e os documentos de formulación do proxecto, carpeta 3, presentaranse obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Carpeta 1: Información relativa á entidade solicitante.

a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, no caso de dispoñer delas.

b) Memoria da organización na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos, no caso de dispoñer dela. Recoméndase achegar unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores, financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio local.

c) Planificación/estratexia de cooperación para o desenvolvemento da entidade para os seguintes anos, na cal se enmarca o proxecto presentado, no caso de dispoñer dela.

Carpeta 2: Información relativa á contraparte ou socio local (no caso de seren varias entidades, deberase achegar de cada unha delas).

a) Carta de compromiso de participación no microproxecto por parte da contraparte local, asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade.

b) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que exerza actualmente a representación legal. Esta documentación será coincidente coas sinaturas do resto dos documentos relacionados nesta epígrafe.

c) Declaración da persoa que exerza a representación legal da entidade, en que se especifiquen a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade, o seu organigrama e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao seu servizo.

d) Copia dos estatutos da entidade.

e) Copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local.

f) Copia do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe.

g) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, no caso de dispoñer delas.

h) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos, no caso de dispoñer dela. Recoméndase achegar unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores, financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio.

i) Planificación/estratexia da entidade para os seguintes anos, na cal se enmarca o microproxecto presentado, no caso de dispoñer dela.

j) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha Administración, universidade ou outra entidade pública, deberá presentar:

– Carta de compromiso de participación.

– Copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que exerza actualmente a representación legal. Esta documentación será coincidente coas sinaturas do resto dos documentos relacionados nesta epígrafe.

– Memorias, informes, plans, estratexia e/ou relación de proxectos ou actividades de cooperación para o desenvolvemento e outros traballos relacionados co microproxecto presentado, en caso de dispoñer deles.

Carpeta 3: Información relativa ao microproxecto de desenvolvemento.

A información sobre o microproxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que se poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/:

– Formulario de presentación do proxecto, en formato pdf ou Word.

– Orzamento do proxecto, en formato Excel.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

4.2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1, 2 e 3 impedirá a avaliación do microproxecto se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 9 desta orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou envío noutro formato dos documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 3.

4.3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4.4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4.5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

4.6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente da entidade solicitante os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo II e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Malia o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos abondará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar que está ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non é debedora por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.

Artigo 6. Condicións de financiamento

6.1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do microproxecto, ben que a subvención concedida non superará en ningún caso os 30.000,00 euros.

A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou doutros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no V Plan director da cooperación galega.

Aceptarase o financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, sempre que en ningún caso a totalidade do proxecto quede financiada con fondos da Xunta de Galicia.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizadas.

6.2. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 7. Gastos do microproxecto

7.1. Gastos subvencionables:

1º. Todos os gastos do microproxecto deberán cumprir as condicións establecidas neste artigo, con independencia de quen os financie, e consideraranse subvencionables tanto os custos directos como os indirectos.

2º. Entenderase por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos; en particular:

a) Alugamento, construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas.

No caso de alugamento, inclúense os gastos de alugamento de equipamentos, terreos e inmobles necesarios para a execución da intervención. Non se imputarán os gastos de alugamento da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte local. O alugamento dos locais da entidade beneficiaria en terreo ou da contraparte ou socio local imputaranse na partida de funcionamento.

A construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas inclúe a elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e transporte destes, obras de acceso e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento, construción de pozos e sistemas de regadíos, etc. No caso de que a man de obra ligada a estas tarefas sexa achegada pola contraparte ou socio local ou pola poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles, deberán especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.

Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte ou socio local.

b) Equipamentos e materiais.

Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos de terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos (hardware e software), dotación de bibliotecas e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado e posta en funcionamento dos equipamentos, taxas alfandegueiras ou portuarias, etc. Así mesmo, no caso de proxectos produtivos, inclúese tamén a adquisición de animais, árbores, sementes, etc., o seu transporte e almacenamento.

Consideraranse materiais consumibles os gastos consumibles en prazos inferiores a un ano: material de escritorio, material informático, material de formación, libros, materiais didácticos, materiais sanitarios, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, utensilios, etc. Tamén se inclúen os alugamentos de maquinaria, útiles e ferramentas necesarios para a execución da intervención.

c) Persoal. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por:

1. Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e con funcións e tarefas directamente relacionadas con aquela. Para o envío de persoas expatriadas achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío dese persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

2. Persoal local: aquel persoal da contraparte ou socio local ou contratado ao servizo do proxecto sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto da subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas coa intervención. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto.

3. Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse ao país de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención.

En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer, na medida do posible, aos recursos humanos locais.

4. Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, liquidacións proporcionais ao período imputado ao proxecto, seguros sociais por conta da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras e liquidacións, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos, se é o caso. Este límite non será aplicable cando o período de execución do proxecto sexa ampliado máis de seis meses.

d) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades previstas na formulación da intervención. Incluiranse, como achega das entidades solicitantes, as achegas valorizadas do traballo do seu persoal voluntario para realizar os servizos previstos nesta partida.

Tamén se incluirán os gastos derivados de pólizas de seguros de accidente, enfermidade e de responsabilidade civil subscritos a favor do voluntariado da organización que non perciba contraprestación económica e que participe directamente nos proxectos subvencionados, e calquera outro gasto en que poida incorrer e que estea directamente relacionado coa intervención.

As bolsas de formación que consistan no pagamento da matrícula ou entrega monetaria inclúense nesta epígrafe. As bolsas de transporte, alimentación ou material incluiranse na epígrafe que corresponda segundo o obxecto da bolsa.

e) Funcionamento no terreo: gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do microproxecto. Inclúese o alugamento de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 4 % do orzamento do proxecto.

f) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense, entre outros, os gastos vinculados á mobilidade individual ou colectiva do persoal (local, expatriado e en sede), das persoas voluntarias e beneficiarias, necesarios para a execución da intervención (incluídos combustible, seguros, alugamento e mantemento de vehículos), así como o aloxamento, manutención das persoas participantes en formacións e capacitacións e, de seren necesarios, os incentivos (monetarios e en especie) ás persoas beneficiarias dos proxectos que sexan membros de comités, redes ou similares, necesarios para a boa execución do microproxecto.

g) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a adecuada preparación ou execución desta, e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Tamén serán subvencionables os gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto, os derivados da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se requira na convocatoria.

3º. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local para o sostemento da execución do microproxecto, así como da difusión da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. O persoal imputado nesta partida computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.

A porcentaxe máxima aplicable ao concepto de custos indirectos será de ata o 10 % do importe total do orzamento do proxecto.

Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante mediante unha certificación desagregada e detallada dos gastos incluídos e asinada pola persoa que exerza a representación legal.

4º. Aceptaranse, por parte da entidade solicitante, as achegas en especie ou as valorizacións no traballo realizado por persoal voluntario: neste caso, deberanse presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan en cada actividade e o custo suposto (que non deberá exceder os 20,00 euros por hora). Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, no cal se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/da voluntario/a no proxecto. No contrato deben constar o nome, os apelidos e o DNI da persoa voluntaria.

5º. Aceptaranse como achegas locais nos conceptos de gasto susceptibles de axuda as achegas monetarias ou en especie e as valorizacións.

Considéranse valorizacións as achegas de terreos, locais, equipamentos, materiais e servizos por parte da poboación beneficiaria final, socios locais e outras entidades locais distintas das beneficiarias, así como tamén a man de obra das persoas beneficiarias finais directamente vinculadas á execución das actividades orzadas e que, en caso de terreos, locais ou equipamentos, vaian ser transferidas definitivamente cando acabe a execución, xunto co resto de bens adquiridos con cargo ao proxecto obxecto de axuda. Tamén se poden valorar os bens, persoal voluntario da contraparte ou socio local e os locais postos temporalmente á disposición da execución directa do proxecto, por un importe equivalente ao alugamento destes durante o tempo en que sexan utilizados dentro do prazo de execución. Todos estes gastos deberán estar suficientemente acreditados e intrinsecamente vinculados, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total.

As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens, deben ter en conta a antigüidade.

6º. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000,00 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 15.000,00 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por parte de empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

7º. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, deberán quedar formalmente vinculados, durante dez anos os bens inscritibles nun rexistro público e durante cinco anos o resto de bens, aos fins das actuacións realizadas. Unha vez que rematen estas, deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá documentarse a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberase facer constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo que se afectan os bens, estas cuestións deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

O incumprimento da dita obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 74 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita Lei 9/2007, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro, calquera que sexa a persoa ou entidade posuidora, salvo que resulte ser unha terceira protexida pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título, ou en establecemento mercantil ou industrial, no caso de bens mobles non inscritibles.

8º. Permítese a subcontratación da actividade subvencionada nunha porcentaxe non superior ao 60 % da actividade subvencionada. Enténdese por subcontratación a concertación con terceiros da súa execución total ou parcial e queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para realizar por si mesma a actividade subvencionada.

7.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os elementos de transporte externos.

• Os gastos de alugamento ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

• Os billetes de avión en primeira clase ou en clase preferente.

• As indemnizacións por despedimento do persoal.

Artigo 8. Criterios e valoración dos microproxectos

As prioridades xeográficas, sectoriais e transversais son as establecidas no V Plan director da cooperación galega.

Os microproxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

8.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 12 puntos.

1. Experiencia en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 4 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos e recursos técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 4 puntos.

3. Experiencia de traballo da entidade solicitante coa contraparte ou socio local. Máximo: 2 puntos.

4. Estratexia e planificación da cooperación da entidade que inclúa a incorporación da perspectiva de xénero e/ou política de xénero da entidade, así como outras prioridades transversais do Plan director da cooperación galega para os vindeiros anos. Máximo: 1 punto.

5. Contribución da entidade solicitante ao fomento do sector galego de cooperación, valoraranse o traballo e a presenza en Galicia, e a participación en redes. Máximo: 1 punto.

8.2. Aspectos relacionados co socio local: ata 15 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no seu sector de actuación, descrita suficientemente nas carpetas 2 e 3 para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte ou socio local. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 6 puntos.

3. Participación en redes, foros, espazos locais ou internacionais no ámbito do sector de actuación do proxecto. Máximo: 2 puntos.

4. Participación no proxecto xunto con outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 2 puntos.

8.3. Aspectos relacionados co contido do microproxecto: ata 53 puntos.

1. Pertinencia, antecedentes e xustificación do proxecto, con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural das persoas beneficiarias, zona e país onde se vai desenvolver. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos, resultados e accións coa problemática presentada. Deseño adecuado da matriz de marco lóxico. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van a desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos e resultados do proxecto. Máximo: 4 puntos.

5. Recursos humanos e técnicos suficientes e adecuados para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 4 puntos.

6. Poboación beneficiaria: cuantificación e descrición precisa das persoas destinatarias, criterios de determinación e grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 4 puntos.

7. Viabilidade técnica e sustentabilidade do proxecto a nivel social, económico e ambiental. Máximo: 5 puntos.

8. Aplicación dos enfoques transversais, en especial o de xénero. Máximo: 5 puntos.

9. Proxectos que fortalezan e/ou complementen outras intervencións rematadas ou en marcha. Máximo: 5 puntos.

10. Seguimento e avaliación prevista (ao interno e ao externo). Máximo: 4 puntos.

11. Difusión do proxecto en Galicia. Máximo: 1 punto.

12. Inserción e aliñamento do proxecto en estratexias integrais de desenvolvemento de carácter público, con especial atención aos marcos de asociación país (MAP) e aos plans e políticas do país socio. Máximo: 4 puntos.

13. Compromiso de participación das autoridades locais e garantía de transferencia a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local dos insumos financiados con cargo ao proxecto. Máximo: 4 puntos.

8.4. Coincidencia do microproxecto coa estratexia da Cooperación Galega. Máximo: 20 puntos.

1. País prioritario para a Cooperación Galega, país PMA ou con IDH baixo. Máximo: 5 puntos.

2. Ámbitos estratéxicos da Cooperación Galega. Máximo: 10 puntos, que poderán ser acadados por un só ámbito ou entre varios deles.

AE 1. Promover o exercicio dos dereitos sociais básicos (saúde, educación, alimentación, hábitat e auga e saneamento básico) polas persoas e colectivos máis pobres e vulnerables.

AE 2. Apoiar a agricultura, a pesca e a acuicultura sustentables cun enfoque de soberanía alimentaria, preservando os recursos naturais no marco de modelos de desenvolvemento rural e territorial integrados, inclusivos, solidarios e redistributivos para unha prosperidade compartida.

AE 3. Impulsar a igualdade de xénero cun enfoque feminista interseccional e de diversidades, o apoderamento e o exercicio de dereitos das nenas, adolescentes e mulleres, e o fortalecemento das súas organizacións.

AE 4. Promover a garantía e a defensa dos dereitos humanos, a democracia e o fortalecemento da sociedade civil organizada.

