DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 12 de xullo de 2024 Páx. 42113

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2024, da Dirección Territorial de Ourense, pola que se outorga a autorización administrativa previa e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista para inxección de biometano, producido por Cooperativas Ourensanas, S.C.G., á rede de distribución existente RAA-I022.4, no concello de Ourense, promovido por Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2023/01-3).

Vista a solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista para inxección de biometano, producido por Cooperativas Ourensanas, S.C.G., á rede de distribución existente RAA-I022.4, no concello de Ourense, promovido por Nedgia, S.A., esta dirección territorial ten en conta os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro. O 18.12.2023, Nedgia, S.A. presentou, ante a Dirección Territorial da Consellería de Economía e Industria (en diante, DTCEI) de Ourense, a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista para inxección de biometano, producido por Cooperativas Ourensanas, S.C.G., á rede de distribución existente RAA-I022.4, localizada no termo municipal de Ourense, á cal se lle asignou o número de expediente IN627A 2023/01-3.

Con esta solicitude xuntouse a seguinte documentación técnica:

– Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a construción de rede gasista e a súa adaptación para inxección de biometano desde Cooperativas Ourensanas, S.C.G., á rede de distribución existente RAA-I022.4, asinado o 20.11.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COITIM).

– Declaración responsable asinada o 20.11.2023 pola técnica proxectista sobre o dito proxecto, exixida no artigo 19 do Decreto 51/2022, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 65, do 1 de abril).

– Separatas técnicas do dito proxecto para as seguintes entidades afectadas nos seus bens ou dereitos polo dito proxecto: Concello de Ourense, Telefónica de España e UFD Distribución Electricidad, S.A.

Segundo se desprende do dito proxecto, prevense as instalacións necesarias na rede de distribución para a incorporación de biometano na rede existente RAA-I022.4 de gas natural, propiedade de Nedgia, S.A. no concello de Ourense. Proxéctanse as seguintes instalacións:

– Canalización soterrada de gas natural en aceiro calidade Gr L245 ou equivalente, DN 4” e 3,6 mm de espesor de parede, de 102 m de lonxitude e en MOP 16 bar, para realizar a inxección de biometano producido na industria de Coop. Ourensanas S. Coop. Galega, na rede propiedade de Nedgia, S.A. A conexión inicial será no módulo de inxección situado na parcela de referencia catastral 3885850NG8838N, propiedade de Coop. Ourensana, S. Coop. Galega, e a conexión final na rede existente RAA- I022.4 en aceiro DN 4” MOP 16 bar fóra da parcela, en camiño público, no termo municipal de Ourense.

– Módulo de inxección situado na parcela de referencia catastral 3885850NG8838N ,pertencente á industria de Coop Ourensanas S Coop Galega, no concello de Ourense.

– Instalacións auxiliares ao longo da acometida:

• Válvula de seccionamento inicial de DN4’’.

• Válvula de acometida final de DN4’’.

Segundo. O 27.2.2024, Nedgia, S.A. presentou ante a DTCEI de Ourense a seguinte documentación complementaria:

– Separata aclaratoria do proxecto da referida infraestrutura gasista, asinado o 23.2.2024 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COITIM).

– Certificado asinado o 15.2.2024 por Nedgia sobre a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a execución do dito proxecto.

Terceiro. O 4.3.2024, a DTCEI de Ourense ditou acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución do referido expediente.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia número 76, do 17.4.2024, no Boletín Oficial da provincia de Ourense número 68, do 8.4.2024, e nos xornais La Voz de Galicia, do 12.4.2024, e La Región, do 12.4.2024. Así mesmo, estivo exposta, xunto coa documentación sometida a información pública, nas dependencias da DTCEI de Ourense, así como no portal de transparencia da Consellería de Economía e Industria.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións ao proxecto.

Cuarto. O 9.4.2024, a DTCEI de Ourense trasladou as separatas técnicas do referido proxecto de execución ao Concello de Ourense, a UFD Distribución Electricidad, S.A. e a Telefónica de España, S.A.U.

A respecto das entidades que presentaron escritos en que manifestaban a súa conformidade e/ou fixaban o seu condicionado técnico (UFD e Telefónica), a DTCEI deu traslado deles a Nedgia, S.A., que presentou a súa conformidade con estes.

A respecto das entidades que non contestaron a petición de informe nin a súa reiteración (Concello de Ourense), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Quinto. O 6.6.2024, persoal técnico da DTCEI de Ourense emitiu informe favorable, para os efectos do disposto nos artigos 81 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Consideracións legais e técnicas

Primeira. A DTCEI de Ourense é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24.4.2024), e no artigo 43 do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27.5.2024), en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; e coa Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 30.11.1999, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21.12.1999).

Segunda. O referido expediente tramitouse de acordo co procedemento establecido no título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, en cumprimento do establecido na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa á infraestrutura gasista para inxección de biometano, producido por Cooperativas Ourensanas, S.C.G., á rede de distribución existente RAA-I022.4, no concello de Ourense, promovido por Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2023/01-3).

Segundo. Aprobar o proxecto da referida infraestrutura gasista, asinado o 20.11.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COITIM), coa separata aclaratoria, asinada o 23.02.2024, pola citada enxeñeira técnica industrial.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A empresa promotora, Nedgia, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 5.685,17 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia, S.A., asinado o 20.11.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COITIM); nel figura un orzamento de 284.258,09 €.

3. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que, en xeral, sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os completan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten no ámbito estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DTCEI de Ourense.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante esta dirección territorial, que deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións que se autorizan e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 73.6 da Lei 34/1998, do 7 de outubro.

8. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura gasista, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense, de acordo co establecido no artigo 81.5 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 7 de xuño de 2024

Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense