DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 2 de agosto de 2024 Páx. 45208

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 174/2024, do 29 de xullo, polo que se modifica o Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos.

A Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, na súa disposición adicional sexta autorizou a creación da Axencia Galega da Industria Forestal como axencia pública autonómica que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

O Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, creou a Axencia e aprobou os seus estatutos, establecendo a súa organización e funcionamento.

O 14 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, coa finalidade de adaptala ás necesidades que o momento aconsella, e tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa. Nesta estrutura queda integrada a Consellería de Economía e Industria.

O novo esquema organizativo concrétase no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, o cal, no seu artigo 5, estrutura a Consellería de Economía e Industria nos seus órganos superiores e de dirección e lle adscribe os entes dependentes. A súa disposición adicional sexta establece que a Axencia Galega da Industria Forestal estará adscrita a esta consellería.

Finalmente, o Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, concretou a organización da Consellería ata o nivel de servizo e, ademais, dispuxo normas relativas aos cambios resultantes da nova estrutura da Xunta e das consellerías. Entre estas normas están a disposición adicional décima, relativa á adscrición da Axencia e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, e a disposición derradeira primeira, que contén a modificación do devandito Decreto 81/2017, do 3 de agosto.

Neste contexto de cambio e co fin de que resulte máis eficiente o impulso das políticas necesarias en materia sectorial, cómpre realizar modificacións puntuais na estrutura da Axencia. En particular, coa actual configuración da Área de Innovación Forestal, que asume a xestión de CIS-Madeira e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, requírese a inclusión destes dous centros na estrutura con nivel de servizo e a concreción dos servizos ofrecidos polo CIS-Madeira.

Na súa virtude e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Economía e Industria, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de xullo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos

Engádense os puntos dous e tres ao artigo 21 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Área de Innovación Forestal

1. A esta área correspóndelle o impulso e establecemento de mecanismos de colaboración con centros de investigación públicos nas diferentes materias que o sector da industria forestal traslade á Administración por consideralos do seu interese. Exercerá as seguintes funcións:

a) O impulso á investigación e a coordinación e a cooperación dos distintos centros de investigación e innovación tecnolóxica vinculados ou adscritos á Axencia.

b) A coordinación da transferencia de coñecemento e tecnoloxía nos diferentes proxectos da investigación forestal entre os diferentes axentes vinculados á industria forestal (administracións, universidades, asociacións, fundacións e empresas e plataformas forestais).

c) Accións específicas en materia de impulso no aproveitamento sustentable, activo e resiliente, e posterior valorización dos recursos forestais e de produtos baseados na madeira, en particular na procura de novos usos que outorguen un maior valor engadido, así como daqueles proxectos que poñan de relevo a circularidade, en especial aqueles que afonden no principio de uso en cadea da madeira e daqueles que afonden na bioeconomía.

d) A prestación de asistencia e asesoramento a entidades e empresas do sector forestal e baseadas na madeira para o desenvolvemento de proxectos innovadores.

e) O desenvolvemento de programas de apoio á diversificación da actividade económica forestal no medio rural.

f) O impulso á internacionalización do sector forestal de Galicia, así como na participación en proxectos internacionais, como eixe clave na mellora da comercialización e diversificación dos produtos forestais.

g) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

2. Adscríbense á Axencia Galega da Industria Forestal, baixo a dependencia orgánica e funcional da Área de Innovación Forestal, e con nivel de servizo, os seguintes centros:

a) O Centro de Innovación e Servizo Tecnolóxico da Madeira, CIS-Madeira.

b) O Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

3. O Centro de Innovación e Servizo Tecnolóxico da Madeira, CIS-Madeira, exerce todas as funcións que lle sexan encomendadas en materia de especialización tecnolóxica, con especial foco nas pequenas e medianas empresas (pemes). Entre outros, ofrece os seguintes servizos:

a) Servizos especializados a empresas da industria forestal-madeira: a asistencia técnica, a mellora de procesos, o desenvolvemento de software tecnolóxico e industrial, o control de calidade e ensaios de materiais e produtos, entre outros, e a participación en proxectos en colaboración con empresas e outras entidades vinculadas á cadea monte-industria, como partners tecnolóxicos.

b) Transferencia de tecnoloxía e coñecemento nos seus ámbitos de especialización.

c) Asistencia e formación tecnolóxica especializada en materia de produtos baseados na madeira.

d) Difusión da cultura do coñecemento e tecnolóxica no ámbito das súas funcións».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil vinte e catro.

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria