DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 20 de xuño de 2024 Páx. 37986

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2024 pola que se ordena a publicación do Regulamento para a contratación de servizos científicos, tecnolóxicos, artísticos, humanísticos ou docentes (artigo 60 da Lei orgánica do sistema universitario), aprobado polo Consello Social o 29 de maio de 2024.

PREÁMBULO

Ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, a Universidade da Coruña (UDC) contou cunha normativa propia para a contratación de servizos científicos, técnicos, artísticos ou docentes, que contén o artigo 58 dos seus Estatutos e que foi desenvolvida en sucesivos acordos do Consello Social nos anos 2005, 2012 e 2013. Na actualidade, está en vigor un texto refundido publicado mediante a Resolución do 2 de setembro de 2013 (DOG do 1 de outubro), que cumpriu en gran medida coa pretensión de mellorar a eficiencia na xestión, claridade e rastrexabilidade dos procedementos administrativos, así como a calidade dos negocios contractuais establecidos pola UDC para transferir o coñecemento por ela xerado á sociedade e ao seu sistema produtivo.

O artigo 60 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (LOSU), autoriza a colaboración con persoas físicas, universidades ou entidades públicas e privadas a través de figuras de contratación que deben estar reguladas polas universidades. Así, no seu número 1 sinálase que «os grupos de investigación recoñecidos pola universidade, os departamentos e os institutos universitarios de investigación, así como o seu profesorado, tanto a través dos anteriores como a través dos órganos, centros, fundacións ou estruturas organizativas similares da universidade dedicados á canalización das iniciativas investigadoras do profesorado e á transferencia dos resultados da investigación, poderán subscribir contratos con persoas físicas, universidades ou entidades públicas e privadas para realizar traballos de carácter científico, tecnolóxico, humanístico ou artístico, así como para actividades específicas de formación». E disponse, no seu número 2, que «os órganos de goberno das universidades, no marco das normas básicas que dite o Goberno, regularán os procedementos de autorización dos traballos e de subscrición dos contratos previstos no número anterior, así como os criterios para fixar o destino dos bens e recursos que con eles se obteñan».

A aprobación da LOSU, xunto coa experiencia adquirida da aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP), e as novidades introducidas na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, aconsellan unhas veces, obrigan outras, a revisar o marco normativo vixente. Para abordar esta tarefa, a vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia impulsou un proceso participativo que propiciou un debate sereno e construtivo da comunidade universitaria sobre as modificacións para promover sobre a regulación existente, e o alcance e o contido do novo texto.

Este regulamento respecta os principios da boa regulación e, sobre todo, os principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. Como quedou exposto, a normativa resulta necesaria e conveniente tras as novidades lexislativas dos últimos anos e a experiencia adquirida. Cumpre, ademais, co principio de proporcionalidade, por canto se recolle na regulación imprescindible para atender a necesidade que se debe cubrir coa norma, ao desbotar medidas da regulación anterior que non chegaron a satisfacer a finalidade para a cal se regularon. A normativa aspira a xerar un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza, que facilite o seu coñecemento e comprensión e, en consecuencia, a actuación e a toma de decisións das persoas e empresas. Por último, tende á simplificación do procedemento e á supresión de trámites innecesarios.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto do regulamento

Este regulamento ten por obxecto establecer o réxime e o procedemento de xestión dos contratos que asinen o PDI e os grupos de investigación recoñecidos pola UDC, así como os departamentos e institutos universitarios de investigación desta universidade, con persoas físicas ou con entidades públicas ou privadas, para realizar servizos de carácter científico, técnico, humanístico, artístico ou de formación, e dos cales o persoal da UDC poida obter unha retribución económica.

Artigo 2. Contratos de servizos suxeitos ao regulamento

1. Están suxeitos a este regulamento os contratos de servizos científicos, técnicos, humanísticos, artísticos ou docentes. Enténdense como tales todos aqueles negocios xurídicos de carácter oneroso en virtude dos cales a UDC se comprometa a prestar servizos a terceiras partes que consistan na realización dunha actividade ou na obtención dun resultado distinto dunha obra ou dunha subministración a cambio dun prezo certo, con independencia da forma ou do nome xurídicos que adopten.

Para estes efectos, consideraranse suxeitos a este regulamento todos os negocios xurídicos que impliquen a prestación dun servizo e inclúan unha retribución económica para o persoal da UDC, con independencia da forma xurídica empregada. Isto inclúe as subvencións directas, os convenios de cooperación do artigo 6 da LCSP, as licitacións públicas, as encargas, os pedidos ou as participacións en unións temporais de empresas (UTE) cando se dean as devanditas circunstancias.

2. Tamén se someterán a este regulamento os contratos de servizos e subministración subscritos pola UDC que teñan por obxecto prestacións ou produtos necesarios para executar proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, ou servizos técnicos, cando a presentación e a obtención de resultados derivados de tales proxectos estea ligada a retornos científicos, tecnolóxicos ou industriais susceptibles de se incorporaren ao tráfico xurídico e a súa realización sexa encomendada a equipos de investigación da UDC mediante procesos de concorrencia competitiva.

3. A contratación de servizos docentes estará suxeita ás seguintes condicións:

a) A formación deberá consistir en actividades específicas de formación, sen que poida impartirse docencia regrada de calquera ciclo formativo universitario ou non universitario.

b) O número máximo de horas de formación que poden impartirse é de 75 ao ano.

c) A autorización do contrato non implica nin substitúe a compatibilidade exixida pola normativa de emprego público.

Artigo 3. Negocios xurídicos excluídos do regulamento

1. Non estarán suxeitos a este regulamento os seguintes negocios xurídicos:

a) Os negocios xurídicos en que non se considere a posibilidade de retribuír o persoal da UDC.

b) Os contratos de edición asinados polo PDI, xa para a publicación dos seus libros, traballos ou traducións científicas, xa para a preparación de orixinais destinados a publicarse.

c) Os traballos profesionais do PDI acollido ao réxime de dedicación a tempo parcial, sempre que non supoñan o emprego de medios, instalacións, equipamentos ou servizos da UDC.

d) As colaboracións do profesorado con ONG e organizacións multilaterais, públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, sempre que non exista contraprestación económica ou que a contraprestación económica non estea suxeita a tributación, incluídos, por exemplo, os gastos de desprazamentos ou manutención.

e) Os convenios polos que se creen cátedras ou aulas institucionais, que se rexerán pola súa normativa específica.

2. Non estarán suxeitos a este regulamento os premios recibidos polo persoal da UDC.

Artigo 4. Réxime especial das pequenas colaboracións puntuais

1. Poderán realizarse sen autorización previa e sen liquidación de custos indirectos pequenas colaboracións puntuais en ditames, peritaxes, avaliacións de proxectos, conferencias convidadas ou actividades similares, sempre que o importe unitario non supere os 1.000 € e sempre que a percepción anual, sen o imposto sobre o valor engadido (IVE), destas colaboracións non supere os 6.000 €.

De se superar esa cantidade, a persoa perceptora comunicaralle a devandita situación á Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), que establecerá un mecanismo de percepción dos custos indirectos da cantidade que exceda a franquía indicada, segundo se recolle no artigo 16 deste regulamento.

2. Este réxime especial e o mecanismo de regularización posterior non serán aplicables a colaboracións periódicas cuxa previsión de percepción anual supere os 6.000 €.

3. As pequenas colaboracións puntuais previstas neste artigo deberán comunicárselle á OTRI no prazo dun (1) mes desde a data da súa realización, para que quede constancia e que se computen nos indicadores de transferencia da UDC.

4. O fraccionamento económico dunha actividade para excluír os traballos de servizos deste regulamento perseguirase disciplinariamente consonte o previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, sen prexuízo doutras consecuencias de calquera orde que poida comportar.

TÍTULO II

Procedemento de contratación

Artigo 5. A OTRI e as entidades responsables da xestión delegada

Os contratos de servizos previstos neste regulamento poden ser subscritos a través da OTRI ou a través de entidades vinculadas á UDC cun convenio vixente que as habilite para a xestión delegada de contratos do artigo 60 da LOSU.

Son entidades vinculadas á UDC as participadas por ela ou aquelas de cuxos órganos de dirección ou control forme parte a UDC.

Artigo 6. Preparación e autorización dos contratos

1. Poderá iniciar un expediente de contratación de servizos calquera PDI da UDC, sexa persoal a tempo completo ou parcial e sexa profesorado en activo ou profesorado emérito ou honorario, coas limitacións e incompatibilidades, neste segundo caso, previstas na normativa de seguridade social.

2. O PDI contactará coa OTRI ou cunha entidade de xestión da UDC. Esta analizará a proposta, comprobará a validez da información remitida e asesorarao na redacción dos contratos, velando en todo momento polo cumprimento da lexislación vixente.

3. Unha vez que estes contratos reúnan as condicións para ser tramitados, informarase a vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia para obter a súa autorización. Utilizarase unha plataforma informática en que se introducirán os datos que a UDC considere necesarios para autorizar a tramitación.

Cando a tramitación corresponda a unha entidade de xestión, a OTRI xustificará a recepción da información recibida a través da mesma plataforma informática. No mesmo trámite anexarase a autorización da vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia.

4. Unha vez recibida a documentación contractual, a vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia outorgará ou denegará a autorización para contratar nun prazo máximo de quince (15) días. En caso de silencio administrativo, este considerarase positivo.

5. Denegarase a autorización nos casos seguintes:

a) Cando a realización dos traballos poida ocasionar un prexuízo serio ao labor docente e/ou ás obrigas de xestión asumidas polo PDI en virtude dos cargos unipersoais que ocupe, ou cando implique actuacións do persoal investigador universitario contrarias aos principios de actuación e os deberes de conduta das persoas empregadas públicas.

b) Cando o tipo de traballo propio do contrato estea atribuído a determinados/as profesionais en virtude de disposición legal e o/a investigador/a contratante careza do correspondente título.

c) Cando as obrigas contidas no contrato impliquen, de feito, a constitución dunha relación estable.

d) Por outras causas que as entidades de xestión delegada, se for o caso, inclúan nos seus propios regulamentos ou normas de xestión interna.

6. No caso de contratos promovidos a través da OTRI, contra a denegación da autorización caberá presentar un recurso de alzada ante o/a reitor/a no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da denegación.

7. A presentación de ofertas por parte do persoal investigador da UDC, baixo o CIF desta, a procedementos negociados ou abertos convocados por entidades do sector público deberá ser autorizada por quen desempeñe a representación legal da UDC, que asinará a proposta en nome desta universidade.

Exceptúase do previsto na alínea anterior a presentación de ofertas aos concursos de proxectos previstos na lexislación vixente, que os/as investigadores/as principais poderán asinar no seu propio nome, en canto profesorado universitario, ao abeiro do artigo 60 da LOSU.

Artigo 7. Servizos suxeitos a taxas ou prezos públicos

No caso dos servizos que, pola súa natureza, sexan prestados de forma repetida ou recorrente a cambio dunha taxa ou prezo público, será de aplicación, como alternativa, un formulario abreviado de encarga do servizo, sen necesidade de formalización contractual.

TÍTULO III

Regulación do contrato

Artigo 8. Perfeccionamento e formalización dos contratos

1. Os contratos perfecciónanse pola súa formalización entre unha terceira parte contratante e o órgano competente da UDC ou, de ser o caso, da entidade xestora. Serán nulos de pleno dereito os contratos que non sexan asinados pola persoa competente, sen prexuízo das normas de suplencia aprobadas polas entidades en caso de vacante, enfermidade ou ausencia da persoa titular da competencia.

2. Na UDC formalizará os contratos a persoa titular da vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia, agás no suposto recollido no número seguinte.

