A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, foi modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, para a mellora da calidade educativa, nalgúns aspectos concernentes ás ensinanzas de idiomas de réxime especial. Así, no seu artigo 59.1, a Lei orgánica 2/2006 establece que estas ensinanzas se organizan nos niveis básico, intermedio e avanzado e que os ditos niveis se corresponderán, respectivamente, cos niveis A, B e C do Marco europeo común de referencia para as linguas (MECRL), que se subdividen, pola súa vez, nos niveis A1, A2, B1, B2, C1 e C2.
En consonancia co disposto nos artigos 6 bis.1.e) e 6 bis.3 da Lei orgánica 2/2006, o Goberno fixou no Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro, as exixencias mínimas do nivel básico para os efectos de certificación e o currículo básico dos niveis intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 dos idiomas impartidos nas escolas oficiais de idiomas, co fin de asegurar unha formación común e garantir a validez dos certificados correspondentes.
Igualmente, o artigo 59.1 da dita lei establece que as ensinanzas do nivel básico terán as características e a organización que as administracións educativas determinen, e o artigo 60.1 dispón que as ensinanzas de idiomas correspondentes aos niveis intermedio e avanzado serán impartidas nas escolas oficiais de idiomas.
O Decreto 81/2018, do 19 de xullo, establece o currículo dos niveis básico A1, básico A2, intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.
A Orde do 12 de abril de 2024 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2024/25 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia establece o calendario escolar para o curso 2024/25.
Tendo en conta a necesidade de lle proporcionar información ao alumnado sobre os aspectos máis salientables do proceso de preinscrición, admisión, matrícula e organización académica destas ensinanzas, esta dirección xeral dita as seguintes instrucións.
I. Acceso ás ensinanzas de idiomas de réxime especial.
1. Condicións xerais de acceso para o curso escolar 2024/25.
1.1. Para acceder a estas ensinanzas será requisito imprescindible ter dezaseis anos feitos no ano natural en que se comecen os estudos. Poderán acceder, así mesmo, aquelas persoas que teñan feitos os catorce anos, para seguir as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na educación secundaria obrigatoria como primeira lingua estranxeira.
1.2. O alumnado que desexe matricularse en español como lingua estranxeira deberá acreditar a súa condición de cidadán/á dun país en que a lingua española non sexa lingua oficial, aínda que teña tamén a nacionalidade española.
1.3. Os requisitos e o procedemento de acceso para os cursos non ordinarios para a formación do profesorado, colectivos profesionais e público en xeral serán establecidos nas súas convocatorias correspondentes.
1.4. O acceso ás ensinanzas de idiomas de réxime especial na modalidade a distancia That’s English! e aos cursos ExamPrep do programa That’s English! será regulado pola normativa específica publicada para tal efecto.
2. Acceso ao nivel básico A1 e continuidade nos estudos de idiomas de réxime especial.
2.1. As persoas que desexen acceder ao nivel básico A1 dun idioma por primeira vez deberán realizar unha preinscrición e, de obteren praza, formalizar a matrícula, conforme os puntos 5 e 6 da presente resolución.
2.2. O alumnado que desexe darlles continuidade aos estudos do idioma no curso académico 2024/25 deberá realizar unha reserva de praza e formalizar a matrícula, conforme os puntos 4 e 6 da presente resolución.
3. Acceso directo a niveis superiores ao nivel básico A1.
Poderase acceder directamente a un curso dun nivel superior ao A1 a través das seguintes vías:
3.1. Acceso por titulación, diploma ou certificado.
a) As titulacións, diplomas ou certificados acreditativos de ter coñecementos dun idioma, establecidos no anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011, darán acceso ao primeiro curso do nivel inmediatamente superior ao acreditado. As persoas que acrediten o nivel C2 mediante unha titulación, diploma ou certificado dun organismo distinto das escolas oficiais de idiomas poderán acceder a este mesmo nivel.
b) Para os idiomas español como lingua estranxeira e galego, as correspondencias dos títulos, diplomas e certificados acreditativos de ter coñecementos do idioma establécense no anexo I da presente resolución e outorgarán acceso directo aos cursos que se indican, segundo a normativa vixente para cada un deles.
c) Mentres o Goberno non determine as equivalencias correspondentes, de acordo co establecido no punto 1 da disposición adicional única do Real decreto 1041/2017, as persoas que acrediten o título de bacharelato terán acceso ao primeiro curso do nivel intermedio B1 do idioma que acrediten como primeira lingua estranxeira. Así mesmo, as persoas que acrediten o título da ESO terán acceso ao nivel básico A2.
3.2. Acceso por probas de clasificación.
3.2.1. As probas de clasificación teñen por obxecto facilitarlle a incorporación a calquera curso e nivel dun idioma ao alumnado que dispoña de coñecementos previos desa lingua, e non poida acreditalos de acordo co establecido no punto 3.1. da presente resolución.
3.2.2. Terán dereito a realizar as probas de clasificación aquelas persoas que desexen acceder por primeira vez ás ensinanzas de idiomas de réxime especial.
3.2.3. Así mesmo, poderán realizar estas probas as persoas que cursaron con anterioridade estudos do idioma e que non se matricularon en réxime oficial nos dous cursos anteriores. Este alumnado deberá ter en conta que se o resultado da proba lle dá acceso a un curso que xa superou nese idioma, non poderá cursalo de novo, polo que o resultado da proba non terá efecto.
3.2.4. As persoas que desexen realizar as probas de clasificación deberán inscribirse nos prazos fixados por cada EOI e aboar os prezos públicos establecidos para tal efecto no Decreto 89/2013, do 13 de xuño.
3.2.5. As escolas oficiais de idiomas poderán convocar probas de clasificación para cada un dos idiomas que impartan, en función das solicitudes recibidas. Estas probas administraranse de acordo co calendario que estableza cada escola e os respectivos departamentos didácticos serán os responsables da súa elaboración, administración e avaliación.
3.2.6. Unha vez publicados os resultados das probas de clasificación, o alumnado que as realizase poderá solicitar a preinscrición no curso e nivel a que obtivese acceso, segundo o procedemento descrito no punto 5 da presente resolución.
3.2.7. O resultado das probas de clasificación ten unha vixencia de dous cursos académicos para os efectos de preinscrición e formalización da matrícula oficial nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.
3.2.8. A incorporación ao curso que determine o resultado da proba estará suxeita á dispoñibilidade de prazas.
3.2.9. O alumnado poderá matricularse nunha soa proba de clasificación por cada idioma durante o curso 2024/25.
3.3. Cursos e niveis inferiores a que se accede por vía directa.
A incorporación por acceso directo a un nivel distinto do básico A1 mediante os procedementos descritos nos puntos 3.1 e 3.2 da presente resolución non dará dereito en ningún caso á certificación dos cursos e niveis inferiores.
II. Reserva de praza, preinscrición e matrícula.
4. Reserva de praza para o alumnado oficial no curso 2023/24.
O alumnado oficial matriculado no curso 2023/24 que desexe continuar estudos no curso 2024/25 no mesmo idioma e escola deberá realizar a reserva de praza nos prazos indicados no punto 6.1. da presente resolución.
A reserva de praza realizarase desde a ligazón https://www.informaticacentros.com/xunta, de acordo coas instrucións que figuran no anexo II. A matrícula en liña permitirá reservar praza no grupo de elección da/do alumna/o, a través da aplicación web, segundo a oferta educativa aprobada para cada EOI e en función das vacantes existentes.
Unha vez realizada a reserva de praza en liña, deberase efectuar o pagamento dos prezos públicos e formalizar a matrícula nos prazos establecidos no punto 6.1 da presente resolución.
5. Preinscrición para o alumnado de novo acceso.
Terá que realizar a preinscrición todo o alumnado de novo acceso. Terán a consideración de alumnado de novo acceso, para os efectos de preinscrición e adxudicación de prazas, as seguintes persoas aspirantes:
a) As persoas que solicitan cursar estudos no nivel básico A1 dun idioma nas escolas oficiais de idiomas por primeira vez.
b) As persoas que solicitan acceso directo por titulación.
c) As persoas procedentes das probas de clasificación (realizadas en xuño 2024, ou ben nos dous cursos anteriores).
d) As persoas que se incorporan ao ensino oficial tras superar as probas específicas de certificación polo réxime libre.
e) As persoas procedentes doutra EOI por traslado de expediente.
f) O antigo alumnado que non estivese matriculado polo réxime oficial no curso 2023/24.
5.1. Prazo de preinscrición.
As preinscricións realizaranse dende o 24 de xuño ata as 23.59 horas do 5 de xullo.
5.2. Procedemento de preinscrición.
5.2.1. Todas as preinscricións deberán presentarse obrigatoriamente en liña no prazo establecido nesta resolución, a través do acceso https://www.eoidigital.com/preinsxunta e de acordo coas instrucións que figuran no anexo II.
5.2.2. Cada persoa poderá presentar unha única preinscrición con tres preferencias priorizadas de grupos, nun máximo de dous idiomas, con carácter xeral. En caso de adxudicación de praza en dous idiomas en dúas escolas distintas, a/o alumna/o deberá optar por un só idioma nunha soa escola, excepto no caso de que un dos idiomas só se imparta nunha das dúas escolas. Nese caso, permitirase a matrícula simultánea e considerarase que a/o alumna/o ten feito un traslado parcial do expediente na lingua que só se oferta nunha das escolas.
5.2.3. No momento de facer a preinscrición, a aplicación asignaralle un número a cada solicitude, independentemente da escola, idioma e curso solicitado. Para a asignación de prazas, o sistema informático en que se realizaron as preinscricións obterá un número de corte por idioma a partir do cal se asignarán as vacantes dispoñibles; este número obtense aleatoriamente entre todos os números asignados a cada solicitante dese idioma e curso no momento da preinscrición. A adxudicación de prazas realizarase por persoa, empezando pola solicitude que teña o número obtido no sorteo, respectando a orde de preferencia indicada na solicitude e pasando á seguinte persoa cando se lle asigne praza nun grupo ou cando non obteña praza en ningún dos grupos solicitados.
5.2.4. A obtención do número para a adxudicación das prazas realizarase en acto público, o día 8 de xullo, ás 9.00 horas, na EOI de Vilagarcía de Arousa (rúa Entrante, 7, Vilagarcía de Arousa). O día 9 de xullo o alumnado poderá consultar na aplicación web se foi admitido. As persoas que obteñan praza deberán confirmar a reserva no grupo adxudicado e formalizar a matrícula desde a aplicación web, conforme o establecido no punto 6 da presente resolución.
6. Matrícula.
O alumnado preinscrito que obtivese praza e o alumnado que reservou praza deberán formalizar a matrícula nos prazos correspondentes.
6.1. Prazos de matrícula.
6.1.1. Período de matrícula ordinaria.
Do 18 de xuño ata as 23.59 horas do 28 de xuño de 2024, para o alumnado oficial matriculado no curso 2023/24 que desexe continuar os estudos no mesmo idioma e escola no curso 2024/25 e resulte apto na convocatoria ordinaria.
6.1.2. Período de matrícula extraordinaria.
a) O alumnado oficial coa cualificación de apta/o, non apta/o ou non presentada/o na convocatoria extraordinaria deberá matricularse entre o 28 de xuño e as 23.59 horas do 5 de xullo de 2024.
b) O alumnado de nova incorporación que obtivo praza no sorteo da preinscrición deberá matricularse entre o 9 e o 19 de xullo de 2024. A aplicación de matrícula pechará o día 19 de xullo ás 23.59 horas.
Non obstante, unha vez que remate o proceso de matrícula, e ata o día 20 de setembro, no caso de quedaren prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións do alumnado de novo acceso que non realizase o proceso de preinscrición, de acordo co procedemento e coas datas que estableza cada centro. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listaxes de espera.
6.2. Formalización da matrícula.
Para formalizar a matrícula o alumnado presentará a documentación que se detalla a continuación desde a ligazón https://www.informaticacentros.com/xunta, de acordo coas instrucións que figuran no anexo III. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As escolas poderanlle solicitar ao alumnado a presentación dos documentos orixinais para o cotexo da copia electrónica presentada.
6.2.1. Documentación para todo o alumnado.
a) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG núm. 114, do 17 de xuño), consonte un dos modelos oficiais relacionados no parágrafo 6.2.3., acompañado dos certificados de bonificacións ou exencións de prezos públicos correspondentes, se é o caso.
b) No caso de fraccionar o pagamento da matrícula, indicaranse na aplicación os 20 díxitos da conta bancaria para a domiciliación do pagamento fraccionado, xunto co certificado da conta bancaria, onde consten o IBAN e a titularidade desta nunha das entidades colaboradoras. No caso de que a/o alumna/o non sexa titular da conta indicada, deberá achegar xunto coa documentación da titularidade unha autorización de domiciliación asinada pola persoa titular da conta.
c) O alumnado que solicite adaptación por presentar discapacidade, ou precise actualizar a documentación presentada con anterioridade, deberá cubrir o anexo V desta resolución e presentar a documentación correspondente. A EOI poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes da dirección territorial respectiva, no prazo máximo dun mes contado a partir da data de finalización da matrícula, para que se determinen as adaptacións pertinentes, tendo en conta as medidas recollidas no anexo VI da Resolución do 10 de maio de 2012 pola que se ditan instrucións para a elaboración e administración das probas de certificación e de clasificación das ensinanzas de idiomas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Resolución do 17 de decembro de 2014.
d) O alumnado que ao longo do curso requira unha adaptación por circunstancias sobrevidas, poderá solicitala segundo o procedemento descrito na letra c).
6.2.2. Documentación para o alumnado de novo acceso.
O alumnado de novo acceso deberá presentar, ademais da anterior, a seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito. No caso de que a persoa se identificase cun documento distinto do DNI ou do NIE, deberá formular a solicitude presencialmente na secretaría da EOI no prazo establecido para a matrícula no punto 6.1.2 da presente resolución.
b) Para o alumnado que sexa menor de 16 anos, un certificado en que se faga constar a primeira lingua estranxeira cursada na ESO no curso escolar 2023/24, expedido polo centro onde estea matriculado, consonte o modelo do anexo IV.
6.2.3. Pagamento dos prezos públicos.
O pagamento para a formalización da matrícula axustarase ao establecido no Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño (DOG núm. 114, do 17 de xuño).
Quedará xustificado o pagamento mediante a presentación dun dos seguintes modelos oficiais:
a) Modelo E de autoliquidación (á disposición nos centros educativos en papel), validado pola entidade financeira.
b) Modelo AI ou 731, (http://www.atriga.gal/es/tributos-da-comunidade-autonoma/taxas-e-prezos/confeccion-on-line-impresos, que debe presentarse impreso e cuberto na entidade bancaria).
c) Modelo 730 co código seguro de verificación (CSV), xerado desde a Oficina Virtual Tributaria, no caso de pagamento telemático (https://ovt.atriga.gal/).
O pagamento poderase realizar en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación de taxas e prezos que veñen relacionadas no anexo VII da Orde do 30 de xuño de 1992 (https://www.atriga.gal/es/tributos-da-comunidade-autonoma/taxas-e-prezos/normativa-asociada/orde-6-1992-autoliquidacions#AVII).
O alumnado con anulación de matrícula por falta de pagamento no curso 2023/24 deberá aboar previamente as cantidades pendentes de pagamento para formalizar a nova matrícula.
7. Incidencias na matrícula.
7.1. Perda do dereito á praza e matrícula.
7.1.1. O alumnado que non formalice a súa matrícula no prazo establecido para o grupo que lle corresponda perderá o dereito á praza asignada e só poderá matricularse ao finalizar todo o proceso de matrícula, no caso de quedaren prazas vacantes.
7.1.2. Con carácter xeral, o alumnado que non se incorpore ás aulas nos quince días seguintes ao inicio do curso académico sen unha causa debidamente xustificada e razoada perante a dirección perderá a condición de alumnado oficial, e a escola poderá dispor destas prazas para seren cubertas por outras persoas aspirantes, sen que corresponda a devolución dos prezos públicos aboados. O alumnado deberá ser informado desta circunstancia pola dirección da escola coa debida antelación.
7.2. Permanencia.
7.2.1. O alumnado oficial das modalidades presencial e semipresencial poderá permanecer en cada un dos niveis o dobre de anos establecidos para cada un deles pola normativa vixente. Logo de esgotadas as convocatorias correspondentes, o alumnado non poderá cursar as ensinanzas na modalidade presencial ou semipresencial, pero poderá inscribirse na modalidade a distancia ou realizar as probas terminais de certificación polo réxime libre.
7.2.2. Con carácter excepcional, poderase autorizar a ampliación dun ano de permanencia nun nivel en supostos de doenza que perturbe significativamente o desenvolvemento dos estudos ou noutros supostos que merezan igual consideración. Correspóndelles ás direccións territoriais da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional outorgar a correspondente autorización, logo da solicitude do alumnado presentada con anterioridade ao remate do proceso de matricula. Esta solicitude irá acompañada de xustificación documental e será presentada perante a dirección da EOI onde a persoa interesada curse estudos.
7.2.3. O alumnado do programa That’s English! e dos cursos ExamPrep terá dereito ao número de convocatorias que se estableza na súa normativa específica.
7.2.4. Ao alumnado afectado polo cambio de plan non lle computarán as convocatorias esgotadas do plan que se extingue.
7.3. Renuncia de matrícula.
O alumnado poderá formular solicitude de renuncia no centro en que estea matriculado ata un mes antes do remate das actividades lectivas do curso correspondente. A mencionada renuncia constará no expediente académico do alumnado e nas actas de avaliación mediante a oportuna dilixencia, e non computará para os efectos de permanencia no curso e nivel correspondente. A renuncia á matrícula implicará a perda da condición de alumna/o e a consecuente perda do dereito a asistir ás actividades lectivas no que reste do curso académico en que renuncia.
O alumnado que renuncie á matrícula e desexe, con posterioridade, continuar os seus estudos nas escolas oficiais de idiomas deberá someterse de novo ao proceso de admisión para o mesmo nivel en que estivese matriculado.
7.4. Reasignación de nivel.
7.4.1. Ao longo dos meses de setembro e outubro, as escolas poderán realizar modificacións na adscrición inicial do alumnado de novo acceso que precise unha nova valoración do seu nivel de dominio do idioma, co obxecto de asignarlle praza nun nivel distinto. A dita reasignación realizarase por proposta xustificada da/o docente do grupo, ratificada polo departamento. Para estes efectos, os departamentos determinarán o nivel que lles corresponde ás persoas interesadas a través dunha proba de clasificación.
7.4.2. Igualmente, o antigo alumnado que non estivese matriculado polo réxime oficial no curso 2023/24 poderá ser adscrito a calquera dos cursos inferiores ao nivel que xa ten superado. A matrícula deste alumnado terá a consideración de matrícula de actualización.
7.4.3. En ambos os casos, a nova adscrición estará suxeita á dispoñibilidade de prazas e non suporá a expedición do certificado do curso de procedencia do alumnado nin dos niveis que xa teña superados. A/o alumna/o deberá aceptar a reasignación de curso, asinando o documento da proposta (anexo VI). Esta circunstancia non terá efectos académicos e farase constar no seu expediente.
7.5. Traslado de expediente.
7.5.1. O alumnado que desexe trasladar o expediente co fin de proseguir as ensinanzas oficiais de idiomas noutra escola da Comunidade Autónoma de Galicia deberá solicitar praza no centro de destino, presentando unha certificación académica expedida polo centro de orixe. A súa admisión estará condicionada á existencia de prazas vacantes no idioma e curso solicitados.
7.5.2. Para proceder ao traslado, o centro de orixe remitiralle ao de destino, e por petición deste, unha copia autenticada do expediente académico da/do alumna/o.
7.5.3. O centro receptor abrirá o correspondente expediente académico, e a matrícula adquirirá carácter definitivo unha vez que reciba a copia do expediente académico debidamente autenticada.
7.5.4. O traslado do expediente entre as escolas oficiais de idiomas de Galicia non comporta ningún custo económico para o alumnado.
7.5.5. O traslado de matrícula sen ter concluído o curso académico será posible nas mesmas condicións dos puntos anteriores deste artigo.
7.5.6. O alumnado que, sen finalizar o curso, se traslade a unha escola oficial de idiomas de Galicia procedente dunha escola oficial de idiomas doutra comunidade autónoma terá que realizar os trámites que se prevén no punto 7.5.2. e, ademais, aboar as taxas establecidas para o curso en que se matricula.
7.5.7. O expediente do alumnado que sexa asignado para a realización das probas libres nunha EOI distinta á aquela en que está matriculado non será trasladado. A persoa interesada poderá solicitar no centro en que realizase a proba libre un certificado para presentalo na EOI en que cursa ensinanzas oficiais e solicitar a actualización do seu expediente académico.
7.5.8. Ao alumnado afectado polas circunstancias establecidas no punto 5.1.2 da presente resolución aplicaráselle excepcionalmente un traslado parcial de expediente.
7.6. Incompatibilidades.
7.6.1. O alumnado non poderá estar matriculado no mesmo idioma e curso no mesmo ano académico por ensino oficial e libre simultaneamente. Para estes efectos, o alumnado dos cursos CALC, CALG e CUALE ten carácter de alumnado oficial.
7.6.2. Non se poderán examinar das probas de certificación dunha lingua aquelas persoas que participasen na súa elaboración ou no seu proceso de configuración final.
7.6.3. O profesorado que imparta docencia nunha EOI non poderá cursar estudos nin matricularse nas probas de certificación de ningún idioma no mesmo centro onde estea destinado, e en ningún caso se poderá matricular para seguir estudos ou realizar as probas de certificación do/dos idioma/s que imparte en ningunha EOI de Galicia. No caso de profesorado interino ou substituto que estivese matriculado previamente ao seu nomeamento nunha escola, este deberá solicitar o traslado de expediente a outro centro (soamente se é alumna/o dunha lingua distinta á que imparte), ou ben poderá renunciar á matrícula.
7.6.4. O persoal non docente destinado nunha escola oficial de idiomas ou extensión non poderá cursar estudos nin matricularse nas probas de certificación polo réxime libre no centro onde desempeñe o seu labor, aínda que si se poderá matricular noutra escola ou extensión. No caso dos idiomas que se impartan nunha única escola, o persoal non docente que traballe nela poderá formalizar a matrícula neses idiomas.
7.6.5. Tanto o persoal docente coma o non docente destinado nunha escola oficial de idiomas ou extensión poderán realizar os cursos para colectivos profesionais e público en xeral que se organicen na escola ou extensión onde desempeñen o seu labor.
8. Información ao alumnado.
8.1. As escolas oficiais de idiomas daranlles publicidade a todos aqueles aspectos relativos ao proceso de admisión: grupos e prazas que se ofrezan en cada idioma, alumnado preinscrito, alumnado admitido, e os correspondentes períodos de reclamacións.
8.2. O alumnado deberá ser informado de que a posta en marcha do grupo da súa elección dependerá do número mínimo de persoas inscritas que o xustifique.
8.3. Para lle facilitar ao alumnado os procesos de preinscrición ou de matriculación en liña, as escolas habilitarán equipamentos informáticos con conexión á internet nos espazos de que dispoñan para tal efecto.
8.4. As escolas, a través das súas páxinas web e dos taboleiros de anuncios, darán información sobre o proceso de matrícula e os prezos públicos aplicables en cada caso.
III. Organización académica.
9. Tipoloxía da oferta educativa.
9.1. Cursos ordinarios.
a) Cursos anuais.
A duración de cada curso nos distintos niveis será de 120 horas ao longo do curso académico.
Os grupos correspondentes a estes cursos terán unha carga lectiva de 4 horas semanais, distribuídas en dúas sesións lectivas semanais de 2 horas cada unha, preferentemente en días alternos.
b) Cursos intensivos.
As escolas oficiais de idiomas poderán ofertar cursos intensivos que permitan impartir as 120 horas correspondentes a un curso anual nun só cuadrimestre, de forma que o alumnado poida completar dous cursos dun mesmo nivel, se é o caso, nun curso académico.
Os grupos correspondentes a estes cursos terán unha carga lectiva de 8 horas semanais, distribuídas, con carácter xeral, en catro sesións lectivas semanais de 2 horas de duración.
c) Cursos de nivel integrado.
Tendo en conta as circunstancias especiais que concorren na aprendizaxe da lingua galega, do español como lingua estranxeira e do portugués, as escolas poderán ofertar, nos niveis básico A1 e A2 e intermedio B1 destas ensinanzas unha modalidade de formación, baixo a denominación de «curso de nivel integrado A2 e curso de nivel integrado B1» na modalidade presencial, de acordo coas seguintes características:
Os cursos de nivel integrado son cursos cunha duración de 60 horas en que se imparten os contidos básicos establecidos no currículo correspondente para cada nivel.
Irán dirixidos ao alumnado que teña coñecementos previos na lingua obxecto de aprendizaxe, de xeito que poida alcanzar os obxectivos establecidos no currículo nun tempo máis reducido.
Polas súas características, os cursos de nivel integrado terán un punto específico dentro da programación didáctica do respectivo departamento didáctico.
Os cursos de nivel integrado A2 impartiranse no primeiro cuadrimestre e as probas de certificación realizaranse ao remate deste. Os cursos de nivel B1 impartiranse no segundo cuadrimestre e as probas de certificación realizaranse no mes de xuño.
9.2. Cursos de actualización, perfeccionamento e especialización.
9.2.1. Cursos para a formación do profesorado.
a) Cursos de actualización lingüística e comunicativa para o profesorado (CALC) e cursos de actualización de galego para o profesorado (CALG).
Poderanse programar nas escolas oficiais de idiomas cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) e cursos de actualización de galego para o profesorado (CALG) para o profesorado que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.
Estes cursos (CALC e CALG) ofertaranse preferentemente nos niveis B2, C1 e C2 e terán, con carácter xeral, unha duración de 60 horas. Poderán ofertarse na modalidade presencial ou semipresencial.
Organizaranse en colaboración cos centros de formación e recursos (CFR) ou co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), e terán o correspondente recoñecemento como formación do profesorado para os efectos establecidos no Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación, en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
O profesorado que os complete e cumpra cos requisitos de asistencia poderá matricularse, con carácter gratuíto, nas probas de certificación do idioma e nivel cursado, na escola ou extensión onde os realizou, e terá carácter de alumnado de curso ordinario para os efectos do número de convocatorias. No suposto de que se trate de profesorado que realizou o curso no mesmo centro en que imparte docencia noutro idioma, deberá formalizar a matrícula noutra escola e respectaráselle a súa condición de alumnado oficial.
b) Outros cursos de formación en idiomas para o profesorado (FOR).
A Dirección Xeral de Formación Profesional poderá autorizar a realización, nas escolas oficiais de idiomas, en colaboración cos CFR de que dependan ou co CAFI, doutros cursos de formación en idiomas para o profesorado sobre distintos ámbitos específicos relacionados coa práctica docente e nos que se promova o uso das competencias orais. Estes cursos terán carácter modular, cunha duración de 30, 60 ou 120 horas.
9.2.2. Cursos preparatorios para a obtención dos Celga e cursos de linguaxe administrativa galega (LAG).
Os cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga) e os cursos de linguaxe administrativa galega (LAG) serán impartidos polo profesorado con destino nos departamentos didácticos de galego das EOI.
Estes cursos, que terán carácter gratuíto, impartiranse de acordo coas directrices que estableza a Secretaría Xeral de Política Lingüística e serán obxecto dunha normativa específica por parte da Dirección Xeral de Formación Profesional.
9.2.3. Cursos para colectivos profesionais e público en xeral.
As escolas oficiais de idiomas poderán ofertar cursos de competencia xeral que inclúan as actividades de comprensión de textos orais e escritos, de produción e coprodución de textos orais e escritos e de mediación para cada nivel, ou por competencias parciais correspondentes a unha ou máis das ditas actividades de lingua.
Estes cursos, que poderán ir destinados a distintos colectivos profesionais, como resultado do establecemento de convenios ou acordos por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ou ao público en xeral, terán as características de acceso, calendario e certificación que se determinen en cada caso.
Terán unha organización modular cunha duración de 30, 60 ou 120 horas e poderán ofertarse na modalidade presencial ou semipresencial, de acordo coas directrices e condicións de acceso que estableza a Dirección Xeral de Formación Profesional, que os poderá autorizar logo da solicitude motivada da dirección do centro, que inclúa a programación, duración e calendario de impartición, e do informe favorable do servizo territorial de inspección educativa.
A programación destes cursos axustarase aos niveis correspondentes do Marco europeo común de referencia para as linguas e nela constarán de forma expresa os obxectivos, as competencias, os contidos e os criterios de avaliación, e a súa oferta estará supeditada á dispoñibilidade de recursos humanos existentes na escola.
9.3. Cursos en modalidade semipresencial.
Sen prexuízo do disposto para a impartición das ensinanzas de idiomas de réxime especial na modalidade presencial, as escolas oficiais de idiomas poderán ofertar as súas ensinanzas na modalidade semipresencial.
As 120 horas de duración destes cursos distribuiranse en 60 horas de ensino presencial e 60 horas de ensino en liña.
10. Planificación académica para o curso 2024/25.
10.1. Nos cursos ordinarios, as actividades lectivas estenderanse ao longo de todo o curso académico, segundo o calendario escolar establecido na Orde do 12 de abril de 2024. Os cursos de nivel integrado e os cursos de actualización, perfeccionamento e especialización cunha duración inferior a 120 horas impartiranse ao longo do primeiro ou do segundo cuadrimestre, de acordo co establecido nesta resolución ou na normativa específica para cada un destes cursos.
10.2. Para os efectos de codificación da oferta formativa nas súas distintas modalidades, as escolas deberán utilizar os códigos que aparecen recollidos no anexo VII desta resolución.
10.3. Ao inicio do curso, o servizo territorial de inspección educativa comprobará que os grupos e cursos ofertados por cada escola conten cun número de alumnado que xustifique a súa posta en marcha e autorizará as modificacións necesarias da oferta co obxecto de garantirlle o acceso ao maior número posible de alumnado e rendibilizar a oferta docente con que conte cada escola. Para estes efectos, e con carácter xeral, o número mínimo de alumnado por grupo será de 10. No caso de grupos cun número inferior, o servizo territorial de inspección educativa valorará a súa posta en marcha sempre e cando se conte con profesorado destinado no centro e con dispoñibilidade horaria. En calquera caso, non se poderán autorizar grupos con menos de 5 alumnas/os.
IV. Avaliación e certificación.
11. Disposicións xerais.
11.1. O alumnado deberá ser avaliado tomando como referencia os obxectivos, as competencias, os contidos e os criterios de avaliación establecidos para cada actividade de lingua para os niveis básico A1, básico A2, intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 nos currículos dos idiomas respectivos. A consecución dos obxectivos de cada nivel conducirá á obtención da certificación que corresponda.
11.2. Os departamentos didácticos elaborarán as programacións didácticas para cada un dos cursos do nivel básico, intermedio e avanzado, secuenciando os obxectivos, competencias, contidos e criterios de avaliación.
11.3. As programacións didácticas especificarán os procedementos e os instrumentos de avaliación da aprendizaxe do alumnado nas distintas actividades de lingua.
11.4. O alumnado ten dereito a ser avaliado conforme criterios de plena obxectividade, polo que as escolas oficiais de idiomas deberán facer públicos os criterios de avaliación e cualificación aplicables a cada actividade de lingua, así como os procedementos formais da avaliación e os criterios de corrección. Igualmente, darán a coñecer os criterios para a promoción do alumnado e para a obtención da certificación que corresponda.
11.5. O alumnado deberá ser informado de que as probas finais poderán ter lugar en días e horas diferentes aos horarios ordinarios das clases do curso en que está matriculado. Igualmente, deberá ser informado de que na convocatoria extraordinaria poderán coincidir as probas de distintos idiomas na mesma data e hora.
12. Proceso de avaliación do alumnado.
12.1. Cursos ordinarios.
12.1.1. Realizaranse tantas avaliacións por curso como se estableza no proxecto educativo da escola, e a última coincidirá coa proba de promoción ou de certificación.
12.1.2. Ademais, ao inicio do curso, o profesorado realizará unha avaliación inicial ou de diagnóstico do alumnado, que terá carácter informativo para este e orientador para o profesorado, que establecerá as medidas pedagóxicas adecuadas.
12.1.3. Así mesmo, o profesorado levará a cabo a avaliación de progreso mediante a realización de tarefas, actividades ou probas que lle permitan coñecer o progreso do seu alumnado en cada unha das cinco actividades de lingua. Esta avaliación terá unicamente valor orientativo para o alumnado sobre o seu aproveitamento académico, e serviralle ao profesorado para coñecer o grao de cumprimento no desenvolvemento da programación didáctica.
12.1.4. O grao de dominio acadado nas diferentes actividades de lingua será avaliado mediante os seguintes tipos de proba segundo corresponda:
a) Proba de promoción: nos cursos non terminais de nivel o alumnado realizará unha proba elaborada polo correspondente departamento, con carácter unificado para cada curso e nivel, que avaliará o grao de consecución dos obxectivos do curso.
b) Proba de certificación: nos cursos terminais de nivel o alumnado realizará unha proba que será común a todas as modalidades e réximes de ensino e na cal se avaliará o grao de consecución dos obxectivos do nivel.
12.2. Cursos de actualización, perfeccionamento e especialización.
Tendo en conta as características diferenciadas de cada un destes cursos, a avaliación do alumnado nos cursos de actualización, perfeccionamento e especialización determinarase na correspondente convocatoria, e de acordo co recollido na súa programación didáctica.
12.3. Programa That’s English!.
12.3.1. O alumnado do programa That’s English! que estea cursando o módulo correspondente a un curso final de nivel e teña superados os módulos anteriores dese mesmo curso, deberá superar a proba de certificación do nivel correspondente para acadar o certificado de nivel básico A2, intermedio B1, intermedio B2 ou avanzado C1, segundo corresponda.
12.3.2. O alumnado dos cursos ExamPrep do programa That’s English! deberá superar a proba de certificación do nivel intermedio B2 ou avanzado C1 para acadar a certificación dos citados niveis.
12.3.3. Este alumnado non terá que aboar prezos públicos polo acceso ás probas de certificación.
12.3.4. Os centros de apoio administrativo deberán remitirlles a relación do alumnado de That’s English!, co nome, apelidos, DNI e nivel, aos centros de apoio titorial respectivos para que as EOI inclúan este alumnado nas probas de certificación do nivel correspondente.
12.3.5. O alumnado do programa That’s English! realizará as probas de certificación na escola de idiomas ou extensión a que estea adscrito o centro de apoio titorial en que cursa os estudos.
13. Probas de promoción.
13.1. Características xerais, estrutura e organización.
13.1.1. Para os cursos non terminais de nivel realizarase unha proba de promoción. Esta proba terá lugar, con carácter xeral, na primeira quincena do mes de xuño, en convocatoria ordinaria, e na segunda quincena do mes de xuño, en convocatoria extraordinaria. Na convocatoria extraordinaria o alumnado só terá que ser avaliado das actividades de lingua non superadas na convocatoria ordinaria.
13.1.2. Esta proba será elaborada, administrada e corrixida polo profesorado dos departamentos didácticos, de acordo coas especificacións establecidas por estes e terá carácter unificado para cada curso e nivel.
13.1.3. Os departamentos didácticos establecerán criterios para a valoración positiva do rendemento e a participación do alumnado na aula; a dita valoración en ningún caso poderá superar o 10 % da cualificación final do curso.
13.1.4. A proba de promoción nos cursos intensivos e nos cursos de nivel integrado realizarase ao finalizar o correspondente cuadrimestre.
13.2. Baremo e cualificación das probas.
13.2.1. Para os cursos do nivel básico A2, a proba de promoción terá un valor de 100 puntos, e cada unha das súas catro partes, 25 puntos. Para promocionar de curso dentro do mesmo nivel o alumnado terá que acadar, polo menos, 15 puntos en cada unha das actividades de lingua.
13.2.2. Para os cursos dos niveis intermedio B1, intermedio B2 e avanzado C1, a puntuación total da proba de promoción será de 125 puntos. Cada unha das cinco partes en que se estrutura a proba terá un valor de 25 puntos. Para superar a proba será necesario acadar, polo menos, 12,5 puntos en cada actividade de lingua e, ademais, obter unha puntuación mínima dun 65 % na puntuación total da proba.
13.2.3. A cualificación outorgada ao alumnado será de apta/o ou non apta/o. A cualificación apta/o requirirá a superación da proba nos termos previstos nos puntos anteriores.
13.2.4. No caso do alumnado que non realice algunha das partes da proba, a cualificación para cada unha destas partes será «non presentada/o» e a cualificación final da proba será «non apta/o».
13.2.5. No caso do alumnado que non realice ningunha das partes que conforman a proba, a cualificación final será «non presentada/o».
13.2.6. O alumnado que non promocione deberá repetir curso e ser avaliado de novo de todas as actividades de lingua.
14. Probas de certificación.
14.1. O alumnado oficial matriculado nun curso final de nivel terá que superar a proba de certificación correspondente para obter o certificado que lle permita acceder, se é o caso, ao nivel inmediatamente superior.
14.2. As probas de certificación teñen como obxectivo avaliar o nivel de competencia lingüística e o grao de dominio do idioma, que se fixarán en referencia aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación establecidos nos currículos de cada nivel.
14.3. As probas de certificación serán comúns para todas as modalidades e réximes de ensino.
14.4. Elaboración, administración e cualificación.
14.4.1. As probas de certificación para cada un dos niveis serán elaboradas, administradas e cualificadas de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Formación Profesional.
14.4.2. As probas de certificación administraranse nas sedes das escolas oficiais de idiomas e, se é o caso, nas súas extensións. Para a correcta administración das probas deberase ter en conta o disposto nas guías de administración de cada un dos niveis, así como nas guías informativas e de especificacións das probas de certificación, que estableza a Dirección Xeral de Formación Profesional.
14.4.3. Con carácter excepcional, logo de informe do servizo territorial de inspección educativa e logo de autorización da dirección territorial correspondente, poderase variar o horario lectivo da escola ou extensión naquelas franxas horarias en que a necesidade de espazos e profesorado o fagan necesario para o correcto desenvolvemento das probas.
14.5. Formación do profesorado na elaboración de probas.
A Dirección Xeral de Formación Profesional ofrecerá formación específica para o profesorado dos departamentos didácticos responsables da redacción das probas de certificación.
14.6. Convocatoria das probas.
14.6.1. Convocatoria das probas de certificación para o alumnado oficial.
O alumnado dos cursos ordinarios terá dereito a unha convocatoria de probas ordinaria, que terá lugar, con carácter xeral, na primeira quincena do mes de xuño e outra, extraordinaria, que se realizará na segunda quincena. Nos cursos intensivos e de nivel integrado que se realicen no primeiro cuadrimestre, a convocatoria ordinaria será ao remate deste e a extraordinaria será, con carácter xeral, na segunda quincena do mes de xuño.
14.6.2. Convocatoria das probas de certificación para o alumnado libre.
A Dirección Xeral de Formación Profesional organizará unha convocatoria das probas polo réxime libre para a obtención dos certificados de nivel básico A2, intermedio B1, intermedio B2 e avanzado C1, nas datas que esta determine, no mes de xuño. Así mesmo, poderá establecer criterios de asignación de prazas para aqueles idiomas e niveis en que a demanda o xustifique.
O alumnado libre poderá matricularse en calquera destes niveis das probas de certificación. Non é requisito indispensable dispoñer do certificado do nivel anterior.
O alumnado oficial matriculado nun curso non final de nivel poderá matricularse nunha proba de certificación de calquera nivel.
A superación da proba de certificación dun nivel daralle acceso ao alumnado ao primeiro curso do seguinte nivel en calquera escola.
15. Avaliación de persoas con necesidades especiais.
A organización e administración das probas para o alumnado con necesidades especiais basearanse no principio de igualdade de oportunidades, non discriminación e compensación de desvantaxes. Así, no desenvolvemento das probas deberanse adaptar, se é o caso, a súa duración e as condicións de realización.
16. Información e comunicación dos resultados da avaliación.
Ao remate das probas de promoción e certificación, informarase o alumnado, ou os seus representantes legais no caso de menores de idade, acerca dos resultados da avaliación final. A dita información incluirá, cando menos, as cualificacións obtidas nas distintas actividades de lingua e, se é o caso, a promoción ao curso seguinte.
17. Procedemento para formular reclamacións sobre os resultados da avaliación.
17.1. O alumnado de todos os réximes e modalidades que estea en desacordo coa súa cualificación nas probas de promoción e de certificación poderá presentar unha reclamación, perante a dirección da escola oficial de idiomas, no prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.
17.2. A reclamación terá que estar baseada nalgún dos seguintes aspectos:
a) Inadecuación dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación da proba aos establecidos no currículo oficial e na programación didáctica do departamento correspondente.
b) Incorrecta aplicación dos procedementos e instrumentos de avaliación e/ou dos criterios de cualificación establecidos para estas probas.
17.3. A dirección da escola resolverá nos dous días hábiles seguintes ao da presentación da reclamación ratificando ou rectificando a cualificación. Para iso, solicitará do departamento o correspondente informe, en que deben constar as causas da ratificación ou rectificación da nota, e informará por escrito o alumnado implicado da resolución adoptada.
17.4. De continuar en desacordo coa cualificación, o alumnado ou o seu representante legal, no caso de menores de 18 anos, poderá interpoñer recurso de alzada perante a respectiva dirección territorial da consellería competente en materia de educación contra a resolución da dirección da escola, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa recepción.
17.5. De producirse o recurso de alzada, o servizo territorial de inspección educativa solicitaralle á escola os seguintes documentos:
a) A reclamación da alumna ou alumno.
b) O informe do departamento didáctico e a resolución da dirección.
c) O informe do profesorado responsable da avaliación.
d) A proba ou probas contra as cales se recorre e calquera outra documentación adicional que se considere pertinente.
