O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, obxectivos, contidos, títulos e validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español. E, concretamente, no artigo 42 determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo.
A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece, no seu artigo 9, que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.
O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, dispón no seu artigo 15 que o currículo dos ciclos formativos incluirá un módulo de formación en centros de traballo que non terá carácter laboral.
O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos, establece que todos os ciclos de formación profesional básica tamén incluirán un módulo de formación en centros de traballo.
O Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe, e se establecen as bases da formación profesional dual, pretende crear as bases para a implantación progresiva da formación profesional dual en España, entendida como o conxunto de accións e iniciativas formativas que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas, combinando os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación.
Polo exposto, e considerando que a formación práctica tanto no módulo de formación en centros de traballo (FCT) como na FP dual teñen un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral, no cal se vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover cara ao cumprimento dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.
A mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países permite a mellora das competencias sociais dos individuos mediante a aprendizaxe da comunicación e a vida en sociedade, aumenta o respecto á diversidade e fomenta o aumento das competencias lingüísticas e profesionais. A realización, total ou parcial, en empresas doutros países do módulo profesional de formación en centros de traballo ou da FP dual contribúe a adquisición destas competencias.
No ámbito profesional, a mobilidade é un medio privilexiado de lograr un espazo de emprego e traballo europeo, xa que lle dá a cada individuo a posibilidade de adquirir coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dun xeito máis amplo, competencias e cualificacións adaptadas ao espazo sen fronteiras da Unión Europea.
Tendo en conta a importancia desta formación e coa finalidade de compensar parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das actividades que se desenvolven na empresa, correspondentes ao módulo de FCT ou á FP dual, considérase necesario convocar axudas económicas para este alumnado.
Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
DISPÓN:
Artigo 1. Obxecto da convocatoria
Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas para a realización en empresas do módulo profesional de FCT e da FP dual (código de procedemento ED202A).
Artigo 2. Modalidades das axudas
Establécense as seguintes modalidades de axudas:
1. Modalidade A: alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos, que realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español.
2. Modalidade B: alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e ensinanzas deportivas de réxime especial, que realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español.
Artigo 3. Requisitos
1. Estar matriculado nun centro público desta comunidade autónoma ou, no caso dos centros privados, nunha ensinanza concertada coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
2. Estar cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos ou algún ciclo formativo de FP dual.
3. Rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP dual antes do 31 de decembro de 2024.
4. Realizar como mínimo o 80 % das xornadas en empresa correspondentes a cada ensinanza segundo o establecido no currículo ou no proxecto de FP dual.
5. No caso do alumnado de FP dual, que o proxecto de FP dual non inclúa axudas para desprazamento ou aloxamento.
6. No caso da modalidade A, que o concello do centro de traballo sexa distinto do concello do centro educativo e distinto do concello de residencia do/da alumno/a durante o período de realización da FCT ou da FP dual.
7. No caso da modalidade B, que o/a alumno/a non desfrutase dunha axuda Erasmus+ KA102, KA116, KA121, KA122 ou calquera outra axuda que financie totalmente o período de realización da FCT ou da FP dual.
8. Cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
– O primeiro prazo, de sesenta (60) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2023-marzo 2024 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2024.
Acollerase a este primeiro prazo o alumnado de FP dual.
O alumnado ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2024 e que anticipe a súa realización, non se acollerá a este primeiro prazo.
– O segundo prazo, comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2024, para o alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2024. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2024.
O alumnado que teña horario flexible con autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional e remate despois do 31 de decembro de 2024 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.
2. As solicitudes, xunto co resto dos anexos requiridos, serán facilitados ao alumnado polo centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a FCT ou a FP dual. Toda a documentación xerarase a través da aplicación informática www.edu.xunta.gal/fct. Os anexos asociados a este procedemento tamén estarán dispoñibles na Guía de procedementos e servizos da sede electrónica.
3. As solicitudes xunto co resto dos anexos presentaranse no centro educativo onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a FCT ou a FP dual.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. A documentación complementaria que, de ser o caso, fose necesario achegar coa solicitude presentaraa o alumnado no centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo ou FP dual.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Orzamento
O importe total destinado a esta convocatoria será de 900.000 € (novecentos mil euros) con cargo á aplicación orzamentaria 37.04.422M.480.0 dos orzamentos de 2024 da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2024, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Profesional para axustar proporcionalmente os importes solicitados por cada solicitante, de xeito que a suma total dos importes de todas as persoas solicitantes non supere a contía do crédito dispoñible.
Poderá empregarse ata o 85 % do orzamento para o pagamento das axudas correspondentes ao primeiro prazo, e reservar o 15 % restante para as axudas do segundo prazo. No caso de que existise un remanente no orzamento asignado para as axudas do primeiro prazo, este poderá acumularse ao orzamento do segundo período.
Estas axudas poderán ser obxecto de cofinanciamento polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no Marco financeiro plurianual 2021-27.
Artigo 8. Contía das axudas
1. Para o cálculo das axudas terase en conta o número total de xornadas en que a persoa solicitante realiza a FCT ou a FP dual na empresa. Para este cómputo consideraranse 5 xornadas semanais cunha duración de 8 horas cada unha. Cando o número de xornadas realizadas nunha semana sexa inferior a 5, o importe da axuda ratearase proporcionalmente.
Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo 14, letra f) da Orde do 28 de febreiro de 2007, o número máximo de xornadas será o correspondente ás da ensinanza que se curse e só será posible acollerse á orde de axudas que regule o período final das súas prácticas, se estas se prolongan ao longo de máis dunha convocatoria de axudas.
2. Modalidade A: cando o alumnado realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español as contías calcularanse do seguinte modo:
– A.1. Dentro da comunidade autónoma: 12,50 euros por semana ata un máximo de 375 euros.
– A.2. Fóra da comunidade autónoma: 20 euros por semana ata un máximo de 375 euros.
3. Modalidade B: cando o alumnado realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español as contías calcularanse do seguinte modo en función do país de destino:
|
País |
Contía por semana |
|
Grupo 1: países con custos da vida máis altos Países da UE e asociados ao programa Erasmus+: Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Suecia. Terceiros países non asociados ao programa do grupo 1* |
175 euros |
|
Grupo 2: países con custos da vida medios Países da UE e asociados ao programa Erasmus+: Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, España, Francia, Grecia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal. Terceiros países non asociados ao programa do grupo 2* |
140 euros |
|
Grupo 3: países con custos da vida máis baixos. Países da UE e asociados ao programa Erasmus+: Bulgaria, Chequia, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Macedonia do Norte, Polonia, Romanía, Serbia,Turquía. Terceiros países non asociados ao programa do grupo 3* |
100 euros |
* Países non asociados ao programa Erasmus+:
Países non asociados do grupo 1: Xapón, Israel, Corea do Sur, Xeorxia, Arxentina, Armenia, Angola, Arabia Saudita, Kuwait, Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Bahrein, Acerbaixán, Sudán, San Cristóbal e Neves, San Vicente e as Granadinas, Emiratos Árabes Unidos, Hong Kong, Líbano, Vietnam, México, Taiwán, Moldavia, Malaisia, Tanzania, Canadá, Singapur, Australia, Tailandia, Illas Feroe.
Países non asociados do grupo 2: India, Casaquistán, Brasil, República Democrática do Congo, Chile, Nixeria, Uganda, Liberia, Xibutí, República Popular Democrática de Corea, Usbequistán, Turcomenistán, República Dominicana, Xamaica, Bielorrusia, Libia, Siria, Cuba, Iemen, Quenia, Ruanda, Seychelles, Antigua e Barbuda, Brunei, Montenegro, Malaui, Barbados, Santa Lucía, Granada, Dominica, Uruguai, Albania, China, Filipinas, Perú, Venezuela, Panamá, Ghana, Chad, Güiana, Exipto, Marrocos, Kiribati, Omán, Bosnia e Hercegovina, Irán, Mozambique, Senegal, Mauricio, Qatar, Andorra, Xordania, Indonesia, Laos, Sudáfrica, Etiopía, Bangladesh, Ecuador, Paraguai, Costa Rica, Costa do Marfil, Serra Leona, Gabón, Haití, Bahamas, Papúa Nova Guinea, Micronesia, Ucraína, Kirguizistán, Rusia, Mónaco, San Mariño, Palestina, Estado da Cidade do Vaticano.
Países non asociados do grupo 3: Nepal, Maldivas, Taxiquistán, Nicaragua, Zambia, Guinea, Congo, Botsuana, Belice, Samoa, Illas Marshall, Palaus, Tuvalu, Nauru, Illas Cook, Niue, Nova Zelandia, Paquistán, Bután, O Salvador, Suriname, Guatemala, Honduras, Somalia, Trindade e Tobago, Alxeria, Colombia, Gambia, Fiyi, Illas Salomón, Vanuatu, Cambodia, Zimbabue, Burundi, Mongolia, Camerún, Timor Oriental, Sri Lanka, Madagascar, Mali, Togo, San Tomé e Príncipe, Tonga, Bolivia, Benín, Lesoto, Macao, Tunisia, Iraq, Burkina Faso, Guinea Ecuatorial, República Centroafricana, Guinea-Bisáu, Namibia, Comoras, Eritrea, Myanmar/Birmania, Afganistán, Níxer, Mauritania, Cabo Verde, Kosovo, Esuatini, Sudán do Sur.
Ao alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e desfrutase dunha axuda para a mesma finalidade, distinta das indicadas no artigo 3.7, concederáselle o 50 % da axuda correspondente.
Ao alumnado que realice a FP dual fóra do territorio español concederáselle o 50 % da axuda correspondente ata un máximo de 1.500 €.
Artigo 9. Documentación que tramitarán os centros
1. Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas a aplicación informática que determine e subministre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e, ademais, proporcionaranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional todos aqueles documentos ou datos previstos nesta orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou da FP dual ou nas instrucións remitidas aos centros.
2. A Dirección do centro cargará os datos e tramitará todos os documentos a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, da cal se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitase a axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.
3. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir da publicación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte das persoas solicitantes.
4. Rematado o prazo de reclamacións, a Dirección do centro resolveraas e elaborará unha listaxe definitiva de persoas solicitantes, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro.
5. O centro, a través da persoa coordinadora de FCT, unha vez finalizada a estadía do alumnado na empresa, indicará na aplicación informática o alumnado que ten dereito á axuda.
6. Posteriormente, o/a director/a e o/a secretario/a certificarán a relación do alumnado que realizou a FCT ou a FP dual, cos importes que lle corresponda a cada un e o total. Esta certificación será xerada na aplicación informática www.edu.xunta.es/fct unha vez que rematen todas as persoas solicitantes o período de FCT ou de FP dual.
Artigo 10. Arquivamento da documentación
1. O centro arquivará a seguinte documentación en papel como mínimo por un período de 5 anos.
a) Solicitude e declaración de residencia (anexo I).
b) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, de ser o caso.
c) Declaracións responsables complementarias segundo dispón o artigo 13.2 desta orde (anexo III), de ser o caso.
e) Certificación de realización das prácticas.
2. No caso de centros privados con ensinanzas concertadas, a aceptación de participación como entidade colaboradora na xestión das axudas (anexo II), deberase asinar dixitalmente con certificado dixital ou Chave 365 e remitirse por correo electrónico a fct@edu.xunta.gal, antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 11. Instrución do procedemento
1. O órgano instrutor deste procedemento é a Dirección Xeral de Formación Profesional, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, darase por desistida da súa solicitude, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21, en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. A persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional elevará a proposta de resolución á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que resolverá o que proceda, e nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
3. Contra a resolución de adxudicación das axudas, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
4. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta resolución será de cinco meses, contado desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Artigo 12. Comunicación e publicación das axudas
1. Mediante orde da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional publicarase no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición das listaxes definitivas das persoas beneficiarias.
2. Neste caso a publicación das persoas beneficiarias producirá os mesmos efectos ca a notificación, segundo se establece no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. As persoas interesadas poderán entender rexeitadas as solicitudes de non se ditar resolución expresa no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 13. Pagamento das axudas
1. As axudas faranse efectivas nun só pagamento directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria indicada para tal efecto.
2. A persoa beneficiaria presentará no centro, no momento da finalización da estadía no centro de traballo, unha declaración responsable complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade (anexo III), das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.
3. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 14. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 de Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 15. Compatibilidade das axudas
Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.
Artigo 16. Perda das axudas
1. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos das persoas solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias
1. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
2. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Comunicarlle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse presencialmente no centro educativo onde estea matriculado o alumnado. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.
Artigo 19. Adaptación
Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