3. No caso de contratos vinculados a profesións reguladas en que sexa obrigatorio asumir un seguro ou unha responsabilidade directa non transmisible, o PDI formalizará o contrato. En todo o demais seralle aplicable este regulamento.

Artigo 9. Rexistro da información e regras de transparencia dos contratos

1. Os orixinais de todas as notificacións e xustificantes de recepción con autorización (artigo 7) de prestación de servizos, así como de todos os contratos elaborados na UDC sometidos a este regulamento, serán arquivados na vicerreitoría competente en materia de investigación e transferencia para o seu control. Para tal efecto, crearase un rexistro informático na OTRI.

2. A UDC poderá solicitarlles en calquera momento os contratos ás entidades xestoras, que están obrigadas a custodialos de forma adecuada. Tamén están obrigadas, se se lles solicita, a fornecer datos sobre o desenvolvemento dos contratos e sobre a execución do seu orzamento, así como datos agregados que se usen, entre outros fins, para os informes que a UDC elabore de modo anual ou cun obxectivo específico.

3. De conformidade co artigo 13 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, unha vez formalizado o contrato, publicarase a seguinte información no Portal de transparencia da UDC e, de ser o caso, da entidade con xestión delegada:

a) Obxecto, duración e valor estimado do contrato;

b) Entidade ou persoa física contratante;

c) Persoa responsable da execución do contrato;

d) E empresas ou persoal laboral subcontratado para executar o contrato.

Artigo 10. Contido dos contratos

Os contratos sometidos a este regulamento conterán, de modo referencial, os seguintes aspectos:

a) Identificación das persoas asinantes e a representación que desempeñan;

b) Obxecto e duración do contrato;

c) Se for o caso, prego de prescricións técnicas en que se definan as prestacións obxecto do contrato;

d) Prezo acordado, prazos de entrega ou realización do traballo, prazos e formas de pagamento;

e) Identificación da persoa responsable do contrato e dos membros da UDC adscritos á súa execución;

f) Mecanismos previstos para o seguimento e o control dos traballos que se levarán a cabo;

g) Réxime de responsabilidades, que non poderá comportar a asunción destas por un importe superior ao do contrato;

h) Titularidade dos resultados xerados como consecuencia do contrato, de ser o caso, así como dos dereitos de explotación sobre eles ou, na súa falta, previsión da remisión a un acordo futuro para determinala;

i) E regulación da confidencialidade dos datos que se obteñan ou sirvan de base para a execución do contrato.

Artigo 11. Persoas responsables do contrato e participación do persoal da UDC

1. Correspóndelles ás persoas responsables do contrato impulsar a súa formalización, supervisar a súa execución e adoptar as ordes e instrucións que sexan precisas para asegurar a correcta realización da prestación pactada, dentro do ámbito de facultades definidas por este regulamento e, en particular:

a) Redactar o contrato;

b) Elixir, de ser o caso, a entidade responsable da xestión delegada;

c) Propor a imputación de gastos á aplicación orzamentaria aberta ao seu nome, así como tamén a emisión de facturas fronte a terceiras partes;

d) Designar, supervisar e, en caso de incumprimento grave das súas instrucións, substituír de forma motivada o persoal propio adscrito á execución do contrato;

e) Adoptar as decisións que procedan en caso de subcontratación de prestacións por obra ou servizo determinado;

f) Propor as prórrogas do contrato;

g) E efectuar a finalización e o peche do contrato.

2. Todo o persoal da UDC (PDI, PTXAS e persoal contratado) poderá participar na execución dos contratos, de ser designado pola persoa responsable.

3. Sen prexuízo dos recoñecementos ou das exencións que legalmente se establezan, a execución dos contratos de servizos non poderá supor un menoscabo no desempeño profesional do persoal da UDC. O devandito persoal graduará a súa dedicación a estas actividades para garantir o mantemento da calidade das súas actividades profesionais ou o bo desempeño dos cargos de goberno ou xestión que ocupe, de ser o caso.

4. A persoa responsable do contrato deberá velar polo cumprimento deste regulamento e dos principios de actuación e deberes de conduta recollidos nos artigos 73 e 74 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

Artigo 12. Participación do persoal investigador da UDC en contratos doutras universidades ou organismos públicos de investigación

1. Logo de autorización da persoa titular da vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia, os/as investigadores/as da UDC poderán integrarse nos equipos de execución de contratos doutras universidades públicas ou doutros organismos públicos de investigación.

Para solicitar a devandita autorización deberá remitírselle á OTRI a solicitude de encomenda do servizo.

2. Os datos de tales contratos deberán figurar no rexistro informático que se sinala no artigo 9 deste regulamento.

3. Dos pagamentos que se lle realicen á UDC, a Xerencia liquidará a porcentaxe dos custos de xestión e retorno previstos no artigo 16 deste regulamento.

Artigo 13. Duración dos contratos

Os contratos establecerán o prazo de execución dos traballos. Este prazo pode comprender, ademais do período de execución, un tempo adicional, non superior a dous anos, para difundir os resultados ou facer análises complementarias. As partidas orzamentarias manteranse abertas durante este tempo adicional.

Artigo 14. Gastos imputables á execución do contrato

1. Terán a consideración de gastos derivados da execución do contrato os desembolsos imputables aos seguintes conceptos:

a) Adquisición de equipamentos e material inventariable, ademais de realización de obras e mantemento e reparación dos equipamentos adquiridos;

b) Adquisición de material funxible;

c) Bolsas de colaboración ou contratos en prácticas para estudantes;

d) Viaxes e manutención;

e) Gastos de imprenta, reprografía, servizos informáticos, traballos na nube, etc.;

f) Retribucións do persoal propio da UDC;

g) Contratación de persoal;

h) Subcontratacións;

i) Investimentos derivados da contratación de servizos específicos con entidades públicas ou privadas, empresas ou persoas físicas externas á UDC;

j) Gastos correspondentes á utilización dos equipamentos adscritos aos servizos xerais de investigación, segundo os prezos públicos que aprobe a UDC para o seu uso;

k) Custos de xestión e retorno á UDC;

l) Se for o caso, póliza de cobertura das responsabilidades derivadas da execución do contrato;

m) E outros gastos necesarios para a correcta execución do contrato.

2. Terán a condición de ingresos procedentes dos contratos os importes facturados, sen incluír o IVE. A persoa responsable do contrato destinará tales ingresos para sufragar os gastos derivados da súa execución, con carácter preferente os contraídos con terceiras partes, e os custos de xestión e retorno á UDC previstos no artigo 16 deste regulamento.

Artigo 15. Límites na percepción de retribucións

A cantidade percibida anualmente por calquera membro do PDI con cargo a estes contratos non poderá exceder o resultado de incrementar nun 50 % a retribución anual que lle corresponda á máxima categoría docente académica en réxime de dedicación a tempo completo por todos os conceptos retributivos previstos no Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, ou norma que o substitúa.

Os ingresos que, como consecuencia da execución do contrato, se xeren por riba da anterior cantidade terán a consideración de ingreso non afectado da UDC.

Artigo 16. Custos de xestión e retorno á UDC

1. Incluirase no prezo de todos os contratos unha cantidade destinada a cubrir os custos de xestión e retorno á UDC. Esta cantidade non será inferior ao 15 % do orzamento previo á aplicación dos devanditos custos (IVE excluído). No caso de contratos que impliquen importantes custos para a institución, a porcentaxe poderá verse incrementada.

2. O cálculo de tal cantidade pódese facer das seguintes dúas maneiras, na redacción do contrato ou figura xurídica equivalente:

a) O 13 % do orzamento total do contrato, que inclúe os custos de xestión. Por exemplo, se o orzamento total é de 100 €, 13 € son os custos de xestión e 87 € destínanse ao resto de gastos de execución.

b) O 15 % da base do orzamento sen considerar os custos de xestión, que se engadirán para xerar o orzamento total. Por exemplo, se os gastos de execución sen considerar os custos de xestión son 87 €, aplicaráselle o 15 % a esta cantidade (13 €) para obter o orzamento total sen IVE (100 €).

O resultado de ambos os cálculos é practicamente equivalente, polo que se aplicará un método ou o outro de forma indistinta. As entidades de xestión poden optar por usar un ou ambos.

3. No caso das entidades de xestión delegada, estas realizarán a liquidación e o ingreso como mínimo do 8 % do orzamento total dos contratos, IVE excluído, que xestionen a favor da UDC.

Poderá admitirse a liquidación da anterior cantidade mediante a achega de investimentos reais inventariables ou a centros específicos da UDC, sempre que estas excepcionalidades estean previstas no convenio entre a UDC e a entidade vinculada.

4. Cando se trate de contratos formalizados por PDI dos recollidos no número 3 do artigo 8, se o orzamento de custos excede dun modo desproporcionado o traballo do PDI, minorarase a porcentaxe de custos de xestión e retorno á UDC. A vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia determinará a mingua correspondente para o sector afectado, por instancia do propio sector e logo da análise da desproporción que a xustifica.

5. A vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia analizará globalmente os retornos á UDC vencellados aos contratos, incluíndo non só os custos indirectos, e velará para que a actividade de transferencia teña un retorno neto positivo para a institución.

Artigo 17. Propiedade dos bens obtidos na execución do contrato. Propiedade intelectual e industrial

1. De ser o caso, os contratos deberán regular as porcentaxes de titularidade e explotación económica da propiedade industrial e intelectual dos resultados que se xeren con ocasión da súa execución, nos termos previstos pola lexislación aplicable e o Regulamento de propiedade industrial e propiedade intelectual da UDC. Se para executar o contrato se empregan resultados previos suxeitos á explotación da propiedade intelectual ou industrial, deberá explicitarse o retorno á UDC, que debe ser acorde co recollido no Regulamento e explotación da propiedade intelectual e industrial.

2. En contratos xestionados na UDC, todos os bens mobles e inmobles que se financien a través deles serán integrados no patrimonio desta universidade e dados de alta no seu inventario, agás excepción en contra sinalada expresamente no contrato, que deberá respectar en calquera caso a lexislación de patrimonio das administracións públicas.

Artigo 18. Confidencialidade

O persoal da UDC e o das entidades xestoras de contratos que participe na xestión ou execución dos contratos estará obrigado a respectar a confidencialidade comercial exixida polas cláusulas que neste sentido figuren incorporadas ao contrato.

Artigo 19. Xestión económica e seguimento dos contratos

1. Sempre que non se dispoña outra cousa nos contratos, a súa xestión económica será efectuada polo/a investigador/a responsable, que solicitará a emisión da(s) factura(s) oportuna(s), segundo se pacte no contrato, á unidade de xestión económica deste.

2. Poderase optar pola encomenda da xestión económica do contrato ás entidades responsables da xestión delegada.

3. Aos importes facturados aplicaráselles o tipo de IVE que corresponda no momento da devindicación da operación. A UDC ou a entidade xestora farase cargo da liquidación tributaria deste imposto, de conformidade coa normativa vixente.

Disposición transitoria. Contratos subscritos con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento

Os contratos subscritos polo PDI, por grupos de investigación, por departamentos ou polos institutos universitarios da UDC con anterioridade á data da entrada en vigor deste regulamento rexeranse por aquel que estaba en vigor no momento de os asinar.

Disposición derrogatoria

Queda derrogados o texto refundido do Regulamento para a contratación de servizos científicos, técnicos, artísticos ou docentes, aprobado na xuntanza do Consello Social do 18 de xullo de 2012 e modificado na do 23 de xullo de 2013, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste regulamento.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e interpretación do regulamento

Habilítase a persoa titular da vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia para ditar as instrucións que resultaren necesarias para desenvolver este regulamento e resolver as dúbidas que ocasionar o seu cumprimento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 11 de xuño de 2024

Ricardo José Cao Abad
Reitor da Universidade da Coruña