O Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e o Decreto 136/2024, do 20 de maio, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 101, do 27 de maio), establecen que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, é o departamento encargado de xestionar as competencias que, en materia de protección civil, ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.
A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu artigo 10 que lle corresponden á Xunta de Galicia a superior coordinación e dirección da protección civil, a xestión dos servizos que se considere preciso prestar de forma unitaria para todo o territorio galego e a xestión das emerxencias que superen os medios de resposta de que dispoñen as entidades locais.
A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2 letra f), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación da cidadanía en diferentes materias tales como a protección civil, as emerxencias e a prevención de riscos.
A Unión Europea incidiu neste campo a través do programa operativo Feder 2021-2027, prioridade de investimento P2A: transición verde e obxectivo específico RSO2.4: favorecer a adaptación ao cambio climático e a prevención do risco de catástrofes, así como a resiliencia, tendo en conta os enfoques baseados nos ecosistemas, a través de melloras de infraestruturas, instalacións e equipamento destinados á prevención e xestión de riscos, tendo como obxectivo fundamental o desenvolvemento do Plan Emerxe a través dun conxunto de actuacións relacionadas coa actualización dos distintos plans de prevención e seguridade existentes, actualización da normativa de protección civil e de emerxencias, así como a mellora das infraestruturas e equipamento na cobertura transfronteiriza.
Este bloque de medidas, co reforzo dos grupos de emerxencia supramunicipais, e o fortalecemento das agrupacións de persoal voluntario de protección civil, en diante AVPC, permitirá mellorar a capacidade de prevención e reducir os tempos de resposta ante riscos e emerxencias derivados dos diferentes sinistros (incendios forestais, inundacións, etc.), para os efectos de garantir a seguridade de persoas e bens, así como a protección do ambiente. Polo tanto, estamos ante un plan de prevención e mitigación de riscos.
A implementación e execución destes plans e programas implica a necesaria realización de investimentos en equipamentos, instalacións e infraestrutura de prevención e mitigación de riscos.
A Xunta de Galicia ten a obriga de impulsar medidas de xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles co fin de continuar prestando servizos de calidade á cidadanía, optimizando os recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos.
Por outra banda, é preciso incentivar tanto a cooperación entre os concellos coma os procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.
Neste senso, o artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que nas convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da comunidade autónoma deberán primar, na forma que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula, como agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.
Pola súa banda, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens, dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros que cumpren os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1 da referida lei terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.
No exercicio destas competencias, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e equipamento dos concellos en tarefas de prevención de riscos en emerxencia e protección civil, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Estes antecedentes motivaron a adquisición de equipamento de emerxencias, con fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e posteriormente cedidos aos concellos en propiedade.
Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable ao seu obxecto.
Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2024.
O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento PR450A.
O equipamento que se cederá distribúese nas seguintes liñas de axuda:
Liña 1. 28 kits de material loxístico de seguridade viaria.
Liña 2. 28 kits de ferramentas eléctricas para a atención ás emerxencias.
Liña 3. 11 remolques para a atención ás emerxencias.
Liña 4. 21 tendas de campaña para emerxencias.
Artigo 2. Crédito
A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 60 %, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2021-2027, prioridade de investimento P2A: transición verde e obxectivo específico RSO2.4: favorecer a adaptación ao cambio climático e a prevención do risco de catástrofes, así como a resiliencia, tendo en conta os enfoques baseados nos ecosistemas; actuación 2.4.03: incrementar a resiliencia e a capacidade para a xestión de catástrofes; operación: adquisición de equipamento e construción de infraestruturas para emerxencias, con cargo á aplicación orzamentaria 05.A1.212A.623.0 e código de proxecto 2023 00001: infraestrutura e equipamento nos ámbitos de emerxencias e protección civil, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Para estes efectos tramitouse con anterioridade o correspondente expediente de contratación: AXGE.24.SU.02, procedemento aberto e tramitación ordinaria, por importe de catrocentos cincuenta e catro mil catrocentos oitenta euros (454.480,00 €), IVE incluído, para a adquisición dos equipamentos sinalados no artigo 1 desta orde.
Artigo 3. Beneficiarios
Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:
a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo; ou que presentasen oficialmente a solicitude de inscrición dunha nova AVPC, quedando neste caso condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.
b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2022 no Consello de Contas de Galicia.
c) Que non recibisen o mesmo equipamento por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ou organismos e entidades adscritas a esta con posterioridade ao 1.1.2015, destinado á prestación dos servizos de protección civil e emerxencias.
Artigo 4. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Os concellos, individualmente, mancomunados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán a solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación complementaria que se establece no artigo 6 desta norma, segundo proceda.
Cada solicitante, en función das súas necesidades, deberá pedir por orde de preferencia o equipamento das liñas, tendo en conta o dito na letra c) do artigo 3 desta orde e, de ser o caso, concederáselle o solicitado ata o límite de existencia de acordo co seguinte criterio:
Na primeira quenda de adxudicación, cada solicitante so poderá obter equipamento dunha liña entre a 1 e a 4; unha vez resolta e de seguir quedando existencias, poderían acceder ao equipamento das outras liñas, seguindo os criterios xa establecidos.
3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Artigo 5. Solicitudes
As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR450A) a esta orde, onde se aceptan e declaran os seguintes criterios:
a) Que a entidade que solicita a subvención en especie acepta as condicións e os demais requisitos exixidos nesta orde de convocatoria.
b) Que reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos non están incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
e) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.
f) Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello, mancomunidade ou agrupación de concellos están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) en que conste o número de asegurados que son persoal voluntario de protección civil. No caso de estaren incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, remitirase unha certificación ou declaración do órgano competente do concello ou mancomunidade, en que se indique o número de persoal voluntario de protección civil incluído dentro das pólizas.
b) Certificado ou declaración dos servizos de emerxencia provinciais ou das entidades locais a que se refire o artigo 10.2 desta orde.
c) Certificado do/da secretario/a da entidade solicitante da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 3.b) desta orde. No caso de agrupación de concellos, será necesario presentar un certificado por cada concello.
d) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou agrupación de concellos en que se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.
e) No caso de realizar a petición conxunta como agrupación de concellos, a certificación de cada Pleno ou Xunta de Goberno aprobatorio de tal acordo e condicións deste.
f) No caso de realizar a petición como mancomunidade ou agrupación de concellos, terán que presentar a memoria de aforros de custo e os últimos orzamentos publicados e aprobados, para os efectos da aplicación do artigo 10, punto 3.c).
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais das persoas beneficiarias para esas finalidades, así como a especificada no artigo 11, por exixencia normativa, segundo se establece no artigo 16 desta orde.
6. O defecto na solicitude ou a falla de documentos complementarios e obrigatorios seralles notificado por medios telemáticos aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que é o órgano competente para a instrución do procedemento e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións.
Transcorrido este prazo e de non producirse a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 7. Comprobación dos datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
c) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
d) NIF da entidade solicitante.
e) Consulta de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións das administracións públicas.
f) Consulta de estar ao día no pagamento coa AET para subvencións e axudas.
g) Consulta de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Instrución e Comisión de Avaliación
1. Recibidas as solicitudes, o órgano instrutor emitirá informe que, xunto coa súa correspondente documentación, se enviará á Comisión de Avaliación, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue, e formada polos titulares dos servizos de emerxencias das direccións territoriais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o xefe do Servizo de Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e, actuando como secretario/a, a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou, de ser o caso, un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, con voz e voto.
2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, co número de beneficiarios, e elaborará unha lista de reserva de cara á posible renuncia dalgún beneficiario ou á adquisición de máis material, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.
3. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen resolverá.
Artigo 10. Criterios de avaliación e repartición
A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a gradación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:
1. Número de mobilizacións da AVPC no ano 2023 e constatadas polo Centro de Atención de Emerxencias 112, sen rexeitamento, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación, riscos, operativos de protección civil e animais, ata un máximo de 20 puntos. Tomando como cifra indicativa o dobre da media do conxunto das mobilizacións das solicitudes admitidas, adxudicarase a máxima puntuación aos que estean por riba desta media e a que lle corresponda proporcionalmente ao resto.
2. Mobilizacións das AVPC, efectuadas en 2023, para prestar colaboración noutros concellos en operativos de protección civil ou emerxencias acaecidas, ata un total de 20 puntos.
Como metodoloxía tomarase o total de días en que a AVPC foi mobilizada nestes operativos de protección civil ou emerxencias acaecidas, que se multiplicará polo número total de persoal voluntario que participou neses operativos. Calculando a media das solicitudes admitidas e tomando como cifra indicativa o dobre desta media, adxudicarase a máxima puntuación aos que estean por riba desta media e a que lle corresponda proporcionalmente ao resto.
A xustificación neste criterio realizarase a través dunha certificación dos servizos de emerxencia provinciais, das mobilizacións que teña constancia, ou ben dunha declaración dos/das alcaldes/as ou concelleiros/as, ou por certificado dos secretarios/as dos concellos solicitantes da colaboración, en que se reflictan a AVPC participante, o evento, a data de celebración, o número de persoal voluntario mobilizado pola AVPC e o número de días que asistiron.
3. Pola prestación mancomunada do servizo de emerxencia e protección civil por concellos agrupados, asociados, mancomunados ou calquera outra fórmula conxunta, ata un máximo de 30 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:
a) Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión outórganse 10 puntos.
b) Polo número de concellos agrupados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos agrupados ou mancomunados e ao resto a que lle corresponda en proporción.
c) Pola presentación da memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual do servizo e a súa relación co orzamento total dos concellos que conforman a mancomunidade ou agrupación de concellos, ata 10 puntos.
Para estes efectos, a mancomunidade ou a agrupación de concellos presentará xunto coa memoria económica, onde se xustifiquen claramente os custos derivados de prestar o servizo de xeito individual e conxunto e, consecuentemente, o aforro conseguido, a certificación dos orzamentos do ano 2024 ou, no caso de non estaren aprobados, a de 2023.
Outorgaranse os 10 puntos ao solicitante co maior índice porcentual entre o aforro de custos e o total do seu orzamento, e ao resto o que lle corresponda en proporción.
d) En calquera caso, outorgarase a puntuación máxima de 30 puntos pola presentación da solicitude por parte de entidades resultantes de fusións municipais.
4. Ratio de número de persoal voluntario de protección civil asegurado acreditado a través da correspondente compañía aseguradora, por risco de accidentes, morte e responsabilidade civil, por cada mil habitantes, da entidade solicitante, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e ao resto a que lle corresponda en proporción.
A fórmula empregada será a seguinte:
a) Divídese o número de habitantes de cada concello, mancomunidade ou agrupación de concellos entre mil.
b) Divídese o número de persoal voluntario de protección civil asegurado polo resultado anterior e obtense unha ratio.
c) Adxudícase a puntuación máxima á entidade solicitante que teña a mellor ratio e o resto avalíase de xeito proporcional.
5. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 5 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto 5, risco alto 4, risco moderado 3, risco baixo 2 e risco moi baixo 1.
No caso de mancomunidades ou agrupación de concellos, a puntuación asignada será a media do conxunto das puntuacións dos concellos que forman parte da entidade e, no caso de que a cantidade resultante quede en medio de dúas puntuacións, asignaráselle a puntuación maior.
6. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1.1.2024, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e ao resto a que lle corresponda en proporción.
7. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística do ano 2023, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e ao resto a que lle corresponda en proporción.
8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia ata un máximo de 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:
• 5 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 1996 incluído.
• 4 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2001 incluído.
• 3 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2006 incluído.
• 2 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2019 incluído.
9. As AVPC inscritas nos cinco últimos anos, contando o actual, ata 10 puntos, asignados cos seguintes criterios:
• 4 puntos ás AVPC inscritas no ano 2020.
• 8 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2021 e 2022.
• 10 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2023 e 2024.
Artigo 11. Resolución, publicación e notificación
1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, tendo en conta a proposta que faga a Comisión de Valoración, e publicarase posteriormente no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da axuda en especie e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o Documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).
A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
7. Na notificación da resolución faranse constar as condicións particulares que deberá cumprir o interesado a que se lle conceda o equipamento e que se recollen no artigo 12.
8. Transcorridos cinco meses contados desde a publicación desta orde sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
9. Contra a resolución de concesión poderá interporse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día que se produza o acto presunto.
Así mesmo, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
10. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios
a) Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Serán por conta das entidades beneficiarias os gastos do imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que poida supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos e demais equipamento, calquera que sexa a súa contía.
c) Compromiso de que o equipamento sexa destinado a misións de protección civil e emerxencias. O incumprimento da obriga de destino referida será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.
e) O/a alcalde/sa do concello, presidente/a da mancomunidade ou representante da agrupación de concellos a que se lle conceda o equipamento solicitado, disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para a súa aceptación ou renuncia, tamén enviada por vía telemática. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
f) Presentar unha declaración responsable que recolla os seguintes aspectos:
– Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude, con indicación de que calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
– Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
– Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
– Manter os equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período de 5 anos, segundo o establecido no artigo 13 das bases reguladoras.
g) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular as verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).
h) Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 13. Formalización da cesión
De acordo co establecido na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b), e c) do artigo 2.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.
Para estes efectos, o material adquirido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e adxudicado aos beneficiarios desta orde está afecto ao cumprimento dunha finalidade de carácter público, polo que ten a consideración de subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e deberá constar nela o regulado no artigo 12 ao respecto.
No momento de asinar a acta de cesión, os beneficiarios deberán presentar a declaración actualizada do modelo do anexo II asinada polo representante do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos.
Debido a que os equipamentos obxecto da presente convocatoria son susceptibles de cofinanciamento con fondos europeos Feder 2021-2027, os beneficiarios teñen a responsabilidade xeral de comunicar e aumentar a visibilidade da UE. Para conseguir ese obxectivo, recoñecerán a axuda dos fondos percibidos, de conformidade co expresado nos artigos 47 e 50 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados (en diante RDC), e co disposto para este efecto no programa Galicia Feder 2021-2027.
En relación coa publicidade do cofinanciamento, o beneficiario deberá cumprir coa obriga dunha exhibición correcta e nun lugar destacado do emblema da Unión, en combinación cunha declaración sinxela relativa ao cofinanciamento, que mencione o apoio recibido da UE.
Salvo acordo en contrario coa autoridade outorgante, as actividades de comunicación dos beneficiarios relacionadas coa acción (incluídas as relacións cos medios de comunicación, conferencias, seminarios e material informativo –como folletos, carteis, presentacións, etc.–, en formato electrónico a través dos medios de comunicación tradicionais ou das redes sociais), así como calquera equipamento, vehículo, subministración ou resultado importante financiado coa subvención deberán recoñecer o apoio da UE e mostrar a bandeira europea (emblema) e a declaración de financiamento (traducida ás linguas locais, cando corresponda).
O emblema europeo, incluída a declaración de financiamento, pode descargarse, na súa versión en castelán, desde o centro de descargas da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (https://ec.europa.eu/regional_policy/en/information/logos_downloadcenter). Para a obtención da versión en galego deberán dirixirse á Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública.
De acordo co disposto no artigo 9.4 do RDC, as actuacións que se leven a cabo respectarán o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio do no significant harm-DNSH). En atención ao considerando 10 do citado RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables.
Polo tanto, todas as actuacións que se executen dentro do programa Galicia Feder 2021-2027 deben cumprir o principio de non causar un prexuízo significativo aos seguintes obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables:
1. Mitigación do cambio climático.
2. Adaptación ao cambio climático.
3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.
4. Transición cara a unha economía circular.
5. Prevención e control da contaminación.
6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.
A presente actuación avaliouse como compatible co principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente, dentro do obxectivo político OP2, prioridade P2A, obxectivo específico RSO2.4, liña de actuación 2.4.03.
Así mesmo, tamén se deben adoptar medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.
De igual xeito, e de acordo co establecido no artigo 65.1 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, os concellos, mancomunidades ou agrupacións de concellos quedarán obrigados ao mantemento dos bens cedidos un mínimo de cinco (5) anos.
Artigo 14. Reversión dos bens na comunidade autónoma
1. Se o equipamento cedido non se aplicase ao fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou da deterioración que experimentasen.
2. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva aparellada a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.
Artigo 15. Comunicación de datos á Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública
Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea, na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos.
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Disposición adicional. Mancomunidades ou agrupación de concellos
Todos os documentos descritos no articulado da presente orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade ou agrupación de concellos, serán redactados polo seu órgano competente.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase o director xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Lexislación aplicable
En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira terceira. Lexislación como fondo Feder
Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos da Unión Europea (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable recollida no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como ás normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados, así como á súa normativa de desenvolvemento e execución, e na Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
Disposición derradeira cuarta. Delegación de competencias
De conformidade co previsto na Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2018) e na disposición adicional do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, así como a subscrición das actas de cesión do equipamento adquirido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e adxudicado aos beneficiarios desta orde.
Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes