Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a continuación se describe:
Peticionario: Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.
Domicilio social: rúa Aller Ulloa, Ramón María, 9, 27003 Lugo.
Denominación: novo CT LAT 20 kV Begonte en Baamonde.
Situación: concello de Begonte.
Características técnicas principais:
• Líña soterrada de alta tensión a 20 kV do CT proxectado en dobre circuíto, con orixe nunha arqueta proxectada sobre a liña que alimenta o CS RVE Baamonde TTE Coronel Teijeiro (expediente 60-2022-AT) e final no CT prefabricado proxectado, cunha lonxitude de 12 metros cada circuíto en condutor HEPRZ1-240mm.
• Centro de transformación prefabricado, cunha potencia máxima admisible de 630 kVA e unha potencia inicial de 630 kVA, no cal se instalan dúas celas de liña telemandadas e unha de protección, relación de transformación 20.000/400-230 V.
Finalidade da instalación: novo subministración.
Orzamento: 67.657,89 euros.
Documentación que se xunta:
– Separata para o Concello de Begonte.
– Separata para la Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Esta dirección territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 24 de xuño de 2024
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
