BDNS (Identif.): 778548.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2023/24, nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música ou de Danza, ou cunha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.
Segundo. Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño para o alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2023/24, nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 24 de xullo de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2023/24 (código de procedemento ED311F).
Cuarto. Importe
A dotación total é de 6.000 euros e non poderá exceder os 1.000 euros por premio.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de setembro de 2024.
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