17.6. No suposto de que o recurso de alzada se presentase ante a dirección da escola oficial de idiomas, esta tramitará a reclamación acompañada dos documentos sinalados no punto anterior nun prazo non superior a 48 horas.
17.7. O servizo territorial de inspección educativa poderá solicitar a intervención de especialistas no idioma obxecto de reclamación para elaborar o informe correspondente.
17.8. O servizo territorial de inspección educativa remitiralle o informe, xunto coa copia completa e ordenada do expediente, á dirección territorial correspondente, no prazo de 10 días hábiles.
17.9. Logo da análise do informe do servizo territorial de inspección educativa, a dirección territorial correspondente resolverá no prazo máximo de tres meses a partir da data de presentación do recurso; esta resolución poñerá fin á vía administrativa.
18. Certificados.
18.1. Para obter os certificados dos niveis básico A1, básico A2, intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 será necesario superar as probas de certificación correspondentes.
18.2. A dirección xeral competente en materia de títulos expedirá, por proposta das escolas oficiais de idiomas, os certificados correspondentes aos niveis intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 do alumnado que supere as probas de certificación correspondentes.
18.3. Os certificados correspondentes aos niveis básico A1, básico A2 e intermedio B1, así como os certificados de competencias parciais, serán emitidos polas EOI. Estas expedirán, ademais, as certificacións académicas dos idiomas que impartan para o alumnado de todos os cursos non finais de nivel.
19. Certificación de aproveitamento doutros cursos.
19.1. A superación dos cursos para colectivos profesionais e público en xeral, que deberá constar no expediente académico da/do alumna/o, non dará lugar á obtención de certificados de nivel; non obstante, as escolas oficiais de idiomas poderán certificarlle ao alumnado que así o solicite as horas cursadas e o aproveitamento nos cursos establecidos neste punto.
19.2. A cualificación dos cursos correspondentes a esta oferta formativa complementaria expresarase nos termos de apta/o ou non apta/o.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024
María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional
ANEXO I
Accesos directos por titulación
Español como lingua estranxeira.
Titulación, diploma ou certificado |
Accede a |
• Certificados das universidades españolas que sigan o modelo de acreditación de exames da Asociación de Centros de Linguas de Educación Superior (ACLES) CertAcles A1 • Certificados de español para estranxeiros de nivel A1 dos centros de linguas das universidades galegas • Diploma de español como lingua estranxeira (DELE) A1 |
Básico A2 |
• UNED. CUID (Centro Universitario de Idiomas a Distancia) Español nivel A2 (básico) • Certificados das universidades españolas que sigan o modelo de acreditación de exames da Asociación de Centros de Linguas de Educación Superior (ACLES) CertAcles A2 • Certificados de español para estranxeiros de nivel A2 dos centros de linguas das universidades galegas • Diploma de español como lingua estranxeira (DELE) A2 |
Intermedio B1 |
• Diploma de español como lingua estranxeira (DELE). Nivel inicial • Diploma de español como lingua estranxeira (DELE) B1 • UNED. CUID (Centro Universitario de Idiomas a Distancia) Español nivel B1 (intermedio) • Certificados das universidades españolas que sigan o modelo de acreditación de exames da Asociación de Centros de Linguas de Educación Superior (ACLES) CertAcles B1 • Certificados de español para estranxeiros de nivel B1 dos centros de linguas das universidades galegas |
Intermedio B2 |
• Diploma de español como lingua estranxeira (DELE). Nivel intermedio • Diploma de español como lingua estranxeira (DELE) B2 • UNED. CUID (Centro Universitario de Idiomas a Distancia) Español nivel B2 (avanzado) • Certificados das universidades españolas que sigan o modelo de acreditación de exames da Asociación de Centros de Linguas de Educación Superior (ACLES) CertAcles B2 • Certificados de español para estranxeiros de nivel B2, C1 ou C2 dos centros de linguas das universidades galegas |
Avanzado C1 |
• Diploma de español como lingua estranxeira (DELE). Nivel superior • Diploma de español como lingua estranxeira (DELE) C1 • Diploma de español como lingua estranxeira (DELE) C2 • Certificados das universidades españolas que sigan o modelo de acreditación de exames da Asociación de Centros de Linguas de Educación Superior (ACLES) CertAcles C1 e C2 |
Avanzado C2 |
Galego.
Titulación, diploma ou certificado |
Accede a |
• Curso de iniciación de lingua galega |
Básico A2 |
• UNED. CUID (Centro Universitario de Idiomas a Distancia) Galego nivel A2 (básico) • Celga 1 |
Intermedio B1 |
• UNED. CUID (Centro Universitario de Idiomas a Distancia) Galego nivel B1 (intermedio) • Celga 2 |
Intermedio B2 |
• Diplomatura en maxisterio con materias de lingua galega • Licenciatura en calquera filoloxía con materias de lingua galega • Licenciatura en xornalismo con materias de lingua galega • Curso de especialización de lingua galega • Curso de perfeccionamento de lingua galega • Celga 3 |
Avanzado C1 |
• UNED. CUID (Centro Universitario de Idiomas a Distancia) galego nivel C1 (superior) • Licenciatura en filoloxía galega ou galego-portuguesa • Licenciatura en filoloxía portuguesa • Licenciatura en tradución e interpretación (galego lingua A) • Celga 4 |
Avanzado C2 |
ANEXO II
Procedemento de matriculación: fase previa
1. Alumnado oficial matriculado no curso 2023/24.
a) Acceso ao sistema.
O acceso á matriculación en liña realizarase desde a plataforma Centrosnet no enderezo que cada centro ten asignado. Habilitarase tamén unha entrada xenérica para que se poida acceder a calquera centro desde unha mesma ligazón:
https://www.informaticacentros.com/xunta
b) Identificación do alumnado.
O alumnado oficial do curso 2023/24 xa ten acceso a Centrosnet, polo que accederá á aplicación de matrícula utilizando o usuario e o contrasinal que posúe (en caso de dúbida, consulte coa escola).
c) Reserva da praza de matrícula.
Ao entrar na aplicación, o alumnado accederá a unha pantalla con información acerca do curso en que lle corresponde matricularse e poderá elixir un grupo dos que se lle oferten. Esta oferta de grupos poderá verse na pantalla a que accede a/o solicitante.
d) Confirmación de matrícula.
Unha vez confirmada pola/o alumna/o, a selección do grupo en que se matricula non poderá ser modificada nin anulada.
Ao confirmar a matrícula, o sistema xerará un xustificante onde se indicará o idioma, curso e grupo seleccionado, así como o día e hora en que se grava a súa solicitude. A/o alumna/o recibirá información dos prezos públicos correspondentes para que poida efectuar o pagamento na entidade bancaria ou polos procedementos establecidos nesta resolución.
Ata ese momento a praza estará reservada e pendente de formalización.
A formalización de matrícula realizarase desde a mesma aplicación que se utiliza na matriculación oficial, segundo se dispón no anexo III.
2. Alumnado de novo acceso.
a) Acceso ao sistema.
O acceso á preinscrición en liña realizarase desde o enderezo:
https://www.eoidigital.com/preinsxunta
b) Identificación do alumnado.
I. Datos de identificación.
A persoa que desexe solicitar unha praza nas escolas oficiais de idiomas deberá darse de alta no sistema. Para iso deberá indicar a súa data de nacemento e o seu número de DNI ou NIE.
O formato destes campos indicarase na pantalla:
• Data de nacemento: dd-mm-aaaa.
• DNI: 8 díxitos seguidos dunha letra.
• NIE: comezará por X, Y ou Z, seguido de 7 díxitos e finalizado pola letra correspondente.
II. Datos persoais.
Unha vez que se acceda coa data de nacemento e o número identificativo, terase acceso a unha pantalla para introducir os datos persoais.
Será obrigatorio cubrir unha serie de campos para seguir co proceso de solicitude. Os datos que se solicitan son de nacemento e de residencia.
Igualmente, terase que introducir un contrasinal que permitirá con posterioridade acceder ao proceso de preinscrición en liña.
Para os casos de perda de contrasinal pedirase tamén unha pregunta/resposta secreta que permita recuperar o contrasinal. Os datos introducidos poderán ser modificados con posterioridade, sempre e cando a/o usuaria/o posúa os datos de acceso.
c) Solicitude de praza (preinscrición).
Unha vez cubertos todos os campos de datos persoais, e a continuación das pantallas de confirmación, accédese á solicitude de prazas.
Na pantalla aparecen, en primeiro lugar, dous cadros despregables de datos nos cales hai que indicar o idioma que se solicita e o curso.
A oferta é conxunta entre todas as escolas oficiais de idiomas de Galicia, polo que no despregable aparecerá a oferta de todas as EOI.
A orde para solicitar unha praza é a seguinte:
I. Elección do idioma.
II. Elección do curso entre os ofertados para o idioma seleccionado anteriormente.
III. Elección do centro en que se desexe a praza.
IV. Elección do grupo segundo os ofertados.
Os puntos III e IV poden ser repetidos varias veces nunha mesma solicitude.
A solicitude é única por idioma, é dicir, unha mesma persoa solicitante non poderá realizar máis dunha preinscrición para un mesmo idioma.
Dentro da preinscrición poderanse realizar varias opcións para unha mesma solicitude.
O sistema poderá emitir xustificantes como garantía da solicitude da praza.
d) Consulta e modificación de solicitudes realizadas.
A solicitude realizada poderá ser consultada, modificada e incluso eliminada en calquera momento e sempre que o proceso non estea pechado, segundo os prazos establecidos.
Poderanse engadir novas preinscricións, modificar opcións dentro dunha preinscrición e mesmo eliminar preinscricións existentes. O acceso a partir da segunda vez realizarase coa data de nacemento, o DNI/NIE e o contrasinal indicado no momento da alta.
e) Adxudicación de prazas.
A adxudicación de prazas realizarase da seguinte maneira:
I. No momento da preinscrición, a aplicación asignaralle un número a cada solicitude.
II. Seguindo o procedemento establecido nesta resolución obterase, en sorteo público, un número de corte por idioma. Este número obterase de entre todos os números que a aplicación lle asignou a ese idioma. Tomarase como primeira solicitude a que teña o número obtido no sorteo.
III. Comprobaranse as peticións efectuadas pola/o solicitante e, se hai dispoñibilidade no primeiro grupo que solicitou, asignaráselle praza inmediatamente, descartando o resto de peticións feitas para ese mesmo idioma por esta persoa.
IV. Se non hai prazas dispoñibles na primeira opción, terase en conta a súa segunda opción e así sucesivamente. En caso de que en ningunha das opcións solicitadas existan prazas vacantes, descartarase esta solicitude e continuarase coa solicitude que teña o seguinte número, en orde ascendente.
V. Unha vez comprobadas as peticións de todas as persoas solicitantes, xerarase unha lista de reservas, que terá en conta unicamente a primeira opción solicitada e comezará pola primeira persoa solicitante que non obtivese praza.
VI. Unha vez realizada a adxudicación de vacantes, na consulta de preinscricións poderase ver se se obtivo praza ou non.
f) Confirmación de matrícula.
No caso do alumnado que proveña da preinscrición, o grupo xa estará fixado (de acordo co resultado da adxudicación de vacantes) e a/o solicitante só poderá confirmar ou rexeitar a súa matrícula no grupo correspondente.
Ao confirmar a matrícula, o sistema xerará un xustificante onde se indicará o idioma, curso e grupo seleccionado, así como o día e hora en que se grava a súa solicitude. A/o alumna/o recibirá información dos prezos públicos correspondentes para que poida efectuar o correspondente pagamento na entidade bancaria ou polos procedementos establecidos nesta resolución.
Nas páxinas da preinscrición haberá unha ligazón directa á zona de matriculación.
Ata ese momento a praza estará reservada e pendente de formalización.
A formalización de matrícula realizarase desde a mesma aplicación que se utiliza na matriculación oficial, segundo se dispón no anexo III.
ANEXO III
Procedemento de matriculación: Formalización
O alumnado oficial matriculado no curso 2023/24 e que realizou reserva de praza, e o alumnado de novo acceso a que se lle adxudicou praza, terán que formalizar a matrícula aboando os prezos públicos e presentando a documentación precisa, como se indica na presente resolución.
Presentación de documentos.
A documentación presentarase desde o enderezo https://www.informaticacentros.com/xunta, dentro dos prazos establecidos. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As escolas poderanlle solicitar ao alumnado a presentación dos documentos orixinais para o cotexo da copia electrónica presentada.
Formalización da matrícula.
Unha vez efectuado o pagamento dos prezos públicos, a/o solicitante deberá presentar o xustificante da reserva de matrícula e o xustificante de que efectuou o pagamento dos prezos públicos correspondentes na entidade bancaria (ou do pagamento telemático, de ser o caso), ademais do resto da documentación requirida nesta resolución.
Despois de que a/o alumna/o presente a documentación, recibirá un correo electrónico do centro coa confirmación da súa matrícula.
O pagamento da matrícula deberá efectuarse nos prazos establecidos, e calquera pagamento efectuado fóra de prazo implicará a anulación da praza reservada, sen que a/o alumna/o teña dereito á devolución dos importes aboados.
A/o alumna/o deberá presentar o xustificante do pagamento dentro do prazo de matrícula indicado. De ter pagado os prezos públicos pero non ter presentado o xustificante, a reserva de praza tamén quedará anulada.
Tras finalizar cada prazo de matrícula, as prazas non confirmadas pola secretaría do centro quedarán anuladas e, polo tanto, liberadas para o seguinte prazo de matriculación ou listaxe de espera, e a/o solicitante perderá calquera dereito sobre a reserva da súa praza.
Se a/o solicitante se atopa nalgunha situación que requira a presentación de documentación adicional, deberá facelo a través da aplicación de matrícula, dentro dos prazos establecidos nesta resolución.
Descarga á aplicación da escola (CODEX).
Unha vez rematado o proceso de matrícula en Centrosnet, as escolas oficiais de idiomas descargarán os datos á aplicación informática da escola (CODEX) e quedarán así integrados co resto de expedientes.