A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5, que o sistema único de rexistro dependerá da consellería competente en materia de administracións públicas e no artigo 33.3 que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro crearanse, modificaranse e suprimiranse mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.
O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares farase mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.
O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12, as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, entre as que consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía. Esta subdirección depende da Secretaría Xeral Técnica desta consellería, segundo o establecido no artigo 7 do mesmo texto legal.
No anexo I do citado Decreto 191/2011, do 22 de setembro, figura a oficina de rexistro de Augas de Galicia (Zona Bacías Intercomunitarias).
O 9 de maio de 2024, o director da entidade pública Augas de Galicia remitiu escrito á Secretaría Xeral Técnica desta consellería, solicitando a supresión da oficina auxiliar de Rexistro de Augas de Galicia, sita na rúa Sáenz Díez, 1, de Ourense.
O Decreto 50/2023, do 11 de maio, polo que se modifica o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, suprime o Servizo Territorial de Augas de Galicia en Ourense, do que depende a oficina de rexistro que agora se propón suprimir, mantendo unha oficina Augas de Galicia cunha mínima estrutura administrativa. A actividade desta oficina de rexistro foi decrecendo nos últimos anos ata quedar en cantidades mínimas.
Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.
Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Suprímese a oficina de rexistro auxiliar da entidade pública empresarial de Augas de Galicia en Ourense.
Disposición derradeira primeira
O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
