De conformidade co establecido na base décimo novena da Orde JUS/291/2019, do 4 de marzo (Boletín Oficial del Estado do 15 de marzo) pola que se establecen as bases comúns que rexerán os procesos selectivos para o ingreso ou acceso aos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, na base 8.1.a) da Orde JUS/1254/2022, do 7 de decembro (Boletín Oficial del Estado do 19 de decembro) pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso, polo sistema xeral de acceso libre, no corpo de xestión procesual e administrativa da Administración de xustiza, e no Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro (Boletín Oficial del Estado do 27 de decembro), polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza,
RESOLVO:
Primeiro. Facer pública, por orde alfabética de localidades, a relación de prazas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia (anexo I) que se lles ofrecen ás persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso, polo sistema xeral de acceso pola quenda libre, no corpo de xestión procesual e administrativa convocado pola Orde JUS/1254/2022, do 7 de decembro.
Segundo. As solicitudes de destino deste ámbito, dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza da Consellería da Presidencia, Xustiza e Deportes, presentaranse preferiblemente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou polos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (Boletín Oficial del Estado do 2 de outubro), no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación definitiva de persoas aprobadas no Boletín Oficial del Estado, segundo o establecido na base 8.1.a) da convocatoria do proceso selectivo, mencionada anteriormente.
Terceiro. As solicitudes formalizaranse consonte o modelo que aparece como anexo II desta resolución de acordo coas seguintes instrucións:
a) No modelo de instancia poderán relacionarse ata o máximo dos órganos xudiciais ofertados, indicando o órgano, a función, a localidade e a provincia. Coa soa petición dun órgano xudicial enténdense solicitadas todas as prazas ofertadas nel.
b) Procederase á adxudicación de destinos segundo a orde obtida pola persoa aspirante en todo o proceso selectivo e pola prioridade establecida.
c) De non formular solicitude de prazas ou non lle corresponder ningunha das relacionadas na súa instancia, por non solicitar un número suficiente de prazas, procederase a destinalo, con carácter forzoso, a calquera das prazas non adxudicadas seguindo a orde alfabética de localidades publicada no Boletín Oficial del Estado.
Cuarto. Non se poderá anular nin modificar a solicitude unha vez rematado o prazo de presentación destas.
Quinto. A adxudicación dos destinos farase con carácter forzoso consonte a orde de puntuación obtida nas probas selectivas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Sexto. Os destinos adxudicados, nas prazas que teñen a consideración de tipo de adxudicación definitiva, conforme se detalla no anexo I, terán carácter definitivo equivalente, para todos os efectos, aos obtidos por concurso, sen que poidan participar neste mentres non transcorran dous anos desde a data da resolución en que se lles adxudique destino definitivo. Para o cómputo dos dous anos, atenderase ao establecido no parágrafo segundo do artigo 529.3 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial. O destino adxudicado do resto das prazas con consideración de tipo de adxudicación provisional terá un carácter provisional, polo que as persoas ás cales se lles adxudiquen deberán participar no ámbito territorial da provincia onde radique a praza onde se adscriba de forma provisional, no primeiro concurso de traslados que se convoque.
Sétimo. Contra esta resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante a Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, ou contencioso-administrativo, ante o órgano competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza