DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 12 de xullo de 2024 Páx. 42047

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2024, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación da acta da Comisión Paritaria do IV Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia na cal se actualizan as táboas salariais para 2024.

Visto o texto da acta da Comisión Paritaria do IV Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia na cal se actualizan as táboas salariais para 2024, que se subscribiu con data do 17 de abril de 2024 entre a representación empresarial de AGEM, Escena Galega e Agatec e a representación legal dos traballadores e traballadoras das centrais sindicais CIG, UGT, CC.OO. e Tesgal, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

ANEXO

Acta da Comisión Paritaria do IV Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia

Santiago de Compostela, sendo as 11.00 horas do día 17 de abril de 2024, reúnese en modalidade presencial a Comisión Paritaria do Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia.

Parte empresarial:

Beatriz Fernández Rivera (AGEM).

Diego Vázquez Meizoso (Escena Galega).

Daniel Aragunde Castro (Agatec).

Daniel Vázquez Paz (Agatec).

Parte sindical:

Ramón Dopico (UGT).

María Teresa Pérez Pardo (CC.OO.).

Adolfo Naya Fernández (CIG).

Xabier Carnota Caneda (Tesgal).

José Ortigueira Búa (Tesgal).

O motivo da xuntanza é o de actualizar as táboas salariais do IV Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia que se relacionan, así como proceder á análise e valoración das consultas dirixidas a esta comisión paritaria.

As representacións presentes logo do oportuno debate,

ACORDAN:

Primeiro. Actualizar as táboas salariais para o exercicio 2024 segundo o IPC real do ano 2023, que quedan como segue:

Convenio de eventos-táboas salariais 2024

Grupo

Bruto anual

Bruto mensual

Hora normal

Hora extra

Hora extra nocturna

Grupo I

26.153,40

2.179,45

15,61

20,30

23,34

Grupo II

24.154,28

2.012,86

14,42

18,75

21,56

Grupo III

21.524,75

1.793,73

12,85

16,71

19,21

Grupo IV

19.545,10

1.628,76

11,67

15,17

17,44

Grupo V

18.097,33

1.508,11

10,80

14,05

16,15

Axudas de custo

Ano

Almorzo

Xantar

Cea

2024

7,40

20,34

16,64

Quebranto de moeda

Ano

Mes

Xornada

2024

103,10

41,03

Segundo. En relación coa consulta relativa á interpretación do artigo 24.d), «Interrupcións para descansos e comidas. Xornada partida. Este tipo de xornada terá unha interrupción máxima de dúas horas para almorzar ou cear», a Comisión interpreta que neste punto, cando se fala de interrupción máxima de dúas horas para almorzar, refírese ao descanso para xantar.

Terceiro. En relación coa consulta realizada por CC.OO. consonte a cal é o convenio de aplicación para os monitores de tempo libre, esta comisión entende que o convenio de aplicación é o Convenio de eventos e producións culturais de Galicia.

Cuarto. En relación coa consulta feita por AGEM:

«No lugar do aboamento da axuda de custo do convenio colectivo como concepto de axudas de custo en nómina, a empresa pode facilitarlle ao/á traballador/a unha tarxeta bancaria de empresa para realizar o pagamento de todas as axudas de custo que lle correspondan cando se atope nun municipio distinto daquel onde radica o centro de actividades do/da traballador/a e tamén daquel que constitúe o seu domicilio habitual?».

A Comisión resolve que si, a empresa pode facilitar unha tarxeta bancaria de empresa para realizar o pagamento de todas as axudas de custo que correspondan.

«Neste caso, se o/a traballador/a gasta un importe inferior (pola súa propia decisión) ao reflectido na táboa de axudas de custo do convenio colectivo, a empresa debería aboarlle a diferenza ao/á traballador/a?».

A Comisión resolve que non, a axuda de custo responde á obrigatoriedade da empresa de cubrir un custo xerado por que o/a traballador/a se atope fóra do municipio onde radica o centro de actividade e/o domicilio habitual, sen que en ningún caso poida ter a consideración de salario ou gratificación. O feito de que o/a traballador/a reciba tal diferenza sería considerado un sobresoldo.

Esta comisión interpreta tamén que a empresa poderá cubrir o custo xerado cun servizo de catering acorde coa axuda de custo xerada.

Quinta. As partes acordan delegar no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicación do presente acordo ante a autoridade laboral competente.

Non tendo máis asuntos que tratar, remata a xuntanza sendo as 13.00 horas do día sinalado no encabezamento, esténdese para o efecto a presente acta que asinan todos os asistentes en proba de conformidade.