O 26 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A).
No artigo 23 da Resolución do 26 de decembro de 2023 establécese que o prazo para presentar a documentación xustificativa será o seguinte: «1. As comunidades de usuarios beneficiarias terán de prazo para presentar a correspondente xustificación ata o 15 de outubro de 2024».
O elevado número de solicitudes presentadas no procedemento e a súa revisión e análise tiveron como consecuencia que non se puidese ditar a resolución do procedemento no prazo establecido na convocatoria de subvencións, ben que moitas das actuacións subvencionadas requiren dun tempo de execución que aconsella ampliar o prazo de xustificación das actuacións.
O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste, sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación.
A ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A)
A Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A), queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 23, que queda redactado como segue:
«1. As comunidades de usuarios beneficiarias terán de prazo para presentar a correspondente xustificación ata o 31 de outubro de 2024, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024
A presidenta de Augas de Galicia
PD. (Disposición adicional primeira da Resolución do 26.12.2023;
DOG do 26 de xaneiro de 2024)
Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia
