O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal as comunidades autónomas teñen facultades de opción e tamén poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que lles sexan tradicionais.
Conforme o referido anteriormente, e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia. Por coincidir en domingo o día 12 de outubro, Festa Nacional de España, substitúese polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do oito de xullo de dous mil vinte e catro,
DISPOÑO:
Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025
De non se producir modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 serán as seguintes:
1 de xaneiro |
Aninovo |
6 de xaneiro |
Epifanía do Señor (Día de Reis) |
17 de abril |
Xoves Santo |
18 de abril |
Venres Santo |
1 de maio |
Festa do Traballo |
17 de maio |
Día das Letras Galegas |
25 de xullo |
Día Nacional de Galicia |
15 de agosto |
Asunción da Virxe |
1 de novembro |
Todos os Santos |
6 de decembro |
Día da Constitución Española |
8 de decembro |
Inmaculada Concepción |
25 de decembro |
Natividade do Señor |
As festas mencionadas terán carácter obrigatorio e non recuperable.
Artigo 2. Festas locais
Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e no artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da comunidade autónoma será determinada pola persoa titular da dirección territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. As ditas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 3. Cómputo de prazos
De acordo co que dispón o artigo 30.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.
Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Traballo e Economía Social
Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Traballo e Economía Social antes do 30 de setembro de 2024.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil vinte e cinco.
Santiago de Compostela, oito de xullo de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración