DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 5 de agosto de 2024 Páx. 45458

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 4 de xullo de 2024, da Xerencia Municipal de Urbanismo, de aprobación definitiva do Plan especial de reforma interior do SU UA3 Montana (expediente 15903/411).

O Pleno do Concello de Vigo, en sesión ordinaria do día 24 de xuño de 2024, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Estimar parcialmente a alegación presentada o 29.7.2022, (doc. núm. 220189090) e desestimar integramente a alegación achegada o 11.7.2022 (doc. núm. 220173451) con base e de conformidade co disposto no corpo do presente informe.

Segundo. Prestar aprobación definitiva ao Plan especial de reforma Interior da UA3 Montana, Alcabre, instrumento urbanístico de iniciativa privada promovido por Arqura Homes, Fondos de Activos Bancarios, redactado por un equipo multidisciplinar conformado por Pereiro Arquitectos, S.L.P., Galaincontrol, S.L., Topag, S.L., e Noso Cooperativa, conformado pola documentación técnica presentada no rexistro electrónico desta Xerencia Municipal de Urbanismo con data do 25.9.2023, doc. núm. 230300435 e código de solicitude W973870-504, actualizada e refundida, que substitúe e anula a anteriormente remitida.

Terceiro. Ordenar a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (o informe ambiental estratéxico foi publicado no Diario Oficial de Galicia número 243, do 21 de decembro de 2018) e, posteriormente, remitir un exemplar do instrumento definitivamente aprobado en soporte dixital e debidamente dilixenciado, á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia. Recibido o certificado de inscrición, publicarase a normativa no Boletín Oficial de Pontevedra, de conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 199 do Regulamento da Lei do solo de Galicia (Real decreto 143/2016).

Cuarto. O contido íntegro do instrumento definitivamente aprobado estará dispoñible no seguinte enderezo electrónico https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal#/ na epígrafe de Planeamento de Desenvolvemento en tramitación, e no Portal de transparencia.

Quinto. Remitir un exemplar da documentación aprobada definitivamente, debidamente dilixenciada, aos correspondentes organismos da Administración estatal e autonómica, con competencias sectoriais na materia, en atención ás consideracións e/ou observacións realizadas nos nomeados informes sectoriais emitidos e que obran incorporados ao expediente de razón.

Sexto. Notificar individualmente o presente acordo na forma prevista no artigo 184.4 in fine do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Sétimo. Ante o presente acordo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses, a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co artigo 46.1 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen prexuízo do exercicio doutras accións legais que se estimen convenientes.»

Para os efectos de dar cumprimento ao punto terceiro da parte dispositiva deste acordo, a documentación íntegra aprobada definitivamente, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal na epígrafe de Planeamento de Desenvolvemento Aprobado (modifícase a epígrafe con respecto ao indicado no acordo adoptado, por entender que esta nova localización resultará moito máis intuitiva para os cidadáns que queiran consultar este tipo de proxectos).

Ante a eventualidade de que puidersen existir interesados descoñecidos neste procedemento, se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, a publicación do presente anuncio servirá de notificación co alcance e finalidade previsto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo da perceptiva publicación no Boletín Oficial del Estado.

Vigo, 4 de xullo de 2024

O alcalde
P.D. (Resolución do 4.7.2023)
María José Caride Estévez
Concelleira delegada da Área de Goberno de Urbanismo e Vivenda