AE 5. Loitar contra o cambio climático e promover a sustentabilidade e a xustiza ambientais.

AE 6. Protexer e salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana respondendo ás crises humanitarias con eficacia e calidade, e cunha perspectiva de redución de vulnerabilidades e fomento da resiliencia.

AE 7. Construír unha cidadanía global comprometida coa transformación social positiva, a solidariedade e o desenvolvemento humano sustentable.

3. Priorizaranse, dentro de cada país, aquelas zonas ou rexións en que a Xunta de Galicia financia ou financiase máis intervencións, nun intento de lograr un maior grao de concentración da nosa axuda, así como a complementariedade e sinerxías con intervencións directas da Cooperación Galega (IDI República Dominicana, IDI Guatemala, AQUA-MOZ, ACUIPESCA-Perú e PEIXAN MZ). Máximo: 5 puntos.

Artigo 9. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez (10) días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, desistirán da súa petición, logo dunha resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Notificacións

10.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

10.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

10.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

10.4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

10.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Valoración das solicitudes

12.1. Para a súa valoración constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigo 25 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A Comisión estará composta polas seguintes persoas:

Presidente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous/dúas funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A Comisión, para unha mellor valoración dos microproxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os ditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

As persoas que interveñan na Comisión de Valoración manifestarán de forma expresa a ausencia de conflitos de intereses e non poderán participar nas comisións persoas en que exista o dito conflito.

12.2. Para superar a fase de valoración dos microproxectos de cooperación no exterior será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % nas epígrafes I «Entidade solicitante» (6 puntos) e II «Socio local» (7,5 puntos), e do 50 % (26,5 puntos) na epígrafe III «Proxecto».

No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación obtida na valoración do microproxecto.

b) A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.

c) A maior puntuación obtida na valoración da contraparte ou socio local.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos microproxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles que sexa posible.

12.3. Cando da prelación dos proxectos avaliados resulte que o último proxecto con financiamento non acade a totalidade da subvención solicitada, a Comisión de Avaliación, en virtude do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, instará a persoa beneficiaria á reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable, a cal será novamente avaliada pola dita comisión para os efectos de comprobar que se respecten o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.

12.4. No suposto de que non se esgoten os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no V Plan director da cooperación galega e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 13. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de catro meses, como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non se notificar unha resolución expresa neste prazo, as solicitudes consideraranse desestimadas.

Artigo 14. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente, por delegación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, resolverá o procedente.

Artigo 15. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do microproxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria está obrigada a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 16. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días, pola sede electrónica accedendo á Carpeta cidadá, unha declaración por escrito da aceptación da axuda na cal conste o seu compromiso de achegar directamente, ou cubrir con outras achegas, a diferenza entre o custo total do microproxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberá confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

Así mesmo, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou presentar unha readaptación á subvención concedida sempre que tecnicamente sexa posible e non altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado. Esta solicitude de readaptación será sometida a unha nova análise para os efectos de comprobar que non afecte a orde de prelación dos microproxectos subvencionados. Tras as comprobacións pertinentes, ditará de novo unha resolución o mesmo órgano que ditou a resolución inicial, a cal lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De se produciren renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, queden sen financiamento ou esta non acade a totalidade da subvención solicitada.

Artigo 17. Anticipos

17.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 94.3.a) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % mediante unha resolución motivada e sen necesidade de exixir garantía.

17.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo III desta orde asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade, acompañado da ficha de datos estatísticos do microproxecto que se poderá descargar da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/

Artigo 18. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

18.1. Con base no que establecen o artigo 94.3 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos, e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes. A xustificación dos microproxectos realizarase sobre o seu custo total, incluíndo, de ser o caso, as cantidades xeradas polo cambio no mercado monetario e os xuros bancarios.

18.2. As subvencións concedidas deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 94.3.d) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e con data límite do 31 de marzo de 2025.

18.3. Para a presentación do informe final deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/

18.4. Para a xustificación final do proxecto, e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar a xustificación no modelo que figura no anexo IV, asinado dixitalmente e que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, a conectividade, transferencia e xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa viabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite a totalidade dos gastos efectuados para a execución do proxecto subvencionado e realizarase mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

18.4.1. Xustificación técnica. Integrada polos seguintes documentos:

– Certificación da persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria, acreditativa da total realización do microproxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

– Informe técnico final de execución, asinado dixitalmente, sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo microproxecto, que indicará, co máximo detalle, os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e a xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

Esta xustificación permitirá constatar e verificar o cumprimento dos requisitos técnicos fixados nesta orde de bases, e entenderase suficiente para os efectos do establecido no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

18.4.2. Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e ao resto de financiadores.

A xustificación económica realizarase mediante a forma de conta xustificativa, con achega de xustificantes de gastos, incluirá a declaración das actividades realizadas, o seu custo total e desagregado, e irá acompañada de toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida.

A conta xustificativa, con achega de xustificantes de gastos, incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do microproxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, e a documentación acreditativa do pagamento.

e) Acta de cesión de bens, no suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables.

f) Tres ofertas solicitadas, no caso de que o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000,00 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 15.000,00 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por parte de empresas de consultoría ou asistencia técnica.

18.4.3. Con base no previsto no artigo 94.3.e) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, en casos excepcionais, de se produciren situacións ou fenómenos imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada e que dificulten ou mesmo imposibiliten dispoñer da adecuada documentación xustificativa do investimento ou do gasto, o órgano xestor poderá aceptar outras formas alternativas de xustificación, como informes de profesionais taxadores independentes e debidamente acreditados e inscritos no correspondente rexistro oficial, declaracións de testemuñas, avaliación por resultados realizada por un profesional verificador acreditado e independente, declaración responsable de provedores ou declaración responsable da entidade beneficiaria, na cal se detallen o destino dos fondos públicos percibidos e a realización da acción concreta, así como a súa afectación ao bo fin perseguido, ou outras probas de igual valor e credibilidade, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes. Así mesmo, se as ditas circunstancias excepcionais, que deberán estar debidamente acreditadas, dificultan ou imposibilitan a execución total do previsto, o reintegro ou a perda do dereito ao cobramento da axuda ou subvención non afectará as cantidades efectivamente investidas e xustificadas se se cumpriron parcialmente os obxectivos.

18.4.4. Cando no microproxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que non sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente se ten que acreditar a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto de administracións públicas que financiaron o microproxecto ou actividade. As previsións que contén este punto non alteran as funcións que a lexislación vixente lle outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

No caso de non xustificar a totalidade do microproxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 21 destas bases.

18.5. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de catro anos desde a presentación da xustificación final do microproxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. No orixinal da factura ou do documento xustificativo do gasto é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela deben figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, o número de expediente, así como a referencia «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia», indicando, ademais, o tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada unha das entidades financeiras do microproxecto. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión do selo-dilixencia como consecuencia do seu tamaño, achegaranse cunha relación destes en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Tamén se poderán utilizar, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que consten o nome da entidade beneficiaria, o importe, o nome e os apelidos da persoa que presta o servizo, o concepto do gasto e o nome do microproxecto subvencionado. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).

A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención, e tamén poderá ser validada con posterioridade por el sempre que este considere que a autorización se tería producido de se ter solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal for o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa unha acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A dita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000,00 euros, achegando un xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Esta excepcionalidade poderá estenderse a pagamentos por contía superior, pero estará supeditada a unha xustificación que resida na non obrigatoriedade de efectuar as ditas transaccións por outro método no país de desenvolvemento do proxecto ou que estea baseada na súa aceptación xeneralizada como método de pagamento neste.

Os criterios establecidos para os xustificantes de gastos e de pagamentos deberán respectar as normas e especificidades dos países en que se desenvolva o proxecto.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos e indicar data, importe, concepto de gasto, persoa perceptora e provedora.

18.6. No caso de que a xustificación, parcial ou total, dos microproxectos non estea completa ou presente defectos, o prazo para a súa emenda e para a entrega da documentación complementaria requirida polo órgano que efectuase a revisión será de corenta e cinco días hábiles, consonte o que establece o artigo 22.2 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo.

18.7. Os impostos susceptibles de recuperación serán atendidos como un anticipo con cargo á subvención concedida en canto non sexan efectivamente recuperados. No momento da presentación da xustificación da subvención concedida achegarase, de ser o caso, unha declaración responsable de non recuperar os ditos impostos.

Se a recuperación destes se produce durante o prazo de execución do microproxecto ou actividade, os importes recuperados serán aplicados para sufragar gastos vinculados á actividade, dentro do seu prazo de execución, sen que sexa necesaria autorización previa do órgano concedente, salvo que a súa aplicación implique cambios ou modificacións que afecten obxectivos, resultados, localización territorial, contraparte ou socio local ou poboación beneficiaria.

No caso de que a recuperación se produza nos catro anos seguintes á finalización do prazo de execución da actividade, a persoa beneficiaria poderá propoñer a súa aplicación a actividades asociadas ou complementarias á actuación subvencionada. O órgano concedente emitirá unha resolución de autorización da aplicación dos fondos en que indicará o prazo de execución e xustificación destes, salvo que o dito órgano entenda que as actividades ás cales se pretende aplicar as cantidades recuperadas non poden ser consideradas como asociadas ou complementarias á actuación subvencionada; nese caso, emitirá unha resolución de denegación da aplicación dos fondos. Se a resolución for denegatoria, procederase á devolución do anticipo para o pagamento dos impostos.

A obriga de devolverlle á Administración concedente os impostos recuperados subsistirá durante catro anos desde a presentación da xustificación, ao cabo dos cales, de non se recuperar aínda os impostos, se deberá emitir unha declaración responsable en que se acredite a dita circunstancia.

Artigo 19. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento e control dos microproxectos

19.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do microproxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación, de se ter efectuado.

19.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do microproxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

19.3. As entidades beneficiarias están obrigadas a facilitarlle ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos microproxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias están obrigadas a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

19.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias están obrigadas a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do microproxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos se poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/

Os documentos ou o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiador deberán incluír o seguinte parágrafo, traducido para as linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de NOME ENTIDADE, e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».

19.5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e a avaliación dos proxectos rexeranse polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e pola propia Unión Europea.

19.6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada, durante a súa execución ou unha vez finalizada, por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e aos documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

A avaliación final do proxecto, de existir, analizará, de xeito sistemático e obxectivo, a pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade do proxecto financiado e adaptarase á súa especificidade nos termos de referencia (TdR).

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizado pola Cooperación Española e pola Unión Europea.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

19.7. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, están obrigadas a cumprir co establecido no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o Estatuto dos cooperantes.

Artigo 20. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do microproxecto, entendendo por tal aquela que afecte aspectos cualitativos dos seus obxectivos, resultados ou poboación destinataria, ou o lugar ou prazo de execución ou xustificación do proxecto, así como a modificación ou incorporación dos socios locais. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Conforme o que establece o artigo 94.3.c) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, o prazo de execución das actividades subvencionadas poderá ser ampliado automaticamente ata un máximo de seis meses, sen necesidade de autorización previa por parte do órgano xestor, e a persoa beneficiaria deberá comunicarllo previamente ao órgano competente antes de que expire o prazo de execución inicial; entenderase automaticamente ampliado o prazo coa dita notificación e será indistinto que se exceda o límite do correspondente exercicio orzamentario. As ampliacións do prazo de execución superiores a seis meses requirirán a autorización previa do órgano xestor.

Excepcionalmente, poderá solicitarse e outorgarse unha segunda ampliación de prazo de execución antes de expirar a primeira, fundamentada en situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada, casos en que se deberá acreditar de forma fidedigna e sempre que non concorran circunstancias imputables á persoa beneficiaria. Nesta segunda ampliación excepcional, o novo prazo outorgarase polo tempo indispensable para facilitar que a persoa beneficiaria supere as ditas circunstancias ou continxencias. No caso de que a situación excepcional impida continuar coa execución da actividade financiada ou subvencionada, poderase solicitar unha modificación da finalidade para a cal foi outorgada a dita subvención.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172 de titularidade da Xunta de Galicia, pertencente á entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención, de conformidade co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na disposición adicional terceira da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sustentable e a solidariedade global.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 22. Reintegro por incumprimento

1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deberá reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) O incumprimento total das obrigas e dos fins para os cales se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación darán lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.

b) A cantidade que se deberá reintegrar no caso de incumprimento parcial na execución das accións ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e o grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención, e sempre que o cumprimento por parte da entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e esta acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida.

Artigo 23. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

24.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

24.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, un recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto for expreso. Se este non o for (acto presunto), o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Directamente, un recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 26. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases serán de aplicación a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia; o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento; a Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sustentable e a solidariedade global; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 27. Información ás persoas interesadas

27.1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

27.2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberánselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file