De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da encomenda á Fundación Semana Verde de Galicia, do 5 de xuño de 2024, para a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas de persoal estatutario do Sistema Sanitario Público de Galicia da categoría de médico/a de familia de atención primaria.
– Actividades: posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a realización das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para a cobertura de 271 prazas da categoría estatutaria de médico/a de familia de atención primaria.
O total de aspirantes admitidos/as nestas probas ascende a 606.
A actividade encomendada inclúe a posta á disposición dos espazos para a realización das probas co mobiliario e equipamento necesarios (megafonía, 1 pantalla LED de 5ˣ3 con cronómetro e tres pantallas de TV 55´ complementarias, cadeiras e mesas individuais, material de imprenta e sinalización), servizo de vixilancia e seguridade, persoal de servizos múltiples, sistema de seguridade antimóbil-detector de metais, calefacción (en función da situación climatolóxica), regulación de aparcadoiros, servizos de limpeza, módulos de sanitarios portátiles, conexión á internet por cable, servizo de imprenta, unha fotocopiadora, e servizos de restauración para persoal da organización.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico.
O artigo 10 desta lei recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os que se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (LOFAXGA).
O artigo 10 da LOFAXGA prevé a posibilidade de encargar a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico de acordo co artigo 113 da LOFAXGA, na medida que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia.
De acordo co artigo 47 da LOFAXGA, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.
Prazo de vixencia: o encargo terá unha duración comprendida entre a data da súa sinatura e o 1 de xullo de 2024, tendo en conta as datas de realización das probas e o período de sete días previos e posteriores a estas, para o depósito e retirada de materiais.
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade