DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 2 de xullo de 2024 Páx. 40233

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 24 de xuño de 2024 pola que se suprime a oficina de Rexistro Auxiliar da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Santiago de Compostela.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5 que o Sistema único de rexistro dependerá da consellería competente en materia de administracións públicas e, no artigo 33.3, que a Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, entre as que consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía. Esta subdirección depende da secretaría xeral técnica desta consellería, segundo o establecido no artigo 7 do mesmo texto legal.

No anexo I do citado Decreto 191/2011, do 22 de setembro, figura a oficina de rexistro que se propón suprimir.

O 3 de xuño de 2024, o secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración remitiu un escrito á Secretaría Xeral Técnica desta consellería en que solicitaba a supresión do Rexistro Auxiliar da súa consellería, sito no Edificio Administrativo de San Lázaro en Santiago de Compostela, xustificando esta proposta na baixada da documentación en papel.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímese a oficina de Rexistro Auxiliar da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en San Lázaro, Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes