DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 1 de agosto de 2024 Páx. 45129

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 16 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207B).

BDNS (Identif.): 777576.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que teñan, cando menos, un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da presente convocatoria. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de, polo menos, un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas no ano 2024, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, entendendo por estes o conxunto de accións e tarefas relacionadas coa fase previa ás producións, dentro do período subvencionable, de proxectos de longametraxes e series de ficción, animación ou documental.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2024.

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 300.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 código de procedemento 2010-0005 do orzamento de gastos da Axencia Galega das Industrias Culturais, repartido en dúas anualidades:

2024: 60.000 euros.

2025: 240.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais