DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 5 de agosto de 2024 Páx. 45460

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 8 de xullo de 2024, da Xerencia Municipal de Urbanismo, de cambio de uso da parcela destinada a equipamento público sita na praza do Berbés (Ribeira do Berbés, 35) (expediente 20285/411).

O Pleno do Concello de Vigo, na sesión ordinaria do 24 de xuño de 2024, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar, ao abeiro do disposto no artigo 42.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e en similares termos co previsto no artigo 65.7 do seu Regulamento (Real decreto 143/2016, do 22 de setembro), e con base nos feitos e a fundamentación xurídica exposta, a modificación do uso da parcela municipal sita na praza do Berbés, -pista deportiva e a súa contorna- dunha superficie de 390,41 m2, de equipamento público D.-Deportivo, para incrementar as zonas verdes e espazos libres públicos.

Segundo. Dispor a publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia, ao abeiro do disposto nos artigos 82.2 da Lei do solo de Galicia e 199.2 do seu regulamento.

Terceiro. Remitir o presente acordo, xunto cunha copia do expediente electrónico, debidamente foliado, autenticado e dilixenciado (artigo 26 da LPACAP en relación co artigo 70 do dito corpo legal) á Dirección Xeral da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, consonte co previsto nos artigos 88 da LSG e 209.2.b) do RLSG. No anuncio de aprobación, referido no punto dispositivo segundo do presente acordo, farase constar a dita remisión.

Cuarto. Dar traslado do presente acordo aos departamentos municipais, con competencias na materia que resulten afectados.

Quinto. Perante o presente acordo poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto no artigo 46.1 da LRXCA, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen prexuízo do exercicio doutras accións legais que se xulguen convenientes.

Con data do 5 de xullo de 2024 foi presentado, na sede electrónica da Xunta de Galicia, o expediente electrónico (código de procedemento PR004A), para a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

Vigo, 8 de xullo de 2024

O alcalde
P.D. (Resolución do 4.7.2023)
María José Caride Estévez
Concelleira delegada da Área de Goberno de
Urbanismo e Vivenda