Feitos:
A Asociación Uruguaya de Amigos del Camino de Santiago presentou unha solicitude de inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago o día 3 de abril de 2024.
A solicitude foi presentada segundo o modelo que figura como anexo I do Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago (DOG núm. 36, do 20 de febreiro), modificado polo Decreto 209/2002, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño) e con ela foi achegada a documentación pertinente segundo o artigo 26 do citado decreto.
Fundamentos de dereito:
É de aplicación especificamente ao procedemento a seguinte normativa:
• Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago, modificado polo Decreto 209/2002, do 13 de xuño.
• Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.
• Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O artigo 23 do Decreto 45/2001, regula que «para a súa inscrición no rexistro, as entidades solicitantes deberán ter como finalidade, expresa e prioritariamente reflectida nos seus estatutos, a recuperación, conservación e promoción do Camiño de Santiago, así como a difusión da cultura derivada deste».
O xefe do Servizo de Protección e Fomento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emite un informe o día 23 de abril de 2024 sobre a solicitude no cal se constata que a Asociación Uruguaya de Amigos del Camino de Santiago persegue os obxectivos fixados no decreto.
A solicitude presentada cumpre as normas establecidas no citado Decreto 45/2001, do 1 de febreiro.
De acordo co indicado,
RESOLVO:
Que a Asociación Uruguaya de Amigos del Camino de Santiago sexa inscrita no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago co número 236.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante esta Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024
María Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural