DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 13 de xuño de 2024 Páx. 35824

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 4 de xuño de 2024 pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para o ano 2024 (código de procedemento CT142A).

Con data do 24 de setembro de 2010 creáronse os Premios da Cultura Galega co obxecto de recoñecer o labor creativo na Comunidade e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade.

Mediante esta orde establécense as bases que rexerán a concesión dos Premios da Cultura Galega e convócanse para o ano 2024.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócanse os Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades para o ano 2024 (código de procedemento CT142A).

1. Premio Cultura Galega de Letras.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada coa literatura galega, con méritos especiais ao desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción dunha linguaxe propia, na creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas, tanto nos soportes convencionais como nos virtuais e outras formas experimentais coa escrita, así como calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública.

2. Premio Cultura Galega de Artes Visuais.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada ás artes visuais galegas, con méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo a partir de materiais convencionais ou de soportes virtuais e experimentais, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a enriquecer a creación plástica galega e a súa imaxe pública.

3. Premio Cultura Galega de Artes Escénicas.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria vinculada ás artes escénicas galegas meritoria en canto a recursos escénicos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a ampliar a representación escénica de Galicia e a súa imaxe pública. Nesta categoría terase en conta a obra realizada en soporte físico ou virtual, e incluiranse propostas teóricas ou proxectos de especial interese creativo ou innovador, que sirvan de referencia para a evolución escénica de Galicia.

4. Premio Cultura Galega de Música.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación ou á promoción da música galega. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe desta arte como creadora dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.

5. Premio Cultura Galega de Audiovisual.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación, á promoción ou á difusión da creación audiovisual galega, con méritos especiais no desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción de linguaxes propias e na capacidade de intercambio con outras sociedades e culturas.

6. Premio Cultura Galega de Lingua.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. Valorarase o desenvolvemento de obras e de iniciativas destinadas a afianzar o uso e a valoración social do idioma propio de Galicia.

7. Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación.

8. Premio Cultura Galega de Proxección Exterior.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á difusión cultural de Galicia no exterior, que contribúan á proxectar, dentro e fóra do territorio galego, a riqueza e valor da cultura galega en calquera campo e a través de calquera medio convencional ou virtual.

Artigo 2. Obxecto e contido dos premios

1. Concederase un único premio en cada unha das modalidades descritas no artigo anterior e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa ou entidade en modalidades distintas.

2. O premio consistirá nunha peza artística ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

Artigo 3. Candidaturas

1. Poderán ser candidatas as persoas, colectivos ou entidades que se distingan pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente de acordo co sinalado no artigo 1.

Na data de formalización da candidatura as persoas propostas como candidatas teñen que estar vivas, e os colectivos e entidades obxecto das candidaturas deben ter actividade.

2. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. É preceptivo engadir no formulario normalizado de solicitude (anexo I) da orde os méritos das candidaturas cunha xustificación de entre 15 e 20 liñas descritivas.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación da persoa que asine en nome da entidade.

b) Documentación informativa complementaria (no caso de consideralo oportuno).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Prazo de formalización das candidaturas

1. O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes, segundo o establecido nos artigos 30 e 31 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Non serán admitidas en ningún caso candidaturas presentadas fóra do prazo e da forma establecidos na presente orde.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Publicidade

A decisión do xurado en que se resolva a concesión dos premios farase pública a través da páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Xurado

1. O xurado estará formado por un máximo de 11 membros de acordo coa seguinte composición:

a) Presidente: o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.

b) Vogais: a presidenta do Consello da Cultura Galega ou a persoa designada por ela; o reitor da Universidade de Vigo ou a persoa designada por el; o presidente da Real Academia Galega ou persoa designada por el; o presidente da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario ou persoa designada por el; a directora xeral de Promoción da Igualdade; o director xeral de Cultura e catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Actuará como secretario un funcionario ou funcionaria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con voz e sen voto.

2. A designación dos membros do xurado publicarase no prazo máximo de vinte días desde a publicación desta orde na páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

3. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 12. Resolución

O prazo máximo para resolver e notificarlles a resolución aos candidatos non poderá exceder os cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do citado prazo de cinco meses sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender como rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 13. Entrega dos premios

Os Premios da Cultura Galega 2024 entregaranse no marco dun acto institucional organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Disposición adicional única

Esta orde está excluída da aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conforme o establecido no seu artigo 4.1.a).

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file