DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 10 de xullo de 2024 Páx. 41614

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 28 de xuño de 2024 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 (DOG número 120, do 25 de xuño) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.3 da citada Lei 6/2013 dispón que «a representación dos intereses sociais no consello social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do consello social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades; un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades».

A duración do mandato dos representantes dos intereses sociais será de catro anos, renovable por unha soa vez, segundo o establecido no punto 6 do citado artigo 77.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de xuño de dous mil vinte e catro, adoptou o acordo de designar, en representación dos intereses sociais, a Jesús Navazo Ruiz, membro do Consello Social da Universidade da Coruña en substitución de Franciso Javier Abad Pardo, durante o tempo que falta para concluír o seu mandato, ao abeiro do disposto nos artigos 77.3.c) e 79.2 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Así mesmo, o Consello Social da Universidade da Coruña comunicoulle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a proposta de nomeamento de Patricia María Cons Formoso, como representante dos intereses sociais no consello social, en substitución de María Victoria Suárez Taibo, e xunta o acordo de designación do Concello de Ferrol do 27 de novembro de 2023.

As persoas designadas, en cumprimento do artigo 78 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, achegan a declaración xurada de compatibilidade na súa condición de persoa membro.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que «os acordos de designación de membros do consello social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen efectuará o seu nomeamento mediante orde da súa consellería».

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

O nomeamento de Jesús Navazo Ruiz como membro do Consello Social da Universidade da Coruña en representación dos intereses sociais, designado pola Xunta de Galicia, en substitución de Francisco Javier Abad Pardo, durante o tempo que falta para concluír o seu mandato.

Artigo 2

O nomeamento de Patricia María Cons Formoso como membro do Consello Social da Universidade da Coruña, en representación dos intereses sociais, designada polo Concello de Ferrol, en substitución de María Victoria Suárez Taibo, durante o tempo que falta para concluír o seu mandato.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional