DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 10 de xullo de 2024 Páx. 41616

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 2 de xullo de 2024 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante Resolución do 14 de xuño de 2021 fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades do Sistema universitario de Galicia.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.3 da citada Lei 6/2013 establece que «a representación dos intereses sociais no consello social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do Consello Social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades».

A duración do mandato dos representantes dos intereses sociais será de catro anos, renovable por unha soa vez, segundo o establecido no punto 6 do citado artigo 77.

O Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunicoulle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a designación de Marina Graña Bermúdez, como vogal do Consello Social, acordada polo Comité Executivo da Confederación de Empresarios de Galicia na reunión do 6 de xuño de 2024, en substitución de Nuria Pereira Martínez por fin de mandato.

A persoa designada, en cumprimento do artigo 78 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, xunta declaración xurada de compatibilidade na súa condición de persoa membro.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que «os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería».

A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a Marina Graña Bermúdez como representante da Confederación de Empresarios de Galicia no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Nuria Pereira Martínez por fin de mandato.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